“Selar e compactar ben os silos de millo é unha medida clave contra as micotoxinas”

Entrevista a Alicia Latorre Fernández, autora dunha tese sobre novos métodos para detectar micotoxinas en silos de millo. Asegura que os niveis de contaminación en Galicia “están por debaixo dos límites que marca a Unión Europea” para a aflatoxina para advirte do efecto combinado de varias micotoxinas.

“Selar e compactar ben os silos de millo é unha medida clave contra as micotoxinas”

Alicia Latorre Fernández

Os silos de millo, e en menor medida de herba, constitúen máis do 60% da materia seca das vacas de leite en España e en Galicia. Sen embargo, o silo de millo é máis susceptible á contaminación con Aspergilus e Fusarium no campo e por fungos en xeral no silo, sendo por tanto unha das principais vías de entrada de micotoxinas na ración.

Para coñecer cal é a situación actual en canto a contaminación por este tipo de substancias nos silos de millo de Galicia, a investigadora Alicia Latorre Fernández ven de presentar na Universidade de Santiago a súa tese sobre “Desenvolvemento de novas metodoloxías analíticas para avaliar a incidencia e a estabilidade de micotoxinas do xénero Fusarium en forraxes de millo ensilados”.  O traballo de investigación levouse a cabo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

¿Por qué decidiches centrar a túa tese nesta temática?
O traballo de tese estaba enmarcado dentro dun proxecto que me parecía novidoso e ambicioso. Por aquel entón, non se coñecía cal era a frecuencia nin o nível de contaminación con micotoxinas nos ensilados de millo en España.

Coñecendo os datos de incidencia de especies micotoxixénicas en silos de millo doutros países, todo parecía apuntar a posibilidade de atopar contaminación con micotoxinas nos ensilados galegos. Os resultados permitirían avanzar no coñecemento acerca do estado actual da contaminación de ensilados con micotoxinas, o cal é importante no só polos efectos nocivos das micotoxinas sobre a saúde, senón tamén no referente á produtividade das explotacións.

Ademais, tratábase dun proxecto mutidisciplinar, no que na agronomía convivía coa tecnoloxía química. Isto o facía rico a moitos niveles. O desenvolvemento dunha metodoloxía analítica que permitise a detección de varias micotoxinas dun modo simultáneo, proporcionaría unha exhaustiva información sobre un amplo abano de micotoxinas potencias que poderían estar presentes nos silos. Esta información podería ser utilizada para a redacción de futuras normas e procedementos prácticos de aseguramento da calidade.

Como punto de partida ¿Cal é a situación xeral dos silos de millo en Galicia en canto a presenza de micotoxinas? ¿En que medida se cumpre coa lexislación no relativo aos límites?
As análises que realizamos en mostras de silos procedentes de explotacións leiteiras das provincias de Pontevedra, Lugo e A Coruña, demostran que a contaminación con micotoxinas é un problema real nos silos galegos.

As micotoxinas máis frecuentes foron a Eniantina B (51,4%), seguida da Zearalenona (21,5%) e da Fumonisina B2 (21,3%), e as que apareceron a maiores concentracións foron o deoxinivalenol, ácido micofenólico, zearalenona e os seus metabolitos (α-zearalenol y β-zearalenol).

 “Os valores de micotoxinas nos silos de millo de Galicia están por debaixo dos límites da Unión Europea”

Este estudo tamén puxo de manifesto a coexistencia de máis dunha micotoxina nunha mesma mostra de ensilado de millo. Un mesmo fungo micotoxixénico pode xerar máis dunha micotoxina, de aí a que se atopara contaminación simultánea con varias toxinas nunha mesma mostra. A isto únese o feito de que existen fungos capaces de producir micotoxinas tanto na etapa da precolleita (cultivo do millo) como na postcolleita e almacenaxe (ensilados), polo que os silos de millo poden ser unha especie de cóctel de micotoxinas para as vacas.

Por desgraza, a presenza da maioría das micotoxinas aínda non está regulada en pensos compostos e tampouco en silos. Tan só no caso da Aflatoxina B1. O que existe son recomendacións por parte da Unión Europea, pero tan só para sete delas.

Neste sentido, para os ensilados de millo analizados, os valores das micotoxinas resultaron estar por debaixo daqueles límites. Sin embargo, insisto na problemática da aparición simultánea de varias micotoxinas na mesma mostra de silo, xa que existe a posibilidade de efectos aditivos e sinérxicos entre elas.

A túa tese centrouse no estudo das micotoxinas do Fusarium no silo de millo ¿Por que te centraches neste tipo de fungo?
Os fungos illados con maior frecuencia en millo gran en Galicia e no resto de España son os pertencentes aos xéneros Fusarium, particularmente F. verticilloides e F. proliferatum, principais produtores das fumonisinas. En Galicia, tamén se illaron F. graminearum e F. culmorum, produtores principais de deoxinivalenol e zearalenona; e F. poae, produtor principal de toxina T-2 e toxina HT-2.

¿En que aspectos de manexo dos silos e do ensilado habería que incidir máis para reducir a presenza de micotoxinas?
Normalmente, a maioría das estratexias para previr a contaminación con micotoxinas teñen como obxectivo reducir a infección da planta de millo. Determinadas prácticas agronómicas como a rotación de cultivos, o laboreo, a selección da data da sementeira e da colleita, a fertilización, a selección de variedades resistentes a enfermidades e ao ataque de insectos, etc., poderían contribuír á redución da presenza de micotoxinas, pero en ningún caso lograrían erradicalas.

Ademais, colleitar e ensilar cando o contido hídrico é óptimo para a súa almacenaxe tamén evitaría o crecemento dos fungos micotoxixénicos.

“É moi importante que os silos estean ben selados e compactados para evitar a aparición de micotoxinas”

No que se refire propiamente aos silos, é importante asegurarse de que estean correctamente selados e ben compactados para evitar a posible entrada de osíxeno. Dado que as micotoxinas son solubles en auga , débese tamén evitar que a choiva lave as capas superiores dun silo que se atope en mal estado, evitando deste xeito o posible arrastre e difusión das micotoxinas pola masa do ensilado.

O bo manexo do frente do silo e descartar a forraxe en mal estado son aspectos cruciais. ¿Por qué motivo?
Esto non é totalmente certo. Explícome. A presenza dun fungo micotoxixénico non sempre implica a presenza de micotoxina. Do mesmo xeito, a ausencia do fungo micotoxixénico non sempre implica a ausencia de micotoxina. É dicir, seleccionar as porcións de forraxe que non presentan a simple vista presenza de fungos non exime totalmente da posible contaminación con micotoxinas.

En canto ao uso de inoculantes ¿En que medida son realmente eficaces e cales dos analizados na túa tese foron máis efectivos?
Realizamos probas cun inoculante comercial a base de Lactobacillus Buchneri, unha batería láctica heterofermentativa capaz de converter o ácido láctico en ácido acético e outros produtos que poden atrasar e inhibir o desenvolvemento de fungos unha vez aberto o silo.

Sen embargo, non observamos diferenzas significativas nas evolucións das micotoxinas obxecto de estudo cando engadíamos este inoculante. Quizais non resultaron ser efectivos unha vez a micotoxina xa estaba formada, tal e como xa tiñan apuntado investigacións previas.

¿Que novidades supón o novo método que desarrollaches e validaches para a detección e cuantificación de micotoxinas?
É un método que permite a determinación simultánea de varias micotoxinas en ensilado de millo empregando unha rápida e sinxela extracción. A detección realízase mediante cromatografía líquida acoplada a espectrometría de masas, unha técnica moi robusta e sensible. No método lográronse incluír un total de 24 micotoxinas, entre as que se atopaban aquelas que teñen os seus contidos regulados e recomendados en alimentación animal, ademais doutras que contaminan frecuentemente os ensilados de millo.

¿Por qué a normativa europea non é máis estricta en canto á obrigatoriedade dos límites de micotoxinas? ¿Cando prevés que se cambie a normativa para que sexa de obrigado cumprimento?
É difícil de prever. O establecemento de normas de regulación e de límites en materia de micotoxinas é unha labor moi complicada xa que inclúe aspectos científicos, socio-económicas e políticos.

Determinar o nível de seguridade dunha micotoxina dependen de moitos factores como: a dispoñibilidade dos datos toxicolóxicos e sobre a súa presenza en distintas materias primas, coñecer como se atopan distribuídas as concentracións de micotoxinas nun lote, dispoñibilidade de métodos analíticos, etc..

No referente ao risco para os animais derivado do consumo de pensos, os datos toxicolóxicos e de exposición non son aínda completos para moitas especies. Queda aínda moito camiño por percorrer.

“Non observamos efectos significativos cando engadíamos inoculante”

¿Cara onde che gustaría dirixir a túa investigación nesta área nos próximos anos?
Interesaríame estender o realizado ata agora a outras matrices como pensos e concentrados, ademais do estudo de adsorbentes ou detoxificantes de micotoxinas incluíndo o uso de novos secuestrantes a base de extractos naturais.

Ademais gustaríame continuar coa investigación sobre as micotoxinas “modificadas” e micotoxinas emerxentes mediante o desenvolvemento de metodoloxías analíticas de alta resolución e precisión. Falta atopar os medios para poder materializalas.

¿Algo máis que queiras engadir?
Creo que a pesar de que xa se ten realizado un traballo considerable, existe aínda a necesidade de máis investigación no campo das micotoxinas , e en particular no caso das micotoxinas en produtos destinados a alimentación animal.

É preciso contar cunha base científica sólida que nos permita recomendar medidas e previr e reducir a contaminación con micotoxinas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información