Satisfacción porque o rural volva ter Consellería propia

As organizacións agrarias valoran como “positiva” a decisión de recuperar esta consellería pero piden cambios en profundidade ante a crise de prezos do sector gandeiro

Publicidade
Satisfacción porque o rural volva ter Consellería propia

Ánxeles Vázquez, nova conselleira do Medio Rural, na toma de posesión

A decisión do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, de recuperar a Consellería de Medio Rural, separándoa da de Mar, recibe unha valoración positiva por parte das organizacións sindicais do agro galego.

En xaneiro de 2012, Feijóo remodelou o seu equipo fusionando a Consellería de Medio Rural -ata daquela dirixida por Samuel Juárez- con Mar, e situando á súa fronte a Rosa Quintana, ata daquela responsable de pesca.

Porén, o pasado día 22 de setembro, o presidente da Xunta admitiu nun foro organizado por Nueva Economía Forum que a fusión de Medio Rural e Mar restou peso a ambos sectores, e xustificouna pola recesión económica.

Neste sentido, a decisión Núñez Feijóo deste domingo de recuperar unha consellería propia para o medio rural, situando á súa fronte á alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, supón unha rectificación que en xeral é ben recibida no sector.

A nova conselleira de Medio Rural actuou como portavoz dos alcaldes do PP na reunión celebrada en Santiago o pasado 13 de xullo, antes da manifestación do sector lácteo. Naquel encontro, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, informou a 46 alcaldes e portavoces municipais do Partido Popular da situación do sector lácteo para dotalos de argumentos ante as mobilizacións convocadas pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego.

A recuperación do diálogo co sector, especialmente co lácteo e co forestal; normalizar as relacións entre produtores e industria ou tomar medidas ante os baixos prezos que viven sectores como o lácteo, o coello ou o vacún de carne son para a maioría das organizacións sindicais do agro, os retos máis inmediatos de Ánxeles Vázquez.

Unións Agrarias: “Esperamos que retome o diálogo e a interlocución”

Para o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, “é un bó síntoma que se recupere a Consellería do Medio Rural, aínda que a experiencia dinos que teremos que agardar aos orzamentos da Xunta para ver a prioridade que se lle da a esta consellería”.

Igualmente, Roberto García valora como positivo que a nova conselleira “veña dun concello rural e que nas últimas municipais levase como numero dous na súa lista ao presidente da cooperativa de Melide”.

En canto aos deberes, o secretario xeral de Unións Agrarias pídelle a Ánxeles Vázquez que “retome o diálogo e a interlocución co sector, ausente co anterior equipo, que se caracterizou nos últimos meses pola súa actividade antisindical máis que por defender ao sector”.

Sindicato Labrego Galego: “Hai que cambiar as políticas para o rural e non só as persoas”

Por parte do Sindicato Labrego Galego, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, advirte de que “o problema de fondo é que temos un goberno na Xunta que non ten ningún plan para o medio rural, só medidas para saír do paso, e que deixa abandonadas as explotacións gandeiras nun dos peores momentos”. “Non cremos que por cambiar as persoas se vaian cambiar as políticas”, advirte.

Como exemplos, Vilalba lembra que “sabíase que ía rematar o sistema de cotas do leite e que isto ía traer gran volatilidade de prezos e non se tomou por parte do Goberno da Xunta ningunha medida de calado para prepararse e incluso nestes últimos anos o que se fixo foi deixar abandonadas ás explotacións lácteas, ás granxas de carne nun dos peores momentos, por non falar de que nin sequera o novo PDR está aprobado por Bruxelas”.

Hai que realizar cambios en profundidade e eses cambios non os vemos”, conclúe a responsable do SLG.

ASAJA Galicia: “O medio rural ten importancia como para ter consellería propia”

Por parte de ASAJA-Galicia, o seu secretario xeral, Francisco Bello, valora como “unha boa noticia”, a recuperación da Consellería do Medio Rural. “ En Galicia tanto o medio rural como o mar teñen unha gran importancia no tecido económico e industrial como para ter consellerías propia”, asegura.

Organización de Productores de Leche: “Houbo unha falta de apoio ao sector pola anterior conselleira”

Dende a Organización de Productores de Leche (OPL), o seu presidente, Manuel Iglesias, móstrase máis crítico e considera que “non se trata de que a conselleira anterior o fixera mal, senón que houbo falta de apoio ao sector lácteo o 23 do mes pasado para conseguir mellorar o acordo lácteo”. “Temos unha sensación de traición aos gandeiros e iso non se suple nin cunha consellería propia nin cun cambio de conselleira”, subliña.

En canto ao que espera da nova conselleira, Manuel Iglesias pide que “tanto a Consellería como o Ministerio fagan cumprir o acordo lácteo e, por pobre que este sexa, que o executen”.

AGACA: “Agardemos que se reforce a presenza política no rural”

Por último, dende a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), o seu xerente, Higinio Mougán, considera “un acerto o desdobramento da Consellaría, porque en Galicia é inevitable unha consellería que se centra no rural e no agroforestal”. “Agardemos que se reforza a presenza política no rural para atender mellor as súas necesidades”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información