A Central Agropecuaria de Galicia alcanzou hoxe o segundo maior volume de transaccións do mercado, con 1.160.975 euros (o maior está en 1.341.387 euros, rexistrado o pasado 17 de decembro). Unha facturación alcanzada pola cifra de transaccións dos becerros de recría (394.978 euros), a cal foi a segunda máis alta da categoría; a dos becerros cebados (200.796 euros), que foi a quinta máis alta da categoría, e tamén unha boa facturación na categoría de vacún maior (565.201 euros).
Estas cifras alcanzáronse nunha xornada na que a asistencia chegou aos 1.489 animais, dos que se adxudicaron 1.422; un volume superior ao da pasada semana. En canto aos prezos, presentan oscilacións nas diferentes categorías.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado por distintos factores, máis alá das tendencias do mercado.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 150 euros, 20 euros menos que na da semana pasada; os de 21 a 50 días a 219 euros, cun descenso de 12 euros; pola contra, os de máis de 50 días que se pagaron de media a 299 euros (+10 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 468 euros (+12 euros), e as femias vendéronse a 339 euros e subiron 26. Os de 21 a 50 días chegaron aos 549 euros (-15) e as femias a 380 euros (-16 euros). Os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 713 euros (+18 euros) e as femias de 481 euros (-40).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron o seu valor medio 55 euros e chegaron aos 1.276 euros con respecto á poxa pasada, mentres que nas femias o incremento foi de 102 euros e chegan aos 1.167 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.373 euros de media os machos (+3 euros) e a 1.227 euros as femias (-51). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema incrementaron o seu valor 20 euros e fixan unha media de 1.384 euros por animal.
No vacún maior, só houbo baixada na categoría extra (-112 euros) e os animais saíron por un valor medio de 2.115 euros. Na categoría primeira a suba foi de 26 euros e alcanzaron un prezo de 1.157 euros; os de segunda ascenderon 3 euros e chegaron aos 831 euros de media e finalmente na categoría de desfeito non houbo vendas. Os prezos dos animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia presentan unha caída de 185 euros e quedan cun prezo de saída de 1.660 euros.
Visita da conselleira de Medio Rural á poxa
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor a Central Agropecuaria de Galicia de Silleda como referente na comercialización do gando dentro da nosa comunidade e mesmo a nivel nacional. A conselleira, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, asistiu á segunda poxa de gando celebrada no que vai de ano nesta Central e salientou que o de Silleda é un dos oito mercados de gando que existen en España, dos cales tres están en Galicia (os outros dous son os de Amio, en Santiago de Compostela, e Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei).
Nesta liña, Gómez puxo de relevo que a Central, xestionada pola Fundación Semana Verde, destaca tamén por levar a cabo a única poxa de gando bovino informatizada do país. Trátase, explicou, dun sistema de poxa pública con xestión informática, o que exclúe a presenza de intermediarios e facilita o proceso de compra.
Por iso, a conselleira engadiu que para Galicia “é toda unha honra poder contar con instalacións destas características, pioneiras en innovación e que nos achegan cifras que poñen de relevo a boa situación da que está a gozar o sector.” Así, lembrou que no ano 2024 houbo unha asistencia ao mercado de 53.732 animais, que supoñen un volume de transacción de máis de 39 millóns de euros. Ademais, a asistencia aumentou un 6,1% con respecto ao exercicio anterior, acadando a mellor cifra dende o ano 2009.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino baixan en case todas as categorías e páganse da seguinte maneira: o selecto a 1,575 euros/kg (-0,02); o normal a 1,550 (-0,02); a canle II a 2,013 (-0,026) e o de desvieje mantéñense nos 0,65/0,71.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa mantéñense nos 73 euros (cun prezo de 3,65 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 68 euros e cun prezo por quilo de 3,4 euros.
No mercado do ovo, os prezos mantéñense igual: os da XL en 3,13 euros; os da L en 2,59; os da M en 2,38 e os da S a 2,08.
O prezo do coello segue nos 2,40 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).