SAT Seixas, unha aposta por valorizar o leite facendo xeados

Xeou é un termo meteorolóxico moi galego e é tamén o nome escollido por esta gandería de Taboada como marca para os seus produtos. Falamos con eles para coñecer como organizan o traballo diario para seren capaces de producir, transformar e comercializar directamente o seu leite en forma de xeados artesáns

Manuel Arias, xunto ás vacas de SAT Seixas que producen o leite para os xeados Xeou!

Manuel Arias, xunto ás vacas de SAT Seixas que producen o leite para os xeados Xeou!

A xestión do persoal e as dificultades para atopar man de obra é un dos maiores retos aos que se enfrontan a maioría de explotacións leiteiras a medida que van medrando e gañando volume. No caso de SAT Seixas, esas necesidades de persoal aumentan, xa que ademais de producir leite baixo o sistema de tres muxiduras diarias, transforman unha parte del en xeados que ademais fan chegar ao consumidor a través da súa propia rede de establecementos.

Manuel Arias, un dos socios desta SAT formada na actualidade por dúas familias e que moxe entre 220 e 240 animais, recoñece que nunha gandería desta dimensión o labor de xestión acaba absorbendo tanto tempo ou máis ca o traballo cos animais. “Son moitas cousas, hai que estar pendente de moitas frontes”, asegura. Pero non esquece os seus inicios, non hai tantos anos, e séguese considerando ante todo gandeiro.

Eu fun criado na época que che dicían vai traballar fóra que aquí non fas nada

Manuel é de Aldosende, en Paradela, onde comezou producindo leite “con 8.000 quilos de cuota e unha vaca de cada cor”. “Eu fun criado na época que che dicían vai traballar fóra que aquí non fas nada. Pero eu fun para fóra e non me gustaba. E por unha serie de circunstancias, porque enfermaron o meu pai e a miña avoa case xuntos, volvín”, conta. A produción e o número de cabezas foi aumentando e as instalacións quedaban pequenas. “Cheguei a muxir case 80 animais alí”, lembra. “Pero era eu só coa axuda da miña nai, non tiña man de obra externa nin tiña para onde medrar e vinme tan agobiado e saturado que busquei unha alternativa, a de facer unha sociedade, e xurdiu a oportunidade de facela aquí”, explica.

En Paradela era eu só e máis a miña nai. Chegamos a muxir 80 vacas, pero non tiñamos persoal nin para onde medrar. Vinme tan saturado que busquei a alternativa de facer unha sociedade

Crearon a SAT no 2004 e entre o ano 2007 e 2008 comezaron a traballar xa nas novas instalacións construidas no lugar das Seixas, na parroquia de Bembibre, pertencente ao concello de Taboada, onde hoxe traballan entre 8 e 10 persoas dependendo da época do ano. “Estamos a tres muxiduras e facemos turnos tratando de que a xente estea o máis cómoda posible e saiba cal é o seu horario e o calendario de libranzas, vacacións e fin de semana para que poida organizar a súa vida”, indica Manuel. Esa é unha das claves, ao seu xuízo, para lograr estabilidade no persoal.

A tres muxiduras desde o 2010

Sala de muxido da explotación, con 20 puntos e sistema traseiro

Sala de muxido da explotación, con 20 puntos e sistema traseiro

A organización do traballo na explotación faise en función dos horarios de funcionamento da sala, para facer as tres muxiduras, que escomezan ás 5:30, 13:30 e 21:30 horas. Comezaron con este sistema no ano 2010 e hoxe están contentos cos resultados que acadan pero, en base á súa propia experiencia, non o recomendan en explotacións de menor tamaño ou con problemas para dispoñer de man de obra. “Cando nós comezamos a facer tres muxiduras muxiamos soamente 120 vacas e este sistema non se adapta ben en explotacións pequenas. Foi unha decisión tomada a destempo naquel momento, un pouco porque estaba de moda, pero nós non estabamos preparados para aquel cambio e tivemos moitos problemas”, admiten.

Cando puxemos en marcha as tres muxiduras non estabamos preparados e tivemos moitos problemas

Pero, malia as dificultades, decidiron non volver atrás e “a base de lombo e de ser metódicos” foron mellorando e perfeccionando un sistema que agora lles dá bos resultados. “Hoxe estamos contentos porque as vacas están mellor e ao estar moitas máis horas na granxa tes tamén moito máis control sobre ela”. O primeiro turno entra ás 5 da mañá para facer o muxido das 5 e media e acaba a súa xornada laboral á unha da tarde, cando entra o seguinte reemprazo, o que se encarga da muxidura do mediodía. O terceiro dos turnos arrinca ás 9 da noite e remata ás 2 da madrugada, o que fai que haxa persoal na granxa de xeito ininterrompido durante 21 das 24 horas do día.

Muxir tres veces conleva máis gastos pero as vacas están mellor e ao estar máis horas na granxa tes máis control sobre o gando

Isto leva aparellado que o control e a vixiancia sobre o gando sexa moito máis exhaustivo en aspectos como a detección de celos e enfermidades ou a atención aos partos, permitindo, por exemplo a inxesta da primeira toma de costro por parte das becerras antes das catro horas inmediatamente posteriores ao nacemento, momento a partir do cal deixa de ser tan efectiva a nivel de inmunización. Para reducir o tempo de espera das vacas para muxírense, establecen lotes de 70 animais como máximo, de maneira que o resto do gando permanece descansando ou alimentándose namentras non chega a súa quenda. Muxir máis veces as vacas non significa exprimilas máis, considera, xa que “a nivel de saúde de ubre están moito mellor e non se ve comprometida a súa lonxevidade”. De feito, SAT Seixas ten animais que destacan tanto polas súas medias de produción diaria como tamén polo seu número de lactacións e produción vitalicia. “Temos animais con 6 ou 7 partos”, destaca Manuel.

Nave de produción. Nas camas empregaban area pero pasáronse ao carbonato

Nave de produción de SAT Seixas. Nas camas empregan area e fanas unha vez ao día

Con todo, neste momento teñen exceso de recría e non aproveitan moito as vacas. Tamén por iso fan secados longos, de até tres meses, buscando que os animais que moxen teñan todos altas producións e que logo descansen e se recuperen para encarar o seguinte parto e facilitar tamén deste xeito que as vacas volvan quedar preñadas á primeira.

Para reducir o tempo de espera para muxírense, establecen lotes de 70 vacas como máximo

O paso das dúas ás tres muxiduras diarias tamén fai posible un incremento de produción dos animais. “Nós temos vacas que nos controis leiteiros chegaron moi preto dos 80 litros e iso con dúas muxiduras é impensable”, afirman. Ese aumento de produción permite compensar o incremento de gastos en man de obra ou consumo eléctrico, algo para o que tamén instalaron placas solares e un variador de frecuencia, pero Manuel defende que “as salas de muxido cantas máis horas estean funcionando máis rendemento se lle saca”. A deles é de muxido traseiro con 20 puntos.

Problema este ano co silo de millo

SAT Seixas ten un déficit importante de superficie agraria

SAT Seixas ten un déficit importante de superficie agraria e cultiva fincas a 20 quilómetros de distancia

A produción media da gandería na actualidade é algo máis baixa do habitual por culpa do silo de millo. “Agora mesmo debemos andar nos 42-43 litros pero esa non é a nosa produción media. Normalmente andamos entre os 43 e os 45 litros e nalgún momento chegamos a picar incluso os 48 litros pero neste momento estamos moi baixos porque temos un silo de millo horrible este ano e non sabemos moi ben por que. Penso que foi que o ano pasado secou moito a planta e logo comezou a chover e tivemos que agardar moito para poder ensilar e seguramente a planta chegou ao silo moi pasada e non debeu fermentar ben porque o silo non ole a ácido láctico como debería e as vacas comen pero non hai produción”, explica Manuel. En canto a calidades, están entre 3,50% e 3,70% de graxa e en 3,45% de proteína e entregan a produción a Naturleite.

Normalmente andamos entre os 43 e os 45 litros de produción media e temos vacas que se aproximan aos 80 litros; iso con 2 muxiduras é impensable

SAT Seixas manexa arredor dunhas 120 hectáreas de terreo, insuficiente para poder cubrir as necesidades de alimentación do seu gando, polo que priorizan a produción de forraxe para silo de raigrás. “A herba producímola toda nós, silo de millo ás veces mercamos algo e facemos tamén grao de millo húmido con millo que mercamos porque nos facilita moitas cousas e os animais están mellor. Tes unha seguridade, porque sabes que o tes aí para todo o ano”, indica Manuel.

Fan grao húmido de millo que traen de León. No último ano fixeron menos porque o prezo disparouse de repente 30€

Fan grao húmido co millo que traen de León pero no último ano o prezo disparouse de repente 30€ por tonelada

Acostumaban traer entre medio millón e un millón de quilos de millo para grao húmido, co que logran un silo de calidade con entre un 30 e un 35% de amidón, aínda que o ano pasado trouxeron menos polo encarecemento dos cereais. “Compramos en León e subiu de repente 30€ a tonelada, así que metemos menos grao húmido e suplimos con fariña de millo, xa que tiñamos pechado prezo a longo prazo”, conta Manuel. Este tipo de materias primas, como a fariña de millo, a colza ou o bagazo de cervexa, mércanas a través de CAP Coruña, tentando ter unha estabilidade de prezos a longo prazo.

Aquí ao lado temos un monte comunal de 500 hectáreas que non está a nada. Se a Administración nos axudara podiamos coller aí 100 hectáreas para cultivar e dese xeito facer tamén un cortalumes natural

Das 120 hectáreas sementan a millo unhas 70 ou 80, dependendo do ano, porque algunhas son moi pesadas e en función de como veña o tempo non logran laborealas a tempo. Na maioría fan rotación de cultivos, habitualmente con wester, pero levan dous ou tres anos probando unha mestura de raigrás inglés con italiano que lles está a dar bos resultados. “Medra moi ben, non é tan precoz como o wester pero case, e a calidade é moi distinta, seguramente os silos sexan mellores sobre todo en proteína”, aseguran. A falta de superficie é unha eiva importante nesta explotación, que precisaría dobrar as terras de cultivo de millo das que dispoñen para seren autosuficientes.

Botamos unhas 70 ou 80 hectáreas a millo pero necesitariamos outras tantas

“Ogallá tiveramos máis superficie para poder producir máis millo, e é un dos obxectivos que temos, pero é moi difícil, porque estamos nunha zona na que está todo moi esparcido e é moi complicado obter hectáreas de calidade, logras cachiños pero pezas grandes non é doado. A ver se agora coa Lei de Recuperación da Terra Agraria podemos facer algo nalgún monte, porque temos un monte comunal aquí ao lado de 500 hectáreas e non está a nada. Podiamos aí coller 100 hectáreas xuntas e beneficiarnos todos, porque ao mesmo tempo que nós lograbamos terra, faciamos un cortalumes natural e a Xunta non tiña que estar desbrozando. Pero para iso tennos que axudar a Administración, porque nós tal como está a lexislación de montes comunais non podemos facelo”, piden. A falta de superficie dispoñible na zona obrígaos a cultivar parcelas en Monterroso, a case 20 quilómetros de distancia da granxa. Dúas terceiras partes da superficie da explotación é alugada.

Fan o carro tres veces ao día

Mercan directamente as materias primas para aforrar custos e pechar prezos estables a longo prazo

Mercan directamente as materias primas para aforrar custos e pechar prezos estables a longo prazo

Ao igual que moxen tres veces, tamén elaboran a ración unifeed de alimentación outras tantas. Para iso dispoñen de carro mesturador propio, o que lles permite maior flexibilidade. “Para as vacas en produción facemos unha única ración pero tres veces ao día. Doutro xeito tería que vir o carro unha vez soa e deixarche todo feito e facer para os lotes de xovencas e secas aínda que tiveran comida, así imos facendo segundo van comendo”, defende.

Para o manexo diario da granxa preferimos ter carro propio porque nos parece moito máis eficiente e operativo

En canto aos traballos agrarios, din, “cada vez facemos menos porque cada vez estamos máis volcados coa granxa, así que facemos o imprescindible e o resto contratamos fóra”. Traballan co parque de maquinaria da cooperativa Aira. “Tratamos de sacar dous cortes de herba e un de millo e iso obríganos a ter que facer todo tremendamente rápido. Ás veces temos aquí traballando 10 tractores ao mesmo tempo; ti non podes ter 10 tractores. É totalmente inviable. Polo tanto, para conseguir esa rapidez temos que contratar”, xustifican.

Cada vez facemos menos traballo agrario porque ás veces temos aquí traballando 10 tractores ao mesmo tempo, e unha granxa non pode ter 10 tractores propios porque é totalmente inviable

As producións de millo nesta zona do sur da provincia de Lugo son bastante inestables e dependen moito da climatoloxía. “Poden variar un 25% dun ano a outro, están entre 30.000 a 40.000 quilos por hectárea dependendo de como veña o ano”, explica Manuel. Por iso, tentan garantir un bo ensilado de herba. “Procuramos meter sempre a herba moi tenra, facendo dous cortes. Iso permítenos ir xogando un pouco coa herba e co millo na ración en función das cantidades que teñamos dunha cousa ou da outra”, indica. Neste momento ás vacas de leite estanlles a dar 30 quilos de silo de millo, 11 de silo de herba, 0,3 de palla, 8,3 de bagazo de cervexa, 6,2 de colza, 4 de fariña de millo e 2 de núcleo.

Reorganización das instalacións para ser máis eficientes

Pretenden reunificar a recría e reubicar as vacas secas para traballar máis cómodos

Pretenden reunificar a recría e reubicar as vacas secas para traballar máis cómodos

SAT Seixas está inmersa na actualidade nunha serie de obras de ampliación e mellora, para o que tiveron que solicitar informe de impacto ambiental. Non buscan sen embargo aumentar o número de cabezas, senón reconfigurar a explotación para facer o traballo de xeito máis doado e eficiente. “Agora mesmo non queremos medrar máis, estamos reorganizando todo para que a xente traballe máis cómoda e ser máis eficientes, é dicir, coas mesmas horas facer máis traballo, e perfeccionar o sistema, porque temos moitas cousas que mellorar aínda, evidentemente, porque fomos medrando a un ritmo tan alto que non nos paramos nos pequenos detalles, que é o que queremos facer agora”, recoñece Manuel.

Teñen a recría repartida entre Taboada e Paradela, pero pretenden agrupala para mellorar o manexo e aforrar tempo e man de obra

Pretenden agrupar, por exemplo, a recría, que agora está dividida entre as instalacións das Seixas e o establo vello que tiña Manuel en Paradela. “Están aquí en Taboada até que son inseminadas e unha vez preñadas mandámolas para alí, onde son alimentadas con veza, pero unha vez que reagrupemos aquí toda a recría faremos varias racións diferenciadas no carro”, avanza. En canto á fase de lactación, teñen as tenreiras en boxes, primeiro individuais e logo xa en grupos de tres. “Eu non son moito de amamantadora, prefiro os boxes, pero o que estamos facendo agora é xa reagrupalas de tres en tres antes do destete e logo xa van pasando a grupiños máis grandes en esterco. En Aldosende témolas en cubícolos e traémolas de volta para aquí dous meses antes de pariren”, explica.

SAT SEIXAS (Taboada) recria1

Xuntan en boxes de tres prazas as becerras antes do destete e deste xeito conseguen que medren máis

Para destetar non se basean tanto na idade senón en como come o animal, de maneira que se trata case dun destete individualizado a medida que van estando preparadas. “Miramos que coman un mínimo de catro quilos de concentrado ao día e aí é cando empezamos a destetar”, explican. “Saen impresionantes, estamos cubrindo con 12 meses e eu xa digo sempre de broma que calquera día imos ter que empezar a inseminalas nos boxes polo tamaño co que saen”, bromea Manuel.

Queremos empezar a dar ás becerras tres tomas de leite noso pasteurizado e empezar a xuntalas moito antes porque agrupadas medran moitísimo máis

“Neste momento damos dúas tomas de tres litros e medio cada unha pero outra das cousas que queremos pasar a facer é dar tres tomas do noso leite, en vez de lactoreemprazante. Aos tres días xa lles poñemos unha presa de penso e auga desde o primeiro día porque vaste dando conta de que a medida que van comendo máis, medran máis e crecen antes. Até que comen 2 quilos témolas con ese penso e despois desde os 2 ata os 4 quilos cambiámoslles a outro tipo de concentrado pero seguimos co leite. Eu penso que o maior segredo para que medren a esa velocidade está no leite. Antes destetabamos cando comían dous quilos de penso, agora non, agora agardamos ata os 4 quilos”, detallan.

A mellora na recría permitiulles adiantar varios meses a produción das xovencas e mellorar as súas medias de leite ao primeiro parto

Fan un destete progresivo e están adiantando o reagrupamento dos animais. “Para destetar o que facemos é sacarlles unha toma e despois a outra, así non sinten nada o cambio cando lles sacamos o leite. Antes tamén tiñamos o costume de primeiro destetar e despois xuntalas, pero agora estámonos dando conta que é un erro, que é mellor xuntalas primeiro e logo destetar, medran máis así, se as xuntas antes, e estamos buscando a forma de adiantar ese agrupamento incluso”, explican. A mellora na recría permitiulles adiantar varios meses a súa produción, mellorar as medias do primeiro parto e “non ter nunca xovencas paradas e coméndoche durante dous ou tres anos”.

Medramos moi rápido até agora pero ultimamente xa estamos poñendo moito seme de carne porque non queremos medrar máis

Desde a súa creación SAT Seixas estivo volcada en aumentar o seu número de cabezas para poder acadar unha dimensión suficiente como para rendibilizar os investimentos realizados e facer viable o sistema de tres muxiduras diarias, pero agora o obxectivo é estabilizar a granxa. “Até agora inseminabamos todo con frisón e poñiamos sexado nas xovencas pero xa non queremos medrar máis e estamos xa case desbordados de recría, así que o que estamos facendo agora é poñendo sexado nas primeirizas e azul belga no resto, agás que sexa unha vaca que nos interese criar dela. Nalgunha xovenca que non nos interesa tamén poñemos carne, nese caso angus, por facilidade de parto. Ultimamente estamos traballando moito co sexado e seguramente acabemos poñendo só sexado para cubrir o reemprazo e carne no resto, porque os machos frisóns teñen moi pouco futuro”, consideran.

O “segredo a voces” dos xabaríns

Danos provocados polo xabarín nunha das fincas de millo de SAT Seixas

Danos provocados polo xabarín nunha das fincas de millo de SAT Seixas

Desde hai uns anos, esta gandería pon cara en primeira persoa a un problema xeralizado no agro galego: o dos ataques da fauna salvaxe. Os xabaríns destrozan ano si e ano tamén boa parte dos cultivos nesta explotación de Taboada, que xa probou todos cantos métodos había sen lograr resultados satisfactorios. “Probamos de todo: fixemos un investimento importante en pastores e pechamos todo con 25 pastores, pero iso era insostible, primeiro porque non era eficaz e logo porque tiñas que estar todos os días revisando os peches e repoñéndoos”, din.

Como aquilo non era solución ao ano seguinte probaron a pechar con malla de ovella unhas cantas fincas. “Ese ano funcionou moi ben, supoño que porque as outras estaban abertas e éralles máis cómodo ir ás outras, pero a medida que as fomos pechando todas xa empezaron a entrar por todos os lados. Logo puxemos malla de cadros pensando que esa non a furarían, pero entraban por abaixo. Usamos petardeiras, foguetes, cans, pero nada resulta efectivo. Ao xabarín non hai forma de controlalo, é un animal que se vai adaptando según lle vas poñendo atrancos, e cando o millo está en estado leitoso debe ser como unha droga para el e é imposible frealo a non ser que se fagan batidas razoables”, defenden en SAT Seixas.

Hai Tecores que están colaborando con nós, facendo batidas cando hai danos, pero hai outros que non e aí é onde tiña que actuar a Xunta

Pero quéixanse de que non sempre atopan a receptividade agardada entre os cazadores. “O primeiro que fixemos foi falar con eles e o único que recibimos foron burlas e ameazas, pero desde que destapamos publicamente o problema, hai xente que empezou a colaborar con nós, cos gandeiros. Eu penso que nos últimos anos fixemos algo moi interesante, xa que fomos capaces de desmantelar ese segredo a voces que había aí oculto. Pero aínda hai outra xente que segue sen colaborar. Nós aquí temos fincas en cinco Tecores distintos e hai cazadores que en canto hai destrozos van e fan batidas, e iso minimiza os danos e fai que sexan asumibles, pero hai outros presidentes que levan décadas no cargo e que semella que seguen incrustados nas leis franquistas, pensan que todas as fincas son deles e non fan nada por axudar para evitar os destrozos. Aí é onde a Xunta tiña que tomar medidas e mirar a forma de buscarlles relevo para que entrara xente nova con outra mentalidade na directiva deses Tecores e con ideas adaptadas ás novas necesidades para poñerlle fin a este pesadelo que sufrimos as explotacións”, defende Manuel, que calcula que “tranquilamente nos últimos anos podemos levar uns 600.000 euros de perdas e de gastos que se ven, porque hai outros que non cuantificas, como a terra que entra nos silos ou as vacas que enferman por clostridium. Os gastos son terribles. O ano pasado, por exemplo, foi horrible”, din.

Calculan uns destrozos dunhas 20 hectáreas por ano, o que suporía máis de medio millón de euros en perdas desde que leva funcionando a SAT

Este ano nesta explotación optaron por mandar burofaxes aos cotos pero algúns deles actuaron unicamente para cumprir o expediente. “Viñeron facer unha batida con 5 persoas soamente para cubrir quilómetros e quilómetros de monte. Non podes vir nese plan”, quéixanse. Ante a falta de colaboración están valorando dar un paso máis e presentar denuncias contra os Tecores e piden á Xunta, á que tamén se dirixiron con distintos escritos e peritación de danos, que se tome en serio o problema e actúe. “A solución aos danos da fauna salvaxe pasa pola ordenación do territorio. Con fincas de millo de só 2.000 metros cadrados rodeadas de monte é imposible resolver o problema”, asegura Manuel. “Pídesenos que sexamos competitivos nestas circunstancias e cobrando os prezos do leite máis baixos de toda Europa. E aínda así en Galicia somos capaces de ser unha potencia producindo leite. Imaxínate que poderiamos facer se as condicións fosen outras”, evidencia.

Xeou!, xeados da Ribeira Sacra con ingredientes naturais e entre o 40 e o 60% de leite

Montse co xeado de fresa recén sacado da mantecadora

Montse co xeado de fresa recén sacado da mantecadora

Nun pequeno obrador debaixo da oficina da granxa, a carón da sala de muxido, SAT Seixas transforma desde xuño de 2019 unha parte do leite que producen as súas vacas en xeados artesáns. O proxecto busca valorizar o seu leite, unha materia prima de primeira calidade que non sempre as industrias valoran como deberían. “Desde neno vin os abusos constantes das empresas. Estaban os meus pais que non sabían nunca a que prezo ían cobrar o leite. Pasaron corenta e pico anos e as cousas están máis ou menos igual, coa única diferenza de que agora obrígannos a asinar un papel coas condicións que eles nos impoñen”, denuncia Manuel.

Levado un pouco por iso e tamén pola ilusión que sempre tivo de facer algo co leite das súas vacas, Manuel á súa muller, Montse, decidiron poñer en marcha unha iniciativa para levar dalgún xeito até o consumidor final o seu leite. Cando comezaron a darlle voltas a como darlle un valor engadido ao seu leite decantáronse polos xeados fronte a outros produtos como os queixos ou os iogures, porque pensaron que ese outro mercado podía estar xa máis saturado.

Desde neno vin os abusos constantes das empresas. Os meus pais non sabían nunca a que prezo ían cobrar o leite. Pasaron corenta e pico anos e as cousas están máis ou menos igual, coa única diferenza de que agora obrígannos a asinar un papel

Aínda que neste momento a porcentaxe de leite que transforman é pequena, aspiran a poder incrementala. “Ogallá puideramos transformalo todo”, din, aínda que prefiren de momento “seguir a pequena escala para poder mimar o produto e ofrecer un xeado gourmet de calidade”. “Nós queriamos levar até o consumidor o que nós producimos, porque o consumidor cando vai ao supermercado merca algo que non se parece en nada ao que producimos os gandeiros. Aquí mimamos o produto, coidámolo e chegamos ao cliente cun produto de calidade”, aseguran.

Aproveitar o Camiño de Santiago

Xeou! conta con tendas propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa

Xeou! conta con tendas propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa

Os seus xeados son desde fai dous anos o emblema de SAT Seixas, unha explotación que non parou de innovar desde a súa creación hai 15 anos. Neste momento contan con tres xeaderías propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa, onde comercializan tanto xeados como leite pasteurizado. No canto de decantarse por instalar os establecementos nas cidades, optaron por aproveitar que o Camiño de Santiago non pasa lonxe de Taboada. Bembibre está tamén moi preto do embalse de Belesar e das ladeiras do río Miño onde se producen os viños da Ribeira Sacra da subzona de Chantada. A súa idea sempre foi vender só nos seus establecementos, pero están a ter demanda por parte de distintos puntos de venda que queren contar tamén cos seus xeados.

Os seus xeados son desde fai dous anos o emblema desta explotación que non parou de innovar desde a súa creación hai 15 anos

A explotación e o proxecto de transformación e comercialización do leite en forma de xeados son proxectos independentes pero que se poden axudar e complementar mutuamente. “Aquí non temos grandes industrias, temos o sector primario e o turismo. E pensamos en diversificar deste xeito, porque nos prezos do leite nunca temos garantía e se iso nun momento falla estarían as tendas dos xeados”, razoan. O Camiño de Santiago era unha ruta que antes da actual pandemia movía milleiros de visitantes cada ano, e este ano estaría ateigado en pleno ano Xacobeo, pero o coronavirus frustou esas espectativas, así que neste momento é ao revés; o respaldo apórtao a gandería.

Tal como está o sector turístico e co investimento acabado de facer, o respaldo neste momento apórtao a gandería

Malia ao parón polo coronavirus, están convencidos do éxito de iniciativas coma esta. “En Galicia temos tantísimo potencial e tan mal explotado que é una mágoa. O Camiño de Santiago aporta moitísimas posibilidades. Cando abrimos no verán do 2019 en Portomarín, foras o día que foras desde as 4 da tarde ás 9 da noite vías a praza da vila ateigada de turistas e peregrinos. Temos aí un potencial que é terrible e témolo moi mal explotado, penso que Galicia está de moda e a esa xente que nos visita temos que ofercerlle produtos gourmet galegos”, defende Manuel.

Sen colorantes nin produtos químicos

Os xeados fanse con leite e froita natural no seu momento óptimo de maduración

Os xeados fanse con leite e froita natural no seu momento óptimo de maduración

Pero máis alá da afluencia de clientes, condicionada pola covid-19, Manuel e Montse están satisfeitos coa acollida que están a ter os produtos Xeou. “Os nosos clientes valoran a calidade que lles estamos ofrecendo, algo que non fan as industrias, que só se preocupan de meter leite nun cartón e cadrar os seus números a base de apertar e baixarlle o prezo ao gandeiro”, di Manuel, que lembra a cara de satisfacción dos peregrinos xaponeses cando probaban o seu leite fresco pasteurizado.

Esa cremosidade e esa textura que diferencia os nosos xeados dalla o leite fresco recén muxido. Tan só pasteurizamos o leite por seguridade, pero é o único tratamento que lle facemos

“Dependendo do tipo de sabor, entre o 40% e o 60% dos xeados que facemos é leite”, aclara Montse, que se encarga da parte de transformación e venda na xeadería e leva a xestión da granxa. “Elaboramos con leite recén muxido que é o que lle dá esa cremosidade e esa textura ao noso produto. Unicamente pasamos o leite por un proceso de pasteurización, é algo ao que nos obriga a normativa sanitaria. Logo mesturamos ese leite con produtos naturais, tratando de buscar tamén a orixe no resto dos ingredientes, como pode ser a fresa, a mandarina ou a avelá”, explican.

30 sabores diferentes

SAT SEIXAS (Taboada) Xeou xeadosUn dos top venda é precisamente o xeado de avelá con chocolate. “É tamén o que máis traballo nos dá, facemos nós a pasta de avelá e é un sabor que non atopas noutros xeados”, aseguran. Elaboran cada día xeados dun sabor diferente e van producindo segundo o consumo. “É un produto natural que é importante que se consuma canto antes e que non sufra cambios de temperatura. Se fas algo distinto é mais doado vendelo”, razoa Manuel.

O proceso é relativamente sinxelo. Co leite que vén do tanque de frío unha vez pasteurizado fan unha base sobre a que engaden o puré co sabor que toque ese día, elaborado con froita madura para que o azucre sexa natural, ao igual que o que aporta a lactosa do leite. Esa mestura de leite e froita pasa entón á mantecadora que tras un proceso de case unha hora devolve a crema inicial en forma de xeado. “Non hai segredos, o noso xeado non leva colorantes nin engadidos químicos. A xente sorpréndese porque os nosos xeados non teñen a cor que o consumidor está acostumado a ver nos xeados industriais. Por exemplo, o noso xeado de limón sabe a limón pero non é amarelo, é branco, porque o zume de limón é branco e non amarelo, e para que o xeado saia amarelo hai que botarlle polvos e nós non llos botamos”, aclaran.

A xente sorpréndese porque os nosos xeados non teñen a cor que o consumidor está acostumado a ver na televisión. O noso xeado de limón é branco, porque o zume de limón é branco. Para que saia amarelo hai que botarlle polvos e nós non llos botamos

Neste momento contan xa cuns 30 sabores diferentes. “Unha vez que aprendes a técnica de facer os xeados, o resto é cuestión de ir probando e innovando nos sabores, nas mesturas de sabores e na formulación”, indican. Nin Montse nin Manuel tiñan experiencia facendo xeados e tiveron que formarse. Viaxaron varias veces a Italia, onde fixeron cursos acelerados na Carpigiani University, preto de Bolonia, onde está a mellor escola de xeladería do mundo e visitaron xeaderías e feiras especializadas como a SIGEP. En Galicia contaron tamén coa axuda de Bico de Xeado, a empresa vinculada á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, outra das ganderías que nos últimos anos apostaron polos xeados para valorizar o seu leite.

Formación para que as ganderías se animen a transformar

Para aprender a elaborar xeados desprazáronse a Italia, onde realizaron varios cursos

Para aprender a elaborar xeados desprazáronse a Italia, onde realizaron varios cursos

Para poñer en marcha o seu proxecto fóronlles concedidas dúas subvencións por parte da Xunta de Galicia, que “son positivas porque arrincar sempre é moi difícil”, recoñece Manuel, que sen embargo considera que “tería sido moito máis útil que esa formación que nós nos tivemos que buscar pola nosa conta nola tivera facilitado a Administración, é dicir, que houbese algún programa de formación en Galicia que axudara ás explotacións que queremos transformar o noso leite a levar adiante o noso proxecto”.

As subvencións están ben, pero axudaba tanto que houbera onde formarse. Nós idea de elaborar xeados non tiñamos e tivemos que ir aprender a Italia

Manuel opina que aí é precisamente onde está o futuro, a sustentabilidade e a rendibilidade para as ganderías polo que desde a Administración se debería apostar por estas iniciativas e non tanto por grandes proxectos industriais de multinacionais foráneas que se asentan en Galicia buscando materia prima barata. En SAT Seixas a maiores das entre 8 e 10 persoas que atenden a granxa, o primeiro ano chegaron a ter outras 5 persoas para elaboración dos xeados e comercialización nas súas tendas, postos de traballo que serven para crear riqueza e asentar poboación no rural.

Xestionar unha explotación é moito máis complicado que facer xeados

É o hábitat no que Manuel se sinte cómodo. Montse é madrileña e cando el ía vela aló “desde La Bañeza xa ía agobiado pensando en onde ía aparcar”, di. Animan a outras granxas a dar o paso que eles deron porque malia tratarse dun mundo que require de certo grao de especialización, Manuel considera que “xestionar unha explotación é moito máis complicado ca facer xeados” e destaca o mérito dos gandeiros e gandeiras de Galicia, que nos últimos anos foron capaces de facer competitivas as súas granxas nun escenario de prezos baixos e déficits estruturais no sector, que seguen sen corrixirse. Unha vez máis, e pese a ter que atender moitas frontes, Manuel demostra ser “gandeiro por riba de todo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información