O Club de Xóvenes Gandeiros está representado no Young Breeders School (YBS) por seis mozos e mozas de Galicia. Esta competición, que é o maior concurso de manexo de Europa, está a celebrarse en Battic (Bélxica), do 28 de agosto ao 1 de setembro.
No evento participan ata 170 mozos e mozas gandeiros organizados en 29 equipos e en representación de 28 países, entre os que figura por primeira vez un equipo de Estados Unidos. O equipo español está composto totalmente por gandeiras e gandeiros galegos. Catro destas gandeiras proceden de Lugo, María e Andrea, da Granxa Fontixón; Lorena, da SAT de Rey de Miñotelo; e Alba, da Gandería Quintian. Completan o equipo Simón, da Gandería Queiruguera (A Coruña) e Xabi, de Casa do Rei (Pontevedra).
O grupo comezou a súa participación co obxectivo de converterse no mellor equipo da YBS. Durante os próximos días deberán superar diferentes probas: dende preparar becerras, pelalas e manexalas, ata crear un stand que represente a Galicia baixo a temática do Camiño de Santiago. Un posto que incluirá unha representación da catedral de Santiago de Compostela.
Dende a cooperativa rural galega Clun, que patrocina a viaxe, e o resto de socios do Club de Xóvenes Gandeiros deséxanlles o mellor dos éxitos ao equipo galego nesta competición, para a que se estiveron preparando durante todo o verán. De feito, salientan que “simplemente ter chegado a competir cos mellores gandeiros mozos do mundo xa é un logro enorme, independentemente do resultado final da competición”.