
Luis, Ramón e Marcos, na nave de produción onde xa teñen instalado o primeiro robot de muxido
“Eu teño claro que se non nos tiveramos xuntado no seu momento, eu hoxe non viviría das vacas”. Esta afirmación pronúnciaa Luis, un dos socios de SAT Dorna, creada no ano 2006 grazas á unión de tres familias da parroquia de Santa Marta de Fixós, en Lugo.
Desde entón multiplicaron o número de cabezas, desde as 85 iniciais ás 210 que están a muxir neste momento e gañaron en calidade de vida e en tranquilidade. “Aquí cando te vas de vacacións vaste de verdade, porque sabes que a granxa queda en boas mans. Iso é imposible nunha granxa dun só, é máis coa falta de man de obra que hai hoxe en día”, engade Marcos.
Tamén para Ramón, o outro dos socios, a fórmula da SAT é a mellor, porque tes “máis cartos e máis tempo libre”. Entre eles comparten a mesma idea para a explotación e, cando xorde algunha diferenza, conseguen poñerse dacordo nas decisións estratéxicas da granxa.
O sector do leite en Galicia é moi forte grazas a que somos unha cadea
Pero Marcos estende esta colaboración necesaria máis aló da unión entre gandeiros. “O sector do leite en Galicia é moi forte grazas a que somos unha cadea. O gandeiros somos especialistas, é certo, pero dependemos tamén do camioneiro que nos trae o gasóleo ou o penso. Por iso o sector do leite crea moita riqueza ao seu arredor”, defende.
Robotización
SAT Dorna está a piques de cumprir 20 anos e o vindeiro cambio será a robotización do sistema de muxido, substituíndo a sala de muxido de 20 puntos por catro robots Lely. Un xa o teñen instalado e os tres restantes entrarán en funcionamento de xeito escalonado nos vindeiros meses, en canto conclúan as obras de reforma necesarias. De cara ao futuro, non descartan seguir medrando, aínda que polo de agora son cautos á espera de ver se a granxa ten relevo.
De cara ao futuro, é probable que sigamos ampliando se a vindeira xeración se incorpora
“Ao principio medramos moi rápido e triplicamos os animais en produción. Agora estamos estancados porque de momento para nós é suficiente e o que queremos é poñelo máis cómodo por medio dos robots. Máis adiante no se sabe, a ver que fai a seguinte xeración”, di Luis, que ten 49 anos, igual ca Ramón, mentres que Marcos ten 43.
Os tres consideran que polo de agora chegaron ao tamaño idóneo para garantir a rendibilidade e viabilidade da explotación. “Se medras moito e tes que meter empregados e coller fincas lonxe, todo o que gañas por un lado gástalo polo outro”, argumenta Luis.
Máxima produción por vaca
De cara ao cambio aos robots, o feito de que moitas das vacas que están muxindo na sala teñan pasado xa antes polo robot podería facilitarlles a adaptación. “As xatas de primeiro parto muxímolas no robot e cando volven parir pasan para a sala, polo que todas as vacas de segundo parto que muximos neste momento na sala pasaron xa polo robot”, explica Marcos.
SAT Dorna busca optimizar a produción por cabeza. “A min o que me gusta é producir o máximo por animal. Hai xente que di que canto máis leite dan as vacas, máis fallan, pero se tes todo ben controlado non ten por que pasar iso”, afirma Marcos.
Sácanlle 2.500 litros diarios ao robot no que teñen as primeirizas, cun total de 63 animais
A media da sala (nela moxen ás vacas multíparas dúas veces ao día) sitúase na actualidade en 45 litros. No robot, onde teñen o lote de xovencas primeirizas, a media é de 40 litros, con 2,9 muxiduras diarias. “Cando teñamos os 4 robots funcionando entregaremos uns 10.000 litros de leite diarios”, calcula.
O robot pode ser unha peza clave para sacar boas producións, pero non é o único factor
“Hai xente que pensa que só con poñer os robots vai sacar máis litros, pero non é só o robot, é un cúmulo de cousas, porque tes que ter tamén bos silos e boa xenética e manexar ben as vacas”, matiza. “O robot pode ser unha peza clave para sacar boas producións, pero non é o único elemento necesario, porque por moito que poñas o robot se tes vacas rubias, o silo non ten dixestibilidade ou non tes as vacas ben controladas non consegues a media”, argumenta.
Calidade das forraxes
Marcos defende que obter altas producións por vaca é a mellor maneira de incrementar a eficiencia produtiva e a rendibilidade económica da explotación. “A máis litros, o custo de produción dilúese, porque non é o mesmo ter comida para 200 vacas que para 250”, argumenta.
Eu penso que é mellor rendibilizar as fincas que tes, sacándolle máis litros a cada vaca, e non aumentar cabezas e ter que ir buscar fincas a Guntín ou a Portomarín
Traballan en total unhas 110 hectáreas, todas situadas nun radio duns 5 km desde a granxa, e este ano botarán a millo unhas 60. Non labran o millo sempre nas mesmas fincas, senón que van rotando, de maneira que na maior parte delas aproveitan varios anos a pradeira antes de voltaren levar millo.
Fan eles a maior parte do traballo agrario, incluído arar e sementar. Este ano empezaron a facer sementeira variable para o millo, en función dos mapas de rendemento de cultivo de cada parcela obtidos a través de imaxes de satélite de varios anos.
Comezaremos este ano a facer sementeira variable de millo para obter maior uniformidade na colleita
“Botabamos 83.000 plantas por hectárea en todas as fincas e agora imos traballar entre 75.000 e 87.000 plantas, en función da capacidade produtiva da terra. Eu a vantaxe que lle vexo, que é para o que o queremos usar nós, é que con iso obtés unha calidade na forraxe moi homoxénea en todas as zonas. Doutra maneira, nas zonas peores o millo non lograba rematar o seu ciclo, polo que é mellor ter menos plantas pero que as que hai teñan espiga”, xustifica.

O pequeno tamaño das fincas na zona limita a súa produtividade e multiplica as horas de traballo
A media de produción nesta zona está entre os 35.000 e os 40.000 kg por hectárea. Comezan a labrar habitualmente a mediados de abril un ciclo 450 e acaban cun 280 o último que botan a comezos do mes de xuño nas fincas nas que sacan dous cortes de herba.
“Para o silo de herba cortan o raigrás tenro, de maneira que logran boa calidade en proteína e dixestibilidade. É un silo que non dá problemas. Nós temos unha bonificación do 40% en Agroseguro, que eu penso que haberá poucas granxas en Galicia que a teñan, porque aquí non fallan vacas nin morren vacas”, asegura.
Na zona hai outras explotacións importantes e escasea a superficie agraria
Os descartes que fan son na maioría dos casos voluntarios e as vacas saen cara ao matadoiro ao finalizar a lactación, co que o seu valor de mercado tamén é maior. “Nós facturamos uns 100.000 euros de carne ao ano, entre vacas de desvelle e becerros pequenos”, calculan.
A decisión dos descartes está motivado a maioría das veces pola falta de espazo dispoñible na granxa, algo que co paso aos robots vai cobrar maior importancia. “Se che empezan a parir xovencas tes que vender vacas aínda que estean dando leite e terás que mandar as máis vellas, as que teñan o ubre colgando ou algún outro problema, porque é mellor ter 10 cómodas ca 15 apretadas”, di Ramón.
Unha granxa que trata mal as vacas e non chegan ao desvelle está perdendo moitos cartos en litros de leite e en carne
Asegura que unha das razóns do excedente de animais que teñen ás veces débese ao acerto dos veterinarios de reprodución. “Antes, cando inseminabamos nós, ás veces gastabamos máis seme que valía a vaca, agora programan para o día que veñen eles e acertan moito máis, porque inseminan as que valen para inseminar; nós antes poñiámoslle a todas e a taxa de fertilidade era moito máis baixa”, recoñece.
Probas xenómicas

Zona de recría, con amamantadora e dúas unidades de dispensación
Precisan entre 5 e 6 animais de reemprazo cada mes e xenotipan todas as xatas para saber a que xovencas lles poñerán seme sexado e a cales cruces cárnicos. Poñen maioritariamente angus e tamén algo de azul belga e venden os becerros a partir dos 15 días.
Inseminan con angus as vacas ou as xovencas que non lles interesan para recriar delas
Dispoñen dunha amamantadora con dobre cabezal para a alimentación das xatas de recría, aínda que a ubicación, nun lateral da nave principal, non os convence de todo. “Debería estar mellor orientada e máis ventilada. É importantísimo tanto a nivel de infeccións respiratorias como no crecemento das xatas”, di Marcos.
Con todo, SAT Dorna logra unha boa conversión, con ganancias de peso medias de 750 gramos/día. Destetan aos 75 días e antes de entrar aos lotes da amamantadora as xatas están uns días en box individual.
Man de obra

Zona de parideira da explotación
Ademais de Luis, Ramón e Marcos, na sociedade están tamén a nai de Luis e a de Marcos e Isabel, a muller de Ramón. Até o momento non tiveron empregados contratados, pero coa próxima xubilación de Pilar e a posterior de Consuelo son conscientes da necesidade de incorporar cando menos un traballador.
“Aínda que montemos os robots eu penso que unha persoa vai haber que meter igual”, opina Marcos. SAT Dorna acolle tamén todos os anos a alumnos e alumnas de Fonteboa que realizan a súa estadía de prácticas formativas en granxas leiteiras para que coñezan de primeira man a realidade do sector.
A Xoel, o fillo de Marcos, que ten 8 anos, gústalle xa axudar na granxa, igual que aos de Luis, Damián e Alonso, e a Lucía e María, as fillas de Ramón e Isabel, que tamén lles botan unha man as fins de semana que lles toca a eles.
Queremos poñer cómodo e práctico o que temos para poder librar máis fins de semana
No balance destes 20 anos de andadura en conxunto, o que máis destacan todos é a calidade de vida que gañaron coa súa unión. “Eu cando marcho, marcho de verdade”, di Luis. El e Marcos libran unha fin de semana de cada tres, porque se axudan un ao outro cando lles toca traballar, e Ramón e Isabel libran traballan un e libran dous porque se entenden sos a fin de semana que lles toca a eles.
“A nosa idea é poder librar máis fins de semana, porque pensamos que é mellor tamén para a organización da explotación programar o traballo para a semana e ter máis libres as fins de semana en vez de librar máis días polo medio da semana, porque se te vas moitos días perdes un pouco o contacto coa realidade”, razoan.
Cisterna para purín de maior capacidade
Desde que comezaron fai 20 anos, unha parte importante dos ingresos que foi xerando a explotación foron reinvestidos na súa mellora e modernización, primeiro na ampliación das naves e agora no cambio do sistema de muxido e a renovación do parque de maquinaria.
“Nos últimos 3 anos, sen facer ningunha nave, debemos levar gastados 1,8 millóns de euros, contando os 4 robots, un tractor, unha telescópica, un equipo de sementar composto por sementadora e rotofresa, a cisterna do purín, a amamantadora, o arimador de comida”, enumeran.
O custo da maquinaria disparouse; nos últimos 15 anos triplicou o seu prezo
A última adquisición foi un novo tractor, máis rápido nos desprazamentos por estrada e por pistas, e unha cisterna de maior capacidade (20.000 litros fronte á que tiñan antes, de 16.000 litros) coa intención de axilizar a aplicación do purín nos momentos de sementeira do millo e a herba.
A cisterna mercárona a través da subvención da Xunta para maquinaria 4.0 e está equipada con tubos colgantes. Marcos recoñece os beneficios agronómicos deste sistema aínda que tamén as complicacións que leva aparelladas. “Ser é o xeito ideal de botar o xurro porque o ano pasado fixemos algunha proba nalgunha finca de herba e se está algo medrada e metes o purín abaixo arrinca moi ben, pero tamén tardas máis e atrancounos algunha vez”, di.
A iso engádese a propia estrutura das parcelas na zona, onde non hai concentración parcelaria, polo que algunhas fincas son pequenas. “Non temos demasiados problemas de camiños ou accesos, pero a cuba pesa algo máis atrás e iso nótase en zonas costentas, aínda que o maior problema que eu lle vexo é que cos tubos lévache máis tempo baleirar”, afirma Marcos.
Agro Moure SC, un cebadeiro de becerros en sistema de integración xestionado por dúas mulleres
Vanesa e Mercedes, a muller e a irmá de Marcos, incorporáronse fai 3 anos á actividade agraria e optaron por montar un cebadeiro de becerros ao que lle puxeron Agro Moure SC. O nome responde ao lugar barallado inicialmente para a súa ubicación. “A finca onde o iamos poñer chámase Moure, por iso lle puxemos Agro Moure, pero polas distancias ás casas non nos deixaron facelo alí e tivemos que acabar montándoo nun lugar diferente, que se chama Canto Vello, xa na parroquia do lado, San Xoán do Campo”, explican.
“Queriamos facer outra cousa distinta aquí na aldea, o meu home xa tiña a granxa de leite e buscabamos montar algo diferente e complementario que puideramos atender nós as dúas”, di Vanesa, que estudou un ciclo de Administración.
Queriamos aproveitar os recursos da zona e non estar suxeitas a uns horarios concretos para poder conciliar mellor coa vida familiar
Adícanlle unha media de tres horas diarias, entre a mañá e a tarde. “O traballo diario aquí é máis de supervisión e de estar pendente de achegar comida se fai falta ou de separar e tratar algún animal se enferma”, indica.
As dúas teñen cativos e querían emprender en algo que fose compatible coa súa crianza. “Eu estudei Empresariais e traballei en contabilidade e despois tamén en hostalaría pero tiña uns horarios pouco compatibles coa conciliación familiar”, argumenta Mercedes.
Á hora de traballar cos xatos tes que ter máis coidado porque cando son grandes pódenche dar un golpe, pero eu prefiro isto aos pitos ou aos porcos
Cando se incorporaron estiveron valorando se poñer unha granxa de pitos, de porcos ou de becerros. “Como eramos dúas mulleres parece que non nos animaban a meter xatos, sería polo tema de pelexar con eles, pero eu prefiro traballar con becerros antes que con pitos ou porcos e tamén as distancias que había que deixar ás casas eran distintas”, explican.
Neste sentido, quéixanse da sobrecarga burocrática, da incongruencia da normativa e do exceso de celo no cumprimento da lexislación. “Ao Concello de Lugo tivemos que presentarlle até o proxecto da caseta de plástico onde gardamos as botas e a roupa de traballo. Comprarámola no Leroy Merlin, destas que se poñen no xardín, e mandámoslle o catálogo”, exemplifican.
Alimentación e limpeza automatizada
En canto ás instalacións, a nave requeriu dun importante investimento, que superou os 500.000 euros polo incremento no custo dos materiais. Conta con sistema de limpeza automática, mediante o paso dunha arrobadeira por baixo das parrillas e os bebedoiros son de volteo para facilitar o seu baleirado e limpeza diaria.
Os bebedoiros son de volteo para que a súa limpeza sexa rápida e doada
Para a súa alimentación, os xatos teñen palla, auga e penso a libre disposición. A subministración do concentrado tamén está automatizada, por medio dun sensor, polo que só teñen que asegurarse de que non lles falte forraxe. “A alpaca de palla procuramos térllela cerca para que a collan xa directamente dela”, contan. “É importante que os xatos coman fibra, porque senón poden timpanizar e inchar por comer moito penso e pouca palla”, explican.
O momento crítico do reagrupamento
O momento máis delicado é o da entrada nas instalacións, xa que nelas se produce un reagrupamento de animais de distinta procedencia (de distintas granxas de destete da empresa integradora) e o risco de transmisión de enfermidades multiplícase.
O noso traballo consiste sobre todo na vixilancia e control dos animais para previr a aparición de enfermidades, seguindo os distintos programas de desparasitación e vacinación recomendados
“As 2 ou 3 semanas posteriores á súa chegada é cando os temos que ter máis controlados, porque ao mesturarse sempre hai algún que pode enfermar de pneumonía ou diarrea. Metémonos polo medio deles todos os días pola mañá e pola tarde e procuramos velos canto antes para tratalos a tempo”, di Mercedes.
Sistema de integración
Agro Moure traballa cunha empresa cárnica galega baixo unha fórmula de integración denominada todo fóra-todo dentro, pola cal se baleira toda a nave de xatos cebados, límpase, desinféctase e vólvese encher de animais pequenos.
Vanesa e Mercedes poñen as instalacións, a man de obra e a palla e cobran unha cantidade diaria por praza e a empresa integradora subministra os becerros, o penso e os medicamentos e tratamentos veterinarios necesarios.
Os xatos entran unha vez destetados, normalmente con 3 meses de vida, aínda que o último lote veu con menos idade, debido á falta de becerros e ao seu alto valor
Os xatos botan unha media de 6 meses nas instalacións, ás que chegan tralo destete, cunha media de entre tres e catro meses, aínda que o último lote veu máis pequeno pola escaseza de becerros de recría nos mercados subministradores.
Durante o proceso de cebo o consumo de penso é elevado. “Ao final, nas últimas semanas, vén un camión de penso á semana, é dicir, comen 24.000 kg á semana”, detalla Vanesa. En canto á palla, os lotes máis grandes comen dúas pacas grandes ao mes. “Agora ten un prezo asequible, móvese entre 98 e 100€ máis IVE, pero o ano pasado a picada chegouse a pagar a 232€ máis IVE e a que vén menos picada a 196€ máis IVE”, lembra Mercedes. Cando son pequenos un camión de 14 toneladas chégalles para dous meses, pero cando medran só lles dura un mes.
Sacrificio en Novafrigsa
Ceban 500 becerros en cada tandada e é a terceira vez que se enchen as instalacións desde a súa apertura. O ano pasado saíu o primeiro grupo no mes de xuño e este mes de xaneiro marchou o segundo. Os xatos sacrifícanse entre os 10 meses e o ano, dependendo de se son de cruces marcados dentro da IXP Ternera Gallega ou becerros pintos, que permanecen máis tempo.
En outubro do 2023 entrou o primeiro lote de xatos nas instalacións
Reciben distintas razas, desde angus, azul belga, frisóns ou cruces con limusín. O manexo e a alimentación é a mesma pero o crecemento é diferente. No lote anterior un dos becerros de cruce industrial chegou aos 370 kg canal, mentres que os pintos rondan os 200 kg.
Na tandada actual 244 dos 500 becerros son de Ternera Gallega, pero na anterior eran 396
“Cando chegan o primeiro que facemos é separalos por lotes e tratamos de que sexan o máis homoxéneos posibles, por procedencia, tamaño e razas. Despois xa non os cambiamos porque se habitúan ao lote no que están e socializan entre eles”, contan.
“Ao estar moi cerca do matadoiro de Novafrigsa, o noso cebadoiro serve moitas veces para regular a demanda e completar a capacidade de sacrificio que teñen as instalacións do matadoiro”, explica Mercedes.
Benestar animal

Zona da enfermería da granxa, que conta con cama quente de palla
Ao tratarse dunha nave moderna, xa cumpre con todas as medidas de benestar animal, comezando por un espazo de 1,8 metros cadrados por xato. “Cando fixemos o establo colleunos no cambio de normativa en cuestións como o emparrillado ou o patio para a saída ao exterior e como non estaba claro aínda como ía quedar deixamos unhas cancelas preparadas por se no futuro tiveramos que facer algunha reforma para adaptarnos á lexislación”, indica Mercedes.
Se temos que cambiar as parrillas por cama quente o traballo e o gasto diario dispararíase
Ademais dun maior gasto, se as obrigan a dispoñer dunha zona de cama sen parrillas alonxada do comedeiro para que se deiten os xatos, o traballo na granxa multiplicaríase. “Agora dámolo feito nós as dúas soas sen axuda, pero se temos que encamar a diario e sacar o esterco unha vez cada semana ou cada quince días xa non poderiamos”, aseguran.
As instalacións contan tamén cunha manga de manexo todo ao longo da nave que permite ser utilizada para todos os lotes. “Témolo moi cómodo. Mediante cancelas móbiles permítenos separar a un becerro sen ter que movelo do seu lote, por exemplo para miralo ou para poñerlle un tratamento, o que reduce moito o estrés dos xatos enfermos”, din.