
Gema Moyano, durante a súa intervención no seminario sobre muxido robotizado e saúde do ubre
Gema Moyano é desde 2022 responsable de calidade do leite da cooperativa andaluza COVAP e participou recentemente no seminario organizado pola Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina (Anembe) sobre os retos e oportunidades que supón a muxidura robotizada neste ámbito.
Un dos medos habituais das gandarías que optan por incorporar robots de muxidura é o temor a un aumento no reconto de células somáticas da explotación, pero esta veterinaria especialista en saúde do ubre descarta unha relación directa de causa-efecto.
“O aumento de células somáticas non se ten que dar por feito se os axustes no robot son os correctos. Os problemas poden estar provocados por outros factores na explotación, que son os que temos que intentar resolver, porque de por si o robot ten moitas vantaxes para mellorar a saúde do ubre”, asegura.
No robot debemos tratar de imitar os tempos de preparación, limpeza e estimulación da vaca que faciamos na sala de muxidura
“No robot, a rutina será igual en todas as muxiduras e os 365 días do ano, pero se na muxidura manual poñemos énfase na preparación, no robot non debemos esquecela. Debemos tratar de imitar no robot os tempos de limpeza e estimulación que faciamos na sala”, defende.
Os robots de muxidura melloran a saúde do ubre, non a empeoran
“Tampouco podemos deixar de cambiar pezoneras ou facer mantemento da sala porque vaiamos poñer robots, porque iso fai que cando nos iniciemos no robot teñamos recontos celulares altos que son máis difíciles de reverter. O robot baixa as células somáticas e mellora a saúde do ubre, pero non fai tampouco milagres”, matiza.
Adaptarse á nova realidade: 2.000 robots funcionando en España
O número de robots de muxidura instalados en España aumentou exponencialmente nos últimos anos e alcanza as 2.000 unidades en funcionamento neste momento, das que 800 están en Galicia, 400 en Castela e León, 350 en Asturias e Cantabria, 275 en Cataluña, 95 en Navarra, 30 no País Vasco e 23 en Andalucía.
“Nós temos menos robots que noutras zonas de España. O primeiro robot montouse no Val dos Pedroches en 2010, pero non foi até 2016 cando chegaron 2 máis. Rematamos 2024 con 12 gandarías con robots de muxidura e chegaremos ás 20 este ano”, explica.
A muxidura robotizada veu para quedar e temos que adaptarnos a ela
“A muxidura robotizada veu para quedar polos problemas de man de obra nas explotacións. Temos que adaptarnos a ela e configurar convenientemente os distintos parámetros para que a calidade do leite se manteña ou mesmo mellore”, defende.
Pros e contras do robot para a saúde do ubre
O robot presenta factores positivos e negativos en canto a hixiene na muxidura e prevención da mamite. Por exemplo, consegue bos parámetros de preparación do ubre e unha muxidura suave, saudable e eficaz, pero, con todo, o post-dipping en spray e a eficacia na desinfección son menores, ademais de realizar unha limpeza do ubre uniforme en todas as vacas, sen ter en conta a sucidade acumulada.
Algunhas marcas de robots permiten configurar de forma individualizada os tempos de limpeza e preparación de cada vaca. Esta opción de configuración é útil para aquelas vacas con risco de bimodalidade, que precisan máis tempo de preparación.
O secado en robot pode ser personalizado e menos brusco e traumático, conseguindo unha diminución progresiva do leite
O robot de muxidura tamén permite realizar un secado menos brusco e traumático, que xera menor estrés na vaca, ao poder personalizar mediante os permisos de muxidura a duración do proceso de secado en función da produción do animal, conseguindo deste xeito unha diminución progresiva do leite.
Por iso, Gema defende que “pasar de sala a robot non ten por que implicar un aumento no reconto de células somáticas da explotación”, máis ben ao contrario, xa que, na súa opinión, a detección rápida de mamite e o axuste personalizado de parámetros como a frecuencia de muxidura ou o intervalo entre muxiduras nas vacas en función da súa produción favorece unha redución do reconto celular, aínda que un mal axuste dos permisos de muxidura pode provocar problemas de saúde do ubre como mamite, edema ou hiperqueratose.
Pulsación variable e baleiro en función do fluxo
A punta do pezo e o canal forman unha barreira contra bacterias que pode destruírse por un nivel de baleiro alto ou baixo, axustes inadecuados de pulsación ou unha colocación incorrecta das pezoneras.
Algúns robots de muxidura permiten un control de pulsacións e a variación do baleiro en función do fluxo de leite que teña o animal, o que permite reducir os tempos de muxidura. Co baleiro variable conséguese ademais que na punta do pezo se manteña un baleiro sempre estable durante toda a muxidura. “Para min iso é beneficioso para a vaca”, considera.
Reducir o tempo de preparación para poder meter máis vacas no robot pode ter consecuencias sobre a saúde do ubre
“A clave está en maximizar o robot sen prexudicar a saúde das vacas, porque podemos reducir o tempo de preparación da vaca para poder meter máis animais no robot, pero iso pode ter consecuencias sobre a saúde do ubre”, advirte.
Para reducir as células somáticas, Gema fai fincapé tamén en cuestións de manexo e nas condicións ambientais. “Na nosa zona nótase moito o incremento en xullo e agosto, por iso é importante implementar medidas para mitigar o estrés térmico nos establos”, defende.
Condutividade
O listado de condutividade, que inclúen todas as marcas de robot de muxidura, é hoxe a principal ferramenta para traballar a calidade do leite en gandarías con robot de muxidura, sobre todo pola utilidade que ten o valor da condutividade para a detección precoz de novas infeccións de mamite.
“A fiabilidade do dato de condutividade para detectar de forma precoz novas infeccións por mamite é moi alta, xa que non diluímos o reconto de células dun cuarteirón no conxunto do leite desa vaca, como pasaba antes”, argumenta.
A fiabilidade do dato de condutividade para detectar de forma precoz novas infeccións por mamite é moi alta
As alertas de condutividade prodúcense por intercambio de sales minerais (o catión sodio Na+ e o anión cloruro Cl-) entre o medio externo e o medio interno cando está comezando a infección, é dicir, antes de que a propia infección provoque un aumento no reconto de células somáticas.
Pola contra, o reconto de células somáticas (RCS) mide o número de células por ml de leite. Estas poden deberse tanto aos glóbulos brancos necesarios para combater unha infección intramamaria (mamite) como ás células epiteliais desprendidas como consecuencia da renovación das células produtoras de leite.
Risco de bimodalidade
Só o 30% do leite que produce a vaca está acumulado no ubre no momento de iniciar a muxidura, mentres que o 70% restante ten orixe alveolar. “Se non damos o tempo suficiente para que haxa conexión entre o leite cisternal e o leite alveolar é cando se desencadea unha muxidura bimodal, que é aquela na que se produce unha caída repentina do leite tras a extracción do leite cisternal porque non estimulamos ben á vaca para a baixada do leite”, explica Gema.
O 70% do leite ten orixe alveolar e só o 30% é cisternal
Para reducir o risco de bimodalidade, cobra vital importancia a fase de preparación e o tempo de espera dentro da rutina de muxidura. “É imprescindible realizar unha estimulación correcta da vaca para que a muxidura sexa rápida, non traumática, limpa e sen sobre-muxidura”, indica.
“Por que se estimamos na sala, e así o implementamos no noso protocolo de rutina de muxidura, que o tempo óptimo de espera para a baixada do leite e que actúe a oxitocina é dun minuto e medio, no robot reducimos ese tempo a 30 segundos?”, pregúntase.
Por que se na sala damos minuto e medio para que baixe o leite, no robot reducimos ese tempo a 30 segundos?
“É importante que a muxidura comece xusto despois de que se produza a baixada do leite, xa que a liberación de oxitocina de forma natural na vaca só dura uns minutos, polo que hai que evitar o estrés para non paralizar a liberación de oxitocina e, en consecuencia, dificultar a extracción do leite”, explica.
Factor humano
Para iso, o manexo do gando debe realizarse con suavidade, evitando os movementos bruscos, así como os golpes e ruídos, xa que as vacas teñen mellor oído que as persoas. “Escoitan ruídos imperceptibles para os humanos porque a súa sensibilidade ao son é maior ca a nosa. Nós estamos entre 1.000 e 3.000 Hz mentres que os bovinos sitúanse en 8.000 Hz e son máis sensibles a ruídos agudos e a ruídos intermitentes máis ca a ruídos continuos”, explica.
As vacas son máis sensibles aos ruídos e teñen menor agudeza visual ca nós
Pola contra, a agudeza visual das vacas é entre 10 e 20 veces menor ca a das persoas, con dificultades para a percepción do relevo e para adaptarse aos cambios de intensidade lumínica (claroscuros), aínda que o seu campo de visión é máis amplo ca o dos humanos.
Hai que evitar realizar tratamentos no robot
Para evitar que as vacas se asusten e teñan medo de ir ao robot a muxirse, Gema recomenda non realizar, na medida do posible, tratamentos no robot de muxidura, sendo preferible contar cun foxo ou manga de manexo fóra da zona de muxidura. “Como pomos os tapóns de secado se non temos unha zona para facelo, temos o robot parado 20 minutos?”, pregúntase.
“Para entender ben o robot temos que entender primero a sala”

Público asistente ao seminario organizado por Anembe en Asturias
A calidade da cama e o número de visitas ao robot son dous aspectos fundamentais para diminuír o risco de ter altos reconto de células somáticas en rabaños con muxidura robotizada.
Os permisos de muxidura xogan un papel clave para garantir o acceso ao robot ás vacas que necesitan ser muxidas (como as vacas en pico de lactación, que son máis proclives a ter mamite, ou as xovencas primeirizas recentemente paridas, que normalmente están na parte baixa da xerarquía do establo porque non son animais dominantes) fronte ás vacas pouco produtoras ou que se atopan preto do secado.
As muxiduras fallidas son unha causa de mamite, porque se unha vaca queda mal muxida e se queda con leite no ubre pode derivar nunha inflamación intramamaria. Unha muxidura incompleta pode deberse a distintos motivos, ben porque o robot non foi capaz de colocar ou porque a vaca deu menos leite do esperado (xa sexa por unha enfermidade, porque deu unha patada e descolgou unha pezonera, etc.).
Canto menos leite haxa no ubre máis lle custará ao robot colocar e as muxiduras fallidas xeran mamite
“Permitir que as vacas se muxan con pouca leite no ubre pode derivar tamén en mamite porque canta menos leite haxa no ubre máis lle custará ao robot colocar. O mínimo para deixar a unha vaca entrar a muxirse deberían ser 8 litros”, considera Gema. “Non ten sentido muxir unha vaca cada catro horas, son tendencias erróneas, porque mesmo o glóbulo graxo do leite pode non chegar a formarse correctamente”, advirte.
Transición de sala a robot
“Para entender o robot temos que entender primeiro a sala”, remarca. “Cando se fai o cambio de sala a robot hai que ter en conta a configuración que tiñamos na sala e intentar que se pareza o máis posible no robot en canto a tempo medio de muxidura, tempo de preparación, baleiro, retirada, etc.”, engade.
O paso ao robot é máis doado en granxas que veñen de altas producións
Para encarar o difícil momento da transición de sala de muxidura a robot, Gema recomenda facelo cun menor número de vacas en lactación. “O importante é non arrancar con demasiados animais para non colapsar o robot ao principio”, di.
Considera ademais que a alimentación xoga un papel fundamental. “A vaca ao robot non vai a muxirse, vai comer o penso, por iso é importante o equilibrio entre ración en pesebre e punteo de penso no robot”, indica.
O papel da porta selectora é importante para optimizar o robot
Destaca ademais que “en granxas que xa veñen de altas producións en sala a transición e a adaptación ao robot é máis fácil” e considera que “o papel da porta selectora é importante en granxas con vacas de alta produción”. Outro dos parámetros que habitualmente se manexan para descartar vacas en robot de muxidura é que os animais deben ter un fluxo superior a 2 litros por minuto, aínda que Gema non está de acordo con esta teoría.
Exemplo de máximo aproveitamento do robot
Todos os robots permiten personalizar os distintos parámetros de muxidura. “Se fas ben os axustes eu non vexo diferenzas en eficiencia entre as distintas marcas”, asegura Gema, que puxo o exemplo dunha granxa cordobesa que obtén máis de 3.000 kg de leite ao día por robot.
Trátase dunha explotación situada en Pozoblanco que instalou en 2026 dous robots da marca GEA en tráfico libre e con porta de selección previa na sala de espera. As medias de produción actuais nesta granxa sitúanse en 47,6 kg por vaca e día e a porcentaxe de mamite é inferior ao 1%.
Como mínimo, deberiamos sacar 1.800 litros ao día por robot para que sexa rendible
A gandería conta con dous lotes de muxidura, con 72 vacas de media por robot, logrando unha produción total de 2 millóns de litros en 2024, obtendo unha media de 3.300 kg de leite diarios no robot das multíparas e de 3.000 kg no robot que muxe os animais de primeiro e segundo parto.
“Até 2020 os dous robots mantivéronse coa configuración e os parámetros da casa fabricante, pero desde entón fixemos modificacións nos axustes e logramos optimizar os robots”, asegura Gema, que detalla os cambios realizados: “a preparación do ubre sube de 45 a 60 segundos, o baleiro increméntase de 43 kpa a 46 kpa e incorpórase a pulsación en función do fluxo”.
Eu non considero que haxa que eliminar do establo animais porque teñan un fluxo medio inferior a 2 litros se son boas vacas
“Eu non considero que haxa que eliminar do establo animais porque teñan un fluxo medio inferior a 2 litros se son boas vacas. Esta granxa ten 10 vacas que tardan máis de 10 minutos en muxirse”, aclara.
Cos cambios realizados esta explotación socia de COVAP logrou reducir o tempo medio de muxidura, o que fixo que puidese meter máis vacas. A media é de 72 vacas por robot, cun promedio de 2,6 muxiduras por vaca e día. “Os robots teñen só un 10% de tempo libre e, aínda así, só meten 2 ou 3 atrasos pola mañá”, conta.
Unha pezoneira de silicona dura até catro veces máis ca unha de caucho
Outra das modificacións consistiu en cambiar a embocadura das pezoneiras por unha de menor diámetro. En canto ao tipo de material, unha pezoneira de silicona dura até catro veces máis ca unha de caucho, polo que é máis rendible economicamente, pero non hai unha diferenza notable na velocidade de muxidura en función do material da pezonera. “As diferenzas están máis na forma da pezoneira ca no material do que está feita”, asegura Gema.