Seis novos proxectos para innovar a industria alimentaria galega

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), deu a coñecer o seis proxectos que se beneficiarán do seu programa de consolidación.

Tras un proceso de avaliación e selección realizado integramente de forma telemática, debido á COVID-19, o Comité de Selección de BFFood destacou a innovación e tecnoloxía dos proxectos seleccionados para facer fronte aos retos da industria alimentaria nas áreas da dixitalización e automatización, sustentabilidade, desenvolvemento de novos produtos e interacción con clientes e consumidores, así como para fortalecer a resiliencia do sector a situacións de emerxencia derivadas de pandemias, como a provocada polo coronavirus.

Todos eles, accederán ao programa de apoio integral e especializado de doce meses de duración con mentoring, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento a través dun préstamo participativo por parte de Xesgalicia, que podería levar unha opción de capitalización de até un máximo de 250.000€.

O seis proxectos, procedentes integramente de Galicia, resultaron seleccionados dun total de 27 candidaturas e catro deles únense ao programa de consolidación de BFFood tras pasar polo de aceleración durante a primeira edición desenvolvida no ano 2019.

Este novo programa da aceleradora BFFood, que forma parte da plataforma StartIN Galicia, conta co apoio e colaboración da Xunta de Galicia, a través do Igape, GAIN e Xesgalicia, así como das empresas tractoras Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, CAPSA FOOD (Larsa), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Congalsa, Galacteum, Gadisa, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira.

Así son os proxectos que serán consolidados en BFFood

Essence Food. Esta iniciativa, presentada desde Pontevedra, formou parte da primeira edición do programa de aceleración de BFFood e dá resposta ao reto que supón a valorización de residuos. Traballa no desenvolvemento de novos produtos alimentarios, a partir de excedentes e/ou residuos alimentarios da produción, transformándoos en novos produtos alimentarios de alto valor engadido, dirixidos á personalización das necesidades do consumidor. Rubén Hidalgo, director CAPSA V.I.D.A. de CAPSA FOOD (Larsa), exercerá como mentor deste proxecto no seu paso polo programa de consolidación.

Monkey Markets. Este proxecto, procedente da Coruña e acelerado na primeira edición de BFFood, baséase nunha ferramenta B2B online que facilita aos produtores europeos do sector alimentario a venda en China e aos importadores chineses a compra en Europa. Esta innovadora solución nos procesos de comercialización responde o reto de comercialización e interacción con clientes e consumidores. Mediante o uso de tecnoloxías big data, analytics, web scraping, business intelligence e metasearch engine proporciona un método organizado, completo e específico para facilitar a internacionalización nos mercados asiáticos. Rosana Domínguez, directora de mercadotecnia de Quescrem, foi a mentora desta iniciativa durante o seu paso polo programa de aceleración e continuará, agora, no de consolidación xunto a Mónica Cascallar, directora de innovación de Congalsa, e Pablo Gómez, director división láctea de CLUN.

Muutech food monitoring platform. Esta iniciativa, procedente de Pontevedra e acelerada no primeiro programa de BFFood, ofrece resposta ao reto dixitalización e automatización, a través dunha plataforma de monitorización, que permite a recollida de datos de calquera fonte, agregalos e analizalos en tempo real. Con todo iso establece alertas baseadas no histórico e accións automatizadas que facilitan ás empresas da industria alimentaria a optimización dos seus procesos e dos custos, tomando de forma áxil decisións informadas. José Carlos Vila, director xeral de Kiwi Atlántico, encargarase de mentorizar a este proxecto durante o seu paso polo programa de consolidación.

Plataforma machine learning desenvolvida por TripleAlpha que permite replicar calquera planta física de fabricación e optimizar á súa vez os procesos, mediante algoritmos de predición e prescrición baseados en técnicas de analítica avanzada e machine learning. Este proxecto coruñés, que formou parte do primeiro programa de aceleración de BFFood, busca dar resposta ao reto de xemelgo dixital no sector alimentario. Anxo Pereira, chief innovation officer de Galacteum, encargarase do seu mentoría.

Refix – Atlantic Sea Water é unha bebida natural, refrescante e reconstituyente elaborada con ingredientes naturais e fabricada con auga de mar extraída dunha zona protexida pola rede Natura 2000 na Costa da Morte. Este proxecto coruñés, que dá resposta ao reto de desenvolvemento dun novo produto na industria dos alimentos e as bebidas, será mentorizado por Antonio Cortés, director de responsabilidade social corporativa de Gadisa.

Sensesbit. Esta solución, desenvolvida por TasteLab, spin-off da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo, consiste nun software de análise sensorial altamente personalizable por tipo de cliente e sector alimentario co que as empresas poden facer unha análise organoléptico fiable que lles permite o aforro no ensaio-erro, ao ter en conta ao consumidor. Supón unha clara innovación nos procesos habituais de comercialización e interacción con clientes e consumidores Juanjo De la Cerda, director corporativo de I+D e calidade do Grupo Nueva Pescanova, mentorizará esta iniciativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información