“Se non se habilita unha solución urxente para aplicar os tratamentos, perderanse colleitas”

Asociacións de produtores e organizacións agrarias reclaman que se dea unha alternativa transitoria ás 6.817 persoas afectadas pola anulación dos carnés de fitosanitarios obtidos no Bierzo para poder salvar a actual campaña, mentres non se ofertan novos cursos

Publicidade
Publicidade

Uso de fitosanitarios nas viñasDez anos despois da chamada Operación Fito, que acabou por xulgar e condenar unha rede de concesión de carnés fraudulentos para a aplicación de produtos fitosanitarios, estanse a vivir de cheo as consecuencias sobre o terreo da anulación daqueles títulos.  

Un total de 6.817 produtores galegos estanse a atopar estes días con que foron invalidados os seus permisos para poder mercar produtos cos que tratar os seus cultivos, un problema que chega en plena campaña de tratamentos contra enfermidades fúnxicas como o mildeu en viñedo ou horta e coa sementeira do millo en vacún de leite.

A Xunta vén de remitir unha nota explicativa ás tendas de fitosanitarios pedíndolles que revisen un a un os carnés dos seus clientes

A Consellería do Medio Rural vén de enviar unha circular a todas as tendas de fitosanitarios pedíndolles que revisen un a un os carnés dos seus clientes, para comprobar que seguen dados de alta no rexistro oficial do Ministerio (ROPO), advertíndolles das sancións millonarias que acarrearía seguir dispensando produtos a persoas non autorizadas.

Mentres, desde asociacións de produtores e organizacións agrarias piden ás Administracións competentes (Xunta de Galicia e Goberno central) que habiliten con urxencia unha solución transitoria que permita salvar a colleita deste ano, aplicando os tratamentos que sexan necesarios para garantir a saúde dos cultivos.

Outro produtor con carné básico non podería nin mercar nin aplicar tratamentos fóra das súas fincas

De momento, as únicas opcións que teñen os produtores que perderon o seu título de aplicador son, ou ben adquirir envases pequenos, dos que se autoriza mercar e utilizar a persoas sen carné para uso doméstico en xardíns ou hortas particulares, ou ben contratar a un profesional con capacitación cualificada, que o facultaría a poder aplicar tratamentos en fincas de terceiros. Outro produtor con carné básico non podería, sen embargo, nin mercar para un veciño nin utilizar produtos fitosanitarios nas súas parcelas.   

Isabel Vilalba (SLG)

“A Administración non pode agora lavarse as mans porque era coñecedora da fraude”

“O grupo de persoas afectadas é moi heteroxéneo, pero quizais é dos viticultores de onde máis nos está chegando o problema”, conta Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, que lle pide á Xunta de Galicia “que non se desentenda do problema” por ser “corresponsable”.

“As persoas poden ser máis ou menos enganadas, pero a Administración pública tiña coñecemento da fraude e seguiu funcionando durante moito tempo. Tanto a Consellería do Medio Rural como a Consejería de Castela e León avalaron que se seguiran impartindo estes cursos, polo que agora a Xunta de Galicia non se pode desentender desta xente afectada”, di.

Un procedemento de formación para miles de persoas non podemos pensar que o descoñece a Administración responsable

“É necesario buscar unha solución urxente a estas persoas, para que poidan sacar o carné o antes posible e mentres tanto, que poidan contemplarse excepcionalidades. A Administración ten que habilitar un procedemento para que isto se solucione e acelerar a convocatoria habitual de cursos de formación. Hai que facilitarlles unha solución momentánea e unha formación apropiada, pero non ir en contra da xente e sancionar ás persoas afectadas, que non deixan de ser unha víctimas dunha fraude”, argumenta Isabel.  

“A Xunta ten que corresponsabilizarse da situación, xa que é corresponsable do problema”, afirma, pois “estamos diante dunha irresponsabilidade moi grande, porque se a Xunta actuara no primeiro momento, cando houbo as primeiras denuncias sobre un procedemento de formación sospeitoso e o tivera parado, en vez de 6.800 persoas afectadas habería 50 ou 100. Pero en vez de paralo, avalouno, dicindo que era unha formación que cumpría coa lexislación e que era válida para obter a titulación requirida”, lembra a secretaria xeral do SLG.

Se a Xunta tivera actuado ante as primeiras denuncias, en vez de 6.800 persoas afectadas habería 50 ou 100

“Desde logo quen non é culpable é a xente, que estaba sacando un carné por medio dunha formación regrada e autorizada pola Administración, porque un procedemento de formación para miles de persoas non podemos pensar que o descoñece a Administración responsable”, argumenta.

E engade: “como organización agraria tamén sufrimos eses procedementos, porque a xente que se apuntaba aos nosos cursos dicíannos que en León non facía falla facer todo iso. Era un pouco frustrante, porque había unha lexislación e unha normativa que non se cumpría e a Administración sabíao”, reitera.

Carlos Basalo (UUAA)

“Hai que adoptar medidas transitorias, porque os cursos para 6.800 persoas non se fan de hoxe para mañá”

Carlos Basalo é o responsable da oficina do sindicato Unións Agrarias no Ribeiro e o encargado dos temas de viñedo. Polo de agora non recibiron queixas de afiliados, pero teme que, pola proximidade á comarca do Bierzo, zonas como a de Valdeorras poidan estar entre as máis afectadas.

“É unha situación complicada, porque se dá nun momento moi delicado do cultivo. Moitos viticultores afectados están no momento de dar tratamentos e non dalos podería ser unha ruína para o sector”, asegura.

Por iso, afirma, “hai que buscar unha solución”, porque “dos 6.800 afectados, 4.000 necesítana con urxencia, para tratar o viñedo ou as patacas”, exemplifica. Así pois, Carlos pide “que se dean as facilidades suficientes para que ninguén teña que deixar de tratar por isto, permitindo unha medida transitoria até pasar a campaña, até o mes de setembro polo menos, porque é inviable agora facer cursos dun día para outro para 6.800 persoas”, considera.

Se os queremos facer ben feitos, os cursos non se poden dar nun auditorio, para que poida haber unha parte práctica

O curso básico é de 25 horas distribuídas en varias xornadas, cun número máximo de 20 persoas por curso. “Se o queremos facer ben feito non se poden facer nun auditorio, para que poida haber unha parte práctica”, xustifica.

Por iso, di, “a Administración ten que poñer cursos enriba da mesa para que esta xente poida sacar de novo o carné. No Ribeiro, onde estou eu, fixéronse moitos cursos no seu momento, tanto por parte da Xunta como das distintas organización agrarias, pero noutras zonas non foi así”, lembra.  

UUAA critica que non haxa unha comunicación oficial ás persoas ás que se lles anulou o seu carné de fitosanitarios e critica a pasividade da Administración até o de agora. “A pregunta é por que non se parou isto antes. Permitiuse no seu momento”, indica Carlos.

Roberto Rivas (Fruga)

“Este problema vén derivado do desmantelamento das oficinas agrarias comarcais, que é onde se tiñan que dar os cursos”

Roberto Rivas é presidente da Asociación Galega de Viticultura, que engloba a pequenos produtores de distintas zonas e denominacións de orixe. Considera que o que está a acontecer é “unha metedura de pata máis da Administración e non por non anunciada”, di.

“Fai anos que dixemos que a xente se estaba indo fóra porque aquí non había cursos dabondo e poñiamos en dubida se eses carnés ían valer ou non”, conta. “Nós avisámolo daquela e pedimos á Administración que fixera algo e non o fixeron”, afirma.  

“Este problema vén derivado do desmantelamento das oficinas agrarias comarcais”, sentenza.  “Eran necesarios máis cursos, pero quen tiña que facelos eran as oficinas agrarias, que están desmanteladas. Despois fixémoslles ese traballo as asociacións, os sindicatos e mesmo os Concellos”, dixo, polo que pediu “que faga a formación quen a ten que facer, que son as oficinas agrarias da Xunta; xa está ben de facer deixación de funcións”, criticou.

Non pode ser que se lle diga á xente ‘vostede este ano non pode sulfatar as patacas’

“O que non é de recibo é que a xente se atope agora co problema cando vai mercar produtos á tenda. Primeiro hai que dar unha moratoria e despois unha formación. Non pode ser que se lle diga á xente vostede este ano non pode sulfatar as patacas”, argumenta Roberto.

Considera que os máis afectados van ser pequenos produtores e persoas xubiladas que producen para autoconsumo. “Os profesionais ben que nos encargamos de que nos valera o carné. A Asociación Galega de Viticultura fixo 5 cursos en Valdeorras para que todo o mundo puidera ter o título”, indicou, pero recoñeceu que “entre os afectados pode haber pequenos viticultores”.

Sen o carné, nas tendas non podes mercar un paquete de 5 kg, pero si 10 paquetes de medio quilo

“Os profesionais temos o carné superior que require de 200 horas de formación e permítenos sulfatar as nosas fincas e as dun veciño que no lo pida; o básico, de só 25 horas, é o que teñen os afeccionados”, explica.

Roberto tamén cuestiona a efectividade da regulación establecida. “Sen o carné nas tendas non podes mercar un paquete de 5 kg, pero si 10 paquetes de medio quilo, e iso non favorece nin o uso sostible de fitosanitarios nin o medio ambiente, como di pretender a normativa, o único que fai é encarecer o produto”, argumenta.

Polémica cos “antisulfato”

Roberto considera que a anulación dos carnés chega nun mal momento, non só por estar en plena campaña de aplicación de fitosanitarios, senón por sumarse ao enfrontamento crecente que en moitas zonas se dá entre “os antisulfato” e os propios produtores.

“Chove sobre mollado, porque estamos nun momento no que hai unha polémica moi forte servida. Na nosa comarca cada vez hai máis conflito”, recoñece. El é socio de Adega Moraima, unha cooperativa afincada en Barro, pertencente á subzona do Salnés dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Os antisulfatos piden a regulación dos sulfatos e os viticultores o que dicimos é que regulado xa está, que o que fai falta é que a normativa se cumpra

“Moita xente que veu vivir ao rural e montou a piscina ao lado dunha viña de máis de 100 anos di que lle molesta o sulfato. No Salnés neste momento a presión da viña é grande, é certo, porque é o único cultivo que funciona na zona. Nós queremos vivir do rural, que non é o mesmo que vivir no rural”, di.

Busca aquí se es unha das 6.817 persoas de Galicia afectadas pola anulación de carnés de fitosanitarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información