A industria láctea Inleit (Curtis) anuncia que se verá obrigada a adoptar diferentes medidas críticas na súa actividade como consecuencia dos problemas de abastecemento de auga que afectan ó polígono industrial de Teixeiro e que dificultan o normal funcionamento da súa planta.
Ante esta situación, a compañía sinala que está a realizar todos os esforzos posibles para minimizar as consecuencias e garantir, na medida do posible, a continuidade da súa actividade, «especialmente tendo en conta o impacto que unha redución da produción pode ter sobre un sector estratéxico como é o lácteo».
Neste contexto, Inleit está a centrar os seus esforzos e recursos en garantir prioritariamente o procesamento do leite procedente dos seus gandeiros, «que constitúen neste momento a prioridade absoluta para a compañía».
Entre as medidas adoptadas, ademais de reducir o consumo ao mínimo, Inleit está a reforzar a subministración mediante a chegada de entre 40 e 70 camións cisterna de auga diarios, un importante esforzo loxístico e económico que permite complementar o abastecemento dispoñible e manter operativa a planta.
Neste sentido, Inleit solicita a axuda e a intervención das administracións competentes para atopar, coa maior rapidez posible, solucións que permitan garantir un abastecemento suficiente e evitar unha eventual interrupción da actividade. A compañía afirma que mantén a súa total disposición a colaborar e achegar os recursos que estean ao seu alcance para conseguilo.
Devolución de máis auga a partir do procesado de leite en po e subprodutos
A industria láctea asegura, ademais, que é a única industria do polígono que devolve ao sistema máis auga da que consome. Tras o correspondente proceso de tratamento, a compañía retorna aproximadamente un 30 % máis de auga respecto da que utiliza na súa actividade, debido, entre outros factores, á evaporación da auga durante o procesamento do leite.
«Por este motivo, unha redución da actividade da planta non só diminúe o seu consumo, senón que reduce tamén o volume de auga que se devolve ao sistema, reducindo aínda máis o caudal nun momento especialmente crítico para o abastecemento», afirman.
Inleit lembra que procesa diariamente máis dun millón de litros de leite procedentes de centos de gandeiros, polo que calquera limitación da súa actividade ten consecuencias que transcenden a propia compañía.
«Estamos a facer todo o que está na nosa man para reducir ao máximo o impacto desta situación. Reforzamos a chegada de cisternas e estamos a traballar estreitamente coas administracións para atopar alternativas. A nosa prioridade é manter a actividade e protexer os nosos gandeiros, traballadores e o resto da cadea vinculada a Inleit», sinala Diego Viana, CEO de Inleit, en nota de prensa.
A compañía destaca, por último, que se trata dunha problemática que non afecta unicamente a Inleit e que tamén están a experimentar outras empresas vinculadas ao sector, «polo que é necesaria a procura de solucións conxuntas e coordinadas».
Galego









Control OJD