Se a semana pasada a Central Agropecuaria de Galicia (Silleda) rexistrara o maior prezo medio da súa historia na categoría de becerros carniceiros, con 1.273 euros, hoxe volveu establecer a súa marca. Fíxoo ao superar esa cantidade amplamente e alcanzar un prezo medio en tenreiros carniceiros de 1.311 euros.
Unha cantidade favorecida, do mesmo xeito que o pasado martes, por continuar a alza de prezos derivada da escaseza deste tipo de animais para consumo ante a súa alta exportación a países do Magreb.
En canto á afluencia de gando, na xornada de hoxe asistiron un total de 1.239 animais, dos cales foron adxudicados 1.210; unhas cifras superiores á pasada semana. En canto aos prezos das demais categorías, houbo subida en case todas.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 122 euros, 18 euros menos que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 181 euros, cun descenso de 24 euros, e os de máis de 50 días a 212 euros (-39 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 438 euros (+10 euros), mentres que as femias vendéronse a 296 euros (-9 euros). Os de 21 a 50 días chegaron aos 511 euros (+16 euros) e as femias baixaron 16 euros e quedaron en 339 euros de prezo medio. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 687 euros (-20 euros) e as femias de 495 euros (+65 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial subiron 64 euros con respecto á poxa pasada e alcanzaron un valor medio de 1.373 euros; as femias subiron até os 1.159 euros (+16). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.425 euros de media os machos, o que supón unha suba de 9 euros e que as femias baixaron o seu valor medio en 16 euros, até os 1.197 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema diminuíron 4 euros o seu valor e fixan unha media de 1.395 euros por animal.
No vacún maior houbo tan só unha baixada nos prezos da categoría de extra, que caeu o valor medio en 94 euros e fixou un prezo de saída de 2.111 euros. Na categoría primeira a suba foi de 9 euros e vendéronse a un prezo medio de 1.154 euros; na segunda, o incremento foi de 4 euros e saíron a 766 euros. Finalmente, na categoría de desfeito os animais vendéronse a 458 euros (+159 euros). Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia subiron o seu valor medio 314 euros, alcanzando un prezo de saída de 1.769 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino presentan baixadas con respecto á pasada semana. Así, houbo un descenso de 0,20 no selecto (1,625) e no normal (1,60); mentres que no de canle II a caída foi de 0,026 (2,078). O de desvelle queda igual: 0,76/0,82.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa seguen nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.
O mercado do ovo, pola contra, presenta subidas de 0,05 en todos os tamaños: os da XL cotizáronse a 3,10; os da L a 2,50; os da M a 2,17 e os da S a 1,88 euros.
O prezo do coello mantense igual nos 2,5 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).