“Se recortamos gasto na crianza da becerra, pagarémolo con creces na vaca adulta”

Entrevista a Fernando Soberón, xerente de servizos técnicos de Shur-Gain Estados Unidos. Acaba de participar no XXI Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina cun relatorio sobre “Etapas críticas no desenvolvemento da becerra”

“Se recortamos gasto na crianza da becerra, pagarémolo con creces na vaca adulta”

Fernando Soberón

Fernando Soberón é toda unha autoridade en crianza de tenreiras e xovencas. Doutoramento en Ciencia Animal na Universidade de Cornell (EE.UU), onde centrou os seus estudos na nutrición e manexo de tenreiros e xovencas e o seu efecto na produtividade a longo prazo, na actualidade é Xerente de servizos técnicos de Shur-Gain Estados Unidos.

No teu relatorio sobre “Etapas críticas do desenvolvemento” das tenreiras comezaches explicando os aspectos básicos do costro (tamén colostro ou formigo). ¿Cales son os aspectos básicos que se deben contemplar para un bo manexo?
A recomendación é darlle o costro ás tenreiras canto antes. Aconséllase que debe mamar uns 4 litros de costro nas primeiras dúas horas de vida. Esa recomendación parte de diversas investigacións sobre como inflúen a cantidade de costro inxerido e o tempo que tarda en tomalo o tenreiro.

En canto á calidade do costro, o máis importante é a limpeza e reducir o contido bacteriano. A partir de aí podemos empezar a valorar a cantidade de inmunoglobinas do costro. E a mellor forma de garantir un baixo contido bacteriano é administralo ao becerro inmediatamente despois de muxilo da vaca.

 “A diferenza entre dar 2 ou 4 litros de costro nas primeiras horas son 1.000 litros en dúas lactacións”

Podemos dar máis costro ao tenreiro durante os primeiros dous días de vida. Se hai suficiente costro podemos dar outros 2 litros ás 6, 8 e 12 horas de vida, xa que tamén benefician ao becerro, aínda que o máis importante é fornecerllo nas 2 primeiras horas de vida.

Falaches de que a cantidade de costro inxerida polo tenreiro está directamente relacionada coas enfermidades, o peso e o rendemento da vaca adulta. Explícate…
Existe unha gran cantidade de información sobre a importancia de administrar calostro para mellorar a saúde e a sobrevivencia das becerras, pero máis aló de simplemente fornecer calostro ou non, existen varios estudos que compararon tenreiras que recibiron 2 litros de calostro nas primeiras horas de vida, fronte a aquelas que inxeriron 4 litros. Os resultados indican que non só hai unha mellor incidencia na supervivencia durante a crianza, senón que continúa ao cabo de dúas lactacións, así mesmo, tamén hai unha mellora na cantidade de leite producido. Ademais, o calostro inflúe na eficiencia alimenticia da vaca adulta, e por tanto na súa rendibilidade económica.

En concreto, uns dos estudos revelou 1.000 quilos de diferenza en dúas lactacións, comparando tenreiras que tomaron 2 fronte a 4 litros de costro.

Tamén houbo unha diferenza de ganancia diaria de peso de 150 gramos entre unha tenreira e outra durante os 2 primeiros meses, cos mesmos nutrientes, e que se atribúen á cantidade de costro fornecida nas primeiras horas.

No teu relatorio tamén abordaches os aspectos básicos que hai que coidar no pre-destete. Cales son as túas recomendacións para este período?
O pre-destete é o período de máis eficiente crecemento porque o becerro aínda é un monogástrico, e non temos as ineficiencias do rume, a condición de que o esteamos alimentando con leite. En segundo lugar, o animal está a crear fundamentalmente músculo e moi pouca graxa e isto vai continuar durante os primeiros 3 ou 4 meses, ata que se aproxime a puberdade. Como gandeiros debemos aproveitar esa eficiencia de crecemento de músculo e de esqueleto.

Durante os primeiros 2 meses de vida do becerro o seu crecemento está directamente relacionado coa inxesta de leite. Desta forma, por cada 0,5 kg adicional de ganancia diaria de peso, a futura primeiriza vai producir entre 700 e 800 quilos de leite máis na primeira lactación.

Cales serían as doses de leite recomendadas para unha tenreira Holstein en pre-destete?
A cantidade de leite depende do número de veces que se poida alimentar á becerra. Cando lle podemos dar de mamar 3 veces ao día ou máis mediante un bebedoiro automático, recomendamos entre 10 e 12 litros de leite ao día. Cando a becerra só pode ser alimentada 2 veces ao día, limitarémonos a entre 8 e 9 litros de leite ao día, a razón de 4 ou 4,5 litros por toma.

“O ideal é que a becerra tome uns 10 litros ao día de leite de vaca sa ou dun substituto de calidade”

A calidade do leite que se lle fornece tamén debe ter un papel fundamental…
O máis importante é a cantidade de proteína que a tenreira recibe para poder manter o seu crecemento. Se lle proporcionamos 8 litros de leite ao día, requírese unha conentración de entre un 26 e un 27% de proteína.

Que é o máis recomendable: leite de vaca ou substituto?
Tanto o leite como os substitutos varían moito dunha gandería a outra. Cando falamos de leite que pode ser vendido para o consumo humano, estamos a falar dun produto que ten unha alta calidade proteica e unha moi consistente concentración de proteínas graxas e doutros sólidos. Por iso é un excelente alimento para as tenreiras.

Cando falamos de leite de rexeitamento, o contido de graxa e de sólidos pode variar drasticamente e hai resíudos de antibióticos, polo que non sería recomendable. E é que o importante é asegurarlle á tenreira unha consistencia e unha regularidade na graxa e proteínas que lle proporcionamos na súa alimentación.

En canto aos substitutos de leite, hainos que están feitos para ser baratos, baixos en proteína e elaborados con ingredientes como proteína de soia. E hai outros substitutos que teñen alto contido de proteína, fundamentalmente derivados de leite ou de plasma (En Estados Unidos está autorizado), e teñen un efecto moi distinto no animal. Por iso enfocaríame máis na calidade, recomendando darlle á becerra leite apto para o consumo humano ou substitutos producidos para o crecemento.

Non merece a pena abaratar custos na alimentación das tenreiras…
Calquera aspecto que se abarate aquí vaise a pagar máis adiante no crecemento e na saúde da becerra e na produción da vaca.

Cal sería o momento idóneo para o destete?
A investigación suxire que as 8 semanas é o momento prudente para empezar a destetar e que o destete debe finalizar ás 10 semanas. É dicir, deberiamos reducir un terzo do leite ás 8 semanas, outro terzo ás 9 e retirar o leite por completo ás 10 semanas.

 “No post-destete a becerra debe ter auga fresca e limpa e a dieta debe ter un 18 -20% de proteína”

Neste sentido, un dos puntos críticos é o post-destete. ¿Que aspectos debe coidar o gandeiro?
O que é crítico durante este período é manter o crecemento que desenvolvemos durante o pre-destete. Un dos aspectos para coidar é que a becerra teña plena dispoñibilidade de auga limpa e fresca, para estimular o consumo de materia seca. En canto ao concentrado, este debe ser apetecible para a becerra porque nesa transición o máis importante dese primeiro concentrado é que sexa atractivo para a tenreira.

A dieta total no post-destete, incluíndo o concentrado, o pasto, a alfalfa…etc debe ter un mínimo de proteína de entre o 18 e o 20%. Necesitamos que o consumo de materia seca sexa suficiente para manter o crecemento.

Como se estimula máis o crecemento da tenreira: soa na súa box ou en parellas?
En termos de sanidade é máis fácil mantelas sas cando están de maneira individual no seu box. O agrupamento depende da habilidade do gandeiro de detectar unha tenreira enferma de forma temperá para evitar o contaxio a outras becerras. A crianza en grupo ten importantes vantaxes: comen máis, o animal desenvolve máis o comportamento de rabaño…etc. É dicir, en termos de benestar animal o agrupamento é mellor. Con todo, é moi importante detectar ben os posibles casos de enfermidades.

Tamén incides na necesidade de que a tenreira medre pero que non engorde. ¿Por que motivo fas esta recomendación?
O crecemento da becerra que nos vai a ser rendible é o crecemento en músculo e en esqueleto. O crecemento en graxa vainos prexudicar pois vai provocar máis problemas metabólicos no parto, vai limitar a capacidade reprodutiva do animal…etc.

“A becerra debe medrar en músculo e en esqueleto, non en graxa”

Por iso debemos manter a cantidade de proteína na alimentación que lle permita ao animal usar a enerxía de maneira efectiva e non acumulala como graxa. Pola contra, estariamos a desperdiciar recursos e creando problemas na futura vaca.

Por último, ¿A que idades e con que peso deberíase realizar a primeira inseminación das tenreiras?
O peso ideal do gando para a primeira inseminación depende do peso maduro da vaca, polo que vai ser diferente para unha Holstein que para unha JerseY. Pero en todo caso, a primeira inseminación debe facerse cando a tenreira alcanza ao redor do 55% do peso do animal adulto. É dicir, que se a vaca na súa terceira ou cuarta lactación pesa 1000 quilos, a primeira inseminación deberíase realizar cando alcanzase os 550 quilos.

En Estados Unidos temos inseminado con éxito xovencas aos 13 ou 14 meses para parir aos 23 ou 24 meses. Se están ben medradas, temos mellores producións que en xovencas que paren máis tarde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información