O próximo martes celebrarase en Madrid a segunda reunión do comité de seguemento do acordo lácteo, na que a Consellería do Medio Rural agarda que se coñeza quen está a cumprir e quen incumpre o acordo lácteo, segundo manifestou estes día a conselleira, Ángeles Vázquez. Na anterior xuntanza da comisión, decidírase a presentación dun informe trimestral sobre o grao de cumprimento do acordo.
Desde a Consellería do Medio Rural destacan os avances nos compromisos asumidos polo Ministerio. En breve, cóntase con que se publique o decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite entre industria e distribución. A Consellería tamén anunciou que está a traballar co Ministerio nun decreto para regular a figura dos primeiros compradores, intermediarios entre gandeiro e industria na compra venda de leite. A maiores, a Xunta considera importante que se chegara a un acordo de contrato homologado para a compra venda de leite.
A reunión da comisión de seguemento lácteo deste martes chegará un día despois do encontro que manterán na Coruña representantes de Carrefour cos gandeiros da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. A Plataforma cumpre dez días de bloqueos ás cadeas de distribución para presionar por unha mellora dos prezos do leite no supermercado que repercuta en cadea no resto do sector, industrias e gandeiros. Desde a Plataforma entenden que ese é un compromiso que se deriva do acordo lácteo pero que non se estaba a cumprir.