Segundo caso de dermatose nodular en Girona e inicio da vacinación este mércores

Segundo caso de dermatose nodular en Girona e inicio da vacinación este mércores

Vacas de leite nunha gandería catalana. / Arquivo.

Unha gandería de vacún de leite da comarca do Alt Empordá (Girona) é o segundo caso de dermatose nodular en Cataluña, segundo se confirmou na tarde noite de onte. A explotación, ubicada no municipio de Peralada, atópase nun concello límitrofe do primeiro caso (Castell d’Empordá), polo que a Generalitat catalana optou por manter a zona de contención de 50 quilómetros xa aprobada.

O novo caso detectouse o sábado 4 e confirmouse por análise do laboratorio o domingo 5. O positivo afecta a unha gandería de 270 cabezas, na que se executará un baleirado sanitario do gando e posterior desinfección das instalacións.

Por razóns de bioseguridade e confidencialidade, o Govern catalán sinala que non facilitará datos sobre a identidade das explotacións afectadas. Trátase así de evitar o achegamento ás granxas afectadas de persoas e vehículos alleos ó proceso de contención, o que podería dificultar os traballos.

En paralelo ó baleirado das ganderías afectadas, Cataluña iniciará este mércores a vacinación de todo o gando bovino situado na zona de contención decretada, na que hai 800 ganderías con 93.000 animais, que non poden saír da área de contención salvo con destino a matadeiro.

A decisión de vacinar ó gando na zona de contención, que se fixo pública este domingo, iniciarase así 5 días despois de que se comunicara o primeiro positivo, que afectou a un cebadeiro de xatos de 123 animais.

Medidas adicionais
O departamento de Agricultura catalán explica que está traballando ademais nunha proposta de indemnizacións para as ganderías afectadas. Tamén ofrecerá apoio psicolóxico ós gandeiros que o precisen.

Outra das decisións é habilitar unha liña telefónica para xestionar as consultas das explotacións sobre a enfermidade.

Estudo da orixe dos focos
A Generalitat está a facer un estudo da trazabilidade dos animais afectados, para tratar de determinar unha posible orixe do foco. Unha das hipóteses é que a dermatose nodular teña chegado a Cataluña a través da importación de xatos de recría franceses para cebadeiros cataláns, pois o Alt Empordá sitúase na fronteira con Francia e existe un fluído comercio de animais co país veciño.

Como vai impactar a dermatose nodular nas compras de xovencas e nos mercados gandeiros?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información