“Se os Tecores desaparecen, o problema do xabaril vaise multiplicar”

Falamos con Fernando Rois, presidente da Asociación de Tecores Galegos, Ategal, sobre a xestión do xabaril e as responsabilidades dos danos causados pola fauna salvaxe. Abordamos tamén outros temas, como o aumento das restriccións á caza do lobo por danos ou a xestión e presenza de caza menor nos montes galegos

Publicidade
“Se os Tecores desaparecen, o problema do xabaril vaise multiplicar”

Fernando Rois é o presidente de Ategal dende a fundación da asociación a comezos do ano 2020.

Fernando Rois é un cazador curtido, con anos de caza ás súas costas e tamén con experiencia na xestión cinexética, xa que leva anos á fronte do Tecor da Ulloa, que abarca os concellos de Palas de Rei e Monterroso (Lugo). Ademais, é o presidente da Asociación de Tecores Galegos, Ategal, que naceu a comezos do 2020.

Falamos con el do problema do xabarín e abordamos outras cuestións de actualidade, como a prohibición da caza do lobo ou a redución das poboacións de perdices e coellos nos montes galegos.

-Como valoran a situación actual dos tecores na xestión do xabaril?
-Os tecores estamos pasando un momento difícil, unha auténtica persecución. O problema do xabaril é responsabilidade da Administración. Os cazadores levamos tempo aportando solucións para a súa xestión, pero non se están a ter en conta. En Ategal imos estar sempre ó lado dos agricultores e gandeiros, xa que non poden estar sufrindo os danos do xabaril como veñen facendo. Os cazadores non somos o problema, senón a solución para a xestión do xabaril. Nós non creamos o problema do xabaril e agora parece ser que nos queren facer os únicos responsables. Responsabilízannos dos accidentes e dos danos. Tanto para Administración como para os gandeiros parece que os únicos responsables foramos os cazadores.

“Os cazadores non creamos o problema do xabaril e agora parece ser que nos queren facer os únicos responsables dos accidentes e dos danos a cultivos”

-As últimas sentencias xudiciais de danos provocados por especies cinexéticas fallaron a favor dos denunciantes e resolveron que son as sociedades de caza, como a de Xermade, as que se deben facer cargo deles, ¿como recibiron estas sentencias?
-Non podemos deixar un problema como o actual en mans dunha das partes implicadas, os agricultores. Nós temos claro que eles tampouco teñen a culpa de que a Administración non vira vir o problema xa hai uns anos e que non actuara para atallalo. O que non se entende é que agora sexamos os cazadores os responsables. Os tecores xa levábamos tempo advertindo que a poboación de xabaril en Galicia se estaba desmandando e mentres, vivimos unha persecución da Administración con medidas como as cotas ou o cobro dos precintos… Os gandeiros deberan ser conscientes de que se os tecores desaparecen o problema vaise multiplicar.

-Cre que se está responsabilizando en exclusiva ós Tecores?
-Os tecores non creamos este problema. Nós estábamos moi ben como Coto Privado de Caza, xa que xestionábamos a caza menor e se había xabaril faciamos unha batida por danos. A Administración foi a que lle pasou o problema ós tecores, ó pasar a ser os responsables da caza menor e maior. O problema é que na caza maior quen a continúa administrando é a propia Administración, posto que houbo momentos nos que se solicitaron batidas e non se autorizaron, así como tamén houbo épocas nas que había moita poboación de xabaril e non se aumentaban os cupos anuais.

“Levar ós tecores ó xulgado non é a solución, temos que procurar acordos entre todos, non ten sentido enfrontarnos entre nós”

-Tanto desde Aperfasa como dende Unións Agrarias apuntan que as denuncias cursadas contra os tecores reclamando compensacións polos danos buscan facer reaccionar á Xunta e facer fronte ás perdas que lles supón o xabaril. Agardan resposta por parte da Xunta? Abordaron a cuestión coa Consellería?
-Agricultores e tecores temos que ir da man. Se hai danos debemos facer unha fronte común para que a Administración reaccione. Dende Ategal estamos abertos a reunirnos coa Consellería para tratar de buscar solucións entre todos, de feito xa temos solicitada unha reunión coa conselleira, quen nos consta que ten intención de abordar a problemática. Agora temos que sentarnos e comezar a traballar entre todos.

En Galicia temos o problema de que ninguén defendeu nunca ós agricultores nin ós cazadores. Facían a uns culpables por botar millo e ós outros por cazar xabaril. A Administración é a responsable de que esteamos como estamos. Levar os tecores ó xulgado non é a solución, temos que procurar acordos entre todos, non ten sentido enfrontarnos entre nós.

Dende Ategal estamos dispostos a reunirnos cos sindicatos, a Conselleira e distintas entidades que poidan aportar solucións á situación actual e ós danos que se están a sufrir. Cómpre empezar a traballar xa.

-Algúns tecores como o de Dozón (Pontevedra) xa anunciaron que valoran excluír aquelas parcelas de explotacións que os denuncien por danos. Creen que esta medida se pode estender a outros tecores?
-Os tecores teñen que defenderse, pero eu pediríalle que non exclúan as fincas que nos denuncien, porque temos que defender a eses agricultores, temos que permanecer ó seu lado. Un agricultor non pode sementar unha leira de millo e que o xabaril lla coma toda, haberá que indemnizalo con prezos xustos. Por agora recomendamos evitar esas medidas de presión, porque en canto se exclúan zonas o problema vai ser maior para eses gandeiros. Entendemos que, ás veces, os cazadores séntense marxinados polos gandeiros, xa que tentamos solucionarlle un problema que están a ter e, como presión á Administración, rematan pagándoo co tecor.

-Tense proposto tamén que os tecores aporten unha taxa anual ó fondo de corresponsabilidade da Xunta para facer fronte ós danos por xabaril. Apoian esta medida?
-Temos que ter reunións para buscar solucións. Os cazadores non podemos ser os que carguemos con tódolos gastos. Nós xa estamos pagando as licenzas, as hectáreas que temos acotadas, as pólizas de vehículos, os danos ós cultivos… Os tecores non imos dar soportado todos eses gastos.

“En Galicia, a caza non busca o beneficio económico, senón que son tecores sociais, co que os ingresos son mínimos e xa estamos a ter importantes gastos”

-Está en perigo a viabilidade das sociedades de caza?
-Dende logo. Se esta situación se mantén, moitas das sociedades de caza van rematar por desaparecer. Poderán manterse nas zonas de alta montaña, pero naquelas comarcas con cultivos non poderán manterse polos custos que lles reclaman. En Galicia, a caza non busca o beneficio económico, senón que son tecores sociais, onde cazan os propietarios dos terreos, co que os ingresos son mínimos e xa estamos a ter importantes gastos. Ó ano pagamos uns 6.000 euros por responsabilidade civil, outros 2.000 euros en taxas, xunto coas licenzas dos cazadores e por se fora pouco agora tamén nos fan pagar os precintos ós xabarís que cazamos. Con todo o que nos fan pagar, xa podería a Administración destinar unha parte para ese fondo de corresponsabilidade e non pedir un pago a maiores.

-Que medidas cren que se poderían aplicar para que o xabaril non siga a ser un problema para moitas ganderías?
-Temos o fondo de corresponsabilidade que aínda non chegou a poñerse nunca en marcha. Todos teremos que asumir os custos, non só unha das partes implicadas. Ademais temos outras medidas que lle trasladaremos á Conselleira cando nos reunamos con ela.

“Do Douro para o norte, o lobo non debe ser unha especie protexida e que non se poida cazar por danos”

-Este ano tamén se revisou a xestión do lobo en España e está previsto que quede restrinxida aínda máis a caza do lobo por danos a partir do 25 de setembro. Que opinión teñen ó respecto dende Ategal?
-Nós dixémolo xa dende que se comezou a debater esta cuestión: o lobo do Douro para o norte non debe ser unha especie protexida e que non se poida caza. Como todas as comunidades tiveron o mesmo peso á hora de decidir sobre esta medida, tiveran ou non presenza de lobo, tamén coido que se cadra agora era interesante levarlles a metade das mandas que temos nos territorios que convivimos co lobo para estas rexións e que saiban o que é. Non ten lóxica que puideran decidir a xestión que imos facer as comunidades que temos lobo aquelas que non teñen. Estamos a favor dunha regulación do lobo, pero non se pode permitir que de novo os gandeiros sexan os prexudicados.

-Á marxe da caza maior, especies como o coello ou a perdiz están a sufrir un retroceso nos últimos anos? Hai coellos nos montes galegos?
-A caza menor é moi difícil recuperala, aínda que os tecores están facendo un esforzo moi importante. Cambiaron os cultivos, agora non hai aquelas leiras de trigo ou centeo que había hai anos e que permitían sobrevivir ás perdices bravas. Noutras zonas de España, o coello está a ser unha auténtica peste, pero en Galicia está a ser moi difícil garantir que os haxa no monte. Os tecores levan investido moitos cartos en repoboacións, creacións de biotopos, desbroces para facilitar a súa recuperación, pero non houbo unhas directrices claras sobre as que traballar para a súa recuperación. Non se contemplaron medidas de maior impacto como a ordenación do territorio ou a investigación para crear vacinas coas que combater a mixomatose ou a hemorraxia vírica.

“O xabaril é un dos grandes depredadores da perdiz, pois arrasa as postas de ovos que hai no chan”

Outra das causas de que non haxa coellos e perdices bravas no monte é que en Galicia non se fai un control dos depredadores. O único que están facendo os tecores coas soltas de coellos e perdices é proporcionar carne para depredadores como a marta ou os visóns. Na perdiz, un dos grandes depredadores é o xabaril, que arrasa os ovos que pon no chan.

– Que propostas teñen previsto levar a cabo a curto prazo dende Ategal?
-Nós somos unha asociación sen moitos recursos económicos. As actividades van estar orientadas a reunións cos tecores e a poder axudar ós cazadores a defender os seus dereitos.

Balance do primeiro ano de Ategal

– Cantos tecores integran Ategal?
-Agora mesmo a asociación integra 53 tecores de Galicia, pero é un número que agardamos que se incremente, xa que aínda non fixemos a campaña de captación de socios.

-Xurdiu con presencia nas 4 provincias?
-Si, nestes momentos temos tecores das 4 provincias.

– Con que obxectivos crearon a asociación?
-Ategal nace co claro obxectivo de defender os intereses dos cazadores, tecores e da caza en xeral. Os presidentes dalgúns tecores sentíamos que os tecores non estábamos representados nun momento difícil para a caza como o que estamos a vivir nos últimos anos. Na Administración xa vimos tamén que non se estaban a defender os intereses xerais dos cazadores, senón que en moitos casos atendían a intereses propios.

Somos unha asociación sen ánimo de lucro e que non imos pedir subvención de ningún tipo, para así poder manternos desvinculados do poder, xa que ó recibir axudas das Administracións, logo rematas coas mans atadas. Sustentarémonos coas achegas dos socios.

– Como foi este primeiro ano de traxectoria?
-O primeiro ano foi duro, xa que acabábamos de empezar cando apareceu o Covid-19 e tivemos que facer fronte xa a diferentes conflitos, como a autorización da Administración para cazar e saltarse o confinamento a aqueles cazadores que tiveran a tarxeta federativa. Loxicamente non apoiabamos que unha entidade puidese vender estas tarxetas para librarse das limitacións de movemento que outros cazadores estabamos a ter. Nós defendemos que tódolos cazadores debéramos ser tratados de igual xeito. Así, a asociación naceu coa intención de defender os intereses xerais de tódolos cazadores, non só dos que están asociados a Ategal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información