Seguen as augas revoltas na Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA). A asemblea ordinaria que se celebrou esta mañá no Hotel Torre de Núñez de Lugo foi supendida polo actual presidente, César Dorado, ante as protestas do sector crítico e ao non contar con apoios para sacar adiante os puntos da orde do día.
Desta forma, Acruga segue sen ter aprobadas as contas e o balance de xestión do ano 2023 e o orzamento deste ano, entre outros puntos da orde do día, e cunha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia de Lugo que anulou as últimas eleccións celebradas, que se saldaron cunha vitoria axustada de César Dorado, á fronte de ACRUGA dende hai 19 anos, fronte á candidatura encabezada por David López.
A asemblea comezou cara as 11:30 horas desta mañá coa asistencia duns 100 socios de ACRUGA. Previamente, a candidatura alternativa mantivo no mes de abril negociacións coa directiva en funcións encabezada por César Dorado para acordar un regulamento electoral consensuado para repetir as eleccións, tal e como establece a xustiza. “Fixemos unha proposta para que se incluíse na orde do día pero César Dorado fixo caso omiso e dixo que xa se vería cando houbera novas elecións. Votouse entón o primeiro punto da orde do día, e como viu que o perdía e que había protestas supendeu a asemblea, cun comportamento pouco democrático”, asegura David López, da candidtura alternativa.
Campo Galego intentou poñerse en contacto coa directiva de Acruga para recoller a súa valoración, pero non tivo resposta ata o momento.