A saúde e a produción do viñedo increméntanse co abono de bagazo

Publicidade
A saúde e a produción do viñedo increméntanse co abono de bagazo

Viñedo de Terras Gauda no que se fertilizou co vermicompost

Dúas adegas galegas, Terras Gauda e Adegas Moure, acaban de publicar os resultados de VITALVER, un proxecto de investigación que demostrou os beneficios no viñedo, a vide e o viño da utilización do vermicompost a partir de bagazo.

“Desta forma, mellórase a sustentabilidade do viñedo mediante a valorización dun subproducto da vinificación, o bagazo, que retorna á viña como un biofertilizante e biopraguicida de alta calidade. É un proxecto de economía circular aplicado á viña, que se abordou desde o respecto á biodiversidade da contorna vitivinícola favorecendo, ademais, minimizar o custo de xestión”, destacan desde Terras Gauda.

Máis de tres anos de estudo e ensaios permitiron concluír que a conversión do bagazo en vermicompost mediante un proceso de vermiconversión con miñocas de terra ten un impacto positivo no chan, no estado fisiolóxico da vide e, a nivel organoléptico e analítico, no viño.

Adegas Moure tamén participou no proxecto, cofinanciado polo CDTI con fondos FEDER da Unión Europea a través do Programa Operativo Plurirrexional de Crecemento Intelixente 2014-2020. Dous equipos de investigación das universidades de Vigo e Santiago, liderados polos Catedráticos Dr. Jorge Domínguez e Dra. Marta Lores, respectivamente, colaboraron na parte científica do proxecto.

No caso de Terras Gauda, seleccionou 6,5 hectáreas de viñedo en dúas contornas con características edafoclimáticas diferenciadas, ás que se incorporou no último ano unha parcela de Caíño Branco en desenvolvemento que replantara recentemente. Unha vez comprobado que a utilización de vermicompost de bagazo de uva mellora a estrutura do solo e favorece a presenza de microorganismos beneficiosos para a saúde da planta, ampliouse o alcance para coñecer o seu efecto como bioestimulante e xerador de defensas naturais. Así mesmo, realizouse unha comparativa dos efectos do uso do vermicompost fronte a outros abonos cuxo uso está moi estendido.

Conclusións

As conclusións obtidas son:

1.- Solo: Para que a planta asimile nutrientes e obter un bo estado sanitario das vides é clave coñecer a respiración basal, que mide a actividade microbiana do chan, e foi netamente superior nas cepas onde se empregou o vermicompost fronte ás cepas testemuña.

Por outra banda, a relación carbono/nitróxeno resultou sensiblemente inferior, o que indica que este solo constitúe unha mellor fonte de nutrientes de liberación lenta para as plantas.

2.- Planta: O contido en clorofila, estreitamente relacionado coas condicións nutricionais da planta, é moi superior nas que se abonaron con vermicompost. En canto ao estado sanitario, observouse unha maior protección fronte a patóxenos e redución de infeccións despois da súa aplicación en forma líquida ás follas, ramas e froitos.

E no que respecta ao peso das uvas por cepa, partindo de valores baixos con respecto a D.O. por conducir a viña en espaldera, incrementouse en case un 20% en 2017, un 14% en 2018 e un 14,5% en 2019 fronte á parcela testemuña onde se utilizaron emendas e abonos por rega.

3.- Viño: Durante o tres campañas realizouse a vinificación por separado da uva de cepas abonadas con vermicompost fronte á obtida de cepas testemuña. No viño experimental, o ácido málico foi netamente máis baixo, o que o suaviza e fai máis amable; e o pH foi inferior, o que indica maior estabilidade no viño. Finalmente, na cata a cegas dos tres cultivos, destacou sempre o viño experimental, tanto polos seus recendos como polo seu equilibrio gustativo, untuosidade e lonxitude.

“O vermicompost ten un claro impacto positivo no estado fisiolóxico da planta e na produción da uva, o que demostra a súa capacidade bioestimulante no crecemento, desenvolvemento e bo estado sanitario da vide, así como unha mellora na calidade do viño. Facilita un correcto ciclo de nutrientes na zona, devólveos ao solo dun xeito gradual estabilizando os compoñentes químicos subtraídos en cada colleita. Isto convérteo nun importante biofertilizante e permítenos seguir unha viticultura netamente sustentable”, explica Emilio Rodríguez Canas, director enológico de Terras Gauda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información