Jacobo Aboal cumpre estes días 10 meses á fronte da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA. Falamos con el sobre as cuestións máis candentes que ten sobre a mesa a Xunta en materia forestal – madeira, como a moratoria do eucalipto, e Aboal insiste nunha idea clara: “Para tomar decisións, temos que saber de onde partimos, e nese sentido serán claves os datos que nos aporte o Inventario Forestal Continuo de Galicia, do que esperamos contar cun avance de superficies este primeiro semestre”.
– No último ano e medio viviuse unha situación de prezos disparados e alta demanda no mercado da madeira, especialmente no piñeiro, se ben esta tendencia aminorouse nos últimos meses. Como cre que evolucionará o mercado?
– Sabiamos que a demanda de madeira estaba medrando a nivel internacional e chegamos a unha situación na que se dispararon os prezos. Son prezos que, estando eu na Consellería, nunca vira. Falando do piñeiro, os prezos sempre estiveran nos 25-30 euros a tonelada en verde en quenda final, e de repente comezouse a incrementar a 45-50 euros e seguiron subindo ata acadar prezos de 70-80 euros, como nunca viramos antes.
A sensación é que os prezos da madeira están estancados, pero aínda que haxa picos de serra, baixando un pouquiño, a tendencia vai ser ascendente
A sensación que temos agora é que os prezos da madeira están estancados, pero en liñas xerais, se fas una gráfica, aínda que haxa picos de serra baixando un pouquiño, a tendencia vai ser ascendente.
Teño clarísimo que todo o que nos están dando os informes, tanto a nivel internacional como a nivel europeo, é que vai haber unha demanda elevada de madeira pola eco-substitución doutros materiais con maior pegada de carbono e ambiental. Desde envases e embalaxes ata téxtil ou usos estruturais na construción, as posibilidades son amplas. O feito de construír en altura en España non é o máis habitual, aínda que si noutros países, polo que hai un nicho importante de mercado aí.
– Que falta para avanzar na construcción estructural de altura en Galicia?. Se miramos as axudas que concede XERA para construción en madeira, na maioría dos casos trátase de proxectos de vivendas unifamiliares, rehabilitacións en madeira ou complexos turísticos…
– É preciso un liderazgo inicial, como aconteceu noutros sitios. Estou falando de Francia ou de Cataluña e Euskadi, onde o impulso inicial das construccións en altura chegou pola banda das Administracións públicas. En Galicia, creo que iso estámolo conseguindo. O Sergas xa iniciou ese camiño, cunha serie de centros de saúde feitos en madeira, e a Consellería do Medio Rural tamén vai predicar co exemplo. As bases operativas de prevención contra incendios van ir en madeira.
Por parte de XERA, o noso obxectivo é chegar a nivel transversal a toda a Xunta de Galicia, para que cando menos unha porcentaxe das novas construcións introduzan a madeira en usos estruturais, e aí temos determinados departamentos que poden dar ese salto cualitativo e comezar a traballar na construción en altura, con materiais como a madeira laminada ou o CLT (Cross Laminated Timber).
O obxectivo de XERA é que cando menos unha porcentaxe das novas construcións públicas introduzan a madeira en usos estruturais
– Pasemos á cadea do eucalipto, coa planta de Ence en Pontevedra aparentemente consolidada e con proxectos sobre a mesa de Altri, para elaborar fibras téxtiles en Palas, e da propia Ence, nas Pontes, coa idea de elaborar produto reciclado. Como ve o escenario?
– Teño claro que un dos obxectivos que debe ter o Goberno, e que ten que ter Galicia, é intentar que o número de exportacións que fagamos de madeira en rollo, sen ningún tipo de transformación, sexan as mínimas posibles. A única maneira de xerar produtos de alto valor que xeren emprego e que deixen ingresos en Galicia é por esa vía. Por tanto, calquera proceso de desindustrialización é negativo para Galicia.
As exportacións de madeira en rollo, sen ningunha transformación, deben ser as mínimas posibles. Temos que crear emprego e xerar valor en Galicia
En canto á iniciativa da fábrica de fibras téxtiles, que supón todo o proceso produtivo, desde a elaboración da pasta de celulosa ata a obtención de fibras téxtiles, vai na liña de obter un produto rematado ou semi-rematado de alto valor.
– Para complementar á cadea do eucalipto, faltan quizais máis proxectos industriais. Poden ser boas opcións unha biorrefinería de lignina e unha segunda transformación da celulosa, á marxe do proxecto de Altri, para obter produto final en papel?
– En canto á biorrefinería, todo o que sexa traballar por procesos químicos, dáme igual a especie, sexan frondosas ou coníferas, tratando de outorgar valor por esa vía, eu creo que temos que intentalo. Sobre a segunda transformación da celulosa, é certo que en Galicia sempre traballamos coa pasta de celulosa e nunca obtivemos produto final. Todo o que sexa pechar ciclos produtivos, ten que ser un obxectivo a nivel de Galicia.
En definitiva, se producimos e cortamos preto de 6 millóns de metros cúbicos de eucalipto ao ano, o obxectivo ten que ser transformalos e darlles valor dentro do territorio.
– Os proxectos de Altri e de Ence nas Pontes están agora mesmo á espera de fondos públicos Next Generation. Que perspectivas hai de que se confirmen eses fondos?
– Esta cuestión estase levando desde a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía e Industria. Como director da Axencia, eu insisto en que todo o que sexan procesos de industrialización son fundamentais para Galicia. Xerarán postos de traballo, aportarán mellores prezos da madeira en monte e iso vai facer que a xente siga apostando por plantar, por facer silvicultura e, sobre todo, por non abandonar o monte.
– O último inventario forestal nacional feito en Galicia data de hai 15 anos. Daquela, na comunidade había arredor de 1,4 millóns de hectáreas arboradas, das que máis de 550.000 correspondían a piñeiros, arredor de 480.000 a frondosas e unhas 368.000 a eucaliptos, tendo en conta as masas mixtas. A tendencia dos últimos anos semella ser a de aumento das plantacións de eucalipto e tamén das frondosas caducifolias espontáneas, en zonas en abandono, así como a diminución dos piñeirais. Tedes xa uns primeiros datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia que confirmen estas tendencias?
– O primeiro que vou dicir do Inventario é que se trata dunha demanda histórica do sector. Tiñamos un inventario nacional que era moi acaído para un determinado tipo de masas -grandes piñeirais, montes públicos, etc.-, pero polo carácter que ten Galicia,non era moi axeitado.
Por exemplo, cando en Galicia se marca unha determinada extensión circular do territorio para inventariar, é frecuente que aparezan varios tipos de especies -piñeiro do país, insigne, unha zona de frondosas, etc.-, pero iso non é unha masa mixta, son tres masas monoespecíficas de pequena superficie en distintas parcelas catastrais. Co Inventario Forestal Continuo de Galicia imos obter datos máis precisos, grazas tanto ao traballo da Universidade de Santiago de Compostela como da Universidade de Vigo, co respaldo da Consellería.
Achégase o momento de sentar outra vez a tódolos axentes da cadea monte – industria e, á vista dos datos que teñamos, tomar decisións sobre a Galicia que queremos
Os resultados a nivel de superficies irémolos obtendo, eu creo, ao longo deste primeiro semestre, seguramente separando os tres piñeiros e as frondosas caducifolias. A partir de aí, buscaremos lograr información de volumes de madeira, pero tamén chegará o momento de sentar outra vez a todos os axentes da cadea monte-industria e, á vista destes datos, tomar decisións acerca do modelo que se quere para Galicia.
O Inventario vai poñer cuestións enriba da mesa que despois teremos que desenvolver no Plan Estratéxico da Industria forestal, así como aspectos que se poderían establecer no Plan Forestal de Galicia, posto que está sometido a revisións cada quinquenio.
Para poder tomar decisións, primeiro é fundamental saber de onde partes, logo saberás a onde queres ir, pero difícilmente podes saber a onde ir se non sabes onde estás. O Inventario Forestal Continuo de Galicia vainos dar un fiel reflexo de onde nos atopamos.
– Polos avances de datos que manexan do Inventario, ata que punto medrou a superficie de eucalipto en Galicia?
– Para min sería moi precipitado porque neste momento xusto están elaborando na Universidade de Vigo todos os informes e os últimos mapas para ter claro cales son as superficies. O que si que nos transmiten é un elevado incremento da superficie de frondosas caducifolias, e respecto a piñeiros e eucaliptos, están traballando para afinar ben eses datos porque sabemos que son datos moi importantes para tomar decisións.
A verdade é que o desafío pola banda das Universidades é moi importante. Pensemos que os datos non deixan de cambiar porque fanse 40.000 ou 50.000 solicitudes de corta ao ano en Galicia, con repoboacións constantes tras corta. Todo iso estase monitoreando con información satelital e trátase de afinar na interpretación, pero non é sinxelo, xa que precisas que a árbore teña unha idade mínima para identificala. En calquera caso, dentro duns meses, poderemos ter xa algúns resultados.
– Unha vez que teñan os datos do Inventario, falaba de tomar decisións. A ese respecto, que pensa que vai pasar coa moratoria a novas plantacións de eucalipto, establecida ata o 2025?
– Temos una moratoria que, ó final, eu teño que estar de acordo en apoiala. Cando estás vendo que se están producindo uns cambios rápidos no territorio, eu creo que o máis acaído é parar, saber onde te atopas -repito, Inventario Forestal Continuo de Galicia-, e unha vez saibas onde te atopas, é o momento de tomar decisións. Unha delas vai ser esta, o tema da moratoria do eucalipto.
Debemos buscar un balance entre as distintas demandas industriais, e incluso as demandas sociais
E para min, ao respecto disto, o punto é buscar o balance para que poidan existir e abastecerse as distintas demandas industriais, e incluso as demandas sociais. Por iso, creo que hai puntos intermedios, e poñer os ovos nunha única cesta é un risco, un risco incluso empresarial: hai que intentar diversificar. Se hai un problema fitosanitario e tes todo apostado a unha única especie, tes un problema enorme.
Por tanto, hai que saber diversificar. Temos una industria grande fundamentada no piñeiro que, dende logo, ten os seus requerimentos, e non podemos deixar atrás esta situación, senón todo o contrario. Creo que temos que traballar por varias vías: unha delas, así o pon o Plan Forestal de Galicia, é plantexarse que determinadas superficies de eucalipto aquí en Galicia teñen escasa saída industrial. Penso que ademais vai ser unha das cousas que se porán de manifesto no Inventario Forestal
Se un dos motivos da aposta do propietario forestal polo eucalipto é o rendemento económico, que sentido ten que haxa superficies de eucalipto en determinadas zonas, onde pola sua situación, non vai haber unha saída industrial?. Estou pensando en zonas elevadas, rochosas, con extraccións difíciles, lonxe de calquera saída a través de estradas… Nalgúns casos, son zonas que se queiman recurrentemente e que están cheas de gromos, pero non hai ninguén detrás delas, xestionando. A miña pregunta é se esas superficies pagan a pena.
En eucalipto, máis que pensar en aumentar superficies, son partidario de centrarse en poñelas onde teñen que estar, é dicir, facer ordenación do territorio
Ao mellor, unha das posibilidades é ir pola vía da compensación, é dicir, non centrarse tanto en pensar en aumentar superficies como en poñer as superficies onde teñen que estar, e facer ordenación do territorio.
Se ó final ten que haber unha superficie mínima de eucalipto para destino industrial, pola súa demanda, poñámola nun sitio onde realmente sexa rendible, pero ter miles de hectáreas en eucalipto onde non existe ningún tipo de xestión ou saída industrial, e non vai haber interese industrial, eu non lle vexo ningún sentido.
Como dicía, se o eucalipto é unha elección do propietario pola rendibilidade económica, onde non sexa rendible, non teñamos eucalipto. Esta podería ser unha das propostas. En calquera caso, eu xa digo, ten que ser froito dun proceso de reflexión dos axentes da cadea monte-industria e mesmo da sociedade civil, para vermos que quere Galicia para os seguintes 15-20 anos.
– A ordenación do territorio que propón podería ir pola vía de plans de xestión por Distritos Forestais?
– Sempre acabamos no mesmo, a vía é a planificación do territorio, que é un debate que vai máis aló do debate simplemente forestal: polos núcleos habitados, pola calidade agronómica do solo, pola presenza de explotacións agrogandeiras, que son fundamentais… E logo existe unha superficie arborada, moi interesante a nivel industrial, pero tamén ambiental, social e como sumidoiro de carbono, que ten que estar onde ten que estar.
Dentro da superficie arborada, por cuestións industriais e ambientais, teremos que decidir que porcentaxes das distintas especies queremos. Ao respecto disto, estanse elaborando uns mapas de usos da terra, a raíz da Lei de Recuperación da Terra Agraria, e servirán para definir que queremos ter e onde.
-En relación ós aproveitamentos forestais, tedes tamén en marcha un plan de valorización sostible da madeira das frondosas caducifolias, que son masas cun escaso aproveitamento industrial en Galicia. Veslles posibilidades de maior uso industrial?
– Nas frondosas caducifolias temos unha fiestra de oportunidade. Podemos obter madeira destas masas cun alto valor engadido. A idea é preparar as masas de frondosas actuais para que de aquí a 20 ou 30 anos teñan madeira de calidade, que se poida aproveitar de xeito sostible, con cortas puntuais en entresaca, non con cortas a feito.
Para preparar esas masas, hai que facer unha serie de rareos e tratamentos silvícolas, que teñen uns custos. Desde o CIS Madeira estamos buscando calquera tipo de saída, xa sexa por procesos químicos ou de valorización enerxética, para satisfacer os custos destes traballos silvícolas.
Cómpre tamén lembrar que nas axudas silvícolas da Consellería xa hai unha liña de tratamentos, podas e rareos para masas de frondosas caducifolias.
“O Rexistro autonómico de carbono primará que se faga unha xestión forestal activa e sustentable”
– Outro aspecto no que estades traballando é nunha regulación autonómica da comercialización de créditos do carbono almacenado nos montes. Xa sacastes a finais do 2022 unha normativa para darlle máis transparencia á compra – venda de carbono, e estades traballando na creación dun Rexistro autonómico, alternativo ó do Ministerio de Transición Ecolóxica, coa idea de que se poida vender carbono de montes que demostren unha captura adicional de carbono por medio dunha silvicultura activa. Como está este proceso?
– Estamos traballando e dando pasos. Queremos compoñer un sistema de créditos de carbono propio da Xunta de Galicia que poña o acento na xestión forestal activa e sustentable, incluso establecendo unha diferenciación daqueles créditos de carbono que procedan de superficies que aporten a nivel medioambiental ou social, por exemplo, a nivel de servicios ecosistémicos.
Nós o que queremos primar é que cando se faga unha xestión forestal activa e sustentable, se poida acceder a un sistema de créditos de carbono. Iso obríganos a establecer unha liña base de captura de carbono para as diferentes especies, e esa liña base sairá do Inventario Forestal Continuo de Galicia.
Digo liña base porque para ti poder poñer no mercado os teus crédtos, tes que poñer unha base, isto é, o que captura a túa masa de xeito usual e a partir de aí, establecer que actuación estás a facer, medir cal é o teu carbono adicional despois desa actuación, e con ese diferencial coa liña base usual, ir ó sistema de transacción de créditos de carbono.
– En que prazos calculades que estará o Rexistro autonómico e o sistema en marcha?
Eu creo que ao longo deste ano e do seguinte estaremos en condicións. Temos que facer un traballo acompasado entre ter o coñecemento destes créditos de carbono adicionais, a través do Inventario Forestal Continuo de Galicia, e montar a plataforma de venda dos mesmos.
– O outono pasado, a Consellería anunciou a posta en marcha dun plan estratéxico da cadea forestal – madeira. Están xa traballando neste plan?
– A idea de lanzar este plan estratéxico é o resultado dunha demanda histórica de diversas entidades do sector monte-industria. Pola miña experiencia, o único xeito de que este tipo de plans teñan éxito pasa por involucrar ao conxunto dos axentes do sector desde o inicio, e non aparecer cun documento case rematado para achegas. Por tanto, ese será o enfoque, estamos comezando a traballar coa idea de que sexa un traballo conxunto de todo o sector.
Desde logo, ese plan estratéxico ten que estar perfectamente engranado no Plan Forestal de Galicia. Difícilmente un plan que establece unha política con respecto ao recurso pode estar á marxe dun plan do lado da transformación dese recurso.
– En canto á folla de ruta da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, a previsión é a de continuar coa liña de traballo e de axudas dos últimos anos?
– A liña de traballo da Axencia está marcada na Axenda de Impulso da Industria Forestal, que ten o foco no fomento da innovación e da formación e recrutamento, especificamente a través da formación regrada, como pode ser a Formación Profesional.
Sobre innovación, todo o que sexa traballar en novos nichos que están saíndo, estaremos aí. Poño o exemplo do apoio ó uso da madeira estrutural na construción. Nós imos seguir traballando co cliente, é dicir, dando apoios ó consumidor, dando moita formación a profesionais da arquitectura e tamén a instaladores e outras empresas contratistas, para que os seus operarios se formen nestas cuestións ou polo menos saiban a quen poden acudir.
Logo seguiremos dando axudas ó conxunto dos elos da cadea a nivel de maquinaria e de transición dixital. Este ano é de mencionar que abrimos unha liña a maquinaria de menos peso, de cara a facilitar a mecanización dos tratamentos silvícolas.
– Se falamos de innovación no sector, unha das referencias en Galicia nos últimos anos foi o contract, con empresas especializadas no suministro internacional a cadeas comerciais e corporativas. Que perspectivas lle ve?
– O segmento do contract é un exemplo de crecemento do sector da madeira en Galicia. Hai 4 ou 5 empresas a nivel internacional que están abrindo o mercado por diferentes puntos, como Miami, México ou Dubai, e iso é pola súa excelencia.
O patrón de negocio do contract é un exemplo para todo o sector. Adicaron moito tempo e esforzo a grandes departamentos técnicos e aportan solucións chave en man
Este segmento conta cun patrón de negocio que eu creo que se podería trasladar a outros segmentos da cadea: dedican moito tempo e esforzo a grandes departamentos técnicos, tanto en materia de deseño como de fabricación; e logo aportan una solución chave en man para todo o conxunto de produtos que traballan. Ese modelo, acompañado da excelencia, pois o resultado é o que é.
– Falabas de recrutamento de persoal e de formación, que é unha das eivas que preocupan ó sector. Que perspectivas lle ves?
– É certo que é un tema preocupante, sobre todo nas partes da cadea máis achegadas ó monte, pois a medida que imos cara ao produto final, o problema non é tan significativo.
A cuestión é que o persoal que sae dos ciclos de formación non é suficiente para cubrir a demanda que está habendo do sector. A formación dual pode ser unha das posibles solucións, e ademais a Dirección Xeral de Formación Profesional acaba de lanzar un plan, o Plan Conecta, para impulsar esa vía e o primero dos sectores que se presentou a este plan foi o forestal-madeira.
Unha tarefa importante é prestixiar as profesións ligadas á madeira, de cara a atraer xente nova. Tamén temos que facer chegar ó sector ás mulleres, pois o cadro de profesionais do sector está moi masculinizado
A falta de persoal e de persoal cualificado é unha eiva, pero tamén se ten que presentar como unha oportunidade para atraer capital humano. Vemos tamén que o forestal é un sector masculinizado, polo que hai que prestixiar a profesión e facer chegar este sector ás mulleres. Neste sentido, temos previsto continuar coa iniciativa Elas Xeran Sector, que viñemos desenvolvendo nos últimos anos para visibilizar ás mulleres na cadea forestal – madeira.