Seminario internacional sobre a PAC este venres e sábado en Santiago

Está organizado polo SLG e contará con especialistas procedentes de Francia, Bélxica, Portugal, Galicia, Castela e León, Euskadi, Cataluña, Madrid e Andalucía

Publicidade
Data inicio: 02/07/2021
Data fin: 03/07/2021
Lugar: Museo do Pobo Galego, Costa de San Domingos, Santiago de Compostela, España

Vista das fincas que rodean a explotación

O Sindicato Labrego Galego organiza esta semana en Santiago de Compostela un seminario internacional para analizar o impacto da PAC sobre o sistema agrogandeiro. Baixo o título Máis labregas = Mellores alimentos. Como a PAC deseña as nosas producións, paisaxes e alimentos, este encontro, que se celebrará os días 2 e 3 de xullo no Museo do Pobo Galego, reunirá a expertos de Francia, Bélxica, Portugal e de distintas comunidades do estado español. 

“Conscientes da transcendencia que ten a actual etapa de cara a deseñar a nova Política Agraria Común (PAC) que rexerá a agricultura dos países da UE até 2027, a intención do seminario é analizar o impacto que leva anos tendo a PAC no noso sistema agrario e alimentario e tentar fixar as claves de cales son as mudanzas necesarias para que beneficie, realmente, o acceso a alimentos sans e de calidade a toda a cidadanía respectando a dignidade e importancia dos labregos e das labregas”, explica Ana Rodríguez, coordinadora do seminario e técnica especialista do SLG sobre a PAC.

A actual PAC marxina a Galiza, destrúe miles de postos de traballo cada ano no agro e favorece a desertización do rural

“Precisamente, dende o SLG levamos meses analizando aspectos concretos de como a actual PAC marxina a Galiza, destrúe miles de postos de traballo cada ano no agro, favorece a desertización do rural e fai predominar un sistema alimentario moi lonxe de acadar os estándares mínimos de calidade e protección da saúde das persoas”, engade.

Expertos de distinta procedencia

Para afondar nesta análise e articular alternativas concretas, as xornadas contarán con especialistas de diversos países da UE como Gérard Choplin (Bélxica), Pierre Maison (Confédération Paysanne, Francia), Andoni García (EHNE, Euskadi), Celsa Peiteado (WWF, Madrid), Ester Comas (Justicia Alimentaria, Cataluña), Marta Soler (Universidade de Sevilla, Andalucía), Isabel Álvarez Vispo (vicepresidenta de Urgenci), Belén Verdugo (Castela e León) ou Vítor Fernandes (CNA, Portugal).

De Galicia tamén haberá unha ampla representación do ámbito académico (Alba Díaz Geada, Emilio Carral Vilariño ou Juan Castro Insua) e labrego (Lidia Senra, Isabel Vilalba Seivane, Ana Rodríguez, Dora Cabaleiro ou María Ferreiro).

Distintos aspectos da Política Agraria Común, xunto coas súas alternativas, serán analizados e debatidos neste seminario europeo no que, para participar, é preciso anotarse a través deste enlace dado que o número de prazas é limitado debido aos protocolos sanitarios esixidos pola Covid-19. Para obter máis información: pódese escribir un email a derural@sindicatolabrego.gal ou chamar por teléfono ao 981554147

Maquetación 1

“A actual PAC está a fracasar e a nova reforma vai perpetuar os mesmos erros”

Dende o SLG insisten en que a PAC non está a servir para garantir prezos xustos e rendas dignas. “Temos que pensar nunha PAC que poña no centro políticas públicas de regulación da produción e de reequilibrio da cadea de valor, impedindo os abusos da industria e da gran distribución alimentaria. A actual PAC está a fracasar e a nova reforma vai perpetuar os mesmos erros”, alertan. 

Galicia ten un dos importes medios máis baixos por beneficiario/a nas axudas da PAC: 2.590,10€ fronte aos 3.959,45€ da media española

A maiores, din, a actual PAC marxina a Galicia, xa que o actual sistema de axudas está baseado no pagamento por hectárea. “Galicia é un dos territorios con menor superficie agraria útil de Europa (20,8% fronte ao 47,7% da media española; a media europea supera con creces o 40%), debido a décadas de forestación ilegal de terras agrarias fomentada pola Xunta. Por iso, nun pago por hectárea Galicia sempre perderá. Os feitos así o proban: Galicia ten un dos importes medios máis baixos por beneficiario/a nas axudas da PAC (2.590,10€ de importe medio por persoa beneficiaria na Galicia; 3.959,45 € de importe medio por persoa beneficiaria en España), detalla Ana Rodríguez.

Preme aquí para descargar o programa completo das xornadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información