
Ensilado de millo por parte do parque de maquinaria de Irmandiños na comarca da Mariña
A campaña de ensilado do millo botou a andar xa en toda Galicia, con polo menos dúas semanas de adianto respecto á data de comezo habitual nas distintas zonas. A finais de agosto xa estaban ensilando millo este ano nas comarcas do interior, como Chantada ou O Deza, e en áreas do litoral, como na Mariña, as picadoras comezaron o seu traballo a semana pasada.
A falta de precipitacións nos meses do verán e as altas temperaturas de mediados de agosto acabaron por secar o millo sen ter cumprido o seu ciclo de crecemento tanto na costa coma no interior, disparando ao mesmo tempo a diferenza entre as fincas boas e as malas.
O millo acusou de xeito importante a seca nas comarcas do interior, mentres que a calor e a falta de precipitacións adiantou a colleita nas zonas costeiras
A merma de produción nas terras vaise traducir nunha menor cantidade de silo dispoñible para o inverno, a primavera e o verán que vén en moitas explotacións leiteiras, pero deixarase notar tamén na calidade da ración que coman as vacas por mor dunha forraxe con menor dixestibilidade e porcentaxe de amidón.
O perseguido stay green non foi posible en moitos casos este ano, obrigando a colleitar a planta antes de que a espiga chegara ao seu grao óptimo de maduración. Perno naquelas fincas nas que o tallo se secou, a falta de produción tampouco invita a cortar máis alto para reducir os efectos negativos da falta de dixestibilidade.
A falta de produción non invita a picar alto para reducir deste xeito os efectos negativos dun tallo moi seco
A parte positiva, de habela, do adiantamento da campaña de ensilado este ano é que dará máis marxe para a rotación de cultivos. A diferenza do ano pasado, na que as chuvias de outono impediron en moitos casos entrar ás fincas para labrar as pradeiras e mesmo para sacar o millo, desta volta prevese que a sementeira da herba se poida levar a cabo xa a finais de setembo ou comezos de outubro, con maior garantía para a implantación das mesturas de gramíneas ou cereais de inverno con leguminosas.
O verán máis seco e caloroso desde que hai rexistros
O cultivo de millo estivo este ano condicionado polas condicións climáticas anómalas que se deron desde o momento mesmo da sementeira, que se retrasou por mor das semanas de chuvias do mes de abril, que impediron facer o ensilado da herba e arrar as terras.
Ao retraso na sementeira, que obrigou nalgúns casos a botar ciclos máis curtos, seguiulle un período seco para a nascencia, salvado in extremis por unha serie de precipitacións primaverais e un mes de xuño caloroso que acelerou o crecemento da planta debido a unha integral térmica (precipitacións diurnas e nocturnas) favorable.
O millo foi sementado máis tarde este ano e sufriu estrés hídrico no momento da floración
Sen embargo, a situación complicouse de cara á floración e maduración da planta, con dous meses, os de xullo e agosto, con escasas precipitacións e temperaturas elevadas que acabaron por castigar o millo nun dos momentos esenciais para o cultivo.
O informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que o verán deste ano 2025 (balance dos meses de xuño, xullo e agosto) foi extremadamente cálido e, cunha anomalía positiva na temperatura media de 2ºC, situándose como o máis cálido da serie histórica que comeza en 1961. O verán comezou cun mes de xuño moi cálido (o máis caloroso desde 1961) e rematou cun mes de agosto co mesmo comportamento, que resultou o segundo máis cálido, só por detrás do ano 2003.
No que respecta ás precitipacións, o informe de MeteoGalicia indica que “no conxunto dos meses de xuño, xullo e agosto pódese cualificar este verán como moi seco, cunha cantidade media acumulada de 51L/m2 e unha porcentaxe de precipitación un 62% inferior ao período climático de referencia.
Con esta situación xeral e atendendo ás particularidades propias de cada comarca, facemos a continuación un repaso sobre como se está a desenvolver a campaña de ensilado nalgunhas das principais zonas de produción de millo forraxeiro en Galicia:
Kiko Mosquera (Cobideza)
“Vai haber un 30% menos de produción; algunhas granxas vano pasar mal este ano”
Na comarca do Deza prevese unha colleita moi mala este ano por mor da seca. A media de produción vai ser un 30% menos, calcula Kiko Mosquera, responsable do parque de maquinaria da cooperativa Cobideza.
Ademais da merma na cantidade, vai haber tamén un descenso de calidade. “Primeiro xa foi sementado tarde e despois o aire norte e os 30 e pico grados que houbo en agosto acabaron por secalo por completo. Está afectado o 70% do que se labrou”, explica.
Cobideza prevé recoller entre 600 e 700 hectáreas, sumando o que sementaron e aquel que botan as propias explotacións pola súa conta
Á escaseza de millo nos silos das explotacións vén sumarse a unha campaña de herba tamén mala este ano, polo que Kiko augura que “algunhas granxas vano pasar mal” pola falta de forraxe coa que alimentar o gando o vindeiro ano. “Herba houbo tamén pouca, o segundo corte non existiu. O primeiro corte foi ben, cunha produción normal, pero o seguinte foi moi pobre, porque empezou a chover e non veu calor”, lembra.
Millo totalmente seco e sen espiga
Cobideza empezamos fai semana e pico a ensilar aquelas fincas que dan xa por perdidas. “De momento metemos pouco pero hai unhas 50 ou 60 hectáreas que xa está totalmente seco, a maior parte cun metro de alto e sen espiga”, describe.
Nestes casos, procuran picalo o máis fino posible, ao máximo do que permite a colleitadora, e nalgún caso bótanlle inoculantes no silo. “O que non ten espiga excúsase botarlle conservante, porque xa non ten amidón, pero noutros casos si que é recomendable”, asegura.
Do 20 de maio para diante non caeu unha gota de auga nesta zona até esta semana
“O que foi sementado cedo foi o que peor estaba, estaba seco de pé, mentres que esta auga destes días pode dar un pouco de osíxeno e salvar o que foi sementado máis tarde, que aínda está verde e que esperemos que aguante até outubro”, di. O groso da campaña de ensilado agárdana do 20 de setembro para diante.
Á hora de utilizar ese millo que foi ensilado de urxencia estes días, de baixa calidade na ración, a produción de leite vaise resentir. “Hai explotacións que se salvan o que aínda está verde igual poden reservar o seco para os lotes de xovencas e vacas secas, ou ir mesturándoo para as vacas de leite, pero haberá outras ganderías que teñan que usalo para as vacas en produción porque é o único que teñen, non teñen outro”, afirma Kiko.
Jorge Meiriño (Aira)
“Empezamos fai 3 semanas e levamos xa case o 50% da superficie ensilada; pouco vai quedar para a primeira semana de outubro”

As fincas boas son este ano unha excepción no sur de Lugo. A foto, sacada o 31 de agosto, xusto antes de ensilala, nunha parcela en Chantada que se sementou o día 10 de maio cun ciclo 400
A comarca de Chantada é sempre unha das máis madrugadoras de Galicia á hora de ensilar o millo, pero este ano aínda se adiantou máis. “Empezamos fai 3 semanas a recoller e eu penso que pouco vai quedar nesta zona para a primeira semana de outubro”, detalla Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira.
“Empezouse primeiro nas zonas máis secas e agora xa imos á feito, porque o millo adiantou moito este ano e nalgún caso cumpriron moi ben os ciclos”, indica. Sen embargo, engade, “as parcelas máis secas sufriron, sobre todo esa semana de 40 graos que veu en agosto, e a planta estresouse”, relata.
A recollida adiantouse uns 15 días, polo que a principios de outubro non quedará moito millo por colleitar nesta zona
Por iso, di Jorge, a produción vai ser moi heteroxénea. “As parcelas que aguantaron están vindo antes de tempo pero cunha produción aceptable, pero temos outras que se estropearon pola seca”, recoñece.
“En xeral, o millo rende menos que o ano pasado porque non choveu, pero a media penso que vai ser aceptable, pensei que ia ser peor”, admite. A produción habitual dun ano normal na comarca de Chantada ronda os 35.000 kg por hectárea, unha cifra á que non se chegará este ano.
Hai parcelas boas pero a media vai andar un pouco por debaixo dun ano normal
As colleitadoras do parque de maquinaria da cooperativa levan xa ensilada case a metade da superficie total que teñen previsto recoller nesta campaña, entre 1.000 e 1.200 hectáreas, 800 delas labradas polas propias sementadoras de Aira, unha cantidade semellante á do ano pasado.
Ciclos máis curtos, adaptados a unha sementeira máis tardía
Un problema que presenta o ensilado do millo este ano é a conservación da forraxe que chega excesivamente seca. “Ese millo que vén un pouco máis seco ou se mete no fondo do silo ou mesturado con outro. Nunca podes pechar o silo cun millo seco na parte de enriba porque entra o aire e pérdese”, aclara Jorge. A súa recomendación é pícalo tamén máis para que sexa mellor de compactar.
Nas fincas boas o millo adiantou moito este ano pero cumpriu moi ben os ciclos
“O que procuramos é cóllelo antes de que se secase de todo e ilo mesturando no silo con outras fincas. Como se sementou tarde, sementamos ciclos 300 como máximo, polo que o millo vai valer todo para colleitar en setembro”, insiste.
José Ramón Loza (Clun)
“Eu creo que a tónica a partir de agora vai ser a irregularidade e teremos que tratar de adaptarnos con variedades máis tolerantes á seca”
O parque de maquinaria da cooperativa Os Irmandiños, integrado en Clun, comezou a semana pasada a campaña de ensilado do millo na comarca da Mariña, tanto para as instalacións propias do centro de alimentación como para socios particulares.
“Temos previsto picar unhas 1.400 hectáreas en total, 800 para o CAVI e o resto para ensilar os socios nas súas explotacións. Se o tempo o permite esperamos que sexa unha campaña máis adiantada. Agora tería que chover moito para que se dificultara o traballo nas terras. A 15 días vista, non se agardan grandes trens de borrascas, polo que se vai concentrar un pouco máis o traballo este ano”, explica José Ramón Loza, responsable de cultivos e maquinaria de Clun na Mariña.
Até os últimos anos, a comarca da Mariña mantiña unha boa media de produción, grazas ao barruzo habitual na zona, que mantiña a humidade das terras no verán. Pero ese feito está a cambiar. “O 2023 fora un ano malo. Arrincou mellor este ano que fai dous, porque este ano a seca chegou máis tarde que fai dous anos. As chuvias de primavera serviron para que fora ben até a floración pero chegada a floración foi cando se empezou a torcer. Pero hai dous anos chegados a este punto de finais de agosto e principios de setembro chovera, pero este ano non”, describe.
O ano pasado foi excepcional, pero este esperamos unha diminución tanto en cantidade como en calidade
Ao igual que fai dos anos, a produción na zona tamén vai ser menor ese ano. “O ano pasado foi excepcional, pero este esperamos unha diminución tanto en cantidade como en calidade; eu creo que a tónica a partir de agora vai ser a irregularidade”, insiste.
“Haberá que adaptarse na medida do posible con variedades tolerantes a este tipo de estrés hídrico e tratar o cultivo con bioestimulantes que favorezan as defensas naturais da planta. Con iso, podemos mitigar algo os efectos da falta de auga, pero milagros non hai”, advirte.
Equilibrio entre maduración da mazorca e dixestibilidade da cana
A nivel de calidade do silo, “o millo non estaba para picar en base ao nivel de maduración do grao pero a falta de precipitacións fixo que a cana seque moito, sobre todo na zona da rasa costeira, polo que tivemos que buscar un equilibrio entre a cantidade de amidón e a calidade das fibras”, explica José Ramón.
Se o ano fose normal non empezaríamos a colleitar até a semana que vén pero tivemos que comezar antes porque se seca, non porque cumprira o ciclo
Na comarca da Mariña, o histórico do verán amosa o 2025 como un dos veráns máis secos, máis que o de fai dous anos, cando a colleita tamén fora mala na zona. “En xullo e agosto este ano case non caeu nada e aínda que chova algo agora hai zonas que están moi secas e non vai recuperar ese millo”, reitera o técnico de Clun.
En produción, di, iso vaise notar. “Esperamos unha produción menor, pero hai que esperar a que avance a campaña porque o que levamos recollido non é representativo. En todo caso, agardamos unha diminución tanto en cantidade como en calidade”, admite.
Luis Castro (Ganxabar)
“O estado sanitario da planta é moi bo, estamos recollendo no momento óptimo”
Na provincia da Coruña a campaña de ensilado do millo tamén vén adiantada este ano, pero nalgunha zona, como a comarca do Xallas e A Barcala, unha das de máis produción de leite de Galicia, non veu tan condicionada polos efectos da seca como polo feito de que o millo cumpriu antes o seu ciclo.
“A seca aquí afectou algo, pero non coma noutras zonas. O estado sanitario da planta é moi bo, estanos chegando verde. Estamos recollendo no momento óptimo”, asegura Luis Castro, responsable de Ganxabar.
O rendemento está a ser mellor do que esperabamos
A cooperativa coruñesa ten labradas este ano case 1.000 hectáreas, nas que todo o traballo, tanto o picado como o transporte até as súas instalacións en Mazaricos, é realizado con maquinaria contratada dunha empresa de servizos agrarios.
“Empezamos este luns picar. Esta semana imos darlle varios días e a semana que vén tamén. A previsión do tempo é favorable a 10 días vista e contamos acabar a finais de mes”, explica Luis.
Aposta polo grao húmido
Unha parte das 994 hectáreas botadas serán recollidas para facer grao húmido, aínda que a cantidade final destinada a ese fin estará condicionada polo rendemento obtido na forraxe destinada ao silo.
Priorizamos encher os silos, pero queremos facer máis grao húmido que o ano pasado, no que foi difícil de recoller polo tempo
“Na nosa planta de alimentación necesitamos uns 35 millóns de quilos de silo para atender as necesidades de todo o ano dos nosos socios e priorizamos sempre en primeiro lugar encher os silos, así que dependemos do rendemento que teñamos para decidir canto deixamos para gran húmido”, explica Luis.
Fai dous anos Ganxabar deixou 150 hectáreas para grao húmido, pero o ano pasado víronse obrigados a reducir moito esa cantidade pola chegada do mal tempo, que retrasou e dificultou o ensilado. “O ano pasado fixose pouco grao porque viñera malo para recoller, así que a estas alturas xa o acabamos”, conta.
Galego









Control OJD