SAT Teixeiro, confort para o gando e aumento de produción cos robots

Visitamos no concello da Pastoriza esta explotación que emprega desde hai ano e medio a mestura de carbonato e serrín de Galical para as camas e confiou en Lely para automatizar o sistema de muxido. Trátase dunha das mellores ganderías por ICO de Galicia e leva dúas décadas apostando pola mellora xenética da súa cabana, primeiro con embrións de Boss e agora de Xenética Fontao

Mamoudou, Manolo, Teresa e Javier na zona da nave de produción que ampliaron hai dous anos para secas e xovencas

Mamoudou, Manolo, Teresa e Javier na zona da nave que ampliaron hai dous anos para secas e xovencas

Tres irmáns (Teresa, Manuel e Javier Teijeiro Álvarez) están á fronte de SAT Teixeiro, unha explotación familiar situada na parroquia da Rigueira, na Pastoriza, que destaca polos índices xenéticos e morfolóxicos dos seus animais e foi das primeiras explotacións en Galicia en facer a proba xenómica a todo o seu rabaño. Entregan o leite a Entrepinares, polo que buscan un equilibrio entre litros e calidades e fan fincapé na comodidade dos animais e no manexo tanto na etapa de produción como na recría.

A gandería herdárona no ano 2001 dos seus pais, Félix e Pilar, cuns 40 animais dando leite e foi medrando ata contar hoxe cunhas 125 vacas en produción repartidas en dous robots de muxido instalados hai dous anos. Os tres irmáns optaron no seu momento por trasladar a explotación a unha zona alonxada das casas, no lugar coñecido como Fontes, o que lles permitiu deseñar de novo as instalacións sen toda unha serie de limitacións coas que se atopaban na ubicación onde comezaron os seus pais, e así poder seguir ampliando e medrando progresivamente todos estes anos, e, ao mesmo tempo, aproveitar o establo vello para a recría.

No noso caso os nosos pais cando se retiraron, que decidiron facelo anticipadamente para que colleramos nós a explotación, non volveron aquí a traballar nin se meteron nas nosas decisións. Nese sentido, soubéronse retirar e sempre nos apoiaron

“Eu e Manolo incorporámonos no 2001, eu con 24 anos e el con 22 e fixemos a SAT e un ano despois empezamos as obras. No ano 2003 uniuse tamén Teresa. Miramos de facer de novo nesta finca que xa a mercaramos uns anos antes e aproveitar a corte vella para almacén e recría”, conta Javier. “No noso caso os nosos pais cando se retiraron, que decidiron facelo anticipadamente para que colleramos nós a explotación, non volveron aquí a traballar, nese sentido, soubéronse retirar. O noso pai estaba sempre ao lado noso apoiándonos pero non se metía en nada, deixábanos facer e sempre nos deu para adiante”, di. Félix faleceu hai uns anos, pero Pilar segue a ser un apoio importante e facilítalles o traballo diario. “Cando paramos a mediodía, por exemplo, temos a comida feita”, exemplifican.

Robots, amamantadora, arrimador e eficiencia enerxética

Un dos robots moxe o lote de primeirizas e o outro as multíparas, con punteo e ración de alimentación diferenciada

Un robot moxe o lote de primeirizas e o outro as multíparas, con punteo e ración de alimentación diferenciada

As últimas decisións que tomaron consistiron na automatización da granxa, coa incorporación do sistema de muxido robotizado, un arrimador autónomo para a ración e unha amamantadora nodriza para as becerras. Xunto a estes cambios, ampliaron e reconfiguraron a nave para acoller a recría na súa fase inicial e final e as vacas secas. Aproveitaron tamén para acometer melloras en canto á eficiencia enerxética da granxa, coa instalación dun sistema de xeración fotovoltaica para autoconsumo xunto cun variador de frecuencia, un enfriador de placas e un cambio de iluminación.

Consideran que o paso da sala de muxido ao robot axudoulles a aproveitar mellor o potencial produtivo do seu gando. “Aquí tiñamos animais que na sala eran vacas boas, pero foron ao robot e convertéronse noutro tipo de vacas moito máis produtoras. Foi un cambio positivo para nós, houbo vacas que chegaron aos 70 litros e outras que mesmo pasaron deles e na sala non lograbamos esas producións neses mesmos animais. Nós unha media de 41 litros nunca a tivemos cando muxiamos na sala, chegaramos algunha vez a 39 litros e medio, pero había moito leite nas camas, así que tiveramos que volver baixar un par de litros. E era algo esporádico durante vinte días ou un mes pero agora desde que puxemos os robots é continuo. E iso que non lles estamos dando caña ás vacas, polo tema de chegar ás calidades requeridas pola empresa á que lle entregamos o leite, que senón podiamos ter dous ou tres litros máis tranquilamente”, aseguran.

Zona de separación para facilitar o manexo das vacas en produción

Unha vaca na zona de separación, con capacidade para seis animais

Unha vaca na zona de separación, con capacidade para seis animais

Os robots contan cunha zona de separación dotada con seis cubículos, a onde mandan os animais en celo, os que están enfermos, as vacas recén paridas ou tamén as que están secando. “Fanse moitas cousas nesa zona de separación, é algo moi cómodo e moi práctico, por exemplo algunha que está enferma mandámola para alí para que cando veña o veterinario estea xa separada”, conta Javier.

No momento de secar, durante tres ou catro días facémoslles unha única muxidura. O secado brusco é cómodo para o gandeiro, pero a vaca adáptase mellor así

Ese espazo tamén lles facilita o manexo en moitas outras tarefas diarias. “Sobre todo separamos vacas que están moi próximas, para que non anden polo medio das outras, ou cando secamos xa lle marcamos no ordenador tamén para que nolas mande para alí, e durante tres ou catro días facémoslles unha única muxidura para que non noten tanto o secado brusco e non lles quede todo ese volume de ubre. O secado brusco é cómodo para o gandeiro, pero a vaca adáptase mellor así, a nós funciónanos mellor así, porque insuman mellor as ubres e non temos problemas”, engade Manuel.

Recría dividida en 4 lotes ata o destete

SAT TEIXEIRO recria2Cando instalaron os robots, en xullo do 2019, aproveitaron para facer unha ampliación para as vacas secas e as xovencas e reconvertiron o espazo que ocupaba a sala de muxido e a zona de espera para a recría, instalando tamén unha amamantadora, o que lles permitiu mellorar o crecemento das xatas. “Notamos un crecemento máis uniforme. Antes tiñamos problemas no cambio do box individual ao lote. Nesa adaptación paraban de medrar, pero agora están en grupo desde pequeniñas e nótano moito menos”, conta Manuel.

Teñen este espazo da recría máis pequena parcelado en catro zonas, o que lles permite ir facendo lotes no periodo de lactación dos animais. Nun grupo están só os xatos, destinados a vender, e nos outros tres van dividindo as xatas por idades, incorporándoas ao lote inicial a medida que van nacendo e rotándoas despois polos outros espazos a medida que cumpren semanas de vida. “Iso permítenos que non haxa saturación de animais nin competencia na amamantadora entre becerras maiores e becerras recén nacidas, por iso optamos por poñer a amamantadora con catro estacións diferenciadas”, explica Javier.

Puxemos unha amamantadora con catro estacións e separamos por idades porque así os animais nunca compiten, os pequenos son todos pequenos e os maiores están noutros lotes

Ese sistema permítelles unha incorporación temperá á amamantadora. “Como están con animais da súa mesma idade e están con moita amplitude de espazo, desde que acaban o costro xa poden ir para a nodriza e non teñen problema ningún, adáptanse perfectamente. Ao ter pouca carga tampouco temos problemas de trasmisión de enfermidades e, en caso de que houbese un contaxio, poderían infectarse 4 ou 5, que son as que están nese lote, pero non as 20”, razoa Manuel. “Antes xa non tiñamos moitas baixas, pero desde que puxemos a amamantadora non nos morreu ningunha becerra polo manexo, o ano pasado de oitenta e pico partos só tivemos dúas baixas, dous animais que xa naceron mortos”, engade o seu irmán.

Gústalles facer tanto o secado das vacas como o destete das xatas progresivo para que os animais noten o menos posible os cambios

As xatas van incrementanto a inxesta ata mamar 10 litros, pero a partir do día 55 vanlles baixando ao leite progresivamente ata 85 días, que é cando fan o destete. “A curva de lactación arrinca con 5 litros e medio e aos 12 días xa están tomando 7 litros e van subindo, logo botan entre 20 e 30 días nos 10 litros e despois xa vai baixando. Nos últimos días maman medio litro”, explica Teresa.

Aproveitan o establo vello para unha parte das xatas

SAT TEIXEIRO recria3Tralo destete na zona adaptada hai dous anos para as becerras no espazo que ocupaba antes a sala de muxido na nave de produción, as xatas baixan para as instalacións vellas da gandería, as que usaban os seus pais como establo, até o momento de seren inseminadas, no que xa volven para a ampliación acometida tamén hai dous anos na nave nova. “Cando van para o establo vello xa van adaptadas á comida e á trabadiza para que non noten o cambio e alí seguen estando estradas en palla ata os 8 ou 9 meses, que pasan a cubículos”, indica Manuel.

Nas naves que tiñan os seus pais están ás becerras entre o momento do destete e o da inseminación

Seguen prestando atención á mellora xenética, poñendo embrións e optando polo seme sexado nas xovencas, pero inseminando con cruce industrial, sobre todo azul belga, case o 50% das vacas adultas. “Cos robots limitámonos e non podemos medrar máis, polo que neste momento estamos poñendo moita carne porque o mercado das tenreiras é moi irregular e nós investimos moito en xenética desde hai moitos anos pero para dar vendido unha becerra en 300 ou 350 euros era complicado, cando ti tiñas gastado a 500 e a 1.000 euros en embrións. A xente viña mercarche as xatas e aínda che regateaba, así que agora poñemos moito cruce. Sacas igual os 300 euros e ninguén especula coas túas xatas”, razoa Javier.

Máis de 20 anos investindo en xenética

SAT TEIXEIRO cepillo benestar animalEsta gandería da Pastoriza destaca polos índices xenéticos e morfolóxicos dos seus animais, aínda que, asegura Javier, “para que haxa un animal bo nunha explotación, a maiores dunha boa base xenética, ten que haber tamén manexo, confort e alimentación”. SAT Teixeiro foi ademais das primeiras explotacións en facer a proba xenómica a todo o seu rabaño. “Nós traballamos moito con Fontao e poñemos unha media duns 15 embrións ao ano, sempre poñemos lotes, e como temos as nosas xatas todas xenotipadas cando sae unha cuns bos índices e hai demanda de embrións tamén lles sacamos embrións e vendemos”, explican.

Nós levamos investido moito en xenética. Hoxe aquí o 80 ou 90% dos animais son descendentes de Boss

Cando Javier e Manuel se incorporaron á gandería familiar, a súa inquedanza por mellorar o nivel xenético do seu gando levounos a mercar nos primeiros anos animais de alto valor xenético no centro de Boss de Guísamo e por apostar de xeito decidido pola técnica de transferencia embrionaria. “Hoxe aquí o establo o 80 ou 90% é descendente de Boss. Nós no ano 2002 compramos vacas de 4.000, 5.000 e 7.000 euros, que eran moitos cartos para unha vaca, e cando se desfixo o centro, mercaramos moitos embrións das novillas que estaban en cabeza en xenómica. Nós tiñamos claro que había que apostar por iso”, asegura Javier.

Temos todo o establo xenotipado desde hai 4 ou 5 anos, fomos dos primeiros en facer aquí a xenómica

Co paso dos anos seguiron tratando de manter e de mellorar aquela base. “Nunca nos opoñemos a traer familias de fóra cando as trae Fontao. Hoxe a xenética está a prezos moi asequibles, pagas 600 ou 700 euros por 4 embrións, cando antes pagábalo por un só”, considera Javier. “Está claro que a xenómica deu un xiro a todo isto, pero os animais bos xenomicamente saíron onde se estaba traballando a xenética desde facía anos”, opina Manuel.

No último balance da Federación Frisona Galega, relativo ao ano 2019, foron a gandería número 2 en índices xenéticos (ICO) na provincia de Lugo, a número 6 de Galicia e a número 15 de España e contan coa vaca número 2 en ubres, a número 5 en patas e a número 18 a tipo. É o resultado da constancia, que os fai ocupar postos de honra desde fai anos. “No 2016, durante case un ano, tivemos a vaca número 1 de España, Teixeiro Suprem Suba FIV ET, que era filla de Suprem e neta de Barman, dous touros de Fontao”, lembra Javier.

Equilibrio entre produción e calidades

SAT TEIXEIRO GALICAL cama carbonato7Pero a estratexia de inseminación de SAT Teixeiro cambiou radicalmente desde que hai dous anos instalaron os robots. “Nós eramos máis tiperos pero agora fixámonos menos niso. Agora estamos condicionados polo robot e buscamos rendibilidade, así que o que buscamos agora é velocidade de muxido, patas e ubres”, recoñece Manuel.

SAT Teixeiro vende o leite a Entrepinares desde hai 3 anos polo que busca un equilibrio entre litros e sólidos. “A nosa media actual é de entre 40 e 41 litros por vaca e día cun 3,80-3,85% de graxa e un 3,35% de proteína. Temos que estar sempre por enriba do 3,80% de graxa, porque nos esixen esas calidades, pero a nós tamén nos interesa ter litros porque ata agora aínda se segue pagando o leite en función dos litros, pero máis media de produción sería complicado porque non cubririamos as calidades e penalizaríannos”, razoa Javier.

Están contentos coa empresa á que entregan e son conscientes que ao tratarse dunha queixaría, porcentaxe de sólidos e calidade do leite son aspectos esenciais. “Nós levabamos xa moitos anos en certificación a través de Irmandiños, que fora a primeira cooperativa que empezara a certificar o leite, e xa nos valeu para Entrepinares. Nós antes pertenciamos a unha cooperativa aquí que se chamaba O Caxigo pero collían o penso a Irmandiños, así que decidimos ser socios de Irmandiños directamente. Iso foi xa fai máis de 20 anos”, conta Manuel.

65 hectáreas de superficie

SAT TEIXEIRO silos1Irmandiños (agora CLUN) préstalles tamén diariamente o servizo de carro mesturador. Fan dúas racións de produción, unha para as primíparas e outra para as multíparas, que é tamén como as teñen separadas nos robots, en dous lotes. As primeirizas están con 30 quilos de silo de millo, 18 de silo de herba, 2,5 de alfalfa e 8,5 de concentrado, máis o que puntea o robot, que chega, segundo produción, ata os 9 quilos. En canto as adultas, están con 32 de millo, 20 de herba, 2,5 de alfalfa e 8,5 de mestura de concentrado. “As multíparas van todas igual pero a gráfica de punteo para as primeirizas é diferente, porque chegan máis tarde ao pico de lactación, acábano collendo aos 120-130 días”, asegura Manuel.

Fan o ensilado da herba e do millo na explotación e vénlles o carro da cooperativa Os Irmandiños a facer a ración

Esta gandería manexa unhas 65 hectáreas de terreo, das que botan a millo 37. Delas 17 quedan só para millo e nas outras 20 fan rotación millo-raigrás. Aínda que A Pastoriza é un dos concellos con máis produción de leite de Galicia, empeza a haber algunha terra dispoñible en la zona. “Era máis complicado aumentar superficie hai uns anos, agora empeza a ser posible e sobre todo é máis doado ter as fincas localizadas máis preto da explotación”, considera Manuel. “Nós temos todo aquí ao redor, agás 5 hectáreas que temos en Pacios e nas que botamos millo nada máis”, engade o seu irmán.

Habitualmente facemos un só corte do raigrás porque dous cortes encarece os custos de segar e ensilar e estás sacrificando produción de millo

En canto aos traballos agrarios, unha parte fanos eles e outra parte contrátanos a unha empresa de servizos da zona, sobre todo nas campañas de ensilado e sementeira do millo. “Na herba a nosa idea é sacar un corte só porque para obter dous nesta zona é complicado e auméntanche moito os custos de segar e ensilar para pouca produción a maiores que colles e estás sacrificando unha semana ou dez días do millo por facer eses dous cortes e moitas veces non compensa porque estás mermando a produción de millo”, asegura Manuel. Este ano, sen embargo, fixeron dous cortes. “Aproveitamos que fixo bo tempo para segar cedo o primeiro corte e limpar as fincas pero o habitual é facer un só corte de herba e despois o millo”, aclara.

Os silos de herba moi nova, con moita proteína e pouca fibra, son moi delicados de manexar no carro

Ademais, engade, “ao ser un corte, o primeiro, de herba moi tenra, fai bolas no carro e iso non se mestura ben co millo nin co concentrado e aínda que teñas un silo de herba cunha analítica dun 20% de proteína e unha dixestibilidade enorme despois realmente o que comen as vacas non é iso, porque fai mala mestura e unha come as bolas de silo de herba e a outra o millo e canto máis mesturas no carro máis apelmaza e máis bolas fai, polo que eses silos de herba tan bos son despois moi delicados de manexar no carro”, explica.

Inxección do purín

SAT TEIXEIRO cisterna inxector purin1

A cisterna co sistema de aplicación localizado do xurro custoulles 130.000 euros

Ademais da ampliación das instalacións e da modernización dos sistemas de muxido e alimentación, ao ir medrando a granxa as necesidades de maquinaria tamén se foron incrementando. Unha das últimas adquisicións foi unha cisterna con inxectores para a aplicación do purín. “Levamos dous anos inxectando o purín e vemos que ten vantaxes claras: é máis rápido, desprende menos olor, non dependes de onde veña o vento e incluso se a herba está máis alta non a retrasa, pódelo botar igual, cando da outra maneira non. É moito máis rápido á hora de botalo porque descarga antes e levas máis anchura e á herba nótaselle moitísimo porque nunca a manchas”, conta Javier, que é normalmente o que se encarga do abonado.

Levamos dous anos inxectando o purín e vemos que ten vantaxes claras: é moito máis cómodo e rápido á hora de aplicalo e nunca retrasas o crecemento da herba aínda que estea algo alta

O investimento necesario en adquirir todo o equipo foi de 133.000 euros. “Nós tiñamos unha cisterna de 18.000 litros que tiña só catro anos pero preferimos non adaptala e mercar unha cisterna xa fabricada para sistema de inxectores, porque penso que a adaptación non funciona igual”, considera Javier. “A cisterna que tiñamos valoráronnola ben, pero o malo é que para comprar cisternas novas hai pouca subvención, non é normal que por comprar unha cisterna que vale 130.000 euros che dean só 6.000 euros de subvención cando ademais é un cambio obrigado pola nova normativa”, quéixase.

Semanas con 4 días de traballo e 3 de libranza

Contan con arrimador autónomo e depositan directamente o material nos cubículos para non ter que encamar

Contan con arrimador autónomo e depositan directamente o material de recheo nos cubículos para non encamar

Unha vez feitos os principais investimentos e aínda que recoñecen que “nunca acabas de investir porque sempre hai cousas que mellorar e se queres gañar en comodidade seguramente dentro duns anos haberá outros avances que introducir”, o seu obxectivo a curto prazo é “estabilizar a explotación”, á espera de saber se algún dos seus fillos ou fillas deciden coller o relevo, como fai 20 anos fixeron eles. “A vida dá moitas voltas e nunca se sabe, pero xa non o maman como o mamamos nós”, opina Manuel.

Nas explotacións hay que estar investindo continuamente para modernizalas e mellorar en comodidade e seguramente dentro duns anos haberá outros avances

Teresa, Manuel e Javier contan cun empregado, Mamoudou, de Mali, que chegou a España en caiuco e logo de traballar no sector da froita de Andalucía acabou recalando en Galicia, onde está a ter a súa primeira experiencia en ganderías de leite en SAT Teixeiro. Aínda que só leva medio ano traballando na Pastoriza, existe xa unha relación de confianza que vai máis aló do laboral. “Mamoudou é moi boa persoa e mesmo lle chama mamá a nosa nai”, di Javier.

Entre os catro son capaces de levar de maneira desafogada a carga de traballo da explotación, ter as necesidades de man de obra cubertas en todo momento e lograr unha boa calidade de vida. “Traballamos unha semana completa e despois durante dúas semanas traballamos 4 días e libramos 3, incluída a fin de semana e o horario que facemos é de 8 a 1 pola mañá e de 4 a 8 pola tarde. Sempre quedamos na explotación dúas persoas como mínimo. Os martes estamos sempre os 4 e o resto dos días pola semana estamos 3 e as fins de semana sempre hai dúas persoas. Menos de dous eres capaz de facer o básico soamente”, explican.

Nós tamén notamos o cambio ao robot, sobre todo nos cóbados e nas mans. Moitas veces andabas con tendinitis polo movemento de tirar os primeiros chorros

A automatización de tarefas como o muxido, a alimentación ou o encamado permítelles centrar o seu traballo do día a día en atender o gando e sacarlle o máximo partido pero tamén fai que teñan un menor desgaste físico a nivel individual. “Nós tamén notamos o cambio ao robot, sobre todo nos cóbados e nas mans. Moitas veces andabas con tendinitis polo movemento de tirar os primeiros chorros e o traballo mecánico repetitivo de colocar as pezoneiras”, asegura Manuel.

“As vacas son igual cas persoas, se tes a cama ben feita descansas mellor e rindes máis”

SAT TEIXEIRO GALICAL cama carbonato6O descanso, tanto dos traballadores coma do gando, é unha das prioridades en SAT Teixeiro. Para o primeiro investiron en tecnoloxía e para o segundo confiaron en Galical. Hai ano e medio que a empresa lucense especializada en encalado de fincas e mesturas a base de carbonato para as camas, lles sirve o material de recheo dos cubículos.

Empregan un produto composto nun 60% por carbonato cálcico e no 40% restante por serrín de piñeiro. Aínda que a mestura máis habitual na maioría das explotacións leiteiras é 70% carbonato, 25% serrín e 5% cascarilla de arroz, nesta gandería da Pastoriza prefiren que leve máis serrín, porque fai a cama máis esponxosa. “As vacas é igual cas persoas, se ti tes a cama ben feita descansas mellor e rindes máis. Pois as vacas o mesmo, elas tamén necesitan descansar para poder dar leite”, afirma Teresa.

Enchemos os cubículos cada 15 días e gastamos uns 50.000 quilos de material ao mes

Por iso na SAT Teixeiro non escatiman material á hora de rechear a cama e de levar a cabo o seu mantemento. “Enchemos os cubículos cada 15 días, unha vez á semana pasamos a gradilla e despois enciño todos os días á mañá e á noite. Nós sacamos o mollado tamén. Gastamos uns 50.000 quilos de material ao mes”, detallan.

Comodidade para as vacas e para o gandeiro

SAT TEIXEIRO GALICAL cama carbonato3Cada dúas semanas o camión trae a mestura para o recheo das camas desde a planta de Galical no polígono das Gándaras de Lugo. Está equipado cun tubo que desde o pasillo de alimentación deposita xa directamente o material nos cubículos. “Este sistema é moi rápido e cómodo. Nós antes metiamos a mestura co tractor, pero así non tes que andar abrindo cancelas nin cambiando vacas para un lado e para o outro”, explica Javier.

Este sistema é moi rápido e cómodo. Vén o camión co tubo e xa vai descargando a mestura de carbonato e serrín nos cubículos

Esa foi a principal razón pola que esta explotación se cambiou da mestura de carbonato e serrín que lles servía Irmandiños, que non lles encamaba, á de Galical, que conta con tres camións cisterna equipados con este sistema de tubo que manda o recheo directamente á zona dos cubículos.

Antes usabamos a mestura de carbonato e serrín de Irmandiños, pero Irmandiños non nos encamaba e Galical si

A mesma mestura sírvese tamén en bañeira para ser depositada nun silo, ou en big bags para explotacións de pequeno tamaño, pero deste xeito o gandeiro aforra o traballo e o tempo de ter que encamar el. Contando os tres sistemas de entrega, Galical sirve mensualmente unhas 5.000 toneladas de material de recheo para as camas a ganderías de Lugo e A Coruña principalmente.

“Non hai que encalar as terras”

SAT TEIXEIRO GALICAL cama carbonato1SAT Teixeiro probou xa os tres principais materiais de recheo para cubículos empregados en explotacións de leite en Galicia, palla, area e carbonato, con bos resultados en todos eles a nivel de mamites e células. “Nunca tivemos moitos problemas dese tipo con ningún tipo de cama. Primeiro tivemos palla, despois area e logo xa pasamos ao carbonato con serrín”, di Teresa.

Sen embargo, afirma, a nivel agrícola o seu comportamento é moi diferente. “A area é moi boa para a cama da vaca pero para nada máis. Pensas que tes purín e o que tes é area e auga. O purín que tiñamos antes coa area non ten nada que ver con este de agora a nivel de aporte de nutrintes e ademais estás levando cal para as fincas e xa aforras así de encalar despois”, explica.

O purín que tiñamos antes coa area non ten nada que ver con este, agora abona

Esa é precisamente outra das principais vantaxes da utilización de carbonato cálcico en vez de area nos cubículos. “É sostible no tempo, pasan os anos e non estás deteriorando as terras, senón o contrario, estás fortalecéndoas e mellorándoas sen ter que considerar o gasto de encalar, sobre todo tendo en conta os solos que temos en Galicia, que son moi ácidos”, aseguran nesta gandería. Outra das vantaxes é o menor desgaste das instalacións, un aspecto importante a considerar nas explotacións con sistemas de muxido robotizado, así como os menores problemas de atascos nas canles do xurro e de depósito nas fosas de almacenaxe do purín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información