
Julio Benavides, durante a súa intervención nos Encontros Ibéricos sobre Calidade de Leite organizados por Anembe
Julio Benavides, investigador no centro de gandaría de alta montaña, dependente da Universidade de León e do CSIC, traballa na actualidade na resposta inmunitaria dos ruminantes e durante os Encontros Ibéricos de Calidade do Leite celebrados este ano en Zamora centrou a súa ponencia en distintos aspectos da inmunoloxía no periparto e a súa relación coa saúde do ubre.
“A resposta inmunitaria é un conxunto moi numeroso de moitos mecanismos que se están interrelacionando e retroalimentando continuamente, potenciándose, inhibíndose, etc. É un marco de complexidade no que a mesma célula incluso pode desencadear accións contrapostas, como inflamatorias e antiinflamatorias á vez”, explica.
É necesario fomentar a cooperación entre a resposta inmunitaria innata e a adquirida, que podemos potenciar moito grazas á vacinación
A vaca dispón de varios tipos de resposta inmunitaria fronte a patóxenos, tanto resposta inmunitaria innata (barreira epiterial, neutrófilos) como adquirida (células dentríticas, anticorpos), que é a que está mediada polos linfocitos. “É moi específica, pero necesita tempo para poñerse en marcha”, aclara.
“Unha vez que un axente patóxeno é capaz de sobrepasar a resposta inmunitaria innata da vaca, que é inespecífica, actuaría a resposta inmunitaria adquirida, que é capaz de identificar se nos ataca un virus ou unha bacteria e se é un e-coli ou un clostridium, pero necesita tempo para adquirir esa especificidade”, matiza.
A mamite non só ten unha orixe externa, pode estar provocada por desordes internos, como por exemplo unha disbiose ruminal
Pero as mamites son multifactoriais, insiste, xa que unha infección intramamaria non só ten unha orixe externa, pode estar provocada por desordes internos, como por exemplo unha disbiose ruminal, e alteracións hormonais desencadeadas no parto, así como situacións de estrés ambiental ou metabólico inhiben unha resposta eficaz do organismo contra os patóxenos causantes da mamite.
Barreira natural do ubre
O ubre está exposto a patóxenos capaces de provocar unha infección intramamaria e as barreiras naturais son limitadas. “A resposta inmunitaria é moi eficaz nas mucosas, por exemplo nas mucosas respiratorias e gastrointestinais, que son as vías de entrada naturais dos microorganismos e onde contamos con gran cantidade de células inmunitaria, pero a glándula mamaria non é mucosa. Hai células, pero non están tan ben organizadas”, indica Julio.
O ubre é un ecosistema inmunolóxico complexo
“O ubre é un ecosistema inmunolóxico complexo. Ten defensas locais pero necesita coordinarse coa resposta inmunitaria sistémica para responder eficazmente contra o ataque dun axente patóxeno externo”, asegura.
Nese sentido, compara, “a resposta inmunitaria do ubre parécese máis á que temos na pel que á que temos nunha mucosa. Por iso, a glándula mamaria apóiase moito na resposta inmunitaria xeral e sistémica do organismo”, insiste.
A microbiota, un aliado
Un dos mecanismos defensivos do ubre fronte a axentes patóxenos externos é a microbiota, que está tomando cada vez maior importancia e protagonismo a nivel de investigación. “Temos microbiota na glándula mamaria e é moi variada”, avanza Julio.
A microbiota da glándula mamaria é moi variada, con gran cantidade de xéneros de bacterias
“A glándula mamaria ten unha cantidade inxente de flora comensal, bacterias que loitan para que as bacterias patóxenas non as boten de aí, é dicir, loitan para que outras bacterias ambientais non as veñan colonizar e non se establezan, e o mero feito de ocupar ese espazo xa é moi importante desde o punto de vista inmunitario”, asegura.
“É moi importante que contemos coa microbiota da glándula mamaria como outra ferramenta máis de prevención e de loita contra as mamites, porque as bacterias non están aí por estar, senón que teñen un papel moi importante na resposta inmunitaria”, remarca.
A microbiota vese reducida por perturbacións como episodios de estrés, mamites ou tratamentos con antibióticos
Ademais, as propias bacterias presentes na glándula mamaria poden producir péptidos ou substancias que teñen unha función antimicrobiana. “Poden producir, por exemplo, ácidos graxos de cadea curta, que favorecen un ambiente no que prolifere a microbiota beneficiosa e que sexa prexudicial para a microbiota agresiva”, asegura.
“Cando se produce unha mastite prodúcese unha alteración da microbiota que fai que xa non protexa tanto á glándula mamaria. Esa alteración da microbiota constátase cunha diminución da variabilidade de xéneros presentes. Cantos menos xéneros diferentes, menos protexen”, insiste o investigador do CSIC, que advirte de que “pode darse un efecto acumulativo na redución da microbiota por perturbacións como estrés ou os tratamentos con antibióticos”.
Células epiteliares
Un segundo mecanismo de defensa natural son as células epiteliares, que constitúen unha barreira física para impedir que axentes do exterior poidan penetrar no organismo. “Pero ademais son capaces de actuar como centinelas, detectando a presenza de axentes patóxenos do exterior e avisando ás células inmunitarias para que se activen e empecen a contrarrestar esa agresión”, explica Julio.
A produción de lactoferrinas ten un papel fundamental para previr as infeccións da glándula mamaria
Tamén son importantes para producir distintas substancias antimicrobianas, como as lactoferrinas, que teñen un papel fundamental na glándula mamaria á hora de previr as infeccións, porque son substancias moi activas capaces de privar ás bacterias da captación de ferro, que é algo que necesitan para poder proliferar, e incluso atacan directamente a parede das bacterias.
Células inmunitarias
As células inmunitarias encóntranse inmediatamente por debaixo das células epiteliares.
“No ubre existen células inmunitarias tanto de resposta innata como de resposta adquirida”, detalla.
As principais células inmunitarias de resposta innata son os macrófagos e os neutrófilos. “Os macrófagos migran a todos os tecidos, á glándula mamaria incluída, actuando como centinelas e sendo capaces de fagocitar de inicio esa agresión. Os neutrófilos, polo contrario, non os temos na glándula mamaria, senón que chegan a través do sangue. Cando chega o sinal de alerta á médula espiñal, que é onde se acumulan os neutrófilos, a médula espiñal libéraos para que a través do torrente sanguíneo cheguen ao lugar onde son necesarios, pasando a través da parede de vaso para chegar á zona de inflamación”, aclara.
Os neutrófilos son moi activos fronte ás agresións externas, pero poden chegar a ser tamén moi perigosos para as propias células do organismo
“Os neutrófilos son a principal célula de defensa da glándula mamaria. Pero os neutrófilos teñen que estar moi controlados e actuar só onde hai axentes patóxenos, senón poden atacar ás nosas propias células. Os neutrófilos son moi efectivos, pero se temos de máis onde non teñen que estar son moi perigosos e poden ser prexudiciais para as nosas propias células”, advirte.
En canto ás células inmunitarias de resposta adquirida, estarían as células dentríticas e os anticorpos. Son específicas para o tipo de infección que nos ataca, xa que as células dentríticas, que se sitúan no epitelio, son capaces de identificar o axente patóxeno que nos ataca e de seleccionar os linfocitos que nos interesa potenciar na nosa resposta. “As células dentríticas migran a través da linfa cara ao nódulo linfático rexional, onde empezan a presentar antíxenos e a recrutar linfocitos específicos fronte a eses antíxenos. Ademais, son as que gobernan a resposta inmunitaria”, asegura.
Os linfocitos TH17 potencian a chegada de neutrófilos
Hai diferentes subpoboacións de linfocitos. “Os que máis nos interesan na glándula mamaria son os chamados TH17, que son os que potencian a chegada de neutrófilos, que son a arma máis eficaz contra as infeccións que provocan os patóxenos extracelulares causantes de mamites”, reitera.
Outro dos mecanismos da resposta inmunitaria adquirida son os anticorpos. “A principal función que van ter os anticorpos no marco da glándula mamaria fronte a un axente patóxeno externo é a opsonización, o marcado dese axente para que sexa eliminado polos neutrófilos e macrófagos e dese modo saiban que elemento teñen que fagocitar”, conta Julio, que aclara que “na glándula mamaria, sen embargo, os anticorpos atópanse con enormes dificultades para poder exercer a súa función”.
“Nun ubre cheo de leite, o anticorpo vai ter que saír ao alveolo mamario para poder atopar ao axente patóxeno. No caso da glándula mamaria, ademais, os anticorpos máis habituais son do tipo IgG1, que non son tan efectivos na opsonización como os do tipo IgG2, xa que os axentes patóxenos se protexen mediante unha especie de biofilm contra os anticorpos de tipo IgG1”, argumenta.
Efectos do estrés e os problemas ruminais
Ademais dos factores locais da glándula mamaria que afectan á resposta inmunitaria, existen condicións de carácter ambiental e condicións sistémicas que van influír sobre como responde a glándula mamaria fronte a unha agresión externa.
“Poden darse fallos da resposta inmunitaria por situacións ambientais, por exemplo o estrés, que bloquea a resposta inmunitaria. Se o animal está sufrindo un estrés, iso vai favorecer a aparición de infeccións, xa sexan pneumonías ou neste caso mastites, porque ese estrés vai estar inhibindo a resposta inmunitaria, pero máis no caso das infeccións intramamarias, porque a glándula mamaria depende moito do que estea pasando a nivel periférico”, insiste Julio.
Se o animal está sufrindo un estrés, iso vai favorecer a aparición de mamites
Outro compoñente importante a nivel sistémico que pode influír na aparición de mastites é o denominado eixe rumen-glándula mamaria. “Vese que o que pasa no rumen pode afectar de forma moi importante no que pasa na glándula mamaria. Se no rumen temos unha disbiose cunha proliferación de axentes patóxenos, como bacterias gramnegativas, imos ter gran cantidade de lipopolisacáridos. Se temos unha ruminite ou unha enterite teremos problemas de permeabilidade no aparato gastrointestinal e ese lipopolisacárido vai pasar á circulación sanguínea a través do fígado. Ao chegar ao sangue vai alterar a permeabilidade dos vasos e como a glándula mamaria depende tanto do que estea ocorrendo a nivel sistémico, verase especialmente afectada por esa alteración na permeabilidade dos vasos. O lipopolisacárido é un sinal de perigo, que desencadeará unha resposta inmunitaria no ubre. Por iso, ese lipopolisacárido xerado no rumen pode provocar un aumento de neutrófilos e macrófagos na glándula mamaria, xerando así un aumento de células somáticas de orixe estéril”, explica o investigador do CSIC.
Maior risco no periparto
No periparto é cando temos o maior risco de aparición e desenvolvemento da mamite porque é cando a glándula mamaria vai estar máis activa, sendo un factor que incide directamente nese maior risco. Os cambios enerxéticos, metabólicos e hormonais nas vacas paridas provocan tamén cambios inmunolóxicos e estímulos como o estrés social ou o estrés oxidativo distorsionan e inhiben a resposta ante patóxenos externos.
O momento do parto é un momento moi esixente para as vacas, no que van ter unha necesidade de enerxía maior que a que poden estar comendo, entrando por tanto en balance enerxético negativo. Iso vai ter un reflexo na resposta inmunitaria, xa que o sistema inmunitario é un dos procesos que máis recursos enerxéticos consume, pola necesidade de xerar moitas células.
O consumo enerxético da resposta inmunitaria adquirida é moi elevado, por iso a paratuberculose produce un adelgazamento do animal aínda que estea comendo moitísimo
“As células máis efectivas a nivel de resposta inmunitaria, que son as que se producen como consecuencia da resposta de memoria, son as que máis enerxía necesitan, polo que se a vaca está en balance enerxético negativo vai estar limitando a produción destas células do sistema inmunitario”, explica Julio.
Relación cetose-mamite
Para cubrir as súas necesidades enerxéticas, a vaca tira de reservas. Pero esta mobilización de graxa en curto período de tempo pode levar á produción de corpos cetónicos, como o BetaHidroxiButirato, que se viu que ten gran influencia sobre a resposta inmunitaria. “Este composto pasa directamente ao sangue e desde aí chega a todos os lugares, influíndo en todos os niveis da resposta inmunitaria: a nivel innato reducindo a produción de moco, unha das principais barreiras de defensa nas mucosas; a nivel da médula ósea, freando a saída dos neutrófilos cara aos vasos sanguíneos; impide tamén a proliferación de linfocitos e a produción de citoquinas proinflamatorias, polo que o BHB suprime a resposta inmunitaria a todos os niveis”, indica o investigador leonés.
O estrés oxidativo provocado por corpos cetónicos como o BHB-RI, xerados en momentos de balance enerxético negativo, incide sobre a resposta inmunitaria innata
“No periparto non temos neutrófilos suficientes e teñen un déficit de migración debido ao efecto do BetaHidroxiButirato no ambiente. Por iso, no periparto imos ter en circulación sanguínea máis neutrófilos do normal, pero van estar no vaso, sen poder migrar para atravesar o vaso e facer fronte ao axente patóxeno porque cando temos BHB dificúltase a migración dos neutrófilos, xa que os glucocorticoides o que fan é impedir a expresión do receptor que permite ao neutrófilo atacar o dano”, detalla.
Desaxuste hormonal
Ademais de cambios enerxéticos, o parto desencadea tamén cambios hormonais. “Xusto antes de que se inicie o parto imos ter un aumento de progesterona, que favorece a tolerancia a axentes estraños, xa que o feto non deixa de ser un axente estraño, por iso redúcese a resposta inflamatoria a través da proliferación de linfocitos T reguladores, encargados de suprimir a resposta inmunitaria”, engade.
Así mesmo, xusto antes do parto prodúcese un pico de estróxenos, que teñen unha acción variable, pero en xeral diminúen a inmunidade, por iso ese pico de estróxenos debilita a resposta inmunitaria, cunha maior tolerancia a infeccións.
Se temos unha resposta inmunitaria desreguladora e antiinflamatoria, a prolactina vai potenciar ese efecto
A prolactina, tamén xerada no periparto, ten unha acción potenciadora, tanto proinflamatoria como antiinflamatoria, dependerá do ambiente que teñamos. Se teño unha resposta inmunitaria que non está funcionando ben, a prolactina aínda a empeora, porque potencia ese efecto. Así mesmo, os glucocorticoides, que tamén se xeran no momento do parto, son inhibidores e promoven un ambiente antiinflamatorio.
Dificultades para lograr a homeostase
No periparto coexisten procesos proinflamatorios e antiinflamatorios debido a estímulos fisiolóxicos e metabólicos distintos. Esta combinación xera maior susceptibilidade de resposta ante unha infección. É dicir, en xeral, a vaca ten un estado proinflamatorio postparto polos sinais de alerta que se producen tras o parto: hemorraxia, dano tisular, recolocación do útero e eliminación da placenta. Isto fai que o animal teña o limiar inflamatorio tamén máis alto.
Neste estado, a vaca ten maiores dificultades para volver ao seu estado normal, denominado homeostase, debido a que está tendo gran cantidade de estímulos contraditorios, desencadeándose unha resposta inflamatoria basal, que é prexudicial para o organismo porque consume moita enerxía.
A resposta inflamatoria basal é prexudicial para o organismo porque consume moita enerxía
A homeostase é o conxunto de fenómenos de autorregulación que manteñen constante o ambiente interno dun organismo fronte a cambios externos. É un equilibrio dinámico esencial para a supervivencia, que axusta constantemente funcións fisiolóxicas.
“A priori, canto mellor estea un animal, mellor vai responder fronte a un axente patóxeno externo, pero ás veces o rabaño peor manexado e nun ambiente máis sucio está máis exposto a axentes patóxenos e o seu sistema inmunitario está máis adestrado, está máis alerta”, advirte.
“Mediante a vacinación imos ser capaces de potenciar a resposta inmunitaria adquirida da vaca, pero vai ser imposible que poidamos erradicar completamente as mamites por medio dunha vacina”

Público asistente ás xornadas
A investigación veterinaria vai sempre por detrás da investigación en sanidade humana, e dentro da investigación veterinaria, a investigación en ruminantes vai sempre por detrás da investigación en animais de compañía, porque os animais de compañía moven moito máis diñeiro, recoñece Julio.
Con todo, considera que as vacinas fronte aos diferentes axentes causantes de infeccións intramamarias son un avance e constitúen un aliado importante. Aínda que matiza: “Vai ser imposible que unha vacina poida erradicar completamente os problemas de mamites da glándula mamaria, porque é unha localización especialmente complexa”, argumenta.
A glándula mamaria ten as súas complicacións e dependemos moito da resposta inmunitaria sistémica
“Mediante a vacinación imos ser capaces de potenciar a resposta inmunitaria adquirida da vaca fronte ás infeccións intramamarias, a que desencadean as células dendríticas ao seleccionar linfocitos específicos fronte a agresións de axentes patóxenos”, explica.
Nas vacas existe unha variabilidade individual importante que condiciona a eficacia das vacinas
“As vacinas consisten en adestrar linfocitos, pero as vacinas tamén adestran aos neutrófilos para que respondan mellor. É o que se chama inmunidade adestrada. Viuse, por exemplo, que en nenos vacinados en África contra tuberculose había menos casos de pneumonías e a explicación é que esa vacina para adestrar linfocitos contra esa bacteria que provoca a tuberculose tamén serve para adestrar aos neutrófilos contra outros axentes como poden ser os virus”, aclara.
A axuda dos polifenois na dieta
Fronte ao estrés oxidativo da glándula mamaria durante o periparto, que favorece a existencia de infeccións, existen tamén suplementos nutricionais a base de polifenois, que teñen un efecto antioxidante contrastado pero ás veces contraproducente.
Os polifenois son moi activos e teñen un efecto antioxidante moi potente e moi claro
“A inflamación é boa e mala á vez. A inflamación é un dos mellores mecanismos da resposta inflamatoria activa e sen a inflamación estariamos todos mortos, pero en moitas ocasións imos ter unha resposta inmunitaria estéril porque a vaca non vai ser capaz de controlar a súa resposta ante desordes propias e activa as súas defensas de forma innecesaria, sen a presenza dun axente patóxeno externo, nun momento proinflamatorio da vaca”, asegura.
“Os polifenois, co seu efecto antioxidante, son interesantes fronte á resposta inflamatoria estéril e descontrolada, pero perigosos se necesitamos desa inflamación porque temos un ataque bacteriano. En casos de resposta inflamatoria estéril sería suficiente con dalos na alimentación 10 días antes do parto”, recomenda.
Galego









Control OJD