
Cisterna con sistema de prato invertido para a aplicación do xurro nunha explotación leiteira de Mazaricos
Coa campaña de ensilado do millo avanzando en toda Galicia, son xa moitas as explotacións que comezaron a sacar o xurro das fosas de purín para botalo nas terras onde, levantado o millo, en canto asente o tempo, van labrar as pradeiras.
Malia o incremento na adquisición de cisternas con tubos colgantes (o ano pasado mercáronse 116 unidades en Galicia, das 400 vendidas no conxunto do Estado), a meirande parte das granxas seguen contando cos sistemas convencionais de prato ou abano para botar o purín, algo prohibido en todo o territorio español desde o pasado 1 de xaneiro para fincas chas con menos do 10% de pendente e menos de 2 hectáreas de superficie.
Boa parte das granxas galegas están a botar o xurro de maneira ilegal pola inacción da Xunta
Cunha norma con rango de lei aprobada que prohibe este tipo de prácticas, tanto os Axentes Medioambientais da Xunta de Galicia como o Seprona da Guardia Civil terían capacidade para sancionar ás explotacións, aínda que non trascendeu até o de agora ningún tipo de expediente aberto na comunidade por estes feitos.
A vixilancia e control sobre o cumprimento do Real Decreto estatal corresponde á Xunta, ao estaren transferidas as competencias en materia agraria e medioambiental ás comunidades autónomas, das que tamén depende a aplicación da PAC, que fixa na súa condicionalidade para o cobro das axudas, o cumprimento por parte das explotacións dun corpo normativo que inclúe a lexislación sobre aplicación de puríns e plans de abonado.
O Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas forma parte do corpo normativo da nova PAC e o seu incumprimento pode acarrear penalizacións nas axudas
A normativa estatal, aprobada vai xa para dous anos, recolle unicamente determinadas excepcións para poder seguir empregando as cisternas convencionais (fincas con máis do 10% de pendente media, explotacións con menos de 2 hectáreas de base territorial ou con máis do 50% da superficie con pendente superior ao 10%). No resto dos casos sería obrigatorio botar o xurro con tubos colgantes ou mediante sistemas de inxectores.
Flexibilización do Real Decreto
Tralas protestas de agricultores e gandeiros de comezos deste ano, o Ministerio aceptou flexibilizar parte da normativa de abonado xa aprobada. Entre outras cuestións, anunciou que nos recintos de menos de 2 hectáreas de superficie poderán seguir empregándose os sistemas de prato ou abano para botar o xurro, igual que nas de máis de 2 ha que teñan unha pendente media superior ao 10%. Cando o purín se bote nas terras de cultivo, terá que ser enterrado nas 24 horas posteriores á súa aplicación, o dobre do prazo inicial fixado. Os plans de abonado, previstos xa para este ano, retrásanse até setembro de 2025 e aobrigatoriedade de contar cun asesor de fertilización (ou ferramenta informática de cálculo de necesidades de nutrintes nas parcelas válida oficialmente) a setembro de 2026. As anotacións (de fertilización ou aplicación de tratamentos fitosanitarios) no Caderno Dixital, previstas inicialmente para o mes de setembro deste ano, serán voluntarias e as explotacións de menos de 10 ha de superficie estarán exentas de cumprir a condicionalidade reforzada da PAC.
A aplicación de xurros segue nunha especie de limbo legal; a normativa está aprobada pero non se cumpre
A finais de agosto aprobouse por parte do Ministerio unha modificación do Real Decreto en determinados aspectos, como os prazos para o enterrado do purín e o esterco nas terras (que pasa de 12 a 24 horas) ou o apilado do esterco las leiras (que pasa de 5 a 10 días), pero non se produciron cambios a respecto dos métodos de aplicación permitidos e a prerrogativa ás comunidades autónomas a autorizaren sistemas alternativos.
A excepcionalidade galega, nas mans da Xunta
O anterior conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou antes do seu relevo a súa intención de autorizar o prato invertido como sistema alternativo válido en Galicia aos inxectores e tubos colgantes, apoiándose nos traballos realizados polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) que cuantifican a redución de emisións de amoníaco que se produce fronte ao uso do prato convencional, aproveitando deste xeito a porta aberta do Ministerio a que as comunidades regulen excepcións dentro do seu territorio, en base ás características edafoclimáticas, que se adapten mellor á estrutura territorial e ao modelo produtivo.
Os gandeiros segen sen respaldo legal para botar o xurro coas cisternas convencionais en fincas chas de máis de 2 hectáreas
Pero a actual conselleira, María José Gómez, prefire desentenderse do problema e non facer uso desta potestade normativa. “Iso é cousa do Ministerio”, dixo esta semana nun acto en Lugo, preguntada por se houbo avances na anunciada autorización do prato invertido que eviten que os gandeiros sigan botando de maneira ilegal o xurro nas súas fincas este outono, igual que xa o fixeron para a campaña de ensilado da herba e a sementeira do millo na primavera.
A día de hoxe autorización do sistema de prato invertido por parte da Xunta segue sen ser unha realidade
As granxas arríscanse a multas e sancións e algunhas delas investiron en maquinaria nova. O prezo varía segundo a capacidade da cuba e a lonxitude dos inxectores. Unha cisterna de 16.000 litros con inxector de 10 metros ronda os 100.000 euros, pero as de maior tamaño (cisterna de 20.000 litros e 15 metros de inxectores) sitúanse entre os 170.000 e os 230.000 euros. Necesitaríanse tractores de entre 250 e 280 caballos para mover eses equipos, polo que o investimento total pode incrementarse notablemente.
Que foi das plantas de tratamento de xurros?
A actual conselleira, ao igual que botou balóns fóra sobre a posibilidade de autorizar o prato invertido para botar o purín na comunidade, tamén se desentendeu do proxecto para creación dunha rede de plantas de biogás que traten os excedentes de xurros gandeiros que se poidan producir en determinadas comarcas galegas.
“Son proxectos de iniciativa privada e é un tema industrial; non son proxectos da Consellería do Medio Rural”, afirmou categórica María José Gómez, malia que o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou persoalmente no Parlamento no ano 2022 o “apoio total” da Xunta a este proxecto impulsado por Reganosa, Naturgy e Repsol e no que participaría economicamente a Administración galega a través do consorcio público-privado Impulsa Galicia.
Son proxectos de iniciativa privada. É un tema industrial; non son proxectos da Consellería do Medio Rural (María José Gómez)
A Consellería do Medio Rural proxectara inicialmente catro plantas de tratamento, nas principais comarcas gandeiras de cada provincia (A Limia, O Deza, Mazaricos e A Pastoriza). Posteriormente a Xunta presentou o proxecto dunha gran macroplanta en Cerceda, que sería a primeira desta rede de plantas de biometano.
O proxecto suporía un investimento 146 millóns de euros, condicionado unha vez máis, igual que no caso de Altri, á chegada de fondos europeos a través dos PERTE postos en marcha polo Goberno central.
A proposta da Xunta é crear unha especie de Sogama do purín (Sogama está participada nun 51% pola Xunta de Galicia e un 49% por Unión Fenosa, agora Naturgy). Ao igual que funciona o sistema de recollida e incineración de residuos sólidos urbanos, no caso do xurro habería tamén unha rede de plantas de transferencia supramunicipais para o traslado posterior da fracción sólida do purín a 5 grandes complexos de dixestión anaerobia onde se produciría biometano a partir del, segundo detallou a finais do ano 2022 no Parlamento o director xeral de Gandería, José Balseiros, que segue no cargo e a semana pasada acompañaba a María José Gómez na visita a Leite Río, onde fixo estas afirmacións mostrando distancia (sexa por descoñecemento ou intencionadamente) cos anuncios realizados no anterior mandato.