Seguen sen comprador para o leite dúas das catro granxas que deixou Reny Picot o 31 de marzo

Seguen sen comprador para o leite dúas das catro granxas que deixou Reny Picot o 31 de marzo

Dende que entraron en vigor os novos contratos lácteos o pasado 1 de abril, catro explotacións da zona de A Mariña (Lugo) tiveron que tirar parcial ou totalmente o seu leite ao non chegar a un acordo coa empresa Reny Picot. Dúas delas xa atoparon comprador, outra ten moi avanzadas as negociacións pero a cuarta non atopa quen lle recolla o produto.

Brais Álvarez, Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego, sinala que as dúas ganderías que solucionaron o problema fixérono ao entrar a última hora nas rutas de recollida dunha empresa da zona. E unha terceira tamén podería acollerse a esa empresa, se ben o acordo non se concretou aínda.

“A dificultade está en que a situación se produciu nun momento en que todas as industrias e compradores están a reconfigurar as rutas, polo que non a todas lles é fácil colaborar na solución deste imprevisto”, explica Álvarez.

Un problema que debera levar á reflexión ás industrias, segundo Álvarez, é que a granxa que non atopa recolledor pertence a un mozo de menos de 40 anos. O cal pon en risco a continuidade dunha persoa con idade moi por baixo da media galega nas granxas de leite.

Os dous afectados principais levan tirando o leite dende o día 1, ao non podela comercializar por non dispoñer de contrato. Dende o Sindicato Labrego tentaron que se acolleran á cláusula dalgúns contratos que permiten a prórroga automática por dous meses, pero nestes casos non foi posible.

Tampouco axudou o feito de que a caducidade dos contratos en vigor se producira xusto na véspera do xoves santo, xa que durante catro días foi practicamente imposible falar con ningún responsable de compras das industrias polas vacacións de semana santa, sinala o responsable da organización agraria.

Nestes días establecéronse conversas con boa parte das empresas lácteas galegas e tamén con queixerías, pero segue sen haber unha solución. Ben porque as rutas xa están definidas para os vindeiros meses, ben porque as condicións non convencían a algunha das partes.

“O que non se entende é que se deixe de recoller o leite nun contexto de peche xeralizado de explotacións. E menos a granxas que están a apenas 40 minutos dos puntos de procesado e envasado. Incluso en industrias que fan negociacións colectivas e non granxa por granxa parece rara esta actitude”, conclúe Álvarez.

O Sindicato Labrego informa á AICA da situación do sector lácteo

Isabel Vilalba, da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) mantivo unha xuntanza na sede da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA). O seu obxectivo era presentar á AICA información de primeira man sobre situacións e casos concretos nos que consideran que se produciron abusos, obrigando os gandeiros a asinar contratos que van en contra do fixado na Lei da Cadea Alimentaria.

“Mentres os custos medran notablemente como consecuencia da guerra no Golfo Pérsico, a industria impón baixadas de prezos, sen ningún tipo de negociación, provocando situacións xeneralizadas e claramente sancionables de compras por baixo do custo de produción”, afirmou Vilalba.

Isabel Vilalba estivo acompañada por membros da COAG  na súa xuntanza coa AICA

Isabel Vilalba estivo acompañada por membros da COAG na súa xuntanza coa AICA

A representante do SLG-CCLL, que estivo acompaña por unha delegación da Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG), pediulle á AICA que aumente as inspeccións de oficio ante prácticas que poderían vulnerar a Lei.

Dende a organización agraria afirman que “cada día que unha granxa se ve forzada a refugar a
súa produción perde entre 1.200 e 1.800 euros, o que supón máis de 40.000 euros mensuais, abocando a moitas delas a unha situación crítica e ao bordo do peche.” Os representantes agrarios departiron coa AICA sobre a conxuntura do mercado lácteo tanto a nivel estatal como internacional, centrándose na falta de xustificación dos baixos prezos marcados polas industrias e en ausencia de negociación cos gandeiros.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información