Este fin de semana Lalín será o epicentro do sector agrogandeiro. Desde a tarde deste venres, ata o domingo haberá variadas actividades ao redor de Feiradeza, que terán lugar no espazo do Lalín Arena.
O programa de actividades empezou este venres coa exposición de maquinaria e casetas, que estará aberta durante todo o fin de semana. Esta tarde estase a celebrar o XXX Concurso de Novos Preparadores de Gando, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. Este concurso é o último puntuable para elixir os vencedores do Concurso de Clun que asistirán ao The Young Breeders School (YBS) en Bélxica.
Sábado de concursos
A cita do sábado empezará ás 10:00 horas co concurso das xatas e xovencas para escoller as campioas de Feiradeza e Open Internacional. Este campionato, do mesmo xeito que o de vacas, será xulgado polo xuíz internacional francés Anthony Le Trionnaire. Este certame emitirase en directo a través da canle de YouTube de Campo Galego.
Pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar o concurso de manexo de tractores que conta coa colaboración das empresas TLM, Talleres Jomabe, Maxideza, Blanco y Oro e Hermanos Toimil. Para motivar á participación, nesta edición haberá premio para os tres primeiros de 600 euros.
Ás 19:00 horas comeza o concurso de vacas de leite, que conta con algunhas sorpresas e que tamén se pode seguir en directo pola canle de YouTube de Campo Galego.
Outra das novidades deste edición é que o sábado pola noite tamén se entregarán no Lalín Arena as mencións honoríficas ás mellores ganderías de Lalín, en base aos datos de AFRICOR PONTEVEDRA. Serán distincións ás 3 mellores explotacións de vacún de leite por clasificacion morfolóxica, por produción, así como ás 3 mellores vacas por produción vitalicia, por ICO e tamén ás mellores 3 vacas primerizas de ganderías do concello de Lalín.
A xornada do sábado concluirá cunha festa do agro co grupo Broken Peach, un concerto aberto ao todo o público e que foi posible grazas á colaboración económica de NUDESA, ENOVA Enerxía e ASCOL.
Entrega de premios o domingo
O domingo, ás 11:00 horas, terá lugar o Concurso de Novos Manexadores, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros. Seguido, será a XVI Poxa de gando frisón na que sairán 18 animais de Finca Mouriscade.
Para finalizar o evento será a entrega de premios, os sorteos e o acto de clausura.
Ligazóns do directo
Concurso de xatas e xovencas
Concurso de vacas