O anuncio de Altri de que proxecta ubicar unha planta de celulosa e fibras téxtiles (lyocell) en Palas de Rei (Lugo) xerou nas últimas semanas un amplo debate social e político. Primeiro, pola ubicación elixida, en detrimento doutras opcións, como a Mariña lucense ou As Pontes. Segundo, polas críticas ecoloxistas ó posible impacto ambiental da planta. E terceiro, polo apoio que esperta no sector forestal e economíco, con empresas galegas que previsiblemente entrarán no accionariado da nova planta.
Analizamos seis cuestións a ter en conta no novo proxecto, incidindo en pros, contras, oportunidades e ameazas.
1) Demanda de madeira no monte
A factoría proxecta consumir nun comezo máis dun millón de metros cúbicos de eucalipto ó ano, o que representa arredor dun 18% da madeira de eucalipto que se corta na actualidade en Galicia. É ademais previsible que a curto prazo chegue a superar o consumo de 1,5 millóns de metros cúbicos anuais.
Para os propietarios forestais, en principio é unha boa noticia que unha nova industria introduza maior competencia pola materia prima, pois ata o de agora o eucalipto galego tiña como comprador maioritario a Ence (Pontevedra e Navia), con cantidades menores que partían para as plantas de Navigator en Portugal, para a propia Altri e, de xeito residual, para outras plantas do resto do Estado e do estranxeiro.
Queda por ver que sucede e como se reorganiza o mercado se pecha Ence Pontevedra e se a compañía decide compensar esa perda co aumento da capacidade produtiva de Navia, en lugar de cunha nova planta en Galicia. En calquera caso, unha cuestión que demostra a planta de Altri é que habería ubicacións alternativas en Galicia para a planta de Ence Pontevedra.
2) Abastecemento de eucalipto a Palas de Rei: un emprazamento estratéxico
Desde o punto de vista do emprazamento da planta,Palas de Rei pode considerarse estratéxico, pois nun radio de 60 km. ten o principal ‘graneiro’ de eucalipto de Galicia, o Distrito Forestal Santiago – Meseta interior, que este ano superou á Mariña lucense en cortas de eucalipto. Chega cun percorrido por estrada pola N-634 (Lavacolla-Teixeiro) ou polo treito de autovía Santiago-Arzúa para comprobar a dimensión acadada nos últimos anos polos eucaliptais na zona.
Só o Distrito Forestal Santiago – Meseta interior corta xa cada ano preto dun millón de toneladas de eucalipto, practicamente a necesidade de materia prima que tería a planta de Altri. O Distrito de Bergantiños – Mariñas Coruñesas, o segundo en importancia en eucalipto na comunidade, tamén estaría relativamente próximo á planta (Betanzos está a 66 km. por estrada de Palas) e mesmo o eucalipto de Ferrol – Ortegal e o da Terra Cha terían destinos alternativos a Navia na planta de Palas.
Outra cuestión a considerar é se a planta terá un efecto á hora de incentivar novas plantacións de eucalipto no interior de Lugo, en especial no Distrito Forestal Lugo – Sarria, que ata de agora lidera a corta de piñeiros en Galicia e ten escasas cortas de eucalipto. Coa moratoria do eucalipto e coa actual lexislación forestal, está prohibido substituír masas de piñeiros ou frondosas caducifolias por eucalipto. Pero vaise manter esa situación lexislativa de cara ó futuro?, vaise controlar o cumprimento da normativa?.
3) É posible producir lyocell con outras especies forestais, ademais do eucalipto?
Cando se anunciou o proxecto dunha planta de fibras téxtiles para Galicia, a Xunta eludiu indicar que se abastecería principalmente de eucalipto e informou de que se podería abastecer de diversas especies forestais e mesmo de materiais para reciclar. Na práctica, a expectativa do sector forestal a día de hoxe é que a planta de Altri se abasteza exclusivamente de eucalipto, con posibilidade de que Altri traballe tamén de cara o futuro a reciclaxe de téxtiles.
O lyocell, sen embargo, pódese producir tamén a partir doutras especies habituais en Galicia, como o carballo ou o bidueiro. Un dos maiores produtores de lyocell a nivel mundial, a austriaca Lenzing (marca Tencell) produce lyocell en Centroeuropa principalmente a partir de madeira de faia obtida en rareos forestais. Lenzing defende que se trata dun modelo que promove unha silvicultura máis ambiental que as cortas a feito de toda unha masa forestal.
No caso de Galicia, ese modelo podería ser aplicable a plantacións mixtas de eucalipto para madeira e para a celulosa.
A opción do bidueiro
Tamén cabe preguntarse se na comunidade sería posible un modelo similar ó da faia en Lenzing cunha frondosa caducifolia máis adaptada a Galicia, como o bidueiro.
Desde un punto de vista técnico, sería posible. O bidueiro é unha especie habitual na Galicia atlántica. Trátase dunha árbore pioneira, que se dá ben en solos pobres con climas húmidos. Se se cultivase para madeira, precisaría de turnos de corta de arredor de 40 anos, con varios rareos intermedios. Esa madeira dos rareos podería ter saída na planta de lyocell.
Se se contesta á pregunta desde unha perspectiva económica, o interese probablemente sexa escaso por parte de propietarios e da industria. Atendendo ós prezos do bidueiro para pasta de papel en Escandinavia, non chega ós 20 euros / tonelada (madeira en pé) -fronte ós 30 euros que ronda o eucalipto globulus-. O motivo é que se trata dunha especie que ofrece menores rendementos para celulosa que o eucalipto, isto é, precísanse máis toneladas de madeira para obter a mesma celulosa que no caso do eucalipto.
Outro factor a ter en conta é a necesidade dunha silvicultura periódica (podas, rareos) no coidado dunha plantación ou rexenerado de bidueiros, o que é máis esixente para o propietario. Tamén é preciso considerar a ausencia dunha demanda actual para serrado de bidueiro por parte da industria e se habería interese nunha oferta de madeira como esa.
Sobre a hipótese do uso doutras especies forestais para lyocell, unha última cuestión. Xa que como é notorio, a planta de Altri aspira a unha importante inxección de fondos públicos, sería posible que esos aportes de cartos públicos se ligasen a compromisos na diversificación de materias primas?. Se se considera que iso é posible e desexable, quedaría a parte de como convencer ós propietarios de que é interesante para eles tal esforzo de diversificación.
4) Lyocell, fibras ambientalmente sostibles
O lyocell é un tecido procedente dunha fonte natural e renovable, a madeira. A súa principal vantaxe é que a súa produción presenta un menor impacto ambiental que no caso doutros tecidos, como o polyester (con orixe no petróleo) ou o algodón, que precisa de regadíos, uso de pesticidas e ocupación de terras cultivables.
Por poñer un exemplo, uns pantalóns de algodón mercados en España teñen de media unha pegada de auga de entre 2.800 e 4.900 litros, dos cales un 86% procede de regadío. En cambio, uns pantalóns de lyocell terían unha pegada de auga de entre 1.200 e 1.900 litros, dos cales o 95% procederían de auga da choiva, segundo as conclusións dun estudo de Daniel Chico (2013) e outros investigadores.
A iso hai que engadir o papel de sumidoiro de carbono que xogan as árbores das que se obteñen as fibras téxtiles, permanecendo parte do carbono na propia roupa, que unha vez rematada a súa vida útil, sería compostable ou reciclable.
5) Que impacto ambiental pode ter a planta de Altri en Palas de Rei?
É unha cuestión por aclarar. Altri di que descartou a ubicación das Pontes polo impacto sobre o río Eume, pero á vez nega posibles impactos sobre o río Ulla. Se o Eume ten río abaixo das Pontes o parque natural das Fragas do Eume, o Ulla ten o espazo de Rede Natura Ulla-Deza, tres coutos salmoneiros e praias fluviais, a parte dos aproveitamentos marisqueiros da ría de Arousa.
As plantas de celulosa costeiras, como as de Ence (Navia e Pontevedra) ou as portuguesas de Navigator e Altri, adoitan empregar emisarios submariños que afastan os efluentes da factoría varios quilómetros mar adentro. Coas plantas do interior, iso non é posible, o que adoita xerar problemas no entorno, sobre todo en épocas estivais nas que baixa o caudal dos ríos e os efluentes fanse máis visibles. É o caso por exemplo da planta de celulosa e papel de Torraspapel en Aragón.
6) Valorización da lignina: o peche do círculo
No proceso de fabricación de pasta de papel e fibras téxtiles, desbótase a lignina, un dos principais compoñentes da madeira, que normalmente se queima en sistemas de coxeneración enerxética. Outra alternativa que proporcionaría maior valor é o emprego da lignina como unha materia prima para biorrefinería. Polo de agora Altri non se pronunciou sobre a posibilidade de crear unha biorrefinería en paralelo á planta de Palas, aínda que a posta en marcha dunha biorrefinería piloto si é un dos proxectos para os que a Xunta aspira a captar fondos Next Generation.
Ence tamén tiña sobre a mesa a posibilidade de montar una biorrefinería en Pontevedra para extraer da lignina materiais como espumas e adhesivos verdes, orientados á industria da automoción, ou bioaceites e aromas, entre outras sustancias; pero non chegou a poñela en marcha polo de agora pola incerteza sobre o futuro da súa ubicación ao pé do Lérez.
No resto de Europa, industrias de fibras téxtiles como Lenzing teñen as súas propias biorrefinerías para extraer o máximo potencial da madeira. No caso de Lenzing, produce sustancias para a industria alimentaria e farmacéutica, como ácido acético ou xilosa (azucre da madeira), entre outras. As Landas francesas, outra zona de gran produción madeireira, levan tamén anos cunha biorrefinería en marcha.
Unha das asignaturas pendentes que viña tendo o sector forestal e da madeira en Galicia era o de lograr un maior valor engadido para as súas producións. Proxectos como a planta de fibras téxtiles ou iniciativas que están a desenvolver as industrias da madeira (a planta de CLT de Xilonor, liñas de madeira termotratada, etc.) están a avanzar nesa liña, pero sobre a mesa quedan outros retos pendentes, como o da biorrefinería.