A seca pon en xaque ganderías por toda Galicia

Prados sen herba, redución de colleitas e forraxes a prezos desorbitados. Son só algunhas das consecuencias da seca que afecta este verán a Galicia e a toda Europa, e que está a ter un enorme impacto sobre todo nos modelos de gandería extensiva. Falamos con granxas e técnicos para saber o que sucede e cales son as posibles solucións

PRADO SECO

O calor e a seca están a ser tan extremos en Galicia que mesmo os prados están a verse afectados por incendios que, nunha situación normal, pararían na herba verde. Así as cousas, as granxas vense abocadas a consumir xa forraxes que tiñan gardadas para o inverno e as perdas prevense cuantiosas.

Vacún de carne

Alberto Hermida, produtor de carne de vacún en extensivo e membro do departamento de compras da Cooperativa O Rodo (Rodeiro) destaca que, a falta de facer un estudo de valoración, xa se prevé que as perdas van ser considerables e que será preciso mercar forraxes nos vindeiros meses.

“Estamos nunha situación que nunca antes se vivira. A pasada semana vimos na parroquia de Carboentes como ardían prados e rolos de herba seca. Levamos anos padecendo episodios de calor extrema e seca, pero desta volta é das máis graves.”, explica Hermida.

Os máis de 300 socios de O Rodo, tanto de carne como de leite, están a ter problemas con todas as colleitas de pastos e forraxes. “Xa se está traballando para mercar comida para o gando ante a previsión de que non chegue o que se produce nas parcelas. E co agravante de que a demanda está disparada porque a seca é xeralizada e, por tanto, os prezos dispáranse.”

Hai que ser conscientes de que métodos que antes funcionaban agora xa non o fan. Debemos reflexionar cara onde queremos ir (Alberto Hermida, Cooperativa O Rodo)

Hermida considera que é o momento de facer unha reflexión no sector gandeiro e analizar as vantaxes e inconvenientes dos modelos de pradarías fronte aos de pastos permanentes. “Cada explotación ten o seu modelo e decidirá o que mellor lle pareza, pero é evidente que hai cousas que antes funcionaban e agora non funcionan. Temos que analizar cara onde queremos e podemos ir.”

José Ramón González, gandeiro de vacún de carne de A Mezquita e secretario de Ganadería de UPA, a matriz estatal de Unións Agrarias, califica a situación dos pasteiros de “catastrófica”. E, afirma, o peor aínda podería estar por chegar. “É habitual que a segunda parte de agosto sexa a máis seca do ano. Así que xa hai que concienciarse de que este exercicio vai ser moi duro porque non hai alimento para o gando.”

González explica que a demanda de forraxes en toda Europa está xa disparada pola seca extrema que afecta a todos os países da UE. “Xa hai compras en Castela para mandar cara o norte e centro de Europa. E cuns prezos cos que os gandeiros galegos temos moi difícil competir. Un camión de palla que o ano pasado andaba por 2.000 euros vaise ir a 4.000 ou 4.500.”

Un camión de palla, que o ano pasado estaba en 2.000 euros, vaise ir a 4.000 ou 4.500 euros

Así, unha opción recorrente é desfacerse de gando. “Moitos ímonos desfacer dos animais de desvelle e teremos que replantexar canta recría podemos manter. E, por riba, esta situación coincide coa baixada de prezos da carne en orixe. Todo vai na contra dos produtores.” Dende Unións Agrarais valoran solicitar axudas das administracións para que os gandeiros poidan facer fronte a esta seca extrema.

A situación é catastrófica. Moitos ímonos desfacer de animais de desvelle e repensar canta recría podemos manter (José Ramón González, gandeiro e secretario de Ganadería de UPA)

Para González, é necesario buscar alternativas na xestión da auga. “Antigamente había prados de rega, facíanse represas e buscábase aproveitar a auga para os momentos de escaseza. Hoxe esas prácticas perdéronse ou prohibíronse. Se cadra hai que pensar en recuperalas e actualizalas”.

Pastos e forraxes

A presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), Isabelle Gómez, amósase tallante. “Non hai que prepararse para un cambio climático que poida chegar. O cambio xa está aquí e hai que aplicar todas as posibles alternativas para poder seguir coa nosa actividade”.

Unha desas alternativas, di Gómez, pasa por facer un manexo das parcelas que cause a mínima erosión posible e que lles permita así fixar os recursos hídricos. “E tamén debemos centrarnos na calidade dos pastos, na elección de sementes para ter as máis axeitadas ante este cambio. O sistema clásico de trevo e raigrás non está a responder”.

É moi importante traballar os solos de xeito que sexan capaces de filtrar a auga e que se produza a menor erosión posible (Isabelle Gómez, Sociedade Galega de Pastos e Forraxes)

Gómez xa agoira un adianto do consumo das reservas de inverno. “Incluso houbo solicitudes de produtores en ecolóxico que pedían poder mercar forraxes convencionais. Pero ata esa posibilidade é moi custosa. Fálase de rolos de silo a 45 euros. E a opción máis probable é que sigan subindo porque a demanda é moi grande en toda Europa.”

Os rulos de herba seca van ser consumidos moito antes do previsto polos gandeiros

Os rulos de herba seca van ser consumidos moito antes do previsto polos gandeiros

Dende a SGPF cren que unha das solucións é apostar por pastos permanentes e con mestura de sementes de distintas variedades. “Canto menos se laboree a terra e máis se empreguen os métodos de sementeira natural, máis resistentes serán os solos ante episodios climáticos como os deste verán. O gando é o principal activo para manter os solos”.

A xestión da auga nos prados tamén é un elemento no que hai moita marxe de mellora, segundo a presidenta da Sociedade de Pastos. “Non hai tanto tempo que tiñamos pastos de rega, con cortes transversais para que circulara a auga de xeito que se filtrase no canto de escorrer. Son técnicas tradicionais e sinxelas que serían de grande axuda nestes casos”.

Joan Alibés, de Beealia, cifra nun 50% a merma na colleita de herba seca. “Xa viña adiantada e, a maiores, cadrou que xusto se acabou de recoller e xa houbo que comezar a servir forraxes porque os pastos non aguantaron. Nin sequera os húmidos.”

O técnico sinala que haberá que esperar a que chegue un período de chuvias sostida para facer unha avaliación. “As treboadas non son relevantes porque a aportación hídrica é mínima. Terá que chover de forma continuada durante máis dunha semana. E, ollo, será un mes despois desas chuvias cando poidamos facer unha valoración rigorosa”.

Esta seca é unha mostra máis dun cambio climático cada vez máis acusado e fronte ao que é preciso desenvolver ferramentas (Joan Alibés, Beealia)

Alibés di que o cambio climático xa leva tempo deixándose sentir e que cada vez hai que ter máis mecanismos para facerlle fronte. “A parte positiva, por buscala, é que os invernos están a ser máis suaves e manteñen o fluxo de precipitacións. Iso permite un maior aproveitamento da herba verde. Pero, por contra, a herba seca haina que servir cada vez antes”.

O responsable de Beealia advirte de que este ano é só un aviso do que pode pasar e que de cara ao futuro hai que pensar nun escenario de escaseza de auga para que beban os animais. “Nas ganderías é necesario pensar en ter habilitados puntos nas leiras para que os animais poidan beber. E que sexa un fluxo de auga constante e de calidade. Hai que empezar xa a localizar os mananciais e deseñar o mellor uso para as explotacións”.

A inmensa maioría dos pasteiros presentan un aspecto totalmente seco

A inmensa maioría dos pasteiros presentan un aspecto totalmente seco

Gandería rexenerativa

José Lorenzo e José Manuel Santín son respectivamente criadores de vacún de leite e de carne en sistema de gandería rexenerativa nos concellos de Lalín e Baralla. Cos animais case permanentemente no prado, a situación volveuse moi difícil para ambos.

“Quedamos sen comida en boa parte das leiras. E iso que esta de Botos (Lalín) é unha zona de moita humidade e con numerosos regatos. Aínda así, non é suficiente e xa temos parcelas que non están a producir nada.”, explica Lorenzo.

A alfalfa é o único cultivo que está aguantando a seca. Xa estamos pensando en aumentar as parcelas destinadas a ela (José Lorenzo, Casa do Carril)

O gandeiro de Lalín asegura que a alfalfa é o que lle está a permitir manter a produción. “É un cultivo moi resistente á seca e á calor. A nós permítenos tanto pastorear como ensilar e a produción é moi elevada para non ser unha planta habitual en Galicia.” Por eso, xa pensan en incrementar a superficie destinada a alfalfa.

Lorenzo explica que se deu unha certa baixada na produción de leite pero que foi por causa do estrés que a calor provoca nas vacas e non porque, de momento, falte alimentación e auga para os animais. Aínda así, se non chove no curto prazo, si que podería comezar a haber desabastecemento.

Santín afirma que o pasto permanente é a mellor ferramenta para combater os efectos da seca. “Xa se vía que este ía ser un ano difícil. Co pasto permanente non hai que gastar en sementar, en abonar ou en fitosanitarios. Esa resiliencia das leiras só se obtén co mínimo laboreo”.

Nesa liña, o gandeiro de Baralla sinala que os cartos que non houbo que destinar a sementar, fertilizar e tratar os prados dan agora marxe para comprar forraxes. “Ou tamén podemos desfacernos dalgún animal, pero o importante é ter ese remanente que aporta o non ter que faenar os prados.”

Os que temos pastos permanentes aínda temos marxe económica para decidir se mercamos forraxes ou buscamos outras alternativas (José Manuel Santín Caloto, gandeiro)

Santín coincide coa Sociedade Galega de Pastos en sinalar as vantaxes de que as praderías teñan a maior diversidade posible de variedades e que se poidan desenvolver infraestruturas para que a rega sexa posible nos pasteiros. “E, aínda así, convén que os partos se dean en outono para que nos meses de verán haxa menos carga gandeira e menor consumo de auga e herba.”

A alfalfa estase a amosar como un cultivo resiliente ante a seca e as altas temperaturas

A alfalfa estase a amosar como un cultivo resiliente ante a seca e as altas temperaturas

O ovino, con problemas inéditos no norte galego

O mes de agosto é o momento de maior consumo de año e cabrito. Festas patronais e vodas fan que, á marxe do Nadal, sexa este mes cando máis carne de ovino e caprino se demanda. Por canto aos exemplares que van para consumo non hai problema porque xa estaban criados ou están a piques de rematar. Outra cousa é o resto do rabaño.

Dende a asociación de criadores de ovino e caprino OVICA, destacan que a seca se está a padecer de forma moi diferente segundo a comarca da que se trate. “Nas zonas do sur están máis ou menos afeitos a pasar por esta situación. Pero no norte, e sobre todo na faixa costeira, están a vivir unha situación nova para eles”, indica Amaia Santamarta, de OVICA.

A obtención de forraxes é agora o principal problema. “O que nos trasladan os socios é que en leiras onde nun ano normal se facían catro cortas de herba, este ano fíxose unha. E a forraxe comprada triplicou o prezo“.

A calor e a seca teñen o efecto engadido de aumentar a carga de parásitos nas ovellas e o seu espallamento (Amaia Santamarta, OVICA)

Outro efecto negativo da calor nas cabanas ovina e caprina ten que ver cos parásitos. “Coas altas temperaturas, reprodúcense e e espállanse a maior velocidade. Eso obriga a ter que investir en tratamentos e desparasitacións, co que se descadran as contas. Na zona sur de Galicia estaban máis ou menos habituados. No norte é algo totalmente novo.”

Cabras e ovellas amosan máis resistencia que as vacas pero tamén están a quedar sen alimento

Cabras e ovellas amosan máis resistencia que as vacas pero tamén están a quedar sen alimento

Santamarta explica que os incendios supuxeron un lastre engadido porque se produciron en zonas produtoras de alimento para o gando, como foi o caso da provincia de Zamora. “Eso fai que se reduza a oferta e, nun contexto de demanda disparada, os prezos dispáranse.”

Gemma San Pedro, de Cabuxa Natur (Guntín) explica que as cabras non están a padecer intensamente os efectos da seca. “Xa están a caer as primeiras landras, as moras están en pleno rendemento e outras plantas do monte están aguantando ben a seca. Con eso, as cabras mantéñense sen problema”.

As cabras teñen a vantaxe de que consumen plantas que outros animais non comen. Eso si, cada vez lévalles máis tempo (Gemma San Pedro, Cabuxa Natur)

A única dificultade é, sinala San Pedro, que as quendas de pacer estanse indo a tres horas para que as cabras poidan inxerir todo o alimento que precisan. “O monte non é infinito e os animais teñen que dedicar máis tempo a buscar as plantas. Pero sempre o conseguen”.

En Cabuxa Natur teñen claro que, de cara ao futuro, haberá que explorar a posibilidade de apostar por razas -tanto de cabras como doutros rumiantes- que sexan resilientes ao cambio e aos episodios climáticos extremos. “Boa parte da rendibilidade das explotacións pasa por ter que depender menos dos concentrados e das forraxes externas, que cada vez estarán máis demandadas”.

O Sindicato Labrego pide indemnizacións pola seca para as granxas e medidas estruturais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información