“Se os prezos da carne foran os de fai 2 ou 3 anos, non estaría pensando en incorporarme”

Mario Trabado ten 17 anos e ten claro o seu futuro vinculado á gandería. Falamos con tres granxas de Cervantes que este sábado participan na feira de San Román. A dermatose, Mercosur ou a futura PAC son asuntos que preocupan aos gandeiros de vacún de carne da montaña de Lugo

Vacas no alto do porto de Ancares, no límite entre a provincia de Lugo e a de León

Vacas no alto do porto de Ancares, no límite entre a provincia de Lugo e a de León

San Román, en Cervantes, celebra este sábado a súa feira de gando. Desde que foi recuperada no ano 2019, ten un carácter festivo e tamén reivindicativo, o de exaltar a labor que realizan as explotacións de vacún de carne nesta zona dos Ancares.

A gandería é o motor económico da montaña de Lugo e tamén o que mantén a poboación e coida do territorio. Pero coma noutras zonas de Galicia, falta relevo xeracional e garantías dunha rendibilidade que anime aos mozos e mozas a quedar.

A Ternera Gallega Suprema estase a pagar a día de hoxe a uns 8 euros kg/canal, logo de ter baixado 50 céntimos no último mes, pero o acordo entre a UE e Mercosur, que entrou en vigor de xeito provisional este 1 de maio preocupa na montaña de Lugo. Tamén a xestión do lobo, a dermatose nodular contaxiosa ou a reforma da PAC a partir do 2028.

O prezo da carne baixou 50 céntimos no último mes

Falamos destes temas con tres gandeiros que acudirán con animais á feira: Diego Pérez, Mario Trabado e Fermín Digón. Os tres levarán xatos cebados para vender baixo o selo de Ternera Gallega Suprema. Agardan obter por eles un mellor prezo que na casa pero, sobre todo, para os tres é un motivo de orgullo poder amosar ao público que acuda á feira o resultado do seu traballo.

Mario é un mozo de Vilapún de tan só 17 anos que vai estudar Mecánica pero que está decidido a incorporarse e vivir das vacas que agora atenden os seus pais. No caso de Diego e de Fermín , compatibilizan a atención do gando co traballo fóra da casa e tamén herdaron a gandería dos seus pais.

Gandería tipo: 30 vacas e 30 hectáreas

As súas ganderías representan a explotación media da zona: unha granxa familiar con 30 vacas e unhas 30 hectáreas de superficie que fai un sistema de manexo tradicional, cos animais en extensivo desde a primavera ao outono e acortellándoos para pasar o inverno.

Nalgún caso, mesmo seguen a manter o sistema de trashumancia, subindo o gando no verán ao porto dos Ancares, na vertente leonesa. Son as vacas as que manteñen abertos os camiños e as que loitan contra o lume.

Punto de encontro para os gandeiros da zona

A feira deste sábado é tamén un punto de encontro para os gandeiros da zona. “É unha feira moi bonita e gustaríame que se seguira facendo porque nos xuntamos todos os veciños do Concello e vén tamén moita xente doutros sitios”, destaca Fermín.

“Á feira nós imos levar dous becerros para vender de case 10 meses. Son de raza rubia galega e valerían tanto para o matadoiro como para sementais para vida. Xa fomos o ano pasado tamén con animais e está moi ben organizada”, di Mario.

“Nacín aquí, crieime aquí e quero vivir das vacas aquí”

Mario, coas vacas da gandería familiar en Santalla

Mario, coas vacas da gandería familiar en Vilapún

Mario Trabado Núñez ten só 17 anos pero ten claro o seu futuro: “Nacín aquí, crieime aquí e quero vivir das vacas aquí; desde pequeno sempre me gustou isto”, di. Pero é consciente de que é un caso cada vez máis raro: “Coñezo moi pouca xente nova coma min nesta zona que se queira quedar”, admite. “O ano que vén vou facer Mecánica en Lugo e cando acabe queríame incorporar coa idea de seguir na granxa”, avanza.

Mario vive na parroquia de Vilapún, onde os seus pais, Luis e Dora, teñen unha explotación de vacún de carne con 30 reprodutoras de raza rubia galega e asturiana e 2 touros, tamén de raza rubia galega, máis os becerros e a recría. “A gandería era de meus avós, pero tiñan só 4 ou 5 vacas e aumentaron desde que se incorporaron os meus pais”, explica.

Na actualidade contan con 35 hectáreas en dous emprazamentos, en Vilapún e en Vilaespasantes, o pobo de Dora. Están situados a 800 metros de altitude nunha zona con presenza de lobo. “Por aquí ao redor houbo algún episodio de ataques pero nós de momento non tivemos ningún caso”, matiza.

Manexo semiextensivo

Na casa de Mario seguen mantendo o sistema tradicional de manexo semiextensivo do gando, típico desta zona de montaña. “As vacas paridas que teñen crías sacámolas e metémolas todos os días desde abril a novembro e as secas e as xovencas están fóra. E de decembro a marzo están todas dentro na corte para pasar o inverno”, detalla.

Temos sitio para telas dentro e así afórrase tamén de mercar abono, porque fan purín e esterco para botar nos prados

“Facemos 300 rolos de silo cada ano e 60 de herba seca. No inverno dámoslles silo ás vacas e a herba seca usámola para cebar os xatos. Dámoslles tamén penso desde os 7 meses que se destetan”, explica.

Baixada de prezo de 50 céntimos no último mes

Os becerros cébanos ata os 9-10 meses e comercialízanos a través de tratante co selo de Ternera Gallega Suprema. “Baixaron algo nas últimas semanas. Fai un mes pagábanse a 8,5-8,6 € kg/canal e agora están 8,10”, indica.

“Agora mesmo están bastante ben de prezo, porque fai uns anos desanimábate de todo. Se fose coma fai 3 ou 4 anos igual non pensaba en incorporarme. Pero quen sabe como estará dentro duns anos”, advirte.

A nova PAC e Mercosur

A Comisión Europea negocia neste momento cos distintos países as axudas para a agricultura e a gandería a partir do 2028. A explotación de Mario e a súa familia recibe neste momento fondos para zonas con limitacións naturais por estar encadrada en alta montaña, unhas axudas que non se sabe se se manterán na nova PAC. “Tiñan que primar as granxas como a nosa. Somos a única familia que vive das vacas en Vilapún e a única que roza o pobo”, di.

Mercosur pode afectarnos se a xente non se mentaliza do que vai comer

Outro dos temores deste mozo de cara aos vindeiros anos son as consecuencias do acordo de libre comercio asinado entre a UE e os países do Mercosur e que entrou en vigor de xeito provisional o pasado venres, día 1 de maio.

“Mercosur pode afectar se a xente non se mentaliza do que van comprar e do que van comer. Con eses prezos non hai quen compita, pero non é o mesmo traballar nunha chaira de 500 hectáreas en Arxentina ou Brasil que aquí na montaña de Lugo; aquí temos algunha finca na que non entra a maquinaria”, compara.

“Non teño nada en contra do lobo, pero é un problema grave para a gandería extensiva”

As vacas de Diego nos pastos de alta montaña onde pasan os meses da primavera e o verán

As vacas de Diego nos pastos de alta montaña onde pasan os meses da primavera e o verán

Diego Pérez López ten 33 anos e tamén axuda na gandería familiar pero a diferenza de Mario non o ve como a súa actividade principal. “Agora mesmo traballo nunha empresa do sector forestal. A gandería a tempo completo non sei se compensa. Agora mesmo os prezos están bastante ben pero iso pode cambiar en calquera momento”, alerta.

A granxa está ao nome da súa nai, Inés. Eduardo, o seu pai, xa está prexubilado. “Eu colaboro, gústanme as vacas e cando se xubilen os meus pais gustaríame que seguise habendo vacas na casa, pero aínda a día de hoxe non vexo que dean un beneficio como para vivir exclusivamente delas. Gústame que haxa vacas na casa e aínda que non me dedique exclusivamente á gandería seguirei con elas, pero de momento non vexo esa rendibilidade para dedicarme a iso só”, insiste.

Non vexo que as vacas dean un beneficio como para vivir exclusivamente da gandería

A gandería está ubicada no lugar de Santalla. Teñen 40 nais e dous touros e todos os animais son de raza rubia galega. Venden a través da cooperativa A Carqueixa e tamén a través de tratantes. “Traballamos sobre todo con Ganadería Galván, que son orixinarios desta zona”, conta.

Que nos obriguen a acortellar os becerros dous meses para cebalos non sería un problema se se compensa no prezo

Os xatos están fóra e para acabar de rematalos cébanos no prado cun comedeiro con penso. Os cambios no Regulamento de Ternera Gallega Suprema, que entran en vigor este ano despois de dous de moratoria, vai obrigalos a modificar o sistema de manexo dos becerros. “Teriamos que acortellar os xatos, pero se se compensa no prezo non sería un problema. Antigamente sacábanse e metíanse todos os días, temos instalacións para iso pero así dan máis traballo”, recoñece.

Trashumancia a León

Dispoñen de 15 hectáreas propias e unhas 10 arrendadas na zona de Santalla e en Pombeiro. A maiores, fan trashumancia. “Subímolas ao porto de Ancares á zona de León. Son 7 horas andando co gando. Levámolas o domingo. Saímos ás 8 da mañá e chegamos sobre as 3 da tarde. Foron 11 vacas secas xa preñadas e algunha xovenca de recría. Estarán alí até finais de outubro. As que coñecen o camiño van contentas, coma balas”, describe Diego.

A trashumancia dá traballo pero aforra pasto para as vacas que quedan na casa

Ao igual ca eles, outros 7 ou 8  gandeiros, todos de Cervantes, fan trashumancia ao alto do porto. “Son prados comunais que temos alugados desde fai xa bastantes anos. Nós empezamos a levar fai uns 15 anos. Cada gandería ten a súa zona. A trashumancia aforra pasto para as outras vacas que quedan na casa. Son moitos meses, pero é traballo tamén. Imos velas dúas veces ao mes, pero están atendidas porque como hai vacas de varios gandeiros sempre vai alguén e mira polas de todos”, explica.  

Difícil convivencia coa fauna salvaxe

A gandería de Diego fai un manexo en extensivo do gando. “As nosas vacas están fóra todo o ano. En inverno se é moi malo, coma este, as que teñen crías gardámolas, pero senón están fóra sempre”, relata.

Tanto no porto de Ancares coma en Santalla teñen problemas co lobo e co oso. “Temos mastins, pero hai que mantelos tamén e tampouco é garantía; non é dicir teño un mastín e solucionei o problema”, asegura.  

“O lobo é un problema grave para a gandería extensiva, non teño nada en contra del, pero para ter as vacas fóra o lobo é un problema grande”, di. “Ademais das perdas económicas, é o risco, a intranquilidade. Non podes manexar o ganado como ti queres”, engade.

As indemnizacións non cubren o valor real; deberían pagar o gando polo que vale

“Non é só a perda dun becerro, cando hai un ataque do lobo supón uns problemas a maiores moi importantes, porque hai moitas vacas que perden tetos ao quedar sen o becerro, tes que ter moito coidado de que non che colla mamite. Se tes unha xovenca nova de 2 anos que che perde dous tetos perdiche a vaca e un becerro rubio de 2 meses se é bo hoxe pode valer 1.000 euros. As indemnizacións non cubren o valor real; deberían pagar o gando polo que vale”, pide Diego.

Para as vacas que están na trashumancia e paren no porto a fauna salvaxe tamén é un handicap importante. “Afecta o lobo. Nestes 15 anos tivemos 2 desaparicións de becerros que non chas pagan. Os outros compañeiros tamén tiveron casos de animais matados polo lobo e tamén empeza a haber algún oso, que tamén ataca ao gando. Na trashumancia xa ten matado algunha vaca tamén”, conta.

“A Rede Natura condiciona tamén moito. Son todo prohibicións e cero beneficios. Non preguntaron aos veciños, simplemente nola impuxeron. Por exemplo, non podemos renovar prados e , en teoría, mesmo para cortar leña para autoconsumo tes que pedir permiso. É coma o lobo, deberían compensar algo economicamente a quen a sufre”, argumenta.

“A dermatose é máis complicada que a EHE, porque se tes un caso positivo mátanche todas as vacas”

As vacas de Fermín pacen prados nos pobos de Donís e As Pontes

As vacas de Fermín pacen prados nos pobos de Donís e As Pontes

Fermín Digón López atende unha granxa de 30 vacas nas Pontes de Donís. Colleu a explotación dos seus pais fai 10 anos cando eles se xubilaron. Coma Diego, el tamén traballa fóra e compatibilízao co coidado dos animais.

As vacas están a maior parte do ano no prado pero tamén pasan tempadas na corte en función das inclemencias do tempo . “No inverno se está mal tempo métoas. Agora só as recén paridas”, explica.

Esa atención individualizada foi a que lle permitiu fai dous anos sacar adiante varios animais enfermos por EHE, cando a oleada da enfermidade chegou á montaña de Lugo. “Tiven 2 ou 3 casos. A máis prexudicada foi unha vaca pero saíu adiante. Agora vén a dermatose. Aínda é máis complicada porque se tes un caso positivo xa che matan todas as vacas”, quéixase.

Fermín coida de 30 hectáreas nos pobos de Donís e de As Pontes, onde só hai unha casa. Asegura que a gandería é “un antídoto contra a despoboación e o abandono” e reclama maiores apoios.

Mercosur foi un troco; en Bruxelas cambiaron as nosas vacas polos coches que fabrican en Alemaña

É unha zona na que hai lobo e onde tamén comeza a haber oso. “A min o lobo xa me ten matado becerros e ao oso o gando tenlle moito medo; de feito, nas zonas onde hai oso as vacas non paran moito”, relata.

Pero Fermín ao que máis temor lle ten é ao descoñecemento da sociedade e ás decisións políticas que priorizan outros intereses e prexudican a actividade agrogandeira. “Todos son inconvintes para traballar. Mercosur pode ser que nos afecte nos prezos. Se vén carne doutros países pode prexudicarnos”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información