Sementeira do millo 2016: uns 15 días de atraso e con ciclos máis curtos

As precipitacións das últimas semanas obrigan a boa parte dos gandeiros a atrasar a sementeira do millo forraxeiro entre 15 e 20 días e a utilizar ciclos máis curtos. Facemos un repaso polas principais comarcas gandeiras

Sementeira do millo 2016: uns 15 días de atraso e con ciclos máis curtos

O millo forraxeiro, o principal cultivo das explotacións de vacún de leite de Galicia, sementarase este ano cun atraso considerable debido ás intensas e inusuais precipitacións das últimas semanas. Hai explotacións que aínda non puideron iniciar a sementeira, cando nun ano normal a estas alturas xa tiñan sementado máis da metade da superficie.

O bo tempo que se prevé para os vindeiros días dará o pistoletazo de saída a unhas semanas de frenética actividade no agro de aquí a comezos de xuño.

A Mariña e A Terra Chá:

Santiago Sousa Lema é director da área de Cultivos e Mecanización Agraria da Cooperativa Os Irmandiños, que agrupa a explotacións tanto da Mariña como da Terra Chá. Asegura que “este ano a sementeira de millo vai cun atraso dunha media de 15 días”.

“Sementamos unhas 800 hectáreas de millo forraxeiro e se nun ano normal a estas alturas xa tiñamos plantadas unhas 250 hectáreas, este ano non levamos nin 20 hectáreas sementadas”, recoñece.

En canto a cambiar a ciclos máis curtos, o director da área de Cultivos e Mecanización dos Irmandiños afirma que “non imos reducir demasiado os ciclos para intentar manter o nivel de produción”. Deste xeito, nas parcelas situadas na costa utilizarán ciclos de millo de entre 350 e 400, mentres que nos concellos da Terra Chá como Vilalba, A Pastoriza ou Xermade irán a ciclos de entre 200 e 250.

Entre finais de maio e a primeira semana de xuño agardan poder ter rematada a sementeira de millo forraxeiro, un cultivo que, segundo Santiago Sousa, este ano baixará arredor dun 5%, sobre todo naquelas parcelas máis afectadas polos ataques do xabarín nas que pasarán a sementar xirasol como cultivo alternativo.

Eume-Ortegal:

Juan Freire Quintáns, asesor técnico da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, prevé que “este ano na nosa explotación de Miño o millo vai levar un atraso de entre 20 e 25 días, co que o rendemento do millo calculo que se pode ver reducido entre 5 e 6.000 kilos de materia húmida por hectárea, aínda que -matiza- depende de como veña o tempo nos vindeiros meses”.

O atraso na sementeira fará que opten por cambiar do millo do 500/600 que solen plantar nun ano normal, a un de ciclo máis reducido, un 400.

Xallas:

A Cooperativa Cuma Xallas-Barcala é unha das poucas excepcións no atraso xeneralizado da sementeira. O seu xerente, Adrián Cundíns, asegura que “das 750 hectáreas de millo forraxeiro que plantamos, só nos quedan unhas 170 hectáreas por plantar, sobre todo en fincas con pendente, nas que facemos un segundo corte de herba ou nas terras máis húmidas, nas que temos que agardar a que sequen algo”.

Nas fincas que plantaron utilizaron un ciclo 400, xa que se trata dunha comarca preto da costa. En canto ao seu estado, o xerente desta Cuma informa de que “xa está nado, aínda que con algo de atraso polo exceso de humidade e esperamos que aguante”.

En canto ás parcelas que están pendentes de sementar, Adrián Cundíns asegura que irán a ciclos máis curtos, de 250, e prevé que a sementeira a realicen na segunda quincena de maio.

No resto da comarca, o xerente da Cuma Xallas-Barcala resume a situación deste xeito: “As ganderías que teñen terras que só dedican a millo xa as teñen case todas plantadas; nas que rotan con herba e só fixeron un corte, arredor do 80% delas xa as araron e sementaron o millo, pero nas fincas nas que fan un segundo corte de herba antes da sementeira, moi poucas están plantadas”.

Lugo Centro:

Silvia Cendán Bello, técnica de Campo de Agris, recoñece que na comarca na que está implantada a cooperativa (Palas de Rei, Friol, Guntín…etc) a sementeira do millo tamén vai con bastante atraso. “En 2015 a estas alturas xa tiñamos o 50% da superficie plantada, pero esta ano non chegamos nin ao 5%”, asegura. O normal nesta zona é comezar a sementeira polo 5 de maio pero este ano irán á segunda quincena do mes e á primeira de xuño, xa que hai parcelas que aínda están enchoupadas.

“En canto aos ciclos, estamos nunha comarca máis fría, polo que mesmo nun ano normal imos a ciclos curtos, de non máis de 250, pero este ano teremos que baixar un pouco, a 200 ou 220”, explica a técnica de Campo de Agris. E é que, segundo subliña, “nesta zona temos como data límite para a colleita o 5 de outubro, pois a partir de aí hai riscos de xeadas, que poderían estragar o millo para o ensilado”.

Deza:

“No Deza levamos tamén uns 15 días de atraso na sementeira”, asegura Silvia Martínez Buján, responsable do Servizo de Asesoramenteo Agrario de Cobideza.

“O normal é que empecemos a finais de abril, principio de maio, pero este ano ata finais desta semana non iniciaremos a sementeira, e con ciclos máis curtos, pasando do 300 ao 250”, explica a técnica da cooperativa.

Por último, Silvia Martínez Buján estima que este ano sementarase no Deza sobre un 10% menos de millo forraxeiro. “Inflúen varios factores -explica-: nas fincas con pendente ao gandeiro compénsalle cobrar a subvención agroambiental e non sementar millo; tamén debido a que o ano pasado houbo unha mala colleita de millo e hai explotacións que consideran que lles compensa máis cultivar herba e mercar a fariña de millo, e por último a que está entrando con forza o xirasol, un cultivo máis apto para terras con algo de seca no verán e que, ao sementarse a comezos de xuño, permite aproveitar máis cortes de herba”.

Cal é a mellor variedade de millo forraxeiro en 2016?

Consulta  a actualización para o ano 2016 dos ensaios sobre o valor agronómico das variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia que realizou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información