Pedro Rodríguez Parente é o presidente da Asociación de Gandeiros do Macizo Central (Agromacen), que conta con socios en toda a provincia de Ourense. Coñecemos como traballan nesta asociación con sede nas terras de Trives (Ourense).
-Como naceu Agromacen e con que obxectivos?
-A asociación comezou a funcionar en xaneiro de 2015 e está integrada por técnicos, agricultores, gandeiros, productores forestais e tamén viticultores. Xurdiu porque nunha comarca de alta montaña coma esta a prestación de servizos agrogandeiros daquela era paupérrima e comezamos a prestar asesoramento técnico ós produtores.
“O obxectivo de Agromacen é ser profesionais do sector sen posicionamentos políticos”
Dende os inicios, o principal obxectivo para Agromacen foi ser profesionais do sector sen posicionamentos políticos. A nosa prioridade é achegar información real e veraz ás explotacións, xa que son empresas agrarias e os seus titulares o que precisan é información clara e sen estar condicionada pola política. Eu non escondo que traballei durante 20 anos en Xóvenes Agricultores, que aínda continúa sendo investigada logo de deixarnos tirados, pero Agromacen naceu con outra filosofía moi distinta. De feito, moita xente chega a nós procedente doutras asociacións e ven cansa de estar en auténticos mitins políticos, no canto de ofrecerlles asesoramento agrario.
-Con cantos socios conta a día de hoxe?
-Hai 5 anos comezamos a funcionar con algo máis de 100 gandeiros de explotacións da alta montaña e a día de hoxe estamos chegando ós 600 asociados de toda a provincia. A maioría son ganderías extensivas de vacún de carne, pero tamén de ovino e caprino, así como produtores de mel.
-Que peculiaridades teñen as ganderías socias de Agromacen?
-Nos máis de 20 anos que levo traballando nesta zona vin unha gran evolución. Hoxe en día o perfil maioritario dos nosos socios é de xente nova preparada e moi profesional. Estamos ante a xeración de gandeiros máis preparada da historia, temos profesionais que saben o que queren e o que fan. Gustaríame que as Administracións tiveran evolucionado do mesmo xeito que o fixeron os profesionais do campo.
“Gustaríame que as Administracións tiveran evolucionado do mesmo xeito que o fixeron os profesionais do campo”
Os gandeiros en extensivo hai moitos anos que deixaron atrás esa imaxe dunha persoa maior que vai detrás das vacas. Son xente moi profesional, que saben dende desparasitar, teñen coñecementos técnicos, que controlan os partos, coñecen as técnicas para mellorar os pastizais…
-Agromacen axuda na comercialización da carne?
-Dende a asociación non comercializamos a carne, cada asociado ten a liberdade para poder vender a súa produción. Nós estamos centrados en ofrecer servizos e dar información ós socios polo que decidimos non actuar na compra e venda, como fan as cooperativas.
Os sindicatos levan anos protestando porque a carne se vende ós mesmos prezos que nos anos 80, o cal é verdade, o que non están dicindo eles é que coa entrada na Comisión Europea xa se fixou que se proporcionarían axudas para non subir o prezo da carne. É dicir, se daquela me custaba 500 pesetas producir un quilo de carne hoxe, logo das subvencións e das inversións, debera de custarme menos, e non é así. Os sindicatos levan anos enganando, queren a subvención e que suba a carne e o consumidor pagará 3 veces máis. No que temos que centrarnos é en reducir intermediarios e deberan de deixar de querer enganar ós gandeiros.
-Como se estaba comportando até o de agora a comercialización do gando: estaban amparados por selos como Ternera Gallega ou Suprema os seus asociados?
-Dende a asociación foméntase que se empreguen prácticas como a concentración dos partos para conseguir que as ganderías extensivas de vacún teñan becerros nos meses de verán, que é cando se obteñen mellores prezos. Na asociación tamén lles axudamos na tramitación deses selos, sobre todo porque Ternera Gallega é un identificativo de calidade e cremos que é moi importante para os socios contar con estes distintivos.
Ademais, no Macizo Central comercialízase moita carne a través do comercio local. As carnicerías desta zona traballan cunha importante cantidade de carne, xa que ó contar cunha estación de montaña, en circunstancias normais tanto no inverno como no verán comercialízase moita carne nesta zona, e moita dela ten como destino cidades como Barcelona.
“Toca centrar os esforzos en que os produtores vendan directamente para revalorizar a súa produción e reducir intermediarios”
Ata o de agora, dende Agromacén estivemos centrados en colaborar para que os nosos asociados conseguiran unha produción de calidade. Unha vez que xa a teñen, debemos centrar os nosos esforzos en que eles mesmos consigan vender directamente os seus produtos, para así revalorizalos e que o incremento no prezo que poida supor a calidade remate nos produtores e non nas mans dos intermediarios.
-Como lles impactou ós socios de Agromacen a crise do coronavirus e como están intentando paliar a baixada de prezos e a saída dos becerros? Que lle demandan á Administración?
-A maior parte dos nosos asociados traballan coa venda da produción xa feita con antelación, pero ante esta situación non sabemos se lle van seguir recollendo a produción. Agora mesmo xa se están detectando problemas nas vendas, pero se a situación se mantén así a comercialización pode verse máis prexudicada nos próximos meses. Estamos vendo que co estado de alarma pola pandemia se puideron fixar os prezos de artigos como as máscaras ou xeles de protección, pero logo a nós dinnos que non poden facer o mesmo coa carne, aínda sendo como é un artigo de primeira necesidade ou co penso, para garantir que non suba nestas circunstancias. Mentres que a carne no supermercado non baixou, ós produtores estanlle baixando o prezo que lle pagan: iso non deixa de ser especulación.
“É preciso que a Administración contemple intervir os excedentes de carne para regular o mercado nesta situación”
Está moi ben que se poñan en marcha iniciativas como Mercaproximidade, pero non abonda con iso, é preciso que a Administración tamén contemple intervir os excedentes de carne e destinalos para alimentación en hospitais, centros de maiores… e colaborar así a regular o mercado. Se se aprazan as festas e co peche da hostalería sectores como o caprino e ovino, vanse ver moi prexudicados nos meses de verán.
Á marxe desta situación, é tamén fundamental que dende a Administración se facilite a tramitación das axudas da PAC e que non haxa diferenzas entre os gandeiros de distintas rexións, de maneira que todos teñan as mesmas oportunidades á hora de acceder a elas.
-Hai relevo xeracional nas ganderías de Agromacen? Que fai falla para incentivar esa remuda xeracional?
-Nós temos claro que a pervivencia e o rexurdir do rural está en crear riqueza e que haxa actividade agrogandeira e para iso hai que conseguir que haxa esa continuidade xeracional. É moi importante favorecer o relevo de primeiro grao, de pais a fillos, e que a fiscalidade non sexa tan abusiva nestes casos.
A nosa experiencia ó longo destes anos xestionando unha gran cantidade de novas incorporacións ó rural é que se atopan cun gran problema de dispoñibilidade de terra. Unha gran cantidade dos mozos que se incorporan, ó cabo de 2 ou 3 anos, están agardando a que se cumpran os 5 anos de permanencia coa actividade para abandonar e iso só significa que algo se está facendo mal.
“Non é comprensible que as tramitacións burocráticas para o cambio de usos da terra tarden ata 5 anos”
Os cambios de uso do solo agrario son outras das trabas que se están poñendo ós mozos. Non é comprensible que estas tramitacións burocráticas boten ata 5 anos. Hai casos de mozos nesta zona que queren volver a cultivar cereais en terreos que xa nos anos 80 estaban dedicadas a eses usos e que agora a Administración xa o considera forestal e o cambio está cheo de atrancos. Se non poñemos as ferramentas para que os mozos dispoñan de superficie agraria útil non podemos esperar que queden no rural.
Na nosa comarca hai moitas limitacións ambientais, pese a que o noso patrimonio natural xa conviviu con usos e costumes tradicionais de traballar a terra que agora nin sequera se permiten, como poden ser as rozas, as queimas controladas, as sementeiras… Dende Agromacen reivindicamos eses usos tradicionais que son moi respectuosos co medio ambiente. Se non se permiten, o que atopamos son ecosistemas desequilibrados, carentes de xestión, debido á desactivación dos asentamentos rurais e gandeiros. Para corrixir iso hai que volver ó gandeiro e hai que ter presente que a gandería extensiva é unha das poucas actividades que controla a biomasa forestal, rexenera zonas de pasto abandonado, fomenta a recuperación de cultivos e os hábitats.
-O lobo estaba sendo un dos problemas para as ganderías desta zona, ¿ségueo sendo?
-Os gandeiros estamos convencidos de que temos que convivir co lobo nos montes, sabemos que os ecoloxistas non son os nosos inimigos. O problema é esa xente que non é capaz de comprender que a economía dos gandeiros depende de que o lobo non lle coma o seu gando.
“Nós aceptamos que haxa lobo, pero reivindicamos que se sufraguen os custos de manter esa fauna salvaxe no monte”
Nós aceptamos que haxa lobo, pero reivindicamos que se sufraguen os custos que manter esa fauna salvaxe supón e que ese gasto non recaia solo sobre o gandeiro e o agricultor. Xa cando participamos na Comisión dos Incendios do Parlamento, pedimos que, ó igual que existen compensacións para os danos das xeadas no viñedo, tamén se poida facer unha liña de agroseguros que sufrague os danos da fauna salvaxe, tanto do lobo como do xabaril, que condicionan moito as ganderías.
-As medidas de protección como o emprego de peches ou de cans, consegue reducir a incidencia dos ataques?
-Nesta zona fíxose un Plan Director da Rede Natura 2000, un decálogo de normas que rexe un espazo protexido como o Macizo Central, ó ser unha zona de especial protección. Este decálogo limítanos tanto que non podemos nin desbrozar, nin cortar leña para autoconsumo, nin empregar peches de arame, nin utilizar pastores eléctricos, non se poden empregar estoupóns para protexer as colleitas do millo… para non molestar á fauna e xa houbo moitos gandeiros que pagaron multas por estas restricións. Nós xa lle trasladamos á Administración o importante que é adecuar estes plans de maneira que as normas se desenvolvan e sexa compatible realizar outras actividades que axuden a preservar estes espazos. Este decálogo xenérico está sendo unha gran limitación para a actividade agrogandeira, estas restricións medioambientais xogan un papel fundamental á hora de que a xente nova se asente no rural.
“Necesitamos actualizar o Consello Agrario Galego porque é aí onde se deben facer propostas para o rural”
-Como debe afrontarse a xestión da fauna salvaxe en Galicia?
-O problema da fauna salvaxe hai que analizalo moi a fondo, non se trata de culpabilizar uns a outros. Nestes temas é cando se tería que botar man do Consello Agrario Galego, onde debe estar a representatividade do sector rural galego e é aí onde se deben facer as propostas, de nada serven as protestas xusto antes das eleccións para logo esquecer todo. Por iso, un dos temas que levamos moito tempo reclamando é que se actualice a representatividade agraria, xa que continuamos coa elixida nas eleccións do 2001. No sector agrario ten que haber tamén unha representatividade acorde coa actualidade galega.
-Nos concellos do Macizo Central concéntrase case a metade das comunidades de monte de Galicia, cal é a situación destas comunidades de montes? Permanecen activas?
-Agora mesmo dende Agromacen estamos xestionando un cento de comunidades de montes, onde nos encargamos dende a fiscalidade ata a tramitación de axudas. Nós entendemos que a Administración ten que tentar dixitalizarse, pero tampouco se pode pretender que tódolos trámites das comunidades de montes se fagan deste xeito obviando que a maioría destas comunidades de montes pertencen a pobos cunha poboación envellecida, que non está familiarizada con estas tecnoloxías ou non teñen acceso a internet nestas zonas. Manter estas comunidades ten moitas veces uns custes que non repercuten en obter beneficios directos para xestionar esa comunidade.
“A Administración debería ser máis consciente de que a superficie agraria útil está nas comunidades de montes”
Estamos vendo que ás veces nin sequera queda xente nos pobos para constituír a xunta reitora da comunidade de montes, polo que vemos moi necesario que se lle brinde apoio para facilitarlle a súa supervivencia. A Administración debería ser máis consciente de que a superficie agraria útil está nas comunidades de montes polo que é fundamental que lle dean ferramentas para que estean clasificadas, legalizadas e conten cunha directiva activa e á que se lle poñan máis facilidades que trabas.
-Onde cren que se deben centrar os esforzos para lograr un maior aproveitamento do monte?
-Un 70% da superficie da provincia de Ourense son montes veciñais en mancomún, que se clasificaron nun proceso de costas á poboación no ano 1975, e dende aquela non houbo máis modificacións. Nós reclamamos que ós seus comuneiros se lles permita, coas mesmas ferramentas que contempla a Lei de Montes do 2014, a revisión deses montes, actualizándoos para favorecer un maior aproveitamento desas terras, podendo mesmo ser arrendadas para usos agrogandeiros ou forestais, mediante proxectos que axuden a fixar poboación. Unha ordenación do monte é fundamental.
“A ordenación dos montes contribuiría a encamiñar as axudas cara aquelas comunidades que están facendo un aproveitamento do monte”
Esta revisión tamén contribuiría a encamiñar as axudas cara aquelas comunidades de montes que, en verdade, están facendo un aproveitamento produtivo do monte. Moitas das axudas actuais destínanse só ó desbroce dun monte que permanece desaproveitado, de maneira que só esa empresa de servizos agroforestais saca rendibilidade, no canto de poder aproveitalo máis xente.
-Hai outras actividades que vaian tendo presenza á marxe da gandería extensiva na zona?
-A maioría dos nosos asociados son gandeiros de vacún en extensivo, aínda que tamén contamos con ganderías de ovino e caprino, pero a maiores é moi importante que boa parte destes produtores están apostando por unha diversificación da produción. A gandería en extensivo ofrece unha liberdade que están aproveitando para ter tamén outras actividades como a apicultura ou a horta.
-Ven viable que se fomente a recuperación de cultivos de cereais como o trigo ou o centeo?
-É unha das materias pendentes. Nas ganderías extensivas non só se precisa o cebo para os xatos senón que se necesita un complemento alimenticio para o resto do gando que de non producilo se acaba mercando. Tendo superficie para cultivalo e un clima que se axeita para a produción de cereais, sobre todo do centeo, a única limitación que temos é a fauna salvaxe, polo que é moi necesario buscar solucións.
-Unha das liñas que se apuntaban para un maior aproveitamento destas zonas pasa por potenciar proxectos de sendeirismo ou de observación da fauna, como o valoran dende Agromacen?
-A nós non nos estorba ninguén no rural. A observación de fauna ou o sendeirismo son actividades que aportan riqueza engadida ó rural e precisamente a gandería extensiva axuda a controlar o hábitat para que outras especies sobrevivan, como o lobo ou xabaril, entre outras. Co que non estamos de acordo é co abandono do hábitat, que permite unha proliferación desas especies e que haxa un superávit de animais salvaxes, que fan inviable o desenvolvemento da actividade agrícola e gandeira.