A seca e a calor apuntan a unha mala campaña de millo forraxeiro

As altas temperaturas e a falta de chuvia rebaixan as expectativas dunha colleita do millo que, aínda que comezou con moito atraso, semellaba ata xullo que ía ser boa. Falamos con expertos das diferentes zonas produtoras de Galicia e Asturias para coñecer a situación actual, as previsións de colleita, os custos de produción e outros aspectos relacionados cunha recollida que dará comezo en setembro e da que depende a conta de resultados de case todas as granxas.

Foto: Xosé M. Parada

Foto: Xosé M. Parada

As situacións comúns a todas as zonas produtoras nesta campaña son a demora e prolongación da sementeira, o escaso impacto das pragas de insectos e malas herbas, a afectación por seca e calor, os ataques de xabaril dende o comezo da campaña e o incremento de custos da produción de millo.

Tamén se detectou un aumento xeneralizado da superficie sementada e unha falta de man de obra que xa comeza a ser preocupante. Sen embargo, cada comarca presenta as súas particularidades. Analizamos a situación en cada unha delas.

Antonio Balado. Xerente de Agricampo. Terra Chá

A comercial agrícola que dirixe Antonio Balado xestiona 3.000 hectáreas de millo en diferentes concellos da Terra Chá, a zona máis produtora de Galicia e unha das poucas nas que hai lugares nos que se pode regar pola existencia de infraestrutura de rega. Este ano consideran que haberá menos cantidade de cereal que en campañas anteriores porque se sementou moi escalonado e porque a calor e a seca xa pasan factura.

Nas campañas boas, collen facilmente de media 60 toneladas por hectárea. Nesta cren que será imposible chegar a 50 ou mesmo a 45. A principal causa é a falta de humidade no momento de formación da espiga. Unha espiga que xa ía apurada porque houbo moitas dificultades na sementeira. E é que se o ano pasado a día 20 de maio xa estaban sementadas 1.800 hectáreas, neste 2025 nesa mesma data só se botaran 200.

As augas subterráneas non axudaron. Primeiro dificultaron a sementeira e agora non están a aliviar os efectos da seca. (Antonio Balado, Agricampo)

A Terra Chá é prolífica en augas subterráneas e eso non sempre é positivo. Nesta sementeira, mesturáronse coas chuvias da primavera, deixando impracticables moitas leiras nas que non se puido botar o millo ata finais de xuño. E, no que vai de verán, as augas subterráneas non alivian a seca porque están demasiado fondas como para facer contacto coas raíces do millo.

Na Terra Chá agardan unha colleita inferior á de campañas anteriores

Na Terra Chá agardan unha colleita inferior á de campañas anteriores

E as regas en lugares como a parroquia de Matodoso (Castro de Rei) hainas que facer moi limitadas e con moito tino porque, se a auga superficial e a subterránea volven facer contacto, pódese desestruturar o solo e complicar o laboreo de recollida.

Unha parte positiva foi o nulo impacto das pragas de insectos. De toda a superficie sementada, non chegou a 10 hectáreas o terreo afectado e incluso nesas 10 as plantas apenas se deterioraron pola acción dos insectos. Cousa diferente foi coas malas herbas. A xunca estase a converter nun serio problema porque o propio laboreo co arado e as grades rotativas favorece a súa expansión. Aplicáronse tratamentos con mesotriona e sulcotriona sen que se conseguira erradicala de todo, polo que se albisca un problema para futuras campañas. E tamén co estramonio, aínda que en menor medida.

Ata o de agora, das 3.000 hectáreas que traballan, o xabaril só causou danos nunhas 2,5. Polo tanto, o animal aínda causa menos danos que as malas herbas e os insectos. Non se desbotan ataques cando a espiga estea máis conformada pero a tendencia ata agora non leva a pensar nese escenario. Os acordos cos coutos de caza -executados nos momentos acaidos- e a redución de espazos para acubillo do xabaril están detrás desta boa situación.

En canto a superficie destinada a millo na Terra Chá, Balado detecta que neste ano se botou arredor dun 10% ou 15% máis ca na campaña anterior. Unha explicación está en que na pasada campaña quedou moito millo sen recoller porque a chuvia impediu entrar en moitas leiras. Incluso empregando eirugas e tractores xemelgados, houbo zonas con perdas de máis do 50%.

Malia as dificultades no comezo da campaña, calculamos que na Terra Chá se sementou preto dun 15% máis ca o ano pasado

Por eso, este ano os gandeiros decidiron botar todo o millo posible para ter a máxima cantidade que poidan producir as leiras. De aí que ningunha parcela se destinara este ano a sorgo, xirasol ou pasto de Sudán, que son as alternativas máis habituais.

Malia que a campaña non sexa boa, na Terra Chá aseguran que terán suficiente millo para todas as ganderías e mesmo pode haber excedentes para comercializar en zonas onde o cultivo resultara deficitario.

O custo por hectárea nesta campaña do millo sitúase nesta zona en 1.400 euros. E eso sen ter en conta todos os parámetros para calculalo. Por exemplo, na Terra Chá hai lugares nos que se están a pagar 900 € anuais por hectárea arrendada. Esas cifras xa supoñen un incremento do custo do millo que moitas veces non computa.

A falta de man de obra é outro problema engadido para a campaña de recollida de millo. Non só porque non hai persoas para traballar, senón porque teñen que ter a cualificación suficiente para manexar a maquinaria sofisticada que se emprega.

Na Terra Chá, o tamaño e forma das fincas permite empregar enormes vehículos guiados por GPS e colleitadoras de precisión dixital. Pero son máquinas tan caras que só se poden poñer en mans de persoas que as saiban empregar. Aínda con toda esa tecnificación, as empresas de servizos agrícolas poderían empregar o dobre de persoas das que empregan agora. Pero non as atopan.

José Ramón Loza. Responsable de cultivos e maquinaria de CLUN. A Mariña e norte da Terra Chá

Este ano sementaron 1.300 hectáreas pero non agardan chegar ao nivel do ano pasado. As primeiras semanas de agosto van ser críticas. Se non chove con certa abundancia, a colleita será aínda menor do agardado. Con todo, esta zona supera mellor o estrés hídrico grazas á humidade do ambiente e ás temperaturas suaves. Abranguen dende o occidente asturiano (Tapia de Casariego) ata Abadín (Terra Chá)

A media nos anos bos está en 42-44 toneladas por hectárea. E este non é un ano bo. Si que poderían conseguir máis quilos se o picaran en verde -cando a espiga está moi húmida pero non completada- pero ese non é o seu obxectivo, xa que non aportaría os nutrientes que buscan na ración.

As primeiras plantacións foron a ciclo longo (600) e as derradeiras a curto (200), pero a media está en 300. (José Ramón Loza, CLUN)

A sementeira atrasouse unhas semanas, igual que o ano pasado. Aínda que comezaron o 8 de maio, houbo leiras que non se sementaron ata moi avanzado xuño. Nas primeiras foron a un ciclo longo (600) e nas últimas a un máis curto (200). Pero o 90% de millo sementado non baixa dun ciclo de 300.

Non houbo pragas importantes ata entrado o mes de xullo, cando apareceron pequenos brotes de insectos como a rosquilla e a mythimna (unha couza de orixe asiática) nas plantacións que se fixeron a mediados de xuño, é decir, as últimas da campaña. E tamén detectaron a aparición da herba xunca nalgunhas parcelas e foi preciso tratala porque non se puido erradicar nos estadíos iniciais, se ben non se calcula que vaia afectar siginificativamente nin a cantidade nin a calidade do millo.

Pragas como a rosquilla e o taladro apenas afectaron este ano nas comarcas de produción de millo

Pragas como a rosquilla e o taladro apenas afectaron este ano nas comarcas de produción de millo

Si que comeza a haber problemas polo xabaril. Non tanto polos danos causados como pola detección de mandas que si que serán prexudiciais cando as espigas estean rematadas. Na zona de Barreiros, incluso fronte a nave de CLUN, xa se nota a presenza dos animais. En todo caso, os danos que fai o xabaril non son da suficiente entidade como para pensar en substituír o millo por cultivos como o sorgo, o pasto de Sudán ou o xirasol, nos que o animal non entra.

A xunca e a mythimna causaron problemas no final da sementeira porque o clima favoreceu a súa aparición

Tampouco detectaron unha redución de cultivo na súa zona. Unicamente por algúns gandeiros que tiñan moito millo ensilado da campaña anterior e este ano reduciron superficie. Pero, tanto como cooperativa como a nivel de socios e gandeiros que fan o seu laboreo, non se percibe unha baixada máis aló da lóxica debida ás explotacións que pecharon.

Das 1.300 hectáreas que se sementan en conxunto. Unhas 750 destínanse ao Centro de Alimentación de Gando Vacún (CAVI), que a cooperativa ten en Vilamartín (Barreiros). O resto son para os socios que fan ensilados de millo nas granxas. Calculan comezar a 10 de setembro e estar recollendo ata a primeira semana de novembro.

Polo de agora teñen man de obra suficiente para acometer a campaña do millo, se ben teñen que subcontratar empresas de servizos porque o persoal e, sobre todo, as máquinas propias fan imposible efectuar en solitario toda a recollida.

Segundo o método de cálculo, para CLUN o custo do millo -dende que se merca a semente ata que o cereal está no silo- ascende a entre 1.200 e 1.300 € por hectárea de media. Obviamente, a cantidade pode variar moito dunhas leiras a outras tendo en conta a cantidade de abono orgánico que se aplique, o herbicida usado ou o tempo de traballo. E cifran en 450 quilos de abono mineral o que precisan de media por hectárea.

Jorge Meiriño. Responsable de cultivos en Aira. Comarca de Chantada e concellos lindeiros

Falamos das 1.600 hectáreas na comarca de Chantada e en concellos limítrofes, dentro da demarcación que establece a cooperativa. Asegura que a seca xa fixo moito dano e que, se non chove no que queda de agosto, pode ser un ano desastroso. De feito, nesta parte de Galicia ten que ser un ano excepcionalmente bo para que se chegue a 40 toneladas por hectárea de media.

Aquí foi outra das zonas onde se sementou tarde pola primavera chuviosa, que deixou moita humidade na terra. Ao plantar tarde aumentan as opcións de que baixe a produción porque se reducen os tempos e as incidencias poden ser maiores e máis concentradas. Así, houbo que ir a ciclos curtos.

A seca está a provocar perdas moi importantes no millo na comarca de Chantada

A seca está a provocar perdas moi importantes no millo na comarca de Chantada

O xabaril causou problemas na primeira sementeira. E, a medida que a espiga se vaia conformando, haberá máis ataques. Sempre é así. Aínda non é grave. Incluso hai algunha zona onde o millo xa secou e o xabaril non vai porque non ten que comer. A nivel xeral ten menos incidencia que tiña hai anos. Aínda que hai casos puntuais nos que os danos son moi elevados.

Nalgunha zona de Chantada o millo xa está seco e non vai recuperar. Teremos que recollelo axiña para que non se derrame máis. (Jorge Meiriño, AIRA)

Aproxidamente, estiman o custo por hectárea entre 1.200 € e 1.500 €, aínda que a maioría de hectáreas van hoxe a 1.400. Houbo unha suba do 10% nos últimos tres ou catro anos. Coma sempre, depende das parcelas, dos abonos, dos herbicidas, do manexo da terra…

O custo do abono mineral é moi elástico. Primeiro depende da cantidade de abono orgánico que se teña botado, que nunha explotación media veñen sendo uns 60 ou 70 metros cúbicos de xurro. O xurro aporta sobre todo fósforo e potasio. E despois apñortanse basicamente unidades de nitróxeno mediante abono mineral. Dependerá da composición do abono. Por exemplo, unha carga do 40% supón 250 quilos de abono mineral, unha do 20% serán 500 quilos e así sucesivamente.

Nalgunha zona de Chantada o millo xa está seco e non vai recuperar. E hai que facer o esforzo en tempo e cartos de recollelo igual porque fai vulto no silo pero non aporta apenas nutrientes. Outra cousa é nas zonas máis frescas e nas que se sementou máis tarde. Neses casos, e se chove no que queda de agosto, pode haber unha boa colleita.

A man de obra non vai ser un problema para a recollida. Nin tampouco a maquinaria. Porque nesta zona se fai de forma moi escalonada e hai tempo para recoller todo o cereal en boas condicións. Con todo, teñen que facer contratos específicos para a campaña porque co persoal propio non sería suficiente.

Nin o xabaril nin as pragas de insectos e malas herbas foron un problema este ano. O gran inimigo foi o clima.

Calculan comezar a retirar o millo máis deteriorado arredor do 20 de agosto para que non siga perdendo dixestibilidade. Xa a finais de agosto procederán co máis medrado e logo, dende comezos de setembro ata finais de outubro, irán recollendo o de máis calidade.

Nestas alturas xa non se agarda que apareza ningunha praga de fungos, herbas ou insectos e o único risco estaría nas treboadas de saraiba que poden danar as espigas ou nas de auga e vento que poden encamar o millo e dificultar moito a recollida. Coa xunca ata o de agora non houbo grandes problemas nesta zona, como si os hai noutras.

Héctor González. Técnico agronómico de Cobideza

Cultivan 600 hectáreas nas comarcas do Deza e A Ulloa e venden a maior parte do que sementan. Son dúas zonas moi diferentes. Aínda que con demora, a campaña arrincou moi ben pola humidade nas leiras que deixou a chuvia da primavera e que axudou ata agosto. Pero agora estamos na fase decisiva e semella que van quedar por baixo das expectativas iniciais.

Os ataques do xabaril afectan moito máis nas comarcas do norte de Galicia

Os ataques do xabaril afectan moito máis nas comarcas do norte de Galicia

Por eso, estiman unhas perdas de forraxe dun 10% no Deza e un 20%. na Ulloa. En canto a gran, no Deza poden perder arredor dun 15% e na Ulloa un 25%. O principal problema é que a seca estresa o millo na fase de polinización, que é crucial. E a falta de auga fai que o gran non colla volume. A espiga supón o 50% do peso da planta. Se non colle volume agora, o rendemento en toneladas vai baixar, por moito que medre a cana.

As perdas na colleita en canto a gran poden ser dun 25% na Ulloa e dun 15% na zona do Deza. (Héctor González, Cobideza)

No Deza un ano bo supón 40-45 toneladas por hectárea e na Ulloa 35-40. Esas cifras xa se sabe que non as van acadar este ano. As pragas afectan de forma alterna nas explotacións. O que as ten un ano, non as ten o seguinte. Rosquilla, mythimna e taladro son os insectos máis presentes e a xunca é a principal mala herba. Con todo, este ano as pragas non afectaron de forma relevante, aínda que advirten da necesidade de controlar a expansión da xunca e da rosquilla.

O xabaril afecta de xeito diferente segundo as zonas. Os primeiros ataques na sementeira obrigan a volver sementar, pero ese segundo millo xa non terá o potencial que tiña o primeiro. E, cando as espigas estean formadas, chegará unha segunda oleada de ataques do xabaril. Moitos gandeiros perden máis cartos cos ataques na sementeira que no millo xa grande.

Non están polo labor de usar pasto de Sudán, sorgo ou xirasol nin outras forraxes alternativas para defenderse do xabaril. Unicamente se botan no caso de leiras malas de traballar, moi secas, de solos sen calidade ou moi expostas ao xabaril.

Pola diversidade de leiras que manexan en Cobideza, fixeron unha estimación do que custa producir unha hectárea de millo:

CUSTO MILLO

Estes son prezos sen IVE, que para unha explotación en réxime de módulos supón un 10% máis  de gasto. Como se ve, as diferencias entre unhas granxas e outras poden chegar a superar os 400 euros por hectárea.

A falta de man de obra tamén afecta nesta cooperativa e nesta zona. A maquinaria é máis sofisticada, de máis tamaño e eso fai máis difícil conseguir traballadores. Hai poucos e, cualificados, aínda menos. Aquí tamén fan convenios con empresas auxiliares, pero esas están tamén co mesmo problema. Na recollida do millo non é grave. Noutras tarefas si que se comeza a notar.

A falta de man de obra, tanto especializada coma non especializada, xa comeza a ser un problema para nós e para as empresas auxiliares.

Calcúlase que na campaña cada máquina pode cubrir 15 hectáreas de millo por día. Pero hai días en que non se traballa polo clima, porque hai avarías, porque hai baixas laborais…de xeito que a media nunca chega a 15. Por eso cada vez fan falta máis máquinas e máis traballadores porque as colleitas son máis grandes en case toda Galicia.

Ademais das 600 hectáreas nas que fai todo o proceso, Cobideza traballa outras 300 nas que realiza a aplicación de fitosanitarios porque os propietarios non poden acometela, porque prefiren contratala e centrarse no labor gandeiro ou porque as máquinas da cooperativa resultan máis eficaces.

José Manuel Pérez. Xerente de Comercial Agropress

A faixa costeira do occidente asturiano e a Mariña interior ata Mondoñedo é a zona na que esta empresa xestiona arredor de 2.000 hectáreas de millo. 1.800 delas sementáronas directamente e desenvolven todo o proceso de cultivo e colleita. E no resto teñen diferentes graos de responsabilidade.

Polo de agora non fan unha estimación do rendemento desta campaña. Porque son parcelas moi diferentes en zonas moi diferentes, E, ademais, a sementeira durou mes e medio, de xeito que nalgunhas áreas xa está a espiga formada e noutras aínda non agromou. Ese estiramento da sementeira veu provocado pola primavera chuviosa e tampouco axudou a colleita.

Ter as plantacións na cornixa cantábrica reduce o estrés hídrico porque as temperaturas son moderadas e hai humidade no ambiente. (José M. Përez, Agropress)

O feito de traballar na cornixa cantábrica é un pequeno alivio fronte a seca porque as temperaturas son máis moderadas que en zonas cerealeiras como a Terra Chá ou A Limia e porque a humidade do ambiente tamén rebaixa o efecto da falta de chuvia. Pero non deixa de ser preocupante.

A baixada xeneralizada da produción fará máis difícil encher os silos de millo

A baixada xeneralizada da produción fará máis difícil encher os silos de millo

En Agropress cren que se hai chuvia abondo en agosto pode darse unha colleita normal -na contorna das 40 toneladas por hectárea- aínda que teñen a sensación de que a seca non vai remitir. O cereal que se sementou máis tarde estará menos afectado pola falta de chuvia -porque a espiga aínda non agromou- e, se chove en setembro, poderá compensar nalgunha medida as mermas no da primeira quenda.

Detectan que os ataques de xabaril van a máis todos os anos. Nalgunhas zonas traballan cos coutos para previr danos e eso da resultado, pero ocupan pouco espazo. No resto hai moitos problemas. A faixa costeira asturiana ten moitas áreas onde a caza está prohibida e eso afecta negativamente. Aseguran que, a estas alturas da campaña, as cifras xa son preocupantes.

O xabaril é unha grande ameaza porque en moitas zonas non se pode cazar e xa ataca dende a sementeira.

Ata en preto do 8% das hectáreas foi preciso facer resementeiras porque o xabaril levou por diante o millo acabado de botar. Ademais de disparar o gasto, volver sementar implica que o segundo millo virá máis tarde e con menos calidade que o agardado inicialmente. Tamén cren que houbo parcelas que non se resementaron por aforrar e tería sido mellor volver botar a semente porque os resultados van ser malos.

Nesta zona non detectaron apenas afectación por insectos nas plantacións. Tan só en leiras de pouca calidade e que se sementaron moi tarde houbo pequenos brotes. En canto as malas herbas, tampouco foi un ano problemático porque os fitosanitarios se aplicaron correctamente e no momento oportuno. En canto a pragas, pois, consideran que se trata dun ano bo.

O custo medio por hectárea non está definido. Porque a tipoloxía de terreos, climas e granxas é moi ampla e resulta imposible fixar os criterios. O que si apuntan é que unha hectárea na que supoña 1.500 euros pode ser máis barata que unha de 1.100. Porque a cantidade e calidade de millo son maiores e compensan a diferencia. Sen esquecer que pode haber diefrencias de ata 600 quilos de abono orgánico por hectárea.

A falta de man de obra tamén se da nesta zona e nesta empresa. Nos momentos de picos de traballo hai que contratar e non sempre se atopan recursos humanos. Ademais, o perfil que se busca agora é moi diferente do de hai cinco ou seis anos. Hoxe hai que ter mentalidade e coñecementos dixitais. Así, sendo xa escaso o mercado, aínda se complica máis.

Adrián Cundíns. Gandeiro e Enxeñeiro Agrónomo

Xunto cos seus irmáns, ten unha explotación no concello de Zas e fai asesorías como enxeñeiro por diferentes zonas de Galicia, polo que coñece de primeira man o que se está a facer e o que está a acontecer co millo. É o máis optimista de todos os técnicos cos que falamos,

Na súa área -Costa da Morte, Xallas, Barcala- percibe un crecemento da superficie sementada a millo. Porque as explotacións son cada vez máis grandes e buscan ter a meirande autonomía forraxeira e poder controlar mellor esa parte dos custos de alimentación. Granxas con máis vacas e con máis terreo a cereal.

Na zona de Zas están tamén a expectativa do que suceda ata mediados de agosto. A campaña comezou ben, demorada e obrigando a ir a ciclos curtos, pero ben. Ata finais de xullo, as condicións eran as mesmas que en 2023, cando houbo unha colleita histórica -cunha media de 60 toneladas por hectárea-. O millo evolucionou moi positivamente ata a floración axudado polo clima. A única pega é que tamén se axudou as malas herbas, que viñeron con moita forza.

Se a combinación nordés + calor da unha tregua, podemos ter unha moi boa colleita en canto a calidade e cantidade. (Adrián Cundíns, gandeiro e enxeñeiro agrónomo)

Agardan unha colleita boa se a combinación vento nordés + calor da unha tregua, porque esa é a fórmula máis estresante para o millo cando hai seca. Tamén esperan unha colleita adiantada porque se trata de plantacións de ciclos curtos e a calor acelera os procesos. Podería haber menos toneladas que hai dous anos pero non se baixaría ningún parámetro de calidade. O que se está a notar é a diferencia de calidade e capacidade entre unhas leiras e outras.

As pragas de insectos non afectaron, como si fixeron outros anos. A xunca téñena bastante controlada pero a setaria estalles a causar serios problemas porque non conseguen atallala a tempo nin hai un fitosanitario totalmente eficaz.

Pero o grande problema de pragas téñeno co xabaril. Os animais xa atacan dende a sementeira ata que as espigas empezan a agromar e cando xa están medradas. Hai zonas de Galicia onde o xabaril está facendo inviable o cultivo do millo e esperan que eso non suceda aquí.

Cundíns cre que os ataques co millo medrado son peores que na sementeira. Porque aínda que volver sementar supoña un custo engadido moi elevado, os ataques no final botan a perder meses de traballo e tes que ir ao mercado a conseguir o que se perdeu polo xabaril.

Na Costa da Morte o millo resiste mellor os efectos da seca e a calor

Na Costa da Morte o millo resiste mellor os efectos da seca e a calor

O custo por hectárea sitúano entre 1.700 e 2.300 euros. Porque contemplan un incremento na cotización de todos os parámetros que interveñen no proceso. E tamén inclúen máis parámetros dos que se fan no cálculo estándar (custo de oportunidade, melloras tecnolóxicas das máquinas que repercuten no prezo…)

A falta de traballadores chegou tamén aquí. O tamaño das explotacións levou ben a contratar todo o laboreo do millo, ben a contratar unha parte, ben a compartir tarefas. Por exemplo, pode ser que estean traballando ao mesmo unha colleitadora da casa e unha dunha empresa de servizos. E tanto nas granxas como nas empresas hai escaseza de man de obra.

Igual ca noutras zonas, a recollida do millo non será problemática porque é moi espaciada no tempo -aínda que os traballadores terán que facer moitas horas para recollelo todo- pero si que se contemplan problemas cando chegue a campaña da herba ou a propia sementeira do millo poida darse que todo o labor se concentre en poucos días por causa do tempo.

Nesta zona os efectos da seca chegan máis tarde e podemos ter unha boa campaña aínda que no resto de Galicia sexa mala

Por outro lado, tamén perciben ese cambio no perfil do persoal que se precisa. Ten que estar preparado para as tecnoloxías dixitais que cada vez incorporan en máis cantidade e con máis precisión as máquinas agrícolas.

Esta é a zona onde a seca menos afecta e onde os seus efectos se notan máis tarde. Por eso, cando noutras partes teñen un ano catastrófico, aquí é un ano normal. A evolución de agosto tería que ser moi atípica para que se fale dunha mala campaña. Con todo, cren que as malas colleitas deixaron de ser cíclicas. Antes era unha de cada dez e agora poden vir varias seguidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información