“Se non fose pola velutina seguramente me estaría adicando profesionalmente á apicultura”

Noé Fernández continuou coa tradición familiar que iniciara o seu pai no lugar de Painzás, no Valadouro, e é un dos produtores locais que nos últimos anos loita contra a vespa asiática. A súa arma principal é o trampeo de primavera. Con todo, veu como a praga minguaba a súa poboación de abellas. "As veces cáeseche a alma aos pés", admite

Noé, no medio das súas colmeas, "fortificadas" xusto antes de sacar o mel o ano pasado

Noé, no medio das súas colmeas en Frexulfe, “fortificadas” xusto antes de sacar o mel o ano pasado

Na casa de Noé Fernández Rolle, no lugar de Painzás, pertencente á parroquia de Frexulfe, no concello mariñao do Valadouro sempre houbo colmeas. “Abellas aquí hainas desde que teño recordo, eu desde pequeno sempre lle axudei ao meu pai co mel”, explica.

O que non había antes era velutinas, unha vespa invasora que desde que chegou non deixou de expandirse por Galicia e de colonizar novos espazos cada ano. Noé, que desde fai 6 anos rexistrou a explotación familiar ao seu nome pola avanzada idade do seu pai, sufriu as consecuencias dunha praga que mingua as poboacións de abellas e aumenta o desánimo dos seus donos.

“A min a velutina botoume moito para atrás, senón seguramente estaría adicándome a isto profesionalmente”, admite Noé. “Teño un primo que vive en Suíza e alí un quilo de mel coma este vale a 25 euros. Antes traballaba nunha empresa de máquinas expendedoras e, no seu momento, cando o deixei, plantexeime producir mel para exportar pero nesa época foi xusto cando veu a velutina e desanimoume”, conta.

Plantexeime no seu momento adicarme profesionalmente a producir mel para exportar a Suíza pero nesa época foi xusto cando chegou a vespa asiática

Noé traballa agora na funeraria local. “Nese traballo tes unha nómina fixa todos os meses”, xustifica. Aquela outra idea quedou no aire polo momento pero non descarta retomala no futuro. “Teño colmeas e material, cun investimento mínimo podería adicarme á apicultura”, argumenta.

O colmear baixo mínimos

Noé mantén hoxe o seu apiario baixo mínimos, con só 25 colmeas das 60 que chegou a ter. “Hai dous anos morréronme moitas e quedei con menos da metade. Isto da velutina desanima a calquera, porque combates e combates pero é unha praga que non das eliminado e que che merma a produción e o número de enxamios”, explica.

En Apicultura Painzás achacan o aumento da mortandade de colmeas que se está a dar nos últimos anos en Galicia a distintos factores, entre os que estarían “a velutina, o cambio climático e o uso masivo de sulfatos”, din. “É unha suma de todo e o cambio climático favorece a maior afectación por velutina, porque en novembro hai anos nos que parece primavera, o que fai que a vespa asiática traballe case todo o ano debilitando moito as colmeas e facendo que non sexan quen de pasar o inverno”, indica.

Módulos frontais para protexer as piqueras

Ademais das colmeas e a afección polas abellas, Noé herdou do seu pai os clientes que mercan o seu mel. “El xa tiña a súa clientela de todos os anos e eu sígoa mantendo”, conta. Por iso non ten problema para dar saída a unha produción que foi a menos. 

Pola contra, os gastos incrementáronse, xa que tivo que acometer unha serie de investimentos para facer fronte á vespa asiática. “O ano pasado merquei módulos frontais para as piqueras. É unha especie de caixón que se pon na entrada e que ten dúas reixas metálicas. O que fai é protexer ás abellas ao entraren e saíren da colmea, non se sinten tan intimidadas”, describe.

Vas aguantando porque é resistir ou tirar con todo, pero é duro ver que nun colmear onde chegou a haber 60 colmeas quedan hoxe só 25

Na época forte dos ataques, nos meses de agosto e setembro, Noé coloca tamén unha trampa a carón de cada trobo para tentar reducir a poboación de velutinas e o seu pai pasa horas entre as colmeas cun cazamariposas á captura de vespas. “Vas aguantando porque é resistir ou tirar con todo, pero hai veces que chegas ao colmear e cáeseche a alma aos pés porque ves que nun colmear onde chegou a haber 60 colmeas quedan hoxe só 25”, resume.   

Maciñeiras e faba verdina

APICULTURA PAINZAS (Valadouro) mazá velutinasAnte as dificultades para aumentar a produción de mel nas zonas da costa por culpa da vespa velutina, Noé optou por diversificar con outras producións. Fai 4 anos plantou un cento de mazaeiros de 5 variedades distintas (Fuji, Prima, Gala, Gran Smith e Florina).

Non usa tratamentos e busca solucións naturais. Para controlar o pulgón, por exemplo, deixa medrar a herba entre as ringleiras de froiteiras. “Os saltóns que se crían entre a herba fan o seu traballo, son as vantaxes da biodiversidade”, asegura Noé, que forma parte de Afruval, a asociación de foiticultores do Valadouro.

Para controlar o pulgón de xeito natural deixa medrar a herba entre as ringleiras de froiteiras para que os saltóns fagan o seu traballo

Hai un ano Noé decidiu tamén botar fabas verdinas xunto a un amigo, que é produtor de horta, nas fincas da súa casa que se atopaban sen uso. “Á hora de botala a verdina dá menos traballo que a faba de Lourenzá porque non hai que estacar pero logo dá máis traballo para recollela e secala. Nós facémolo con ventiladores de aire. Temos un invernadoiro escurecido que habilitamos como secadeiro”, conta. 

O Concello do Valadouro empeza por cuarto ano consecutivo o trampeo para captura de raíñas

O Concello colocará este ano 1.500 trampas por todo o municipio

O Concello colocará 1.500 trampas por todo o municipio

Coa chegada do bo tempo as velutinas espertan do seu letargo invernal e é o momento de comezar a combatelas. Nesta primavera de 2021 o Concello do Valadouro instalara máis de 1.500 trampas repartidas nas 6 quincenas que durará a campaña de trampeo para capturar as raíñas, cubrindo toda a extensión do municipio e potenciando as zonas onde máis niños se detectaron en 2020.

Este será o cuarto ano no que se realiza o trampeo no termo municipal, desde que empezou a extensión da praga da vespa asiática na comarca da Mariña. O numero de niños sempre ía en aumento ano tras ano ata que en 2018 se comezou a realizar un trampeo a gran escala neste municipio que mantén unha importante tradición apícola. 

Esta aposta decidida polo trampeo, combinado coa retirada de niños, foi a única forma que atoparon no Valadouro de manter a raia a praga e facer que o numero de niños que se detectan no verán se acabase reducindo nun 80%.

A colaboración do Goberno municipal e os veciños logrou reducir nun 80% a presenza de niños

“A implicación dos apicultores locais e doutros veciños do municipio nestes últimos anos sempre foi un aliado á hora de aumentar o numero de trampas que se colocan”, destacan desde o Concello. “Sempre que se empeza o trampeo paralelamente faise unha campaña de divulgación e sensibilización” para favorecer a participación social no trampeo masivo, explican.

Colocación en árbores en flor ou con pulgón

Realizar unha trampa é algo rápido e sinxelo. Cunha simple botella de auga ou refresco con dous buracos enfrontados de 8,5 cm de diámetro e rechea con zume de arandos mesturado cun pouco de cervexa negra podemos atrapar esa raíña de velutina que elixiu a zona para pasar o inverno aletargada. Dado que as raíñas de vespa asiática tan só se desprazan uns 400 metros en busca de alimento, a clave do trampeo é a distribución uniforme de cantas máis trampas mellor por todo o territorio, sobre todo perto de cauces fluviais, árbores en flor ou alpendres.

As trampas deben poñerse desde mediados de marzo até maio

É este momento inicial da primavera a única época do ano na que se poden capturar as raíñas de velutina, de aí a importancia do trampeo, pois unha vez que comecen a formar o niño secundario xa non volverán saír ao exterior, e por cada raíña capturada evitaremos a formación dunha colonia que pode chegar a ter até 20.000 obreiras.

Outro labor non menos importante pero algo máis complexo é tentar localizar e destruir os niños primarios. No seu inicio teñen o tamaño dunha pelota de tenis, e as raíñas adoitan escoller zonas de abrigo, como poden ser aleiros de casas ou tellados de alpendres e garaxes, para facelos.

Cartel trampeo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información