O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea publicou este mércores as últimas cotizacións dos produtos lácteos, destacando a suba xeralizada, con maior intensidade no caso da manteiga, coa excepción do leite desnatado en pó, que baixa. O prezo do leite spot en Italia mantense estable nos 0,553 euros o litro. O prezo medio na UE está nos 0,535 euros o litro no mes de xaneiro.
En concreto, no territorio da UE as cotizacións desta primeira semana de abril para os produtos lácteos son as seguintes:
-Manteiga: 742 €/100 kg, +1,3 % nas últimas catro semanas, segue en máximos históricos
-Leite desnatado en po (SMP) 247 €/100 kg, -1,6 % ,,
-Leite enteiro en po (WMP): 440 €/100 kg, + 1,0 % ,,
-Queixo cheddar: 473 € /100 kg +0,8% nas últimas catro semanas
Os custos de produción nas ganderías de vacún de leite da UE seguen baixando: un 0,7% menos no caso da alimentación e un 3,4% na enerxía, respecto a hai un mes.
En canto á situación dos principais países exportadores de lácteos, Estados Unidos é máis competitivo nos prezos da manteiga, do queixo e do leite en po desnatado, mentres que Nova Zelanda éo no leite en po enteiro.
Poxa de Fonterra
Por último, a poxa desta semana da cooperativa neozelandesa Fonterra rematou cunha suba do 1,1% no seu índixe xeral de prezos. En concreto, caeu a cotización do leite en po enteiro -o seu principal produto de exportación- nun 0,1 % e tamén na manteiga (-1,2%), mentres que se rexistraron subas no caso do queixo (+1,7%) e no leite ne po desnatado (+5.9%).