A seca do verán fai mella na colleita de millo, con reducións de produción de até o 40%

Comarcas como a de Ordes na provincia da Coruña e O Deza en Pontevedra acusan a falta de precipitacións do verán sobre o principal cultivo forraxeiro das explotacións leiteiras, o que encarecerá os custos de produción das granxas de cara ao vindeiro ano  

Ensilado millo en Chantada o pasado 20 de agosto dun ciclo 350 labrado o 26 de abril

Ensilado de millo en Chantada o pasado 20 de agosto dun ciclo 350 labrado o 26 de abril

Arrinca o forte da campaña de ensilado do millo en toda Galicia nun ano marcado pola ausencia de precipitacións significativas desde o mes de maio, o que minguou o rendemento agardado até nun 40% nalgún caso. A Mariña, con boas producións este ano, será desta volta a excepción con respecto ao resto de Galicia. 

As comarcas do interior da provincia da Coruña, como a de Ordes, leváronse a peor parte, con terras de cultivo con resultados pobres en cantidade e en calidade. Situacións parecidas déronse tamén no interior de Pontevedra (na comarca do Deza hai millos que non levantan máis dun metro e medio do chan) ou no sur de Lugo, dependendo do tipo de solo.

Comarcas como a de Ordes ou o Deza acusaron a falta de auga con reducións moi significativas na produción

As terras máis lixeiras notaron o efecto da seca prolongada e o millo secou de xeito prematuro, en ocasións sen chegar nin a botar a espiga, o que reduce a cantidade de amidón e o valor nutricional do silo e obriga a reforzar con máis penso e fariña de millo as racións de alimentación do gando, encarecéndose deste xeito os custos de produción das granxas de cara ao ano que vén.

Aínda que o millo que xa se secou non vai recuperar, a auga destes días axudará á formación da espiga nas sementeiras máis tardías

Aínda que o millo que xa se secou non se  vai xa recuperar, a auga destes días pasados permitirá cumprir o seu ciclo ao millo botado máis tarde, axudándolle á formación da espiga nas sementeiras máis tardías e a manter o stay green até o momento do seu picado.

Danos polo verme contidos

A situación do cultivo do millo este ano estivo condicionada pola climatoloxía. Tras unha sementeira adiantada con respecto ao habitual, a calor do mes de xuño propiciou tamén a aparición do verme soldado, un defoliador agresivo que en poucos días é capaz de comer superficies importantes.

Aínda que a súa presenza non é nova, a súa incidencia este ano foi maior, tanto en extensión como en intensidade, pero ao coller o millo aínda pequeno púidose tratar e a efectividade dos tratamentos logrou conter a praga e minimizar os danos, polo que a súa incidencia final nos silos vai ser menor do que podía agardarse nun primeiro momento.

Coñecemos cal é a situación nas distintas comarcas leiteiras de Galicia e como se afronta a campaña de ensilado que comeza este luns de maneira xeralizada en toda a comunidade.

“É a peor colleita en cantidade e calidade dos últimos anos”

Millo pequeno e sen espiga nunha finca en Frades

Millo pequeno e sen espiga nunha finca en Frades

Jaime Carneiro, presidente da Cooperativa Central de Frades, que non ten parque de maquinaria pero fai asesoramento agrícola aos socios e venda de semente, abono e produtos fitosanitarios, recoñece que a situación da colleita na comarca de Ordes vai ser “desastrosa” este ano. 

En toda a comarca de Ordes bótanse entre 18.000 e 20.000 hectáreas de millo forraxeiro, das 75.000 que se labran en toda Galicia. Pero nesta zona os rendementos van ser moi inferiores aos habituais. “Algunha xente xa ensilou, algún socio xa picou o millo o 21 de agosto, aínda que o gordo non comezou”, explica.

Estímase que se vai coller un 40% menos de millo

“Afectou moitísimo a seca, os nosos técnicos calculan que haberá un 40% menos de produción, vai ser unha das producións máis baixas dos últimos anos”, asegura.

Ademais da pouca cantidade, a escasa calidade tamén vai ser un hándicap importante. “Son millos moi secos, moi difíciles de conservar porque se non ten espiga non ten amidón e non fermenta ben. En épocas difíciles como é este ano recomendamos sempre usar conservantes, bacterias ou ácidos, para axudar á conservación no silo”, di.

Aumento dos custos de produción das granxas

Jaime pon o foco noutra consecuencia engadida. “Están sendo épocas complicadas para os gandeiros, porque tivemos unha baixada brutal dos prezos do leite, cun descenso de 10 céntimos de golpe na primavera, mentres que os custos de produción seguen subindo”, advirte.

“Este ano custou moito máis sementar o millo, pola suba do gasóleo e os abonos, e vaise recoller moito menos. Menos forraxe e de menor calidade, con menor valor nutricional para as vacas. Iso hai que suplilo despois dalgún xeito. E tanto as materias primas para a fabricación de pensos, así como forraxes e palla tamén están subindo”, argumenta.

“Nos últimos anos notamos que cada vez se seca máis o millo”

No sur de Lugo a campaña de ensilado arrincou fai xa 15 días con algunhas ensilas sementeiras temperás en zonas complicadas e algunha finca máis onde o millo se secou pola falta de precipitacións. En total, están metidas entre 150 e 200 hectáreas.

“Nalgunha terra era obrigado xa recoller o millo e noutras xa sementaramos ciclos curtos para meter a mediados de agosto. Esta semana houbo un parón porque non permitiu o tempo traballar, pero agora imos empezar xa a tope con 5 máquinas. Eu calculo que nos levará un mes máis ou menos recoller as 1.700 hectáreas que traballa o noso parque de maquinaria e que a finais de setembro estará case todo feito”, avanza Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na comarca de Chantada.

En canto ao estado do millo este ano, Jorge verbaliza unha realidade que este ano se deixou notar con crudeza en boa parte de Galicia: “nos últimos anos notamos que cada vez se seca máis o millo”.

O rendemento por hectárea caerá este ano entre un 5 e un 10% na zona de Chantada

“A seca afectou moito este ano. Aquí estamos un pouco xa acostumados a iso, pero vemos que nos últimos anos sécase cada vez máis. Nas últimas campañas notamos que vai aumentando a superficie que se ve afectada por estrés hídrico e redúcese a que está ben”, argumenta.  

Por iso, di, este ano na zona sur de Lugo as producións van ser baixas. “Nesta zona podemos andar habitualmente nunha media de 40 toneladas escasas, e este ano estaremos seguramente 2 ou 3 por debaixo diso”, calcula.

Aínda que o millo que xa se secou non vai recuperar, a auga destes días axudará á formación da espiga nas sementeiras máis tardías

“Con esta auga vai gañar algo de peso, pero recuperar a planta xa non vai recuperar. Aínda que non vai mellorar moitísimo, polo menos non vai empeorar, moito peor sería outra semana de calor forte. O millo que non está seco de todo mellorará un pouco a cor e iso permite esperar un pouco máis para ensilar, sobre todo nas sementeiras tardías, ás que as chuvias destes días lles vai axudar a facer a espiga”, explica.

Á hora de ensilar, o millo que vai máis seco tratan de botalo no fondo do silo e pechar o silo por arriba co que vai máis verde para evitar a entrada de osíxeno. “Non é un ano de moita forraxe e a xente trata de aproveitar o que ten, non pica máis alto”, conta Jorge.

Tratamentos fronte ao verme defoliador

Ademais da falta de precipitacións, a praga de verme defoliador foi tamén este ano unha ameaza seria para o millo nos primeiros estadíos do cultivo en distintas zonas de Galicia, obrigando a facer tratamentos de urxencia para conter o seu avance.

“Aquí quizais houbo que tratar un 40-50% do millo que se botou. As primeiras sementeiras non fixo falta tratalas e as últimas tampouco. No resto intentamos chegar a tempo a todo, aínda que nalgún caso o millo xa se disparara e non foi posible entrar”, relata Jorge.

A efectividade dos tratamentos foi boa e o ciclo do insecto parouse. “Tratouse unha superficie grande e onde non se tratou tamén desapareceu a incidencia. Colocamos trampas e vimos que as bolboretas empezaban a entrar cada vez menos ás trampas. O millo recuperou moi ben. Quedáronlle esas 4 ou 5 follas de abaixo afectadas, pero esas follas xa non son aproveitables moitas veces. Por aí non lle vexo problema ao silo deste ano, o problema foi climatolóxico, de falta de precipitacións”, conclúe o técnico de Aira.

“Nas terras lixeiras nalgún caso o millo non chegou a botar espiga”

Na zona de Sarria a seca fixo mella sobre todo nas terras enxoitas. “Nas terras lixeiras hai unha desfeita importante porque incluso nalgúns casos non chegou a botar espiga”, explica José Manuel López Pardo, responsable do centro de alimentación que a cooperativa Aira ten en San Xulián da Veiga (Sarria) e onde se elaboran diariamente entre 120 e 130 toneladas de mesturas húmidas que se serven a 36 granxas da zona.

“Polo de agora só collimos algo que se escapaba pero o forte da campaña farémolo en setembro. Dependendo da meteoroloxía, en 30-35 días faise a campaña, todo con maquinaria propia, cunha colleitadora traballando de continuo e outra de reforzo”, explica.

“En xeral teremos algo menos de produción que o ano pasado. O rendemento medio habitual na zona móvese entre 35 e 40 toneladas por hectárea, o ano pasado estivo máis cerca das 40 e este ano igual se achega máis a 35”, calcula José Manuel.

No 20% da superficie labrada o millo xa está seco

“A diferenza está nas terras boas e nas terras lixeiras. Nas terras húmidas e profundas a produción será coma o ano pasado ou igual algo máis, pero nas terras lixeiras nótase máis a seca. Xogouse cunha sementeira boa e iso axudounos a que algunhas terras acabaran o ciclo, pero noutras o millo incluso non chegou a botar espiga”, describe.

En canto a pragas, “houbo algúns casos puntuais graves ao principio de verme pero tratouse e despois fíxoselle seguimento e non foi a maiores e o millo deu recuperado”, aclara.

Uso de inoculantes

Parte do millo vai chegar moi seco ao silo, o que obriga a usar inoculantes e a mesturalo con outro máis verde para favorecer a súa conservación. “Aínda que intentamos collelo cedo hai tempo que secaron as plantas e hai unha parte das fincas nas que o millo vai chegar seco ao silo. Normalmente botamos inoculante nos casos máis extremos e este ano imos botar máis. E tratamos de ir mesturando algo o seco co verde”, explica José Manuel.  

O millo que está seco rende moi pouco no silo en toneladas, aínda que en superficie sexa máis

Con todo, aclara, “o millo seco rinde menos e en tonelaxe no silo vai ser pouco significativo, porque aínda que o 20% de superficie está seca, no silo poderá ser o 10% do total”, calcula.  

En total este ano no centro de alimentación de Aira en Sarria conta meter unhas 17.000 toneladas, cando o ano pasado foran 19.000. “Temos o hándicap de que temos bastantes stocks do ano pasado e non temos máis capacidade de almacenamento”, din.

Trátase de millo da zona, procedente de usuarios do sistema de alimentación que ceden a forraxe das súas terras á planta, así como millo mercado noutras comarcas. “A maiores do producido polos socios compramos de fóra un 30-40%, en Meira, Castro de Rei, Mesía e algo de Xinzo”, detalla José Manuel.

“Esperamos ter unha colleita boa. A auga que caeu esta semana fíxolle mil bens ao cultivo neste momento porque rechea a espiga”

Millo na zona de Ribadeo, onde a planta se mantén en bo estado vexetativo

Millo na zona de Ribadeo, onde a planta se mantén en bo estado vexetativo

Na comarca da Mariña comezarase a ensilar a vindeira semana, con 15 días de antelación sobre o habitual na zona. “Este ano vai adiantarse a campaña, porque as sementeiras foron tamén moi adiantadas”, explica desde a cooperativa Os Irmandiños en Ribadeo Rafa Acebedo, técnico da sección de cultivos e maquinaria.

CLUN sementou este ano unhas 1.300 hectáreas de millo na zona, 800 delas para ensilar no Centro de Alimentación de Vacún de Irmandiños (CAVI) e as 500 restantes para ganderías socias da cooperativa.

CLUN fará a campaña de ensilado con 3 colleitadoras propias e 5 de empresas colaboradoras

“Empezaremos a ensilar o luns tanto para nós como para os socios se non hai inconvinte co tempo, e de momento parece que dan bo a partir da fin de semana. Se vén un setembro bo, a primeira semana de outubro quedará liquidado todo”, indica.

Por enriba das 40 toneladas

En canto á produción agardada, estará de media entre as 40 e as 45 toneladas por hectárea, 10 máis que noutras zonas da comunidade. “Esperamos ter unha colleita boa dentro do que se ve este ano noutros lugares de Galicia”, compara Rafa.

O millo está verde e vai cumprir ciclo sen problema ningún

“A meteoroloxía non foi tan dura nesta zona e os regos atmosféricos foron regulares, sobre todo en agosto, o que fixo que o millo se manteña aínda verde e poida acabar o seu ciclo sen problema”, di. 

“Esta auga que caeu esta semana fíxolle mil bens ao cultivo neste momento porque rechea a espiga”, argumenta. En canto ao estado sanitario, é óptimo, debido á baixa incidencia de pragas e enfermidades este ano. “Aquí nin sequera houbo verme, que afectou máis a outros lados. Parecía que ia haber algo a comezos de xuño pero pegóuselle un tratamento e non volveu rexurdir”, conta Rafa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información