Seis candidaturas concorren ó censo de produtores da IXP Ternera Gallega

Un total de 7.608 ganderías poderán escoller o vindeiro día 19 aos seus representantes entre as candidaturas das cooperativas, de Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga, Asaga e Gandeiros Galegos da Suprema

Seis candidaturas concorren ó censo de produtores da IXP Ternera Gallega

O vindeiro 19 de febreiro, domingo de Entroido, celébranse eleccións aos distintos Consellos Reguladores galegos, entre eles o da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Estes comicios, no caso da IXP galega da carne de vacún preséntanse reñidos, con até 6 candidaturas concorrendo ao censo de produtores.

Ademais das catro listas dos sindicatos agrarios (Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga e Asaga) e da lista das cooperativas, como novidade nesta ocasión preséntase a asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

Non había votacións desde o ano 2003

O domingo 19 poderase votar desde as 10 da mañán ás 5 da tarde en 12 mesas electorais repartidas por toda Galicia, situadas nas oficinas agrarias comarcais das Pontes, Teixeiro-Curtis, Santa Comba, Mondoñedo, Vilalba, A Fonsagrada, Becerreá, Sarria, A Gudiña, Maceda, e Lalín; e en Lugo no edificio administrativo da Xunta.

Nos últimos 20 anos non houbo eleccións porque se pactaba previamente o nome dos representantes

O presidente da IXP escóllese finalmente entre todos os vocais electos, os 8 dos produtores, os 8 das industrias e os 2 cos que conta a Administración. O actual presidente, Jesús González, leva 23 anos representando ao sector da carne galega á fronte do Consello Regulador, tras coller no ano 2000 o testigo de Maximino Viaño, presidente fundador de Ternera Gallega.

A Xunta puxo as eleccións o domingo de Entroido, o que podería restar participación aos comicios. Están chamados ás urnas 7.608 gandeiros

Os comicios preséntanse competidos, pois tanto as cooperativas como as organizacións agrarias e a Asociación Gandeiros Galegos de Suprema contan con importantes respaldos entre as explotacións de Ternera Gallega.

Desde as cooperativas, destacan o seu traballo na defensa dos intereses das granxas, “con transparencia nas operacións, confianza, fidelidade no sistema, e unha profesionalidade fóra de dúbidas. Estes mesmos valores son fundamentais para o desenvolvemento e progreso dunha marca pública como a IXP Ternera Gallega”, subliñan.

A candidatura das cooperativas avoga por definir propostas integradoras para valorizar os animais, co apoio do conxunto da cadea da carne. “Afastámonos da confrontación política e sindical. Prestixiar Ternera Gallega nos mercados lógrase sen crispación social e sen falar mal dela”, defenden.

Propostas da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema

Unha das candidaturas máis novidosas é a da Asociación Gandeiros Galegos de Suprema, que non existía na anterior renovación nos consellos reguladores. “Nós animamos á xente a que vaia votar, é importantísimo que haxa participación porque está en xogo o futuro de moitas explotacións”, explica Santiago Rego, que encabeza a lista dos produtores de Suprema. A asociación reúne a produtores de distintos puntos de Galicia, pero con maior presenza na provincia de Lugo, onde se asentan a maioría dos gandeiros da IXP Ternera Gallega Suprema.

Charlas informativas durante esta semana

Integran a candidatura da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema o seu presidente, Santiago Rego, acompañado de gandeiros de distintos concellos da provincia de Lugo: Francisco Rivas, de Láncara; Christian Fontal, das Nogais; Tania Rancaño, da Fonsagrada; Juan Ramón Varela, de Friol; Gandería Carbón SC, de Monterroso; Javier Castro, de Sarria e Alfonso Blanco, do Valadouro.

Para dar a coñecer o seu programa, celebrarán unha serie de xuntanzas informativas durante toda esta semana: hoxe martes ás 21:30 no Centro Sociocultural de Friol, mañá mércores á mesma hora na Casa da Cultura de Becerreá, o xoves no complexo O Piñeiral da Fonsagrada e o venres 10 no Centro Sociocultural Manuel Lourenzo do Valadouro.

Maior engraxamento das canais

Entre as súas propostas para levar a cabo desde o Consello Regulador está un maior control en matadoiros sobre as pesadas e rendementos dos animais; melloras na etiquetaxe, na clasificación da carne nos puntos de venda e na visibilidade no mercado do selo Ternera Gallega Suprema e un retorno cara as explotacións do valor engadido xerado pola marca.

Tamén garantir un “uso adecuado” da imaxe das explotacións de Suprema nas campañas publicitarias; unha redución do prezo cobrado pola marcaxe dos animais; unha ampliación da IXP cara a outras razas e cruzamentos con aptitude cárnica e un acabado óptimo das canais, cun maior grado de engraxamento, aínda que cada gandeiro decidiría como logralo, ben cebando no prado ou acortellando os becerros.

A candidatura da Asociación de Gandeiros de Suprema está formada por produtores da provincia de Lugo

A candidatura da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema está formada por produtores da provincia de Lugo

Pacto previo entre os cebadoiros e as industrias

A elección do presidente do Consello Regulador sairá finalmente de entre os representantes electos dos distintos estamentos que forman a IXP: produtores, matadoiros, salas de despece e industrias de transformación; grosistas e retallistas e Administración.

Pero na única categoría onde hai disputa entre varias candidaturas é na de produtores con vacas nodrizas, xa que o resto está xa todo pactado de antemán baixo unha candidatura única e os postos de representación repartidos.

No censo A, o de produtores, hai dúas categorías. Por un lado están as explotacións, que escollen 5 vocais no Consello Regulador e onde se presentan 6 candidaturas (UUAA, SLG, Fruga, Asaga, as cooperativas integradas en AGACA e a asociación Gandeiros Galegos da Suprema). Forman parte deste censo as ganderías que nos últimos 2 anos marcaran algún dos seus animais dentro da IXP, un total de 7.608 explotacións con dereito a voto.

Os produtores contan con 8 vogais no Consello Regulador: 5 as explotacións de vacas nodrizas e 3 os cebadoiros

Doutra banda, dentro do censo A están tamén os 404 cebadoiros inscritos na IXP Ternera Gallega, que escollen a tres vocais no Consello Regulador. Neste caso preséntase unha única candidatura baixo o paraugas de Asaga.

O censo B está conformado polos matadoiros, con outras dúas categorías. Na de menos de 2.000 canais sacrificados ao ano (escollen un representante) o titular será Frigoríficos del Ea e o suplente Bandeira, mentres que entre os matadoiros de máis de 2000 canais ao ano (que contan con 3 vocais), os titulares serán o matadoiro do Carballiño, Novafrigsa e Baixo Miño e como suplentes Carnicosa e Carnes Viana.

Os 8 representantes de matadoiros, salas de despece, grosistas e detallistas foron pactados no seo da Asociación Galega da Carne (Asogacarne)

Estas listas únicas foron pactadas no seo da Asociación Galega da Carne (Asogacarne) onde tamén se repartiron os postos para salas de despece e grosistas e detallistas. Representarán ás salas de despece Vego Supermercados e Albresa e será suplente Carnicas Milucho. Como grosistas e retallistas entrarán no Consello Regulador Gadisa e Alfredo Galván e como suplente figurará Carnicas M. Boo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información