Selección da abella negra ibérica, a importancia da raza local

Un dos maiores apicultores de Galicia, Benigno Basteiro, decantouse pola selección e mellora xenética da abella negra ibérica tras experimentar con razas e procedencias de todo o mundo. Explicámosvos o seu proceso de traballo, que contou nas xornadas da Feira Apícola Rías Baixas

Selección da abella negra ibérica, a importancia da raza local

Un dos colmeares de Benigno Basteiro.

Benigno Basteiro, un apicultor de Viana do Bolo (Ourense), é un caso singular en Galicia. É un dos maiores produtores, con máis de dúas mil colmeas, e desde os seus inicios preocupouse por formarse e intercambiar experiencias con apicultores doutros países e do resto de España. Estivo visitando e traballando en colmeares de sitios tan distantes como México, Arxentina, Hungría, Turquía ou Eslovenia. A súa ilusión por mellorar levouno a probar nas súas colmeas razas e procedencias de abellas de tódolos lugares que visitaba. Con esas probas, as expectativas que tiña eran grandes, aínda que os resultados non o foron tanto.

“Toda abella que coñecín tiña cualidades mellores e peores que as miñas” -valora Benigno-. “Cando vas visitar outros lugares, atópaste con bos profesionais que fan un bo manexo, e normalmente en zonas con campos con moita flor. Entón paréceche que esas abellas son mellores que as túas e por iso eu, de cada país que visitaba, sempre levaba dúas raiñas”, conta Benigno, que esta fin de semana interviu como ponente na xornada técnica da Feira Apícola Rías Baixas.

“A abella local é a máis adaptada a traballar coas nosas flores, o noso clima e o manexo que facemos aquí”

“Dalgunhas abellas tiña grandes ilusións, como das abellas de Hungría, que estaban acostumadas a soportar moitos graos baixo cero durante o inverno, polo que pensei que se adaptarían ben á zona de montaña de Viana do Bolo. O problema foi que non me subían ningunha alza, xa que era unha abella que non estaba adaptada a traballar na nosa zona”, explica. “Despois de probar moitas procedencias e varias razas, todas elas abellas que viñan seleccionadas, cheguei á conclusión de que ningunha superaba ás miñas. Por tanto, o que decidín foi seleccionar a nosa propia abella, que era a máis adaptada a traballar na nosa zona, coas nosas flores e o noso clima”.

Coas abellas que traía de fóra para probar, Benigno sempre tomara precaucións para evitar a hibridación, colocando rexillas excluidoras nas colmeas que impedían a saída dos zánganos, polo que mantiña os seus colmeares sen hibridacións. De tódolos xeitos, o apicultor descoñecía as características de raza das abellas dos seus colmeares, así que unha vez que se decidiu a desenvolver con elas unha selección, comezou por mandar mostras a analizar, para saber con que traballaba.

A feira congregou a númeroso público durante toda a xornada do sábado.

A feira congregou a númeroso público durante toda a xornada do sábado.

Proceso de selección e mellora
A sorpresa chegoulle cando o laboratorio lle comunicou que as súas abellas tiñan máis dun 90% de pureza de abella negra ibérica, un resultado “excepcional”. Sobre esa base, Benigno enfocouse a correxir defectos, principalmente a enxameación e a agresividade. “O tema da enxameación é xenético. Cando viña un bo ano de floración e tiña as colmeas poboadas, producíase un descontrol”, lembra Benigno. Para seleccionar abellas que non enxameasen, Benigno decidiuse a introducir lotes de 50 colmeas en zonas de brezo durante a floración. “A metade das colmeas non enxameaban e a esas seleccionábaas como nais para criar despois”, conta.

En canto ás colmeas que enxameaban e que recollía, sempre lles cambiaba a raíña. Co aspecto da agresividade, Benigno xa non tiña expeciais problemas, pois sempre seleccionara abellas mansas, ata o punto de que algúns días traballa sen careta con elas.

Outras características ás que atende o apicultor, “a parte de que produzan moito mel e moito pole, que é o que todos pedimos”, son a preparación invernal dos enxamios e a súa hixiene. “Estamos nunha zona de montaña, así que necesitamos abellas que se preparen ben para o inverno, con reservas de mel e pole. Se son moi produtivas pero non preparan ben o inverno, quedan descartadas. Desas non criaremos”, explica. O estudo da hixiene da colmea, para o que Benigno fai un test con celdillas que conxela e volve a introducir nun panal, é outra cuestión importante a nivel de sanidade. “Das que mellor limpan, selecciono ás futuras nais”, sinala.

Asistentes á ponencia de Benigno.

Asistentes á ponencia de Benigno.

Proceso de cría
Nas colmeas seleccionadas para criar, Benigno fai un trasvase de larvas con arredor de 3 días, cebando ben as cúpulas con xalea real para evitar danos e coidando que non se deshidraten. Esas larvas introdúcense en colmeas criadoras, que se busca que estean fortes para que alimenten ben as larvas. Como alimentación suplementaria, o apicultor utiliza un xarabe moi líquido con auga e azucre, “que é o que mellor resultado me dou”.

Ós 11 días sácanse as celdas para observalas e valoralas. Búscase que sexan de boa calidade, grandes e sen defectos. As seleccionadas introdúcense en núcleos orfos de 24 – 48 horas, constatándose en xeral unha boa aceptación. “Cando vén moi mal tempo, tamén emprego unha incubadora, pero a aceptación das raiñas nadas en incubadora ten pouco éxito”, valora.

Benigno Basteiro, na súa intervención da Feira Apícola Rías Baixas.

Benigno Basteiro, na súa intervención da Feira Apícola Rías Baixas.

Outra vía de mellora xenética na que traballa Benigno é na selección dos pais por medio da inseminación artificial, para o que conta cun pequeno laboratorio propio. “Se ademais de seleccionar raiñas, correximos defectos polo pai, axilizaremos moito a mellora en cuestións como a enxameación ou a mansedume”, explica.

Tras a charla, algúns dos apicultores presentes na xornada preguntáronlle a Benigno pola súa opinión sobre razas como a italiana ou a buckfast, coas que el tamén traballou. “Hai 20 ou 30 anos houbo un pequeno boom coa raza italiana, aquelo todo esqueceuse e agora semella que volve a haber un interese por outras razas” -lembra o apicultor-. “Eu da busckfast probei dúas no 2017, que foi un mal ano pola seca e polas xeadas de primavera, e teño que dicir que se tivese que alimentar a todas as miñas colmeas como tiña que alimentar ás dúas de buckfast, teríame arruinado”, conclúe.

Feira apícola, degustación e talleres

Postos de venda de mel e artesanía na Feira Rías Baixas.

Postos de venda de mel e artesanía na Feira Rías Baixas.

A Feira Apícola Rías Baixas, que se desenvolveu no Porriño (Pontevedra) a pasada fin de semana, contou cunha xornada técnica dirixida a apicultores, así como cunha degustación e cunha feira de mel e produtos artesanais orientada ó público en xeral.

O evento, organizado pola Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, programou tamén un taller de arpas para a protección das colmeas contra a vespa velutina. As ponencias da xornada abordaron asímesmo cuestións como a loita contra a varroa ou a fiscalidade na apicultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información