Seguen crecendo as exportacións de viños de Rías Baixas, que xa alcanzan os 66,5 millóns de euros

As vendas internacionais representa o 31% do total, con Estados Unidos e Reino Unido á cabeza

Publicidade

vinho rias baixasA pesar de todas as trabas que se empeñan en poñer ao sector do viño, as exportacións durante a campaña 2024/2025(do 1 de setembro de 2024 ao 31 de agosto de 2025) na Denominación de Orixe Rías Baixas crecen tanto en volume como en valor. Así o mostran as cifras facilitadas polas adegas adscritas, que presenta agregadas o Consello Regulador, con incrementos do 6,82 % en volume e do 7,20 % en valor, exportando un total de 8.378.501 litros, que equivalen a 11.171.334 de botellas e a valor de 66.740.014 €.

Unhas vendas que chegan a máis de 107 países, aínda que máis do 91 % das exportacións concéntranse no mercado americano e da Unión Europea. Estas cifras representan un 31 % do total de vendas da última campaña na Denominación de Orixe Rías Baixas.

O prezo medio sitúase nos 7,97 euros por litro

Os viños de Rías Baixas atópanse entre os mellores brancos do mundo. Por iso o seu prezo medio non para de crecer. Tanto é así que o prezo medio de saída de adegas dos viños Rías Baixas sitúase nos 7,97 euros por litro, un 0,03 € máis que a campaña anterior. O presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes, manifesta a súa satisfacción polas cifras: “Creo que estamos no bo camiño en canto ás vendas da Denominación de Orixe Rías Baixas. A aposta a nivel promocional do Departamento de Marketing está a ser acertada, así o corroboran as cifras. Pero tamén é certo que hai moito traballo previo de viticultura e de elaboración por parte dos viticultores e as adegas para elaborar un viño branco de calidade contrastada, tanto a nivel nacional como internacional. É de agradecer o esforzo que se realiza desde o sector de Rías Baixas, que é fundamental”.

exportacions baixas 1(Distribución das exportacións por áreas xeográficas)

A maior parte das 11.171.334 botellas vendidas repártense en volume no seguinte top ten, e por esta orde: Estados Unidos, Reino Unido, Porto Rico, Irlanda, México, República Dominicana, Suecia, Países Baixos (Holanda), Bélxica e Canadá. Todos eles, salvo Irlanda e Suecia que descenden un 11,25 % e un 5,73 % respectivamente, incrementaron os seus volumes de vendas nesta campaña. Cabe destacar o aumento dun 45 % de Bélxica, dun 31,76 % de México ou dun 16,89 % de Holanda.

En canto ao valor das exportacións, os seis primeiros destinos mantéñense similares ao volume, mentres que a sétima posición é ocupada por Holanda, seguido de Suecia, Alemaña (que irrompe na novena posición) e finalmente Bélxica, quedando Canadá relegado á undécima posición. Novamente, todos estes países do top-ten, incrementan o valor das súas exportacións, fóra de Irlanda cunha baixada do 10,98%. Reseñables son crecementos como México (+32,25%), Bélxica (+30,33%), Reino Unido (14,90%) e Holanda (+14,66%). O secretario do Consello Regulador, Ramón Huidobro, explica que “os nosos viños son apreciados internacionalmente, pero hai mercados onde aínda non son suficientemente coñecidos. É por iso, que debemos pensar ao grande. Reposicionar os viños de Rías Baixas nos mercados, apostando pola calidade, polos viños de garda, de colección, de longas crianzas. Porque as nosas variedades autóctonas son xoias enolóxicas que merecen ser descubertas e valoradas polos consumidores”.

A área xeográfica con maior peso na exportación de viños de Rías Baixas é América, con 55,91% do volume total e unha porcentaxe de crecemento do 6,36 % nesta última campaña. Séguelle a Unión Europea, co 35,61 % das vendas e un incremento de 8,36 %. Dúas áreas que concentran o 91,51 % do total do volume de viños vendidos polas adegas acollidas na Denominación de Orixe Rías Baixas.

exportacions baixas 2(Top 10 países exportadores)

Promoción en mercados

Na campaña 24/25 exportaron un total de 107 adegas da denominación. Destas, 86 xa venden en Estados Unidos e 82 en Reino Unido. Cabe mencionar as 35 que están presentes no mercado portorriqueño e as 35 no irlandés. O Consello Regulador, dentro do seu labor de apoio á internacionalización dos seus viños, inviste o 17,78 % do seu orzamento, en actividades orientadas a fomentar a penetración nos mercados de exportación, desenvolvendo diferentes plans promocionais en: Estados Unidos, Reino Unido, Irlanda, Porto Rico, México, República Dominicana, Holanda, Bélxica e Suíza.

EXPORTACIÓNS CAMPAÑA 2024/2025 POR DESTINOS

Captura de pantalla 2025-11-26 135904

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información