Seis datos de utilidade que ofrece o Control Leiteiro, á marxe das calidades e o reconto de células

Co veterinario Ramiro Fouz coñecemos algúns datos de interese que ofrecen as analíticas do control leiteiro e que aportan información relevante sobre o estado da gandería. Os valores da urea, a puntuación lineal ou os ácidos graxos son claves para a granxa

Seis datos de utilidade que ofrece o Control Leiteiro, á marxe das calidades e o reconto de células

Falar do Control Leiteiro é para moitos gandeiros pensar nos valores de calidade do leite como a porcentaxe de proteína, graxa ou o reconto de células somáticas, xa que son os valores que puntualmente destacan nas analíticas. Porén, como apunta Ramiro Fouz, veterinario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), os datos que se recollen nestas analíticas, máis alá de ditos parámetros destacados, poden ser claves para a granxa, aportando información sobre puntos favorables, pero tamén indicadores de posibles problemas. “Cos datos do Control Leiteiro pódeste facer unha idea do que tes na granxa”, destaca.

Fouz recordou que o Control Leiteiro é unha das ferramentas destacadas do programa de Mellora Gandeira co que conta Galicia e que cada ano analizan de media 1.850.000 mostras de leite procedentes de boa parte das ganderías de vacún de leite de raza frisoa da comunidade.

O Control Leiteiro galego analiza cada ano 1,8 millóns de mostras de leite. É o único de España en aportar niveis de ácidos graxos

Ademais, o Control Leiteiro galego é punteiro neste tipo de analíticas de leite en granxas. “A nivel nacional, o Control Leiteiro galego é o único que aporta niveis de ácidos graxos nas súas analíticas de forma sistemática, vaca a vaca e sen custe engadido na cota xeral”, sinala Fouz.

Parámetros de interese para a granxa

No marco das xornadas organizadas por Africor Pontevedra e celebradas recentemente en Lalín, Fouz abordou algúns destes datos claves que se inclúen nas analíticas do Control Leiteiro e que pasan máis desapercibidos para os gandeiros, aínda que poden resultar de gran utilidade.

Días en leite

Os días en leite (DEL) son a media de días que levan paridas as vacas. Debería coincidir coa metade da duración da lactación para esa gandería. Este valor pode ser un indicativo de problemas reprodutivos, cando tende á alza. Mentres, se estas cifras son moi baixas adoita deberse a un lote de vacas mercadas recentemente, vacas paridas de pouco ou á concentración de partos. Tal e como sinala Fouz, tamén cómpre ter en conta que esta baixada se pode deber a que haxa poucos efectivos para atender o volume de partos e traballo da granxa.

Ademais, é importante ter presente que “cando aumentan os DEL, a graxa e a proteína tenden a aumentar e o leite a diminuír”, explica Fouz. Así, este valor é significativo para entender variacións das calidades e da produción de leite na granxa.

Leite corrixido por enerxía

O leite corrixido por enerxía exprésase na analítica como L. É un valor que aparece situado entre a produción de leite e a porcentaxe de graxa e que se estandariza para todas as vacas. Este dato permite ó gandeiro estimar canto leite produciría de máis ou de menos se diminuíse ou aumentase a graxa e a proteína do leite que producen as súas vacas. “Resulta un valor moi útil para comparar a produción de vacas de razas distintas entre si”, concreta Fouz.

leite correxido_Control leiteiro

Puntuación lineal

Nas analíticas, a puntuación lineal amósase como PL e expresa o nivel de células somáticas. Dado que non se poden facer medias con este valor, transfórmase nunha escala de tal xeito que un reconto de 50 células por mililitro representa un valor de 2 e increméntase de xeito gradual ata un valor máximo de 9 cando representa 6.400 células por mililitro.

puntuación Lineal_Control leiteiro

Escala de puntuación lineal.

Este valor é tamén de gran utilidade para as granxas, xa que pode ser un aviso de alerta sobre cuestións como o secado, cando ese índice se dispara.

Ratio graxa/ proteína

Máis alá da porcentaxe de graxa e proteína, nas analíticas do Control Leiteiro tamén se inclúe unha ratio de graxa e proteína, un indicador metabólico que proporciona información sobre o estado de saúde dos animais e serve para detectar posibles afeccións dos animais. Así, os ratios baixos, inferiores a 0,9, son indicadores de acidose ruminal. Mentres, os ratios altos, superiores a 1,4, son indicadores de cetoses. Este é un dos indicadores que permite coñecer o estado de saúde da granxa mediante as analíticas.

Urea

É un dos indicadores de maior utilidade que aportan as analíticas do Control Leiteiro e que adoita pasar desapercibido para os gandeiros. “Non se lle dá o valor real que pode proporcionar esta analítica. É realmente valioso para lograr un bo equilibrio na ración do animal”, reivindica Fouz.

“As variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode haber outros factores para que a ración non estea equilibrada”

Cando os valores de urea son altos reflicten que hai unha falta de enerxía ou que sobra proteína (ou é moi dixerible) na ración. Neste caso, os valores adoitan situarse por encima de 280. Pola contra, os niveis baixos de urea adoitan presentalos vacas subalimentadas. “Estas variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode deberse a outras causas como non estar ben mesturada e producirse deste xeito unha ración que non estea ben equilibrada aínda que fose ben deseñada”, explica o veterinario.

Urea _Control Leiteiro

Ademais, a urea é un indicador que axuda a detectar problemas hepáticos do animal, posto que o fígado é o órgano que se encarga de destoxicar o amoníaco que se produce no rume, amoníaco que transforma en urea. “Os valores altos de urea indican que o fígado está soportando un traballo extra e é un órgano que hai que coidar moito, xa que é de gran importancia para as vacas, posto que se encarga de detoxicar o sangue, sintetizar proteínas e glucosa, transformar o amoníaco (que é tóxico para o animal) en urea, metaboliza lípidos ademais de ser depósito de elementos esenciais como o ferro, cobre ou vitamina B12…”, detalla Fouz.

Por outra banda, a presenza elevada de urea é un indicador de que tamén hai moito nitróxeno nos ouriños desas vacas, o que produce un impacto maior da granxa a nivel ambiental.

Ácidos graxos

Galicia é a única comunidade onde as analíticas do Control Leiteiro inclúen os ácidos graxos, que foron dos últimos parámetros incorporados. A graxa do leite esta composta nun 94% de ácidos graxos e a proporción de cada un deles depende, en gran medida, do que acontece no rume, de aí que sexa importante telos en conta.

Os ácidos graxos poden clasificarse en base a distintas cuestións como a lonxitude da cadea (cadea curta, media ou longa) ou o grao de saturación (saturados, monoinsaturados ou poliinsaturados). Nas analíticas identifícase a cantidade de ácidos poliinsaturados debido a que están presentes na maioría das forraxes e cereais como a soia ou o millo e porque poden proporcionar información sobre o aporte nutricional da ración.

“Os ácidos graxos insaturados teñen propiedades antibacterianas, polo que as bacterias ruminais transfórmanos en saturados para que non lles sexan tóxicos á vaca. Se o leite presenta unha elevada cantidade de ácidos graxos poliinsaturados pode ser debido a que as bacterias non están facendo esta transformación de xeito correcto”, explica o experto. Un dos valores de referencia no caso dos ácidos graxos poliinsaturados é 0,09.

acidos graxos_Control Leiteiro

Por outra banda, os ácidos graxos tamén se poden clasificar atendendo á súa orixe. Poden dar información sobre a saúde do animal e establécense tres tipos, que tamén aparecen identificados nas analíticas do control leiteiro:

– DeNovo. Son ácidos graxos de cadea curta, prodúcense na glándula mamaria a partir do butirato e do acetado procedentes da fermentación ruminal, é dicir, proporcionan información sobre o estado do rumen da vaca.

-Preformados: Ácidos graxos de cadea longa que proceden do alimento ou da mobilización das reservas corporais.

-Mixtos: Trátase de ácidos graxos de cadea media que poden ser sintetizados na glándula mamaria ou proceder do alimento ou da mobilización das reservas corporais.

Neste caso o importante é ver a tendencia, máis que ter un valor de referencia, de aí que nas analíticas apareza o valor e ó lado unha frecha (ascendente ou descendente segundo a tendencia) ademais dun valor entre paréntese que indica a evolución con respecto do mes anterior. “Cambian moito en función da alimentación, por iso é importante ver a evolución e non quedarse con valores de referencia”, detalla Fouz.

En liñas xerais e de xeito práctico, para lograr bos resultados na granxa, Fouz recomenda manter os ácidos graxos Preformados o máis baixos posibles e os DeNovo canto máis altos mellor. Como valores de referencia das mellores granxas, os DeNovo atópanse en valores por encima de 29% (porcentaxe sobre o total de ácidos graxos do leite). Cando estes ácidos se sitúan por debaixo do 26%, poden non estar funcionando correctamente. Así, os ácidos graxos son indicativos do estado do rumen e poden ser preditores de problemas como o cuajar.

Estes valores mudan con factores de variación como o número de partos, polo que Fouz recomenda sempre prestar atención ós datos tendo en conta o contexto da granxa e non perseguir esas cifras sen analizar o resto de información da gandería en cada momento. O experto reivindica a importancia dos datos facilitados polo Control Leiteiro como unha ferramenta de gran utilidade na toma de decisións da gandería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información