Prezo medio máximo en Silleda en xatos de recría e becerros carniceiros

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou esta semana novos récords nos prezos medios dos xatos de recría, situados por enriba dos 535 euros, e nos becerros carniceiros, que superaron os 1.500 euros

recria central agropecuaria silledaA Central Agropecuaria de Galicia rexistrou de novo este martes dúas marcas en canto a prezos medios. Por una banda, a categoría de becerros de recría, que acadou a súa maior media con 535,99€ (o máximo estaba nos 534,21€ do martes 8 de abril) e, por outra banda, a categoría de becerros carniceiros, que acadou os 1.525,44€ de media (o máximo estaba nos 1.455,20€ do 4 de marzo). 

Silleda becerros recria 22-4-25A alta demanda está a tirar dos prezos, cunha oferta limitada: 129 animais no caso dos becerros carniceiros e 818 xatos de recría, 260 de raza frisoa, 26 de rubia galega e 508 de cruce industrial.

Silleda becerros carniceiros 22-4-25No vacún maior vendéronse 247 animais, a maioría vacas de categoría extra, acadando unha media de 2.377 euros. A categoría primeira quedou en 1.235 euros e a segunda en 829 euros.

Silleda vacun maior 22-4-25No que respecta ás mesas de prezos de porcino, ovos, galiñas e coellos, non sufriron variacións esta semana.

Pódese consultar a táboa completa de cotizacións no seguinte enlace

Visita á Central Agropecuaria de Galicia Abanca en Silleda

Visita de Pedro Clos este martes á Central Agropecuaria de Galicia Abanca en Silleda

Visita do catalán Pedro Clos, primeiro comprador en apoiar a poxa fai máis de 40 anos

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA contou este martes cunha visita moi significativa, a do gandeiro catalán Pedro Clos. Este gandeiro xa xubilado foi o primeiro en comprar gando na poxa deste mercado cando esta se puxo en marcha a principios dos anos 80 e ningún operador apostaba pola poxa da, naquel entón, Lonxa Agropecuaria de Galicia.

Comezou así, fai máis de corenta anos, a comprar becerros (non foi ata máis tarde cando tamén se introduciu o vacún maior) que levaba a Cataluña. O seu apoio foi esencial no arranque e posteriormente continuidade do mercado silledense.

Durante boa parte desta mañá Clos percorreu as instalacións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA para coñecer as súas infraestruturas, instalacións e funcionamento na actualidade, no que destaca o seu proceso informatizado.

Pedro Clos mercaba gando en Galicia para levar a Cataluña e apostou polo sistema de poxa cando boa parte do sector era reticente

Na súa visita á Central este gandeiro catalán estivo acompañado por distintos representantes da Xunta de Galicia, tales como o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; o xefe de servizo de Gandería en Pontevedra, Víctor Muñoz, e a xefa de servizo de Explotacións Agrarias en Pontevedra, Julia Pérez. Ademais, tamén contou coa compañía do expresidente da Fundación Semana Verde de Galicia, José Maril, quen fixo posible esta visita de Pedro Clos, e o actual director desta entidade feiral, Ricardo Durán. 

Silleda, un referente

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA constitúe hoxe en día un referente no ámbito agropecuario por contar desde o ano 1994 coa única poxa de vacún informatizada de España, a cal exclúe ao intermediario, outorga transparencia a un sistema no que se evita o regateo e optimiza os prezos.

Trátase dun mercado pioneiro que ademais non deixa de modernizarse. Así, en 2021 introduciu un sistema para comunicar a través do móbil aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real, co cal estes non teñen que acudir ao recinto para aceptar ou rexeitar as poxas. Ese mesmo ano estableceuse a opción de que os compradores puidesen poxar desde o móbil a través dunha aplicación propia da Central, sen necesidade de utilizar tiras de papel.

A Central Agropecuaria de Galicia conta desde o ano 1994 coa única poxa de vacún informatizada de España

Agora, en 2025, a Central da un paso máis nestes dous servizos. Por unha banda, estívose traballando na aplicación propia da Central para unificar nela tanto a realización das poxas por parte dos compradores como a recepción de resultados e a aceptación ou rexeitamento dos mesmos por parte dos vendedores. Unha unificación que xa está en probas e que están a utilizar algúns usuarios.

Por outra banda, iniciouse un proceso para que a dixitalización na introdución de poxas a través do móbil que xa está operativa, sexa completa, polo cal se eliminarán as tiras en papel para levalo a cabo unicamente a través da aplicación da Central. Unha dixitalización que, novamente, busca modernizar e mellorar as operacións dos usuarios do mercado: os compradores sempre terán accesible a súa poxa no móbil, poderán facer o sumatorio da cantidade de diñeiro que poxaron nesa poxa ou noutras pasadas ou filtrar por criterios para poxar soamente por aqueles animais que lles interese. Ademais, terán a posibilidade de comprobar todos os datos dos animais no móbil, como idade ou se teñen algunha restrición sanitaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información