Seca, calor e incertidume alteran o mercado de palla e forraxes en todo o norte de España

A inmensa maioría de gandeiros terán que aumentar as compras de forraxes ante a baixada das colleitas. O sector teme un encarecemento excesivo, se ben tamén se lembra a colleita récord do 2025 e que aínda deixa numerosas reservas para alimentar o gando. Falamos con operadores de palla e forraxes, así como con ganderías da montaña lucense

Seca, calor e incertidume alteran o mercado de palla e forraxes en todo o norte de España

A palla mantén unha tendencia ó encarecemento os últimos dous meses.

Aínda que as chuvias da primavera favoreceron as sementeiras de cereal e o crecemento da herba e das leguminosas, a seca e a calor extrema reduciron drasticamente as previsións de colleitas, polo que as granxas terán que aumentar previsiblemente as compras de palla e forraxes nun contexto de menor oferta.

A situación non é nova pero este ano vese agravada polo feito de que a seca e a calor tamén causaron estragos no centro de Europa, algo nada habitual. Por eso, todas as ganderías europeas terán que competir para facerse coa alimentación dispoñible, que irá a menos.

Con todo, dende o sector evitan caer no alarmismo e sinalan que aínda se poderían recuperar parte das colleitas danadas. Tamén se subliña que as reservas do ano pasado garanten que non chegue a haber desabastecemento. Aínda así, xa se perciben movementos especulativos tanto coa palla como coas forraxes. E, tamén, saída de gando das explotacións para non manter os exemplares menos produtivos.

Herba seca, pastos e vacún de carne

Os 225 socios da Cooperativa A Carqueixa que abrangue concellos da montaña de Lugo adoitan facer compras conxuntas entre dúas ou tres granxas para rebaixar os custes e ter só a cantidade que necesitan en cada momento para non almacenar de máis.

O socio e ex presidente da Carqueixa, José Antonio Díaz, di que baixo esa fórmula xa se fixeron as primeiras compras deste ano. “Por aquí de momento só se mercou palla, que se emprega principalmente para estrar e non para comer. Chegou a uns 95 euros a tonelada xa hai semanas, o cal non está fóra de lugar. Pero haberá que ver como evoluciona a situación porque xa se fala de escaseza e de pouco material de calidade.”

Non se desbota desfacerse de animais de desvelle e recría de menos valor para dispoñer de forraxes para o gando máis produtivo (José A. Díaz, Cooperativa A Carqueixa”)

Na montaña luguesa, a seca e a calor xa obrigan a botar man das reservas de herba seca. “Tivemos unha recollida de herba moi pequena comparada cos anos normais. E, como en boa parte dos prados xa non se pode pacer, estamos comezando a tirar de reservas.”

Díaz da por feito que a maioría de gandeiros terán que mercar forraxes e herba para poder manter os animais, nas vindeiras semanas. “É certo que nos últimos anos tivemos outonos e comezos de inverno suaves e chuviosos, que permiten que os prados recuperen e as vacas poidan pacer máis días do habitual. Esperemos que este ano sexa así.”

Na montaña luguesa temen que a sequedade extrema das praderías acabe por causar incendios

Na montaña luguesa temen que a sequedade extrema das praderías acabe por favorecer incendios

Tampouco se desbota reducir a cabana gandeira en caso de que o alimento non sexa suficiente para todas as cabezas. “Cada explotación terá que botar os seus números e analizar os seus recursos e tomar decisións en función deses cálculos. Haberá quen opte por mercar forraxes e haberá quen vexa mellor desfacerse de animais. Aínda que a baixada de prezos en orixe da carne non beneficia esa segunda opción.”

Díaz advirte tamén doutro posible risco da seca extrema. “Os prados están tan secos que mesmo poderían chegar a arder se a cousa non mellora nas vindeiras semanas. Hai que estar moi atentos porque os lumes aquí serían moi difíciles de parar.” O único aspecto positivo, din na Carqueixa, é que a seca pode frear os efectos da praga de rata toupa na montaña.

Tamén haberá que estar moi pendentes de posibles focos de lume. Porque, co seco que está todo e a nosa orografía, pode ser moi problemático

Os algo máis de 100 socios da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (ASGAFON), tamén están a pasar por dificultades. “A falta dunha valoración final, estimamos que se perdeu arredor do 40% da colleita de herba respecto do pasado ano. Eso obriga a ter que botar man das reservas antes do previsto e, con toda seguridade, a ter que comprar forraxes máis adiante.”, explica José M. Fernández Señor, da directiva de ASGAFON.

Estes gandeiros realizan habitualmente compras conxuntas de palla e forraxes. “As compras conxuntas permiten rebaixar os prezos ao aumentar o volume mercado. E tamén son de utilidade para o distribuidor porque o transporte sae máis rendible. Con este tipo de compras podemos facer fronte á posible especulación coa comida do gando que se derive da situación de seca.”

A falta dunha estimación total, xa calculamos que se reduciu a colleita de herba seca en arredor dun 40% pola seca (José M. Fernández Señor, ASGAFON)

Ademais de tirar das reservas de herba seca, en ASGAFON complementan a alimentación das vacas con “tacos”, mesturas de palla e cereal que aportan materia seca. “Outra opción é a de desfacerse de vacas. Sobre todo das de desvelle que xa presentan algunha tara ou das menos aptas para recría.”

Na Fonsagrada xa se están seleccionando os animais de menor utilidade para as explotacións e dándolles saída ao mercado

Na Fonsagrada xa se están seleccionando os animais de menor utilidade para as explotacións e dándolles saída ao mercado

O problema é que ese paso de desfacerse de animais chega xusto no momento en que os prezos en orixe están a descender case todas as semanas. “Parece que se xuntou todo para dificultar o noso labor. A seca, a escaseza de palla e forraxes en toda Europa e unha baixada de súpeto dos prezos  da carne logo duns meses de certa estabilidade. Sen esquecer a suba do gasóleo e dos custes de produción en xeral.”

A seca perxudicou especialmente, sinala Fernández Señor. “En abril choveu moi pouco. En maio choveu algo pero cadrou con días fríos. E despois xa foi todo sol e calor. Porque houbo treboadas pero non filtran a auga na terra e só refrescan un pouco. Así é moi difícil que a colleita de herba saia adiante con garantías”.

Agora os socios de ASGAFON confían en que veña un outono chuvioso e suave que permita que os pasteiros se poidan aproveitar. “E sobre todo, que veña un inverno como os de sempre. Con neve e xeadas que aportan auga á terra para os seguintes meses. Porque o pasado ano choveu moito pero non fixo o frío que adoita facer. A mestura de exceso de auga, humidade e calidez foi mala para as vacas”.

As perdas pola seca chegan xusto cando o gando está a baixar de prezo en orixe, polo que a venda de vacas non cubre as perdas en forraxes

Distribución de forraxes

Dende Forrajes Fidalgo, de Becerreá, apuntan á necesidade de evitar un crecemento inxustificado dos prezos de palla e forraxes. “Vimos dun ano de colleitas excepcionais, con producións de cereal e de herba de enorme volume. En moitas zonas de Galicia houbo ata tres e catro cortes de herba. Así que ten que haber reservas e unha suba esaxerada de prezos non sería lóxica”, explica Alejandro Fidalgo.

Os distribuidores cren que hai suficientes reservas de herba seca como para que os prezos non se disparen polo momento

Os distribuidores cren que hai suficientes reservas de herba seca como para que os prezos non se disparen polo momento

“Estanse oíndo predicións de prezos ás que non lle vexo sentido. E que tampouco parece que chegaran. Por exemplo, a min estanme ofrecendo rolos de herba a 25 euros, 5 euros máis que o ano pasado. Pero por aí xa hai o runrún de que poden chegar a 45 euros e máis. A ver o que hai de certo”.

As reservas que hai do ano pasado fan pensar que calquera suba esaxerada de prezos quizais non estea xustificada. Se hai especulación coa palla, as granxas terán a opción de alfalfa ou veza (Alejandro Fidalgo, Forrajes Fidalgo)

Con todo, Fidalgo recoñece que -de continuar a seca e a calor- a situación si que se pode volverse moi complicada, a demanda dispararíase e os prezos terían unha alza notable. “Máis que nada porque a seca é xeralizada en Europa e a competencia polo alimento do gando pode ser moi elevada.”

O distribuidor explica que hai grandes produtores en Castela, de máis de 500 hectáreas, que van reter a palla ata outubro ou novembro esperando que os prezos acaden o seu máximo. E eso a pesar de que os almacéns aínda contan cunhas importantes reservas.

“Se a especulación coa palla e coa herba seca se dispara, pode que algúns gandeiros merquen veza ou alfalfa, xa que a colleita foi moi boa e, aínda que saia un pouco máis cara, obtense un alimento de calidade a un prezo relativamente normal no actual contexto.”

Na mesma liña exprésase José Ramón Arias, de Forrajes Lugo. “A seca e os seus efectos xa levan semanas percibíndose e as forraxes van subindo pouco a pouco e poden experimentar subas fortes se segue a escaseza. Tanto os gandeiros como os distribuidores teremos máis dificultades este ano”, valora.

Na maioría de granxas galegas xa se está a botar man das reservas de palla e de herba seca

Na maioría de granxas galegas xa se está a botar man das reservas de palla e de herba seca

No caso do cultivo do millo, Arias cre que haberá zonas mellores e peores. Sobre todo irán ben as fincas que estean preto de humidais. “Onde se puido regar hai unha colleita que se pode calificar de normal. Ou nas beiras de ríos e regatos que non secaron. O resto terán máis problemas.”

Non parece probable que vaia haber desbastecemento, pero a rendibilidade das granxas vaise ver comprometida (José R. Arias, Forrajes Lugo)

A pesar da mala situación, Arias non cre que vaia haber desabastecemento de forraxes. “O lóxico é que os prezos se disparen e que haxa que moverse moito para conseguilos. Probablemente os efectos negativos estarán máis na rendibilidade das explotacións que en que consigan alimento ou non.” En Forrajes Lugo tamén destacan que o contexto europeo de seca e calor non vai ser de ningunha axuda.

A palla de Castela enfronta unha mala colleita de cereal e o aumento da demanda internacional

Fernando Martínez, de Paja Picada Nual (Arenillas de Muñó, Burgos), distribúe palla para toda a zona norte de España. Un produto moi demandado en gandería bovina e ovina pola súa versatilidade xa que serve tanto como alimento como para usos nas instalacións. Afirma que a deste ano vai ser unha colleita de cereal moi baixa.

“Este ano o problema non foi tanto a seca como a calor. En maio caeron nesta parte de Castela ata 70 litros por m², que é unha boa cifra. Pero xa a final dese mes e durante xuño se chegou a máis de 35 graos. Eso fixo que as plantas non botaran talos secundarios dende a base, que a cantidade de gran por espiga fora moi baixa e que a calidade e o peso se reduciran moito.”

No caso de Castela, as mermas de calidade e peso debéronse ás altas temperaturas e non a efectos da seca (Fernando Martínez, Paja Picada Nual)

Esa perda de peso e de calidade tanto de gran como de palla, sinala Fernández, estase a dar en case toda Europa, polo que a demanda se pode disparar nalgún momento para cubrir todas as necesidades das granxas. “Por Castela xa apareceron compradores de Francia e Alemania. Non sabemos que condicións pactaron pero está claro que necesitan alimento e búscano directamente.”

A colleita de cereais de Castela perdeu calidade e peso e eso leva a escaseza de palla

A colleita de cereais de Castela perdeu calidade e peso e eso leva a escaseza de palla

Martínez indica que a colleita de palla do ano pasado foi moi boa e que as reservas están facendo que os prezos non se disparen. Se ben hai moita variación, a tendencia das Lonxas é a un encarecemento dos prezos nas últimas semanas. No caso da de León, un 27% en dous meses.

En Galicia estase a mercar a palla a uns 90 euros a tonelada, xa que os custes de transporte fan que suba o prezo respecto de Castela. Nunha explotación leiteira media galega (100 cabezas) estímase que mensualmente se empregan 15 toneladas de palla. E máis do 90% procede de fóra de Galicia pola escasa produción cerealeira galega.

Polo de agora, as reservas de palla do ano pasado están contendo os prezos. Pero non sabemos canto vai durar a contención

A maioría de gandeiros empregan unha medida de palla estándar que vai entre os 2 e os 5 centímetros de tamaño de corta. Dese xeito, é perfectamente válida tanto para que a coman as vacas secas e xovencas como para empregarse en camas ou outros usos.

Martínez indica que -malia a máis que previsible escaseza de palla- os gandeiros van seguir priorizando e dando máis valor á chamada palla “branca” fronte á convencional. “Esto débese a que a branca procede de zonas onde se empregan menos fertilizantes, o seu aspecto é máis atraínte e a súa oxidación é menor. Aínda que os resultados tanto nutricionais como de manexo non son necesariamente mellores”, sinala.

A seca pon en xaque ganderías por toda Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información