A expansión da dermatose nodular contaxiosa, que xerou gran inquietude entre as granxas españolas, semella controlada. Desde outubro do 2025 detectáronse un total de 20 focos (18 en Girona e 2 en Huesca), o último comunicado o 3 de marzo, polo que van cumprirse nuns días 6 meses sen ningún caso da enfermidade. As boas perspectivas consolídanse por unha situación equivalente en Francia, que non comunica ningún positivo desde xaneiro do 2026.
Tanto en España como en Francia, a estratexia de vacinación de emerxencia foi clave para o control da enfermidade. No caso galo, establecéronse dúas áreas principais de vacinación arredor das rexións con focos: unha franxa no sur do país, que abarca toda a fronteira con España, e outra área no Leste, no entorno de Lion, lindando con Italia e Suiza.
No caso español, igual que no francés, optouse por vacinar tanto as provincias afectadas como zonas limítrofes, cun carácter preventivo. Así, a Comisión Europea autorizou a vacinación das ganderías de Girona, Lleida, norte de Barcelona, Huesca, norte de Zaragoza, Navarra e Guipuzcoa. Con esta decisión, cubriuse ademais toda a fronteira con Francia.
España revacinará os animais xa protexidos no 2025
En xullo do 2026, España aprobou a compra de 700.000 doses adicionais de vacinas, na idea de iniciar a revacinación dos animais que xa foran protexidos no 2025.
Así as cousas, o punto máis próximo no que se mantén activa a enfermidade é a illa de Cerdeña (Italia), cun último caso declarado en xullo, e logo xa estarían os focos endémicos do Magreb, no norte de África.
Recuperación do mercado exterior
Coa mellora da situación epidemiolóxica, o sector confía en que nos próximos meses se poidan ir reabrindo os mercados exteriores que aínda manteñen restriccións ás exportacións españolas. En especial, interesa a reapertura de Marruecos, un mercado clave na exportación española de vacún vivo para sacrificio.
Marrocos mantén pechadas as exportacións españolas. O sector confía en que se poida lograr unha reapertura nos próximos meses
A recuperación da normalidade total levará máis tempo. En Francia, cun escenario similar ó español, calcúlase que o país non recuperará o estatus oficial de libre da enfermidade ata o 2028.
Mantemento de medidas preventivas
Entre tanto non se normaliza a situación, a maioría de comunidades autónomas está optando por manter medidas preventivas para evitar a entrada da enfermidade. Cómpre lembrar que a dermatose contáxiase principalmente por medio de vectores como insectos ou carrachas, pero dada a baixa capacidade de dispersión natural destes, o problema radica no movemento a longas distancais de animais infectados e/ou de transportes que non fosen correctamente desinfectados.
Por ese motivo, Galicia só permite mercados e concentracións de gando con animais galegos. No que respecta ás granxas que importan animais de fóra da comunidade, vense sometidas a un periodo de 28 días de vixilancia veterinaria oficial. Durante ese periodo están ademais inmobilizadas e non poden sacar animais da gandería.
Galicia ten actualmente en vigor estas medidas ata o 31 de agosto, se ben é previsible que se prorrogue. En Asturias e Cantabria as medidas preventivas están programadas cando menos ata o 31 de outubro.
Francia avanza nunha vacina marcada, que espera ter a partir de 2028
As campañas de vacinación de emerxencia realizáronse tanto en España como en Francia cunha vacina viva atenuada. Trátase dun sistema efectivo para previr a expansión da enfermidade, pero impide diferenciar nas análises un animal vacinado dun animal infectado. Ese é o motivo principal que impide unha vacinación preventiva con carácter xeral en tódalas granxas de vacún de España.
A solución pasa por lograr unha vacina marcada autorizada en Europa. As vacinas marcadas permiten diferenciar os animais vacinados dos infectados, pois logran que os animais xeren uns anticorpos específicos contra unha ‘marca’ incorporada na vacina.
En Francia, o Centro de Cooperación Internacional en Investigación Agronómica para o Desenvolvemento (CIRAD) comunicou en maio deste ano que prevé ter dispoñible unha vacina marcada contra a dermatose nun prazo de entre 18 e 36 meses. Esta vacina irá acompañada dunha proba diagnóstica que permitirá distinguir se un animal está vacinado ou infectado.
A nivel mundial, no 2025 obtívose na India a primeira vacuna marcada contra a dermatose, se ben polo de agora non hai constancia de que a firma que a desenvolveu (Biovet) teña iniciado trámites para a súa autorización en Europa.
India xa ten en produción unha vacina marcada contra a dermatose, pero non está homologada en Europa
A día de hoxe, a principal esperanza na UE para ter unha vacina marcada contra a dermatose sitúase en Francia, cunha data probable ó longo do 2028.
Esta vacina, cando estea dispoñible, permitiría acometer unha vacinación preventiva con carácter xeral en tódalas granxas de España. Do mesmo xeito, permitiría desbloquear calquera restricción comercial que quedase activa.
Queda por concretar se de cara ó futuro será posible eliminar a obriga do baleirado total das granxas afectadas por dermatose
A cuestión que queda por concretar é se, unha vez que haxa unha vacina activa no mercado, se eliminará o baleirado total das granxas que poidan verse afectadas por casos de dermatose nodular contaxiosa. Actualmente, cando unha granxa se ve infectada pola enfermidade, procédese ó sacrificio de todo o seu gando e á desinfección das súas instalacións. ¿Cambiará esta normativa de cara ó futuro?.
“É imprescindible elaborar plans de bioseguridade nas granxas en colaboración cos veterinarios”
Galego









Control OJD