O Sistema Español de Certificación Forestal (SECF), coordinado por PEFC España desde 1999, foi recentemente revisado para adaptarse aos novos requisitos normativos establecidos por PEFC Internacional, así como á experiencia acumulada durante a súa aplicación ao longo dos anos.
Esta nova versión do sistema introduce cambios significativos na súa configuración documental, nos procedementos específicos de PEFC España e na revisión da Norma UNE 162.002 de Xestión Forestal Sostible, elaborada polo Comité Técnico de Normalización CTN162 da UNE e prevista a súa publicación oficial no BOE para o presente mes de maio.
Neste contexto, PEFC Galicia organiza un seminario técnico presencial, dirixido principalmente a entidades certificadas, consultorías, enxeñeiros e enxeñeiras forestais e de montes, responsables de sistemas de xestión, estudantes e demais axentes do sector forestal galego. O obxectivo é ofrecer unha formación actualizada sobre os principais cambios normativos e procedementais que afectarán á certificación da Xestión Forestal Sostible.
O encontro celebrarase o 3 de xuño en Santiago de Compostela, e contará coa participación de Ana Belén Noriega, CEO de PEFC España; Marta Salvador, Directora Técnica; María Pérez, responsable da Área de Integridade do Sistema e Manuel Marín, responsable da Área de Xestión Forestal Sostible de PEFC España. O acto de apertura e presentación correrá a cargo de Enrique Valero, Presidente de PEFC Galicia.
A celebración deste seminario resulta clave para garantir a correcta adaptación ao novo marco normativo, contribuíndo á continuidade da certificación e á subministración de materia prima certificada ás industrias transformadoras e comercializadoras.
En Galicia máis de 61.700 propietarios e xestores forestais apostan pola certificación PEFC
PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification) é o sistema de certificación forestal máis implantado no mundo, promovendo unha xestión forestal sostible que garante o equilibrio entre os valores ambientais, sociais e económicos dos montes. En Galicia, máis de 61.700 propietarios e xestores forestais, apostan pola certificación PEFC, o que representa máis do 80 % do total de propietarios certificados en todo o Estado. A superficie certificada supera as 495.000 hectáreas, situando a Galicia nun referente no ámbito da xestión forestal sostible e na contribución activa á sustentabilidade do territorio.
Esta actividade está cofinanciada por XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.