Sector agrícola do Brasil: un xigante en produción e exportación lastrado pola falta de infraestrutura

Brasil é o principal produtor agroalimentario do Mercosur e un dos máis grandes do mundo. Un foro organizado por Rabobank analizou a situación actual da agricultura brasileira e as súas expectativas de futuro. Un país que cobrou interese para os produtores europeos ante o acordo UE-Mercosur

Publicidade

soja Brasil2

Nos últimos meses espertouse en Europa unha forte controversia polos posibles impactos do acordo comercial entre a Unión Europea (UE) e Mercosur -o bloque de integración rexional que abrangue a Arxentina, Brasil, Paraguay e Uruguay-. Se ben as principais protestas procedían do sector gandeiro, a competencia pode chegar tamén pola vía agraria. Coñecemos en detalle a agricultura do Brasil, a economía máis grande do Mercosur.

A agricultura brasileira non deixa de medrar cada ano. Tanto en volume producido como en terra cultivada. Pero a dependencia excesiva dos fertilizantes foráneos e a falta de infraestruturas de almacenamento e de transporte lastran o seu crecemento. Foi a principal conclusión dun foro telemático organizado por Rabobank, unha das máis importantes entidades financieiras vencelladas aos agronegocios.

Fortalezas e debilidades do campo brasileiro

Andy Duff, responsable do departamento de investigación de agronegocios de Rabobank para Sudamérica, sinalou que a agroalimentación e os seus elos supoñen xa o 25% do PIB brasileiro e que xeneran arredor do 20% do emprego. Unhas cifras que, ademais, medran cada ano.

“A relevancia do sector primario no Brasil é xa tan importante que comeza a ter un peso moi significativo nas decisións políticas xerais do país. Por exemplo, xa se están concedendo axudas directas a produtores para garantir a súa actividade, algo habitual en países como os da UE ou os Estados Unidos, pero impensable en Brasil ata hai poucos anos”, dixo Duff.

A importancia da agricultura no PIB e no emprego do Brasil xa se comeza a notar nas decisións políticas xerais (Andy Duff, Rabobank)

E é que en 2024 -o último ano do que hai datos- as exportacións agroalimentarias do Brasil supuxeron uns 164.400 millóns de dólares (uns 190.000 millóns de euros) e significaron o 49% de todas as exportacións do país. De feito, Brasil ocupa o segundo lugar mundial neste tipo de exportacións, sendo só superado polos Estados Unidos e sumando máis que toda a UE xunta.

A agricultura e gandería do país carioca vense favorecidas polas temperaturas e as precipitacións medias anuais na meirande parte dos estados que o conforman. Se ben os solos non son ricos en nutrientes, si teñen unha boa estrutura que permite aproveitalos con eficiencia.

A soia é o principal cultivo brasileiro e a súa máis importante exportación

A soia é o principal cultivo brasileiro e a súa máis importante exportación

O 77% das explotacións agrarias e gandeiras son de titularidade familiar e ocupan 3,51 millóns de hectáreas, é decir, sete veces o tamaño de España. Segue habendo un importante número de explotacións de carácter familiar que abranguen unha media de 82 hectáreas, se ben están orientadas ao mercado interior.

As exportacións agrícolas do Brasil superan amplamente as de todos os países da Unión Europea xuntos

O principal cultivo é a soia, con arredor de 165 millóns de toneladas anuais. E Brasil é o principal produtor mundial de café, con case 3,5 millóns de toneladas. A carne de vacún ocupa o cuarto lugar nas exportacións brasileiras, con 3,7 millóns anuais de toneladas, liderando o mercado mundial nese sector. China é o principal mercado de case todas as exportacións do Brasil.

Outros aspectos positivos do sector agrogandeiro do país americano están nunha crecente tecnificación e profesionalización e na auxe do emprego de novas tecnoloxías. Ademais, dixo o especialista, a produción ecolóxica e as prácticas sustentables medran cada ano pola demanda interna e externa dese tipo de produtos. Por exemplo, nalgunhas zonas levan dende a guerra de Ucrania substituíndo os fertilizantes químicos por bioestimulantes.

A dependencia de fertilizantes foráneos é moi grande en Brasil pola falta de nutrientes nos solos para os cultivos máis importantes

Sen embargo, Duff sinalou tres factores que lastran o desenvolvemento do sector primario no Brasil. Por un lado segue habendo unha enorme dependencia dos fertilizantes que chegan do estranxeiro -45,5 millóns de toneladas o pasado ano- principalmente de Rusia e China.

“A dependencia de fertilizantes foráneos é difícil de superar porque os solos brasileiros son pobres en nutrientes útiles. Rusia e China son os principais provedores e semella que ata o mes de xullo as reservas están garantidas. Pero non se pode desbotar un impacto negativo por causa da guerra en Irán”, explicou Duff.

Duff asegurou que os portos brasileiros non teñen capacidade suficiente para distribuir toda a produción nacional

Duff asegurou que os portos brasileiros non teñen capacidade suficiente para distribuir toda a produción nacional

Outro problema son os intereses bancarios, que seguen sendo altos no país comparados co resto do mundo, e frean o crecemento das explotacións pequenas e endebedadas. Ademais, a carga gandeira por explotación é reducida se se ten en conta a superficie dispoñible para pastos e forraxes.

Pero o principal lastre atópase na falta de infraestruturas. O crecemento da produción non foi parello ao desenvolvemento de redes de transporte e espazos de almacenamento. “Eso provoca que mesmo se perdan colleitas e produtos animais porque non se trasladan a tempo ata os portos ou, aínda que cheguen en boas condicións, non se dispón de suficientes almacéns para conservalos con garantías antes da súa saída do país.”, explicou o especialista.

A importancia de cereais, oleaxinosas e biocombustibles

Marcela Marini, analista especializada no mercado de cereais e oleaxinosas da sede de Rabobank en Sao Paulo, explicou que ambos sectores están nun crecemento imparable dende hai 16 anos. Tanto é así que nese tempo aumentou un 400% a produción e un 20% a superficie dedicada a eses cultivos. O millo e a soia encabezan o ranking, seguidos moi de lonxe polo arroz, o trigo e o sorgo.

“O cambio climático está a favorecer que haxa máis colleitas e que os agricultores aposten por ciclos curtos para acelerar e aumentar a produción. E eso pode acabar sendo un problema porque a falta de infraestrutura fai que se agolpen grandes volumes e o seu movemento se vexa dificultado”

Por outro lado, ese crecemento leva parello un sobreemprego da terra e unha crecente dependencia dos fertilizantes que chegan do estranxeiro. A “safrinha” -a segunda colleita anual de millo- é na que se centran os esforzos e a que converte a Brasil no segundo exportador mundial, con máis de 100 millóns de toneladas.

Se ben a produción está cada vez máis profesionalizada e tecnoloxizada, vese lastrada por unha falta de infraestruturas básicas (Marcela Marini, Rabobank)

“Na actualidade xa hai 21,8 millóns de hectáreas dedicadas ao millo safrinha. E, malia que a soia segue a ser o cultivo máis abondoso, o millo deixa máis marxe de beneficio a produtores, maioristas e exportadores.”

Marini sinalou que o consumo interno de millo no Brasil medra cada ano. En boa medida pola elaboración de bioetanol. No último exercicio destináronse 27 millóns de toneladas do cereal para fabricar bioetanol. Con todo, a cana de azucre segue a ser a principal fonte de bioetanol e a produción combinada dese combustible e de biodiesel supera os 43.000 millóns de litros anuais. E é que Brasil produce 700 millóns de toneladas anuais de azucre.

A segunda colleita anual de millo -a "safrinha"- é a de maior valor engadido

A segunda colleita anual de millo -a “safrinha”- é a de maior valor engadido

Se ben non é un cultivo do seu ámbito, Marini quixo citar a grave crise que está a atravesar o sector co cacao brasileiro. “Os fenómenos climáticos extremos nas rexións produtoras xunto con pragas de fungos e insectos levaron a unha caída da produción do 18% anual nos últimos anos. A eso hai que engadirlle a inestabilidade dos prezos internacionais e os aranceis impostos polos Estados Unidos ao cacao do Brasil”

O bioetanol e o biodiesel consumen unha parte importante das colleitas pola crecente demanda interna deses combustibles

A especialista rematou a súa intervención falando da crecente importancia do sorgo na agricultura do país. “En só 10 anos aumentou un 380% a cantidade producida, acadando xa os 5 millóns de toneladas no ano 2024. E eso que só se emprega naquelas zonas en que o millo non é totalmente rendible ou só se cultiva unha colleita de millo, deixando outra para sorgo”

Mercados e expectativas de futuro

Tamén analista de cereais e oleaxinosas de Rabobank, Stephen Nicholson, apuntou como grande vantaxe do Brasil respecto de calquera outro país ou rexión do mundo a posibilidade de seguir ampliando a medio prazo a Superficie Agraria Útil (SAU) e, con eso, a produción e as exportacións.

Dese xeito, para 2030 Brasil podería chegar a 180 millóns de toneladas de soia, mantendo sobradamente a súa condición de maior exportador mundial. No caso do millo, a colleita chegaría a 152 millóns de toneladas e coa tendencia crecente a sementar millo onde previamente e no mesmo ano houbo soia.

As rexións interiores representan unha enorme posibilidade de crecemento produtivo para o Brasil, algo que non sucede na maioría de países (Stephen Nicholson, Rabobank)

Outro cultivo no que Brasil está nas primeiras posicións do ranking mundial, subliñou Nicholson, é o algodón, sendo o primeiro exportador mundial dende 2024, con 3,7 millóns de toneladas, e superando por vez primeira a Estados Unidos. E eso sen ser o maior produtor xa que China e India copan as primeiras posicións.

Brasil lidera amplamente a produción e exportación mundial de cítricos e derivados

Brasil lidera amplamente a produción e exportación mundial de cítricos e derivados

Pero, o que afecta máis directamente a España, é nos cítricos e especialmente nas laranxas onde Brasil é o dominador mundial indiscutible. Os seus 13 millóns de toneladas anuais supoñen o 34% da produción mundial, sen esquecer que abranguen o 75% do mercado de zumes.

Aínda sendo un produto en retroceso, o tabaco segue supoñendo un importante agronegocio para Brasil. Malia ser o terceiro produtor mundial, é o líder en exportacións cunhas 515.000 toneladas anuais e un valor de arredor de 3.400 millóns de euros. Tendo ademais un importante mercado en países emerxentes como Vietnam e Indonesia.

Conclusións

Aínda que é un país eminentemente exportador, Brasil tamén precisa importar producións agrarias. Máis alá da dependencia dos fertilizantes foráneos, o trigo e o aceite de oliva son produtos que teñen que mercar no estranxeiro. O trigo adquíreno principalmente en Arxentina e o aceite de oliva nos países europeos do Mediterráneo.

No debate posterior ao encontro organizado por Rabobank, constatouse que a agricultura brasileira ten unha clara vocación exportadora de commodities e que as explotacións son cada vez máis grandes pola posibilidade de acceder a terras hacia o interior do país. E destacáronse os investimentos en tecnoloxía e investigación promovidos por administración e empresas para modernizar o sector.

Tamén se destacou a súa capacidade para entrar e manter un fluxo de abastecemento no importante mercado chino e en países do sudeste asiático cunhas poboacións moi numerosas e un poder adquisitivo que vai en aumento.

Na parte negativa quedan a dependencia de fertilizantes chegados dende países lonxanos como China e Rusia, a escaseza e falta de modernidade das infraestruturas para poder mobilizar toda a produción e un financiamento non sempre accesible para produtores e empresas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información