“Secados curtos ou un terceiro muxido poden ser máis rendibles que mellorar a reprodución”

Entrevista a Sergio Calsamiglia, veterinario referente en vacún de leite en intensivo. É o impulsor de www.granjadevacas.es, un simulador que axuda aos gandeiros a tomar decisións estratéxicas.

“Secados curtos ou un terceiro muxido poden ser máis rendibles que mellorar a reprodución”

Sergio Calsamiglia, veterinario impulsor de www.granjadevacas.es

Sergio Calsamiglia, veterinario e catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, é un referente en vacún de leite en intensivo en España.

Dedicou o últimos cinco anos a desenvolver o programa de simulación de granxas leiteiras (dispoñible en www.granjadevacas.es), un programa de simulación de custos en ganderías de vacún de leite financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, no que traballaron o Servizo de Nutrición e Benestar Animal da Universidade Autónoma de Barcelona, o Instituto Nacional de Investigacións Agrarias e o Centro Veterinario de Tona, e no que colaborou a empresa Zoetis. Esta ferramenta foi presentada o pasado xoves día 15 na planta de Delagro nas Pontes.

Acabades de presentar en Galicia o programa www.granjadevacas.es, un simulador de gran utilidade tanto para técnicos como para gandeiros. ¿Que vantaxes supón este programa?
O programa permite xuntar os cálculos de evolución da produción, a reprodución, as enfermidades, o manexo, os investimentos…etc., e con todos eses datos o programa avalía as consecuencias económicas que se derivan da decisión de cambiar algo, por exemplo implantar un sistema de sincronización de celos, instalar un sistema de ventilación ou propoñer un terceiro muxido.

É dicir, o programa permite analizar o retorno económico das diferentes estratexias que nos expomos. Para iso é esencial dispoñer de datos de calidade e introducilos no programa de forma honesta e responsable, porque canto máis precisos sexan os datos, mellor será o diagnóstico.

Creo que en todas as decisións é importante analizar detalladamente todas as consecuencias derivadas de cambios en parámetros determinantes. E sempre é mellor facer algúns cálculos antes que tomar unha decisión non meditada. E iso é o que o modelo permite facer.

A recollida e a toma de datos e a súa análise segue sendo unha materia pendente e, sobre todo, os gandeiros deben empezar a tomar decisións en base a uns obxectivos e a unha estratexia analizada desde o punto de vista da súa rendibilidade.

Falas de que hai resultados deste programa simulador que che sorprenderon, por exemplo a taxa de preñez. ¿Por que non ten tanta importancia aumentar a taxa de preñez nunha gandería de vacún de leite en intensivo?
A taxa de preñez é case sempre importante. Pero a medida que os niveis de produción das vacas aumentan, deixalas preñadas pronto é menos importante desde o punto de vista económico. E este é un principio que posto sobre o papel é bastante obvio e que o programa simulador pon moi claramente de manifesto.

É dicir, se a taxa de preñez é boa, quizais tería sentido exporse un período de espera voluntaria máis longo. No contexto actual de granxas en intensivo, cando o nivel de produción é alto (superior a unha media de 10.000 L/vaca/ano), é posible que atrasar o inicio da inseminación ofreza unha oportunidade de mellorar o rendemento económico, ou que, polo menos, a súa importancia económica sexa menor comparada con outras estratexias de mellora.

Non quero dicir que a reprodución non sexa importante, pero si que hai outras estratexias de mellora que nalgúns casos merezan máis atención en base á súa rendibilidade.

 “Secados curtos ou un terceiro muxido poden ser máis rendibles que mellorar a reprodución”

Por exemplo, un secado curto a 45 ou 50 días é bastante máis rendible que unha mellora substancial na reprodución se o nivel de produción é elevado. É unha decisión que non require ningún investimento e é bastante máis rendible nunha granxa de alta produción que investir moito diñeiro en reprodución.

É unha realidade que, no manexo que temos actualmente, por encima dun 25% de taxa de preñez é cuestionable o retorno económico para mellorala.

O podómetro, por tanto, ¿non é tan rendible?
O podómetro é tan rendible como o sistema hormonal cando a taxa de preñez é baixa (ao redor do 15%). A única dúbida que teño é que o podómetro é un investimento e a inseminación a tempo fixo é un gasto corrente. É dicir, que se un día estás descontento podes deixar de usar as hormonas inmediatamente, pero no podómetro xa fixeches o gasto e telo que seguir pagando. É un matiz que hai que ter en conta.

Ademais, nos podómetros asumimos unha duración de 5 ou 6 anos, pero a redución da duración ten un custo moi alto e débese garantir. Igual ao gandeiro compénsalle negociar máis a garantía de duración que desconto de prezo de compra.

A partir dos datos do simulador, ¿Compensa mellorar as calidades do leite e como é máis rendible facelo?
Creo que a rendibilidade das calidades do leite depende da industria que o compro e se valora e paga esas calidades a maiores.

“Utilizar cruces para mellorar as calidades supón un risco empresarial grande”

En canto aos cruces, é certo que as razas cruzadas tenden a ter mellor fertilidade e menos patoloxías, pero menos produción. Utilizar os cruzamentos para mellorar a calidade de leite ten o problema de que é un investimento a medio prazo (5-7 anos), e iso obrigaría a ter un contrato por calidade do leite a medio prazo. E creo que a industria non está polo labor de facer estes contratos a medio prazo.

Podería ser unha estratexia rendible se o gandeiro ten un comprador que valora a proteína, pero na situación actual creo que é un risco empresarial grande.

¿Existe un modelo de granxa rendible en canto a tamaño?
Creo que calquera granxa ben xestionada e cun tamaño mínimo pode ser rendible, dependendo moito do prezo de venda do leite. Considero que rabaños con menos de 60-80 vacas en produción terán moitas dificultades. E probablemente no futuro será necesario considerar granxas maiores.

Pero é indubidable que unha granxa de tamaño grande ten infinidade de vantaxes que facilitan unha boa xestión. É dicir, creo que é moito máis fácil facer rendible unha granxa de 500 vacas que una de 60. Para rendibilizar unha granxa de 60 vacas é necesaria unha xestión técnica e económica excelente e tense que ser moito mellor gandeiro e xestor.

Isto débese a que hai uns custos fixos de investimento que son comúns tanto nunha granxa grande como nunha pequena. Ademais, nunha granxa grande é máis fácil facer un terceiro muxido, establecer protocolos estandarizados de manexo, ou amortizar antes os investimentos e equipos. Con todo, tamén é certo que os riscos financeiros son maiores nas granxas grandes.

“A vaca rendible dá moita produción na súa vida, pero non necesariamente a través dunha maior lonxevidade”

Un gandeiro normal nunha gandería grande pódese gañar a vida, pero nunha explotación pequena é máis difícil.

Con que criterios xulgarías unha vaca como rendible?
A vaca rendible é a que deixa diñeiro, é unha obviedade. Quizais a mellor expresión é aquela vaca que deu máis leite por día de vida. Iso depende da súa produción e da súa lonxevidade. Con todo, ser lonxeva sen producir non é rendible, e por tanto, non se poden tratar estes temas de forma independente. Hai que producir moito leite ao longo da súa vida, pero á mesma produción total, prefiro que sexa nunha vida curta que non moi longa.

Pero tamén inflúen outros factores externos como a capacidade do gandeiro de producir forraxes a baixo custo e de calidade, ou a eficiencia da man de obra, etc.

Outra das preguntas recorrentes e na que non hai unanimidade é ¿Cando debe optar o gandeiro por enviar unha vaca ao matadoiro?
As vacas menos produtivas do rabaño deben enviarse ao matadoiro de forma voluntaria. Unha forma de facer selección xenética é utilizar seme de calidade: é un procedemento bo, pero lento.

Pero outra forma tan rendible como o primeira pero que ten retornos inmediatos é a eliminación voluntaria das vacas de menor potencial produtivo. É posible que esta eliminación deba situarse entre o 5 e o 10% anual do rabaño.

Sergio Calsamiglia durante a súa ponencia na planta de Delagro en As Pontes

Sergio Calsamiglia durante a súa ponencia na planta de Delagro en As Pontes

¿Cobrará cada vez máis peso a lonxevidade dos animais na selección xenética?
En teoría si. Se o animal produce e vive máis tempo, iso é máis rendible. Pero na vida real existe unha relación negativa entre produtividade e lonxevidade, e neste contexto, decidir que a vaca máis lonxeva é máis rendible xa non está tan claro. A lonxevidade non é sinónimo de rendibilidade.

“Canto máis rápida é a mellora xenética, máis curta debe ser a lonxevidade”

A realidade é que as granxas en intensivo que se gañan a vida ben, con niveis de produción moi altos e en crecemento, teñen 2,5-2,6 lactacións de media. Hai vinte anos a media en España era de 4 lactacións e cando alguén dicía que había que baixar a 3,5 chamábanlle tolo. Agora estamos a 2,6 de media.

Por outra banda, canto máis rápida é a mellora xenética, máis curta debe ser a lonxevidade, porque a diferenza de rendemento entre unha vaca vella e unha nova será maior. E coa xenómica o avance xenético será máis rápido, e por tanto o desfasamento entre vacas lonxevas e a nova xenética será cada vez maior. Por iso, o sentido común da rendibilidade indícame que a lonxevidade non é necesariamente sinónimo de rendibilidade; dependerá doutros moitos factores.

Coa túa experiencia profesional tanto en España como noutros países ¿Que debilidade atopas nas ganderías de vacún de leite en Galicia?
Creo que o tamaño importa e o tamaño pequeno é malo. Non porque non se poida xestionar, senón porque non poden acceder a unha serie de ferramentas e tecnoloxías que son moi rendibles. Por exemplo, nunha granxa pequena é moi difícil implantar un terceiro muxido, optimizar a man de obra ou amortizar algúns equipos. Cada vez creo que lles vai ser máis difícil competir fronte ás granxas grandes.

Por outra banda, creo que o gandeiro debe aprender a tomar decisións en base a cálculos, a cifras, e a deixarse asesorar por profesionais.

“Sería un erro importar o modelo de Irlanda a Galicia”

En canto aos sistemas de produción extensivos en base a pastoreo como en Irlanda. ¿Non serían apropiados para certas partes de Galicia?
En Irlanda é fantástico e pódense gañar moi ben a vida. Pero Galicia non é Irlanda. Nin o tipo de herba que medra, nin o tipo de superficie, nin a dispoñibilidade de pastos é igual. En Irlanda teñen prados moi grandes, dispoñen de pastos case todo o ano, sobre todo no verán, e saben moito de agricultura, sobre todo na parte agraria.

Aquí a pregunta non é se hai ou non hai pasto. O relevante é se o pasto que se produce é de boa calidade e se compite en prezo cos concentrados. E creo que, en moitos casos, dependendo da situación económica, o custo dos nutrientes (enerxía, proteína,…) achegados polas forraxes non son máis baixos que a compra de concentrados. Creo que é un erro importar un modelo a unha situación, como a de Galicia, que non é a mesma. Hai que calcular o retorno económico de cada estratexia e decidir.

E como fortalezas, ¿cales destacarías en Galicia?
Hoxe en día, coa dispoñibilidade de boas vacas, bos equipos, bos gandeiros e bos servizos técnicos veterinarios e de asesoramento, estou convencido que o éxito, a sustentabilidade económica e o futuro das ganderías depende moito máis das persoas e moito menos do entorno.

Non creo que as fortalezas estean na dispoñibilidade de forraxes, senón na capacidade de producir boas forraxes. Nin está na calidade dos animais, senón na capacidade de extraer o máximo beneficio deles; nin está na tradición, senón na capacidade de aproveitar esa tradición para garantir a rendibilidade.

Indubidablemente, as vacas fan o leite. Pero o diñeiro fano os gandeiros a través da súa xestión. A forza do sector leiteiro galego (ou de calquera outro sitio) está na capacidade das persoas implicadas no sector en tomar decisións comprometidas coas sustentabilidade do sistema: os gandeiros, porque son os que están cada día ao pé do canón. E os outros actores do sector (veterinarios, asesores, empresas,….) porque teñen tamén a responsabilidade de liderar os cambios na dirección axeitada.

“O futuro das ganderías depende moito máis das persoas e moito menos do entorno”

En Galicia hai exemplos de ganderías competitivas, que teñen unha mentalidade empresarial e que hai uns anos decidiron apostar por un modelo competitivo. O galego foi un loitador, un sobrevivente. E agora toca un cambio de mentalidade, e hai que aprender a supeditar as decisións á súa rendibilidade. O gandeiro está a darse conta que o desexo de manter unha forma de vida (por certo, envexable) non debe ser o medio de vida, senón o obxectivo que se ten que alcanzar e que depende da rendibilidade da súa explotación.

Hai que deixar de pensar en que o entorno resolverá os problemas e convencernos que o futuro está nas nosas decisións. E estou convencido que o gandeiro galego saberá entendelo, loitar e sobrevivir ás adversidades.

Una idea sobre ““Secados curtos ou un terceiro muxido poden ser máis rendibles que mellorar a reprodución”

  1. MaisAlaDoIntensivo

    Que estes sexan os profesionales que aconsellan aos gandeiros galegos deixa ben claro o porque estos estan sempre ao borde da ruina. En fin, o mellor modelo para Galicia e producir leite en base a pasto, como fan en todas as zonas do mundo desarrolladas onde teñen a posibilidade. Se fose mellor o sistema intensivo, por que os franceses, irlandeses, holandeses, daneses, os neozelandeses, os canadienses, por que non deixan de pastorear e facer forraxes propios e se pasan todos o noso modelo? Ah si, por que o seu modelo e moito mais redible, e asi con 50-70 vacas viven de puta madre, e o que ten sacar por litro, en vez de 1, 15 cent, que produces 15 veces menos e ganas o mismo. Pero eso aqui e imposible, xa o di o profeional entrevistado, aqui nn hay conocementos suficientes de agricultura, e como nn hay libros nin internet para adquirilos, pois nada, a joderse. E despois como ben di el, haberia que ver que herba crece en Galicia, que calidade ten, pois nada, que o mire, que estudios hay, e nin e a calidade nin a produccion por hectarea impiden adaptar o modelo irlandes. Adaptar, que nn copiar. De todas formas, acaso as semillas pratenses que venden no resto do mundo son mellores que as que chegan aqui? Acaso nn temos un clima oceanico? acaso as condicions para o crecemento da herba non son boas casi todo o ano? Que ia impedir un bo pasto incluso anque sexa anovando? Un argumento asi solo demostra, ou ignorancia ou intereses por atacar un modelo en defensa doutro.

    Cada granxa e un mundo, e cada unha ten que buscar o modelo que mais lle conveña, o modelo que defende o entrevistado e perfectamente valido (para quen carezca de empatia polos animais) para ganarse a vida, pero como el di tamen, para explotacions de centos de vacas, solo asi e un modelo seguro e con posibilidades de aguantar variacions bruscas nos precios de venta do leite. Sin embargo, moitas granxas mais pequenas, de menos de 100 cabezas, poderian vivir perfectamente cun modelo basado en pastoreo, en produccions altas (anque nn extremas) a baixo custo. Esa e a clave para ganarse a vida con 70,50 ou 30 vacas, pode que 20 (en convencional, facendo as cousas moi ben, para unha persoa sola, e posible), pero claro, co modelo aqui esgrimido non. E todo sexa dito, a meirande parte dos gandeiros galegos, tampouco darian feito o segundo, por que para elo hay que ser un profesional e nn necesitar que xente como o entrevistado este che diga que facer, por que un gandeiro con base teorica, ca sua base practica e conocimientos da explotacion…nn hay ninguen mellor para decidir o futuro desta que el, nn necesita de agronomos que trataron mais cos libros que cos animais que che ensinan a coidar.

    Pero ese quizais sexa o principal problema do gandeiro galego, que esta a anos luz de ser un profesional, e colle o modelo intensivo e aplicao a un numero insuficiente de vacas, logo nn gana unha merda, chora e vive da PAC. Pero e o mellor modelo para Galicia, seguro, e canto menos duren as vacas, mais rentable..para o veterinario, o podologo e os agronomos que din que os necesitamos para ser rentables.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información