“Se erradicamos a peste porcina africana no xabaril terminaremos coa ameaza para o porco europeo”

O catedrático da UCM e investigador José Manuel Sánchez-Vizcaíno leva anos traballando no control da peste porcina africana. Xunto ao equipo do CISA-INIA, está desenvolvendo un prototipo de vacina oral para o xabaril. Abordamos con el a problemática desta enfermidade que ameaza ao sector porcino

“Se erradicamos a peste porcina africana no xabaril terminaremos coa ameaza para o porco europeo”

O catedrático da Universidade Complutense de Madrid José Manuel Sánchez-Vizcaíno.

O equipo que dirixe o catedrático da Universidade Complutense de Madrid José Manuel Sánchez-Vizcaíno logrou xa un prototipo de vacina contra a peste porcina africana (PPA). Esta enfermidade supón unha importante ameaza para o sector porcino debido á súa alta mortalidade, a ausencia dun tratamento ou vacina comercial na actualidade e ás restricións ao comercio internacional dos países afectados, o que ocasiona enormes perdas económicas.

Na actualidade, a PPA afecta a tres continentes, máis de 60 países e o máis importante, o 75% da poboación porcina mundial vive en países afectados. Non existe tratamento e tralo contaxio procédese á eliminación dos animais infectados, provocando importantes perdas. Países como Rusia ou China sufriron xa a súa incidencia e en Europa existe unha elevada preocupación por conter a enfermidade.

-En que punto se atopa agora a investigación para poder utilizar a vacina?
Hai moitos anos que estamos a tentar conseguir unha vacina desta enfermidade que ten características moi diferentes doutras enfermidades víricas, xa que non induce anticorpos neutralizantes, que son claves para a eliminación do virus. Sabemos que hai protección nalgúns animais que sobreviven á enfermidade e estamos a tentar descifrar ese mecanismo inmunitario e as proteínas que interveñen. Tamén confirmamos que se se inocula o virus inactivado ou morto non conseguimos esa inmunidade, polo que nos estamos centrando en vacinas vivas atenuadas ou deleccionadas.

“No proxecto Vacdiva, cun orzamento de 10 millóns de Euros, estamos a estudar tres prototipos de vacina”

Até agora, os resultados obtidos demostraron que as vacinas atenuadas son boas candidatas. O primeiro prototipo de vacina que conseguimos é mediante un virus atenuado de forma natural, que se conseguiu dun xabaril cazado en Letonia. A partir dese virus realizamos o primeiro prototipo que se atopa agora en fase de análise da súa seguridade.

-Cando estima que se poderá aplicar a vacina?
Os traballos que estamos a realizar enmárcanse dentro do proxecto Vacdiva, financiado con 10 millóns de euros pola Unión Europea (programa 2020), e no que participa un consorcio de 20 países pertencentes a laboratorios da Unión Europea, Rusia, China e África. O proxecto ten unha duración de 4 anos e estudánse tres prototipos diferentes para conseguir unha vacina efectiva, segura e que permita diferenciar os animais vacinados dos infectados.

“Buscamos unha vacina segura, eficaz e viva tanto para xabaril como para porco doméstico”

-É unha vacina pensada só para administrar aos xabarís?
O obxectivo deste proxecto é conseguir vacinas que poidan ser administradas tanto a porco doméstico como en xabarís e en todos os casos seguras e que nos permita diferenciar aos animais infectados dos vacinados. Un dos prototipos estudouse inicialmente en xabarís, con resultados moi prometedores. Na actualidade, estanse a estudar tamén prototipos para obter unha vacina para o porco doméstico.

-Que métodos se utilizarían para aplicar a vacina por vía oral aos xabarís?
É outra das partes nas que estamos a traballar no proxecto Vacdiva. Estanse a avaliar diferentes cebos deseñados para os potenciais escenarios climáticos e que ademais sexan atractivos para o xabaril para asegurar a súa inxesta.

-Esta vacinación pode supor algún risco para outra fauna salvaxe?
Non supón ningún risco para a fauna salvaxe xa que o virus da peste porcina africana só afecta ao porco doméstico, ao xabaril e a algún tipo de carracha branda, en concreto ás de xénero Ornithodoros erraticus (en Europa) e Ornithodoros moubata (en África). Estes son os únicos animais que poden resultar infectados polo virus.

-Á parte de para a fauna salvaxe, apuntaba que están a traballar nun prototipo para o porco, sería necesario tamén utilizala nas granxas?
Cremos que será posible ter unha vacina destinada para o porco doméstico pero no caso da Unión Europea creo que non será necesario chegar a vacinar o doméstico porque o principal problema provén da fauna salvaxe, xa que o avance da enfermidade está a producirse polos xabarís que serven como vector de contaxio, non pola transmisión entre porcos domésticos.

En Europa, só hai dous países, Romanía e Bulgaria, onde hai máis infección en porcos domésticos xa que teñen un patrón epidemiolóxico máis parecido ao que se observa en Rusia ou China. Con todo, no resto da Unión Europea o problema céntrase no xabaril, por iso con frear a enfermidade no xabaril sería máis que suficiente sen ter que chegar a vacinar ao porco doméstico.

“Hai anos viviuse unha situación similar coa peste porcina clásica, entón vacinouse a fauna silvestre e atallouse o problema”

Unha situación moi similar xa se viviu hai anos coa peste porcina clásica que se estendeu pola fauna silvestre e fíxose un programa de vacinación nos xabarís durante 3 anos que deu uns resultados excelentes. Atallouse o problema na fauna silvestre e non foi necesario vacinar o doméstico.

“Aumentar de forma indiscriminada as cazarías non é o camiño para controlar a poboación de xabaril”

-É necesario un maior control sobre a fauna salvaxe actual en España? Hai unha sobrepoblación de xabaril?
É unha das formas de loita máis eficaz que temos polo momento, mentres a vacina non está dispoñible. O único que se pode facer na actualidade son as medidas que se están tomando en Europa: por unha banda incrementar a bioseguridade nas gandarías de porcino para evitar o contaxio, e por outro, reducir a poboación de porco silvestre, que nalgunhas zonas está tremendamente elevada. Agora mesmo o xabaril non ten depredadores naturais polo que se produciu unha sobrepoboación nalgunhas zonas de Europa, ao romperse o equilibrio que até hai uns anos había.

“Agora mesmo o xabaril non ten depredadores naturais, por iso hai tal sobrepoblación”

Unha das medidas interesantes para facer fronte a esta situación é a que adoptou a República Checa que eliminou e reduciu tanto os animais positivos como a poboación en exceso de xabaril, o que lle permitiu que agora mesmo estea completamente libre da enfermidade.

-Que métodos se poderían aplicar para reducir esta poboación?
Aumentar de forma indiscriminada as cazarías non é o camiño para controlar a poboación de xabaril, de feito pode ser contraproducente xa que, entre outras cuestións, unha caza masiva e reiterada pode provocar que as mandas fuxan a outras zonas e non se atalle o problema. O estudo da regulación da especie debe facerse dunha maneira pensada e planificada para evitar que mesmo as nosas accións poidan contribuír a unha maior propagación da enfermidade. Cabe ter presente que este virus se transmite polo sangue, e nunha soa pinga de sangue hai até 3.000 copias de virus, polo que os restos de sangue dunha cazaría convencional poden ser un importante foco de infección nas zonas nas que estea presente a enfermidade.

-Á marxe de controlar a poboación de xabaril e á espera da vacina, en que se debe incidir para evitar o contaxio da enfermidade?

O principal risco de contaxio na actualidade na UE débese aos xabalís infectados. Neste momento o punto máis próximo para España é Bélxica. Tanto belgas como franceses están a facer todo o posible para conter a expansión desa poboación cara ao sur de Europa, e por tanto a enfermidade. Esa sería a vía máis natural de entrada para nós.

Doutra banda, outra das actuacións nas que máis se está insistindo é en extremar as medidas de bioseguridade na entrada de animais daqueles países que poidan estar en contacto coa enfermidade. En Europa temos un sistema de rexionalización polo que se un país está infectado, a zona infectada queda excluída totalmente do mercado, por iso non hai tanto risco de que se poidan traer animais de zonas afectados. O risco está máis no uso de transportes, pois temos que asegurarnos que o camión que transportase os animais este ben desinfectado.

O terceiro aspecto a ter en conta é o control de produtos cárnicos procedentes de países afectados e que poidan traer tanto turistas como traballadores desas zonas. Se ese alimento está contaminado, aínda que para o ser humano non supón ningún risco, o contaxio pode producirse se os restos quedan en zonas nas que poidan acceder os xabalís, como pode ser nos colectores de parques. Tamén se está facendo un importante esforzo en concienciar á poboación para que non se traian ese tipo de alimentos e, por suposto, que non cheguen ás granxas, por medio dos traballadores.

“A selección xenética non podería conseguir unha resistencia ao 100% como se pretende alcanzar coa vacina”

-En distintos ámbitos de estudo tamén se contempla a posibilidade de que a resposta para frear a peste porcina chegue dos facoceros, os porcos salvaxes africanos, xa con certa resistencia á enfermidade e que poidan ser claves por medio da edición xenética. Como valoran estas opcións?
Dentro do proxecto Vacdiva, un dos obxectivos que se persegue é que os prototipos, unha vez cumpran cos requisitos de seguridade, se apliquen ás dúas especies que cumpren un ciclo de produción do virus, a través da carracha, tanto no silvestre como no doméstico na zona sur e leste de África. Esa é a zona onde se localizan os 24 tipos de xenotipos do virus coñecidos até o momento no mundo. Foi desde África desde onde se expandiu nas 3 veces que afectou a outras zonas (as dúas primeiras a Portugal en 1957 e en 1960 e agora no 2007). Cremos que se a vacina se aplicase a estas dúas especies, que agora se infectan pero non desenvolven a enfermidade, sendo tolerantes pero non resistentes, esta podería ser unha vía para erradicar a peste porcina.

Estas dúas especies non son resistentes senón tolerantes, polo que a edición xenética non podería conseguir unha resistencia ao 100%, como se pretende alcanzar coa vacina. Ademais, ter animais tolerantes, é dicir que aparentemente non teñan síntomas, é moito máis perigoso xa que poden infectar a outros e non estariamos a ter a seguridade que se busca coa vacina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información