Secado selectivo en vacún de leite: Que é o que funciona e o que non?

Resumo do relatorio de Alfonso Lago, experto en vacún leiteiro en DairyExperts e director do National Mastitis Council de Estados Unidos durante as Xornadas Técnicas de AFRICOR Lugo

A redución do uso de antibióticos durante o secado das vacas, aplicándoos soamente ás que presentan risco de infección de mastitite, é unha realidade cada vez máis presente nas gandarías de vacún de leite, tanto por esixencias normativas como pola percepción positiva que xera nos consumidores.

Neste sentido, as Xornadas Técnicas de Africor Lugo analizaron este martes cales son as recomendacións para realizar esta terapia de prevención de mastite. O relatorio “Tratamento selectivo en secado: Que é o que funciona e o que non?” foi impartido por Alfonso Lago, veterinario e investigador galego residente en Estados Unidos, onde na actualidade é director de Solucións en Investigación e Consultoría de DairyExperts, Inc., así como director no National Mastitis Council, unha organización global para o control da mastite e a calidade do leite.

Como punto de partida, Alfonso Lago, cuxa relatorio foi retransmitado online pola revista Vaca Pinta, lembrou que a Terapia Selectiva ao Secado consiste no tratamento con antibióticos de longa duración unicamente das vacas ou dos cuarteróns infectados ou con risco de contraer unha infección intramamaria ao secado, fronte ao tratamento en saba, consistente en tratar con antibióticos todas as vacas e todos os cuarteróns ao secado.

O experto lembrou que Dinamarca, Países Baixos ou Finlandia son os máis avanzados na implantación desta técnica, con máis do 70% das vacas con secado selectivo, mentres que en España redúcese ao 5% e en Estados Unidos representa o 11%.

Os motivos para realizalo son varios: Esixencia normativa, como nos países onde está máis implantado, pero tamén razóns de saúde pública (loita contra as bacterias resistentes a antibióticos), de aforro para o gandeiro (8 dólares por vaca e ano ou 3 se realiza tamén cultivo, segundo un estudo realizado por Alfonso Lago en Estados Unidos), ou de saúde animal (“a introdución do aplicador na canle do teto non está libre de risco como contaminación ou dano á queratina”, lembrou).

A redución da incidencia de mastite nos últimos anos xunto co incremento da efectividade dos selladores -”son tan efectivos, senón máis que os antibióticos para previr infeccións intramamarias no secado”, destacou-, facilitan, segundo o experto a implantación do secado selectivo.

Como debemos seleccionar os rabaños para o secado selectivo?

En canto ás gandarías nas que se pode empregar o secado selectivo, Alfonso Lago recoñeceu que “falta máis investigación e criterios científicos contratados”.

“O elixir a granxa e o seu manexo é totalmente a clave. Non hai un método aínda definido de selección para determinar os factores de risco. En todo caso, o secado selectivo non é para todas as gandarías, e onde se implemente debe facerse cun control absoluto da hixiene e debe ser monitorizado”, subliñou.

Unhas esixencias de partida para implantar o secado selectivo nunha gandaría serían as seguintes:

-Reconto de Células Somáticas en tanque de menos de 250.000.

-Gandaría libre de Streptococcus Agalactiae.

-Staphylococcus aureus baixo control.

-Monitorización da mastite subclínica e clínica durante o secado e posparto.

-A granxa pode manexar procedementos con maior complexidade e risco:

Uso de listas asistemáticas de secado.

Excelente hixiene nos procedementos de secado e muxido.

Procedementos operativos estandarizados e adestramento do persoal que traballa en granxa.

Como seleccionar as vacas e os cuarteróns nos que aplicar secado selectivo?

Onde si existen máis estudos científicos é sobre as vacas ás que aplicar ou non antibiótico durante o secado, aínda que os criterios son dispares. Así, Alfonso Lago enumerou distintos estudos realizados en Estados Unidos, Canadá, Nova Zelandia ou Holanda, onde a porcentaxe de vacas sen tratar rolda o 50% do rabaño e o limiar máximo de RCS en tanque varía desde as 150.000 ás 250.000.

Unha das investigacións máis recentes e completas sobre secado selectivo versus secado en saba foi realizada en Estados Unidos por DairyExperts e as universidades de Minnesota e de Iowa.

A investigación foi realizada en 2018 en 7 gandarías e analizáronse os datos de 1275 vacas.

O secado selectivo non repercute en maior incidencia de mastite e menor produción de leite

Alfonso Lago explicou que a mostra de 1275 animais foi sometida a tres tipos de terapias de secado:

-Tratamento en saba (428 vacas): Todos os animais foron tratados con antibiótico máis sellador no secado e en todos os cuarteróns.

-Secado selectivo guiado por cultivo (432 animais): Nos animais con cuarteróns positivos ao cultivo de patóxenos causantes de mastite aplicouse antibiótico e sellador, mentres que nos cuarteróns da mesma vaca negativos ao cultivo aplicouse soamente sellador.

-Tratamento selectivo guiado por un algoritmo (414 animais): Os criterios foron que o RCS da vaca fose inferior a 200.000 nalgún control leiteiro durante a lactacion actual; sen mastite clínica nos últimos 14 días en leite e sen dous ou máis casos de mastite clínica durante a lactación. Se cumpría todos os criterios aplicábaselle soamente sellador e se incumpría un ou máis antibiótico máis sellador.

Para analizar a efectividade de cada tratamento realizouse un seguimento dos animais durante todo o período seco e durante os 120 primeiros días en lactación.

Conclusións:

-O uso de antibióticos diminuíu un 55% nos dous tratamentos selectivos.

-A terapia selectiva non tivo efecto sobre a dinámica de infeccións intramamarias no período seco, manténdose no tres sistemas en ao redor do 15% o risco de novas infeccións e do 17% en postparto:

Autor: Alfonso Lago

Autor: Alfonso Lago

 

-Non se incrementaron as porcentaxes de mastite clínica nin de taxas de eliminación, manténdose esta última en ao redor do 10%:

Autor: Alfonso Lago

Autor: Alfonso Lago

-O secado selectivo non penaliza o RCS nin a produción de leite:

Autor: Alfonso Lago

Autor: Alfonso Lago

Como conclusión, o experto destacou que os estudos máis recentes indican que o secado selectivo é factible, ademais de que existen tanto novas ferramentas para tomar decisións de que vacas selecionar, así como novas razóns (percepción social positiva, loita contra as resistencias antimicrobianas…etc) para considerar a implantación desta terapia.

Por útimo, Alfonso Lago puxo en valor o traballo das Africor, “xa que cos datos de control leiteiro poden axudar ao gandeiro seleccionando listas de vacas nas que realizar secado selectivo”, o que facilita a implementación desta técnica e aforra gastos aos produtores fronte á realización de cultivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información