Este fin de semana Lalín será o epicentro do sector agrogandeiro. Desde mañá, venres, ata o domingo haberá variadas actividades ao redor de Feiradeza, que terán lugar no espazo do Lalín Arena.
O programa de actividades empeza mañá venres, coa exposición de maquinaria e casetas, que estará aberta durante todo o fin de semana. Pola tarde, celebrarase o XXIX Concurso de Novos Preparadores de Gando, organizado polo Clube de Xóvenes Ganadeiros de Galicia. Este concurso é o último puntuable para elixir os vencedores do Concurso de Clun que asistirán ao The Young Breeders School (YBS) en Bélxica. Ao finalizar haberá unha inauguración.
Sábado de concursos
A cita do sábado empezará co concurso das xatas e xovencas para escoller as campioas de Feiradeza e Open Internacional, posto que participan animais nados en toda Galicia, noutras Comunidades e tamén noutros países. Este campionato, do mesmo xeito que o de vacas, será xulgado polo xuíz de CONAFE Julián Rodríguez, gandeiro de Casa Flora (Cantabria). Este certame emitirase en directo a través da canle de YouTube de Campo Galego.
Pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar o concurso de manexo de tractores que conta coa colaboración das empresas TLM, Talleres Jomabe, Maxideza, Blanco y Oro e Hermanos Toimil. Para motivar á participación, nesta edición haberá premio para os tres primeiros de 600 euros, patrocinado por Maxideza.
Ás 18:00 será a quenda da mostra da raza Limosina e ás 19:00 horas o concurso de vacas de leite, que conta con algunhas sorpresas e que tamén se pode seguir en directo pola canle de YouTube de Campo Galego. Para finalizar, terá lugar FestaDeza con petiscos e música en directo.
Durante a xornada haberá unha proba de rodeo americano, ao que dende a organización convidan a participar a todas as persoas, xa que haberá un premio para a que máis tempo aguante.
Entrega de premios o domingo
O domingo, ás 11:00 horas, terá lugar o Concurso de Novos Manexadores, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros. Seguido, será a XV Poxa de gando frisón na que sairán uns 20 animais de Finca Mouriscade.
Para finalizar o evento será a entrega de premios, os sorteos e o acto de clausura.
Ligazóns do directo