Segundo prezo máximo por un becerro carniceiro en Silleda

O animal acadou 1.574 euros. Seguen a baixada na recría de frisón e vacún maior. Houbo unha leve recuperación da recría de razas de cruce

Segundo prezo máximo por un becerro carniceiro en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistrou hoxe na categoría de becerros carniceiros o
segundo mellor prezo acadado por un exemplar, o cal ascendeu a 1.574 euros. Hai pouco máis de dous anos, o 11 de xullo de 2017, logrouse o récord actual, que se sitúa nos 1.638 euros pagados por un becerro. Pese a esta cifra, o prezo medio dos becerros carniceiros baixou esta semana, ó igual que aconteceu coa recría de raza frisoa e o vacún maior. Mentres, houbo subas na recría de cruces industriais. Nas mesas de cotizacións, mantívose o prezo do porco cebado e o dos leitóns volveu baixar. Os ovos, as galiñas e os coellos continuaron sen cambios esta semana.

No caso dos becerros carniceiros, a pesares do prezo histórico acadado por este exemplar, o prezo medio rexistrou unha baixada xeral. Os animais de raza frisoa cotizáronse a 512 euros, no caso dos machos 119 euros menos que hai unha semana. E nas femias, aínda que non rexistraron unha baixada tan acusada, o prezo medio foi de 401 euros, 10 euros menos. Nos becerros de cruce industrial, os machos baixaron 6 euros ata os 917 euros, mentres que as femias se cotizaron a 810 euros, 1 euro máis que a sesión anterior.

Nos becerros de recría, os de raza frisoa volveron baixar esta semana no caso dos machos, mentres que as femias conseguiron un leve repunte dos prezos. Os becerros de menos de 20 días baixaron 27 euros ata os 60 euros. Nas femias desta categoría acadáronse os 27 euros, logo de incrementarse en 9 euros. Nos animais de entre 21 e 50 días, a sección máis abundante e representativa, o prezo medio foi de 96 euros, 11 menos que hai unha semana. No caso das femias, o prezo acadou os 82 euros, logo dunha suba de 41 euros. Nos becerros de máis de 50 días, nos machos a baixada foi de 4 euros, ata os 113 euros e nas femias incrementouse en 45 ata lograr os 122 euros.

Na recría de razas de cruce industrial, os becerros de menos de 20 días acadaron os 213 euros, logo dunha suba de 17 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días houbo unha baixada de 8 euros con respecto á semana anterior e o prezo medio foi de 282 euros. Nos becerros de máis de 50 días a suba foi mímina, 1 euro, ata os 392 euros.

Baixada no vacún maior

Tamén o vacún maior rexistrou unha baixada dos prezos en tódalas seccións. As vacas de primeira categoría pagáronse a 1.082 euros, 15 menos que a semana anterior. As vacas de segunda rexistraron un baixada do prezo de 19 euros ata os 703 euros de media e as vacas de desvelle cotizáronse a 439 euros, 26 euros menos que a semana anterior.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun-30_07_2019

Continúa á baixa o prezo dos leitóns

En canto ó porcino, a mesa de cotización decidiu manter sen variacións o prezo do porco cebado. O selecto e o normal quedan nos 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,896 euros o quilo. Tampouco houbo cambios esta semana no prezo dos animais de desvelle que se mantén entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo.

Continúa a baixar o prezo do leitón unha semana máis. Nesta sesión o prezo baixou 3 euros por unidade. Así, a cotización do bacoriño de 20 quilos queda nos 54 euros para os animais procedentes dunha única granxa e nos 49 euros para os de varias ganderías. O prezo por quilo é de 2,7 e 2,45 euros respectivamente.

Nesta xornada non houbo variacións no prezo dos ovos. Deste xeito, os ovos de categoría XL mantéñense a 1,31 euros a ducia, os da L están en 0,99 euros, os da M en 0,96 euros e os da S a 0,81 euros. Mentres, o prezo da galiña de desvelle continúa sen variacións nun intervalo de 0,09 e 0,17 euros o quilo.

No referido ó prezo do coello mantense sen cambios e cotízase a 1,85 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-Porcino--30_07_2019-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información