A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Sementares e Patatas Meléndez colaboran para recuperar a produción de pataca de semente en Galicia

O traballo que realiza Sementares coa selección e cultivo de sementes compaxínase coa capacidade de almacenaxe, envasado e comercialización de Meléndez. A colaboración vaise plasmar no proxecto x Origen que promove a empresa vallisoletana. A materia prima fórmana sementes certificadas de pataca en Galicia.

Publicidade

Este ano recolleron máis de 500 toneladas de pataca kenebec

O proxecto x Origen, impulsado por Patatas Meléndez —unha empresa con sede en Medina del Campo (Valladolid), que leva anos asentándose en Galicia—, quere “impulsar a excelencia, a innovación e a sustentabilidade no sector da pataca”. O obxectivo da iniciativa é estreitar lazos entre produtores e industria, fomentando a formación e profesionalización e aliñando os fins de ambos. En x Origen participan produtores considerados “de elite” das zonas pataqueiras de España, Portugal e Francia.

Sementares é unha empresa galega con sede social na Coruña e que dispón de instalacións en Brión e en Xinzo de Limia. Dende o 2021 colabora co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e co banco de xermoplasma dese organismo. Nestes catro anos conseguiron recuperar e modernizar o cultivo de todo tipo de hortalizas, verduras e cereais considerados tradicionais de Galicia.

A cebada da Limia, o millo negro de Oubiña ou a col couve de Ourense son algúns dos vexetais máis destacados que volveron levar á terra. Agora, o acordo con Meléndez para a subministración de semente de pataca permitirá sacar ao mercado variedades coas que a empresa valisoletana non estaba a traballar.

Unha das achegas de Sementares nesta colaboración é o seu laboratorio, que garante a sanidade, pureza e identidade varietal das súas sementes, e cun control total sobre a trazabilidade. Como eles din, queren poñer en valor o cultivo de variedades locais de maior rusticidade e máis adaptadas ao medio. Cómpre lembrar que Sementares é a única empresa galega de produtores e mantedores, e, polo tanto, conta coa máxima categoría como Viveiro Produtor de Sementes.

Plantación de pataca da variedade Agria en Chantada

Plantación de pataca da variedade Agria en Chantada

Meléndez conta con instalacións en Galicia coa capacidade de garantir o almacenamento nas mellores condicións das patacas para semente, así como o seu correcto envasado e unha canle de comercialización xa plenamente asentada.

En Meléndez levan anos apostando polo desenvolvemento das economías locais e polas producións sustentables e respectuosas co medio ambiente. Por iso, optaron por variedades locais de alta rusticidade e adaptabilidade. Son cultivos menos dependentes de achegas agroquímicas. E é que, como defenden en Sementares, “a conservación da diversidade xenética vexetal é fundamental tamén para afrontar os riscos do cambio climático, algo clave para garantir a seguridade alimentaria.”

Recuperar os aromas e sabores presentes nas variedades antigas e participar en proxectos de conservación, selección e mellora das mesmas, sen condicionar os seus atributos e calidades organolépticas, son outros obxectivos de Sementares.

Pola súa banda, dende Patatas Meléndez sinalan que o proxecto x Origen nace do compromiso cos profesionais do campo e co seu produto, sabendo que a mellor pataca faise no campo. Así, facilitarán formación e asesoramento ao longo de todo o ciclo de cultivo e intercambio de experiencias a través de distintas accións durante o ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *