“O que queriamos era mellorar e o que máis perdía ía gañar, tiñámolo todos claro”. Así resume Carlos Dablanca a creación en 1998 da SAT San Miguel, en Camoucos, na parroquia de Berbetouros, pertencente ao concello lucense de Palas de Rei. Tan claro o tiñan que en menos dun mes tiñan a sociedade constituída e tal é a sintonía entre eles que nestes máis de 20 anos de traballo en conxunto sempre tomaron as decisións por consenso e sen necesidade nunca de facer unha votación.
“Un dos socios, José Manuel Iglesias, estaba nese momento facendo o curso de incorporación e faloume desa posibilidade de agrupar as granxas, algo que xa estaba funcionando noutros lugares. O 3 de setembro comezamos a falar entre os veciños e a finais de setembro estaba a SAT constituída”, lembra Carlos. Ao proxecto sumáronse tamén Antonio Viña, Jesús Prieto e José Antonio Rodríguez, hoxe substituído polo seu fillo Alejandro trala súa xubilación fai tres anos.
Pero malia resultarlles doado tomar a decisión de unirse, o difícil viría despois. “Debémoslle moito a Caixa Rural, grazas a eles seguimos adiante. Foron 130 millóns de pesetas de investimento fai 20 anos. No Plan de Mellora só puideramos meter 100 millóns porque o sistema informático non deixaba meter máis e logo pedimos outros 45 millóns en créditos persoais”, recordan.
Comezaron con 120 vacas e 700.000 litros de cuota e hoxe moxen 250 e producen tres millóns de litros ao ano
Destinaron os cartos a construir a nave principal, a sala de muxido, catro silos e a mercar vacas, que non entraban no Plan de Mellora. Os animais que cada un tiña nas súas explotacións valoráronos por igual, diferenciando só pola súa idade, e a maiores mercaron 2 camións de vacas da Bretaña francesa e outro de Holanda. “O 9 de decembro de 1999 metemos aquí as vacas, todos os anos o celebramos cunha comida”, conta Carlos.
En total, empezaron muxindo 120 vacas para unha cuota de 700.000 litros; hoxe teñen o dobre de cabezas en produción e dan 3 millóns de litros ao ano, que venden a Pascual desde fai 6 anos.
A explotación foi gañando en eficiencia e a día de hoxe permítelles ter un salarios dignos e tempo libre como en calquera outra profesión, que era realmente o obxectivo que os levou a constituir a SAT. Pero “os comezos foron fastidiados”, recoñecen. “O empece foi difícil desde o punto de vista económico máis que organizativo. Metimos vacas que viñan de trabado e non se adaptaron, algunhas das que mercamos tamén fallaron e durante 6 meses non cobramos un peso”, detalla Carlos.
Incrementar a produción por vaca
Ano e medio despois fixeron unha nave para a recría e trouxeron as xovencas para ela e logo pouco a pouco foron ampliando e mellorando aquelas instalacións iniciais até contaren hoxe con 500 animais en total, a metade deles en producción, aínda que a súa idea de cara ao futuro “non é aumentar en cabezas, é aumentar en litros cos mesmos animais”, indican.
Para iso queren reformar os cubículos iniciais, construídos fai 20 anos con perfís moi altos, para rebaixalos e aumentar tamén a súa anchura, que neste momento é de 1,20 metros, para que deste xeito as vacas gañen en confort, benestar e produción.
A nosa idea non é aumentar en cabezas, é aumentar en litros cos mesmos animais
Levan tamén uns meses probando distintos materiais para as camas, que na nave de produción principal é de colchoneta de goma con carbonato pero nunha ampliación que fixeron posteriormente para as vacas problemáticas, con cubículos máis anchos, cambiaron por unha mestura de serrín, corcho e carbonato que non os convenceu porque lles supuxo un incremento nos recontos de células somáticas.
A calidade hixiénico-sanitaria do leite é precisamente outro dos aspectos nos que poñen énfase, dado que a empresa que lles recolle prima a bacterioloxía. “Niso estamos sempre por debaixo de 10. Pascual por debaixo de 25 xa cho ten en conta e se baixas de 11 aplícache un extra”, explica Carlos.
Catro lotes de animais en produción
Os animais en produción téñenos divididos en catro lotes: un é o das recén paridas, en cama libre de palla; outro o das vacas máis grandes en canto a tamaño, que están na zona de cubículos máis anchos; e logo estarían na nave principal dous lotes máis, un no que priman as primeirizas e outro no que hai vacas adultas fundamentalmente.
Nós aproveitamos moito as vacas de desvelle, temos posto o corte en 25 litros
Os catro lotes, sen embargo, reciben a mesma composición na ración, coa única diferenza que nas primeirizas a cantidade é menor. A ración de produción está formada neste momento por 36 quilos de silo de millo, 8 de silo de herba, 9 de bagazo de cervexa, que traen da fábrica de Estrella Galicia, 5 de millo moído e 6 de fariña de colza. Contan con carro mesturador propio na explotación, que comparten con outra gandeiría da zona e dispoñen dun arrimador automático “que é de todos nós o que máis traballa da granxa, porque funciona 12 horas diarias e igual fai 10 quilómetros cada día”, indica Carlos.
A produción media anual por vaca é de 36 litros diarios, cun 3,60% de graxa e un 3,40% de proteína. “Non temos moita graxa porque a nós o que nos interesa é dar litros e non temos tampouco unha media de produción moi alta porque nós aproveitamos moito as vacas de desvelle, porque temos sitio e mentres tanto engordan para mandalas ao matadoiro, temos posto o corte en 25 litros”, explica.
Sen embargo, este ano a súa estratexia en canto ao reemprazo non lles resultou igual de rendible que en anos anteriores por mor da baixada de prezos das vacas para o matadoiro. “Aquí houbo vacas gordas de desvelle que deixaron 1.400 euros e agora tranquilamente ese tipo de animais están valendo 400 euros menos”, lamenta Carlos.
Ventilación e luminosidade
As instalacións atópanse neste momento ao máximo da súa capacidade e non prevén facer máis ampliacións polo de agora para acoller a máis animais, o que os obrigaría tamén a ter que ampliar a súa superficie agraria ou a mercar máis insumos, pero si que pretenden seguir modernizando as naves feitas fai 20 anos.
A última ampliación que fixeron foi a construción o ano pasado dunha nave nova para a recría, o que lles permitiu liberar espazo para destinalo a unha zona de posparto con capacidade para 28 animais onde están tanto vacas como novillas recén paridas en cama libre de palla, sen cubículos. “Cando paren van para alí e están até que hai que facer sitio para que entre outra, normalmente pasan alí un mes e notámolo moito, xa non só porque hai menos baixas senón porque a vaca arrinca moito mellor no leite e produce máis durante a lactación que se a metes ao cubículo directamente da parideira”, afirma Carlos.
Pretenden incrementar a produción por vaca mellorando o benestar e comodidade do gando
Outra das obras que teñen solicitada é o cambio da cumbreira actual de uralita por unha de metacrilato transparente para gañar deste xeito claridade na parte central da nave, sobre o pasillo de alimentación, e fomentar deste xeito unha maior inxesta de alimento por parte dos animais. Tamén queren aproveitar para modificar o sistema de ventilación actual, formado por 13 ventiladores interiores, que serían substituídos por ventiladores exteriores conectados a uns conductos de ventilación mediante tubos de lona colgados do teito, que distribuirían o aire por toda a nave, co que lograrían unha maior eficacia na redución da temperatura no interior da granxa grazas a un reparto máis uniforme do aire, así como un importante aforro enerxético.
Recría propia
Que a recría estivese máis cómoda foi tamén o que motivou a construción fai un ano nesta SAT dunha nova nave para as becerras pequenas. “Levamos xa 12 anos alimentando as xatas pequenas mediante amamantadora nodriza, pero dispuñan de pouco sitio e estaban moi amontoadas. Agora están moito máis cómodas. Destetámolas aos 70 días cunha curva de lactación cun máximo de 8 litros de leite e logo pasan para un lote no que están con penso e herba seca até que cumpren os seis meses, no que xa pasan a comer ración, unha específica para elas que lles facemos até os 12 meses. Despois desa idade comen xa a ración das vacas secas, a base de silo de herba e palla e algo de silo de millo, colza e fariña de millo”, explica Carlos.
Para aforrar en palla fixeron a zona de comedeiro en cemento e a zona de descanso en cama quente
Nesta nova nave de recría as xatas están até os 6 meses en cama quente de palla, primeiro na zona da amamantadora e logo nun lote contiguo no que son alimentadas con penso e herba seca. “Foi algo que notamos tamén moito, na palla están moito mellor e ao estar máis cómodas tamén medran máis. O que si que fixemos foi separar a zona de comedeiro, na que non botamos palla e que se limpa cunha arrobadeira, da de descanso, onde estramos con palla, para así gastar menos palla e aforrar”, conta. Tamén na zona que habilitaron para o posparto empregaron este mesmo sistema, cunha división que separa o lugar no que se deitan as vacas en palla da zona de cemento onde comen.
SAT San Miguel cubre as súas necesidades de reemprazo con recría propia, polo que neste aspecto tamén é autosuficiente. “Facemos a recría nós e recriamos todo seguindo o Programa de Acoplamentos de Africor Lugo”, explican. Da reprodución encárgase José Manuel, cunha estratexia que busca maior lonxevidade a través de aspectos como a dureza de patas. A media de partos desta explotación é de 2,8 e o gando destaca pola facilidade de parto, xa que nos seus máis de 20 anos de historia só tiveron unha ducia de cesáreas. A parideira, igual que a zona da recría e outras partes da granxa, téñena sempre vixiada con cámaras, o que lles permite detectar o momento xusto do parto e poder intervir. “Xa temos salvado algunha cría grazas ás cámaras, xa que cando non estamos aquí e hai unha vaca próxima podemos facerlle o seguemento desde a casa ou a través do móbil”, explican.
Empregan seme sexado só nas primeirizas e fan a primeira reprodución en función da configuración morfolóxica individual que cada xata. “Inseminamos por tamaño pero nunca antes dos 13 meses e se teñen pouco tamaño agardámoslles máis tempo”, explica Carlos.
Unha vez preñadas e confirmadas as xatas pasan a outro lote no que teñen acceso libre a un patio exterior. Tamén o teñen as vacas secas, que dispoñen dunha finca de 4.000 metros para andar e coas que comparten logo instalacións as xovencas até o momento do parto. Secan as vacas en produción aos 7 meses (56 días de secado). “Se nese momento algunha está dando moito leite témola 5 días a auga e palla”, indican. Nesta nave de preparto que comparten as vacas secas e as xatas preñadas dispoñen ademais dun sistema de rego con auga dos pasillos mediante un programador para deste xeito facilitar a súa limpeza.
Especialización nas distintas tarefas
Ademais dos 5 socios actuais, SAT San Miguel ten a dúas persoas contratadas: un veciño de Bertetouros e un inmigrante de orixe marroquí ao que pagan 1.050 euros e ao que lle poñen vivenda, luz e auga de balde. “Cada un de nós ten unhas tarefas asignadas, aquí chegamos á mañá e cada un sabe xa o que ten que facer”, explica Carlos, que fixo tres anos de formación agropecuaria e encárgase de todo o papeleo, facturación e provedores.
“Ainda que sabemos facer de todo, desde o comezo tiñamos claro que nos tiñamos que especializar e cada un escolleu o que máis lle gustaba, deste xeito estás máis a gusto e tratas de mellorar”, engaden. Por exemplo, José Manuel é o responsable da reprodución, Jesús encárgase do coidado da recría e o mantemento das camas e Antonio está centrado na maquinaria e o traballo de campo.
Cada un escolleu o que máis lle gustaba, deste xeito estás máis contento no traballo e tratas de mellorar
Para muxir túrnanse entre todos. Muxen dúas veces ao día, ás 7 da mañá e ás 7 menos cuarto pola tarde, con dúas persoas na sala e unha máis facendo as camas e cambiando lotes. Malia que están barallando cambiar a cama, destacan unha das vantaxes dos cubículos con colchoneta: o seu doado mantemento. “Cunha hora á mañá e outra á noite temos 230 camas feitas”, salienta Carlos.
Dispoñen aínda da primeira sala de 10×2 puntos paralela de muxido traseiro que montaron fai 20 anos pero que modernizaron e ampliaron a 14×2 puntos. Pasa xa das 47.000 horas pero atópase en bo uso. “Ten 20 anos pero fómola coidando: cambiamos o chan, os medidores, a identificación por chip e o sistema de retirada, co que gañamos en comodidade e limpeza”, detallan.
Non se plantexan pasar a tres muxidos diarios porque “muxir tres veces complícache máis as libranzas e perdes calidade de vida”, asegura Carlos. “Os cinco socios fixemos isto coa filosofía de librar máis, non de gañar máis diñeiro. Antes de constituir a SAT eu levaba 10 anos sen librar un só día e o resto de veciños igual. Sempre tivemos claro que isto fundábase para vivir mellor. De pouco sirve facer cartos se non tes tempo libre para disfrutalos”, engade.
Muxir tres veces complícache máis as libranzas e perdes calidade de vida e isto fundouse coa filosofía de librar máis, non de gañar máis diñeiro
Por iso, teñen as distintas tarefas programadas por días para que as fins de semana haxa menos traballo que facer e que chegue con atender a muxir e á alimentación do gando. “Estramos e inseminamos sempre os venres”, explica por exemplo Carlos.
“Para tomar as decisións non eres ti só, tes que contar cos demais, é dicir, tes que consensuar as cousas, pero a nós cambiounos a vida totalmente. Agora libramos dous días á semana, o que traballa a fin de semana libra entre semana, e temos cada un un mes de vacacións no verán e unha semana en Nadal. Entendémonos ben no funcionamento da granxa porque compartimos os mesmos obxectivos, levamos 20 anos e nunca tivemos que votar unha decisión, a estratexia da explotación sempre a consensuamos entre todos”, resumen en SAT San Miguel facendo balance destas dúas décadas de traballo en común.
“Mercar os cereais a futuro permítenos obter bos prezos”
A busca da eficiencia a través da innovación, a mellora na comodidade e o manexo e a redución de custos foron sempre as máximas desta explotación de Palas de Rei. E aínda que aseguran que lles custa moito facer cambios, desde o inicio sempre estiveron dispostos a introducir novidades que contribúan a mellorar o seu rendemento sempre que a súa eficacia estea contrastada e demostrada previamente. “Somos moi reacios a facer cambios, cústanos moito, pero se algo vemos que funciona aplicámolo”, aseguran.
Unha das decisións polas que apostaron fai anos foi pola compra directa das materias primas en orixe, sen intermediarios. Xunto a outro medio cento de explotacións galegas, contan coa axuda da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que os asesora en canto a prezos e á hora de tomar as decisións de compra.
Buscamos estabilidade nas compras das materias primas; nós a un ano vista sabemos o prezo do leite que imos ter
“Buscamos estabilidade nas compras das materias primas; nós a un ano vista sabemos o prezo do leite que imos ter. Levamos máis de 10 anos mercando o millo e a colza a futuro con CAP Coruña e melloramos moito niso. Antes eu o que facía era pedir todos os meses prezo a tres empresas de penso, pero desta maneira temos máis control sobre o que damos ás vacas e aforramos cartos”, razoa Carlos.
A obsesión pola redución de gastos é unha constante en SAT San Miguel, asesorados tamén por Seragro, que lles aporta o nutrólogo. “Sempre quixemos contar cun nutrólogo independente, que non pertencese por exemplo a unha empresa de pensos e todos os anos facemos tamén unha auditoría para ver onde podemos mellorar ou onde podemos axustar algo os gastos”, di.
Logran que os custos de alimentación do gando estean por debaixo dos 20 céntimos por litro de leite
Por iso, a próxima modificación que queren facer é construír dous silos de 34.000 quilos para meter neles o millo e a colza, que agora teñen nun almacén aberto. “Os gatos e as pombas dannos problemas, por iso queremos pasar as materias primas que empregamos na ración a silos pechados, para ter menos desperdicio e tamén para liberar espazo no almacén, porque unha boa estratexia para aforrar cartos é mercar a palla en grandes cantidades cando hai abundancia, cando é un ano bo en produción, porque as oscilacións de prezo son importantes dun ano para outro en función da colleita, e para estrar é igual que a palla sexa do ano ou de dous anos. Pero para facer iso é importante ter onde almacenala”, xustifica Carlos.
140 hectáreas de superficie agraria
Xunto coa adquisición en orixe dos insumos e á economía de escala nas compras, outra das estratexias desta explotación para aforrar é a autosuficiencia nas forraxes. Dispoñen dun total de 140 hectáreas de superficie agraria: 70 propiedade dos socios, 20 que son titularidade da SAT, 30 en aluguer e 20 máis de monte comunal da parroquia.
Hai xente que é ela soa e ten máis tractores ca nós
Desas 140 hectáreas, 50 mantéñenas a pradeira permanente e nas outras 85 sementan millo, en 50 delas en rotación cun cultivo de inverno a base de veza con cebada. Levan máis de 10 anos botando esta mestura con bos resultados. “Funciónanos ben, logramos unhas colleitas duns 22.000 quilos por hectárea cunha proteína do 19% e unha moi boa dixestibilidade e sérvenos para preparar as terras para o millo. Este ano por exemplo cando xa tiñamos as terras preparadas en outono choveu moito e non demos labrado e cando foi de sementar o millo a terra estaba moito máis dura e chea de malas herbas”, explica Antonio.
O ano pasado construíron un silo novo para o millo, de grandes dimensións (60 metros de longo por 12,5 de ancho e 4 metros de alto) e con outra novidade, xa que no canto de rampa fixéronlle un peirao de descarga pola parte de arriba que lles facilita enchelo máis comodamente e con menos esforzo para a maquinaria. Custoulles 100.000 euros pero colléronlles nel 50 hectáreas de millo da última campaña cunha media de 46.000 quilos de materia verde por hectárea.
Outra das vantaxes dunha SAT como a que formaron estas cinco ganderías con respecto ás explotacións individuais é que “rendibilizas máis os investimentos, por exemplo en maquinaria”, din. Dispoñen de 2 tractores de 180 cabalos, outro de 145, un de 90 e unha telescópica. “Hai xente que é ela soa e ten máis tractores ca nós”, afirma Carlos.
Aproveitamento das distintas posibilidades do purín
SAT San Miguel dispón de tres fosas de xurro cubertas máis unha balsa, cunha capacidade de almacenaxe total de catro millóns de litros. A balsa está a un quilómetro da explotación e téñena conectada cos pozos de purín da granxa por medio dunha tubería enterrada, de maneira que poden bombear ata ela o xurro no canto de ter que transportalo en cisternas.
Aínda que fan eles a maioría dos traballos agrícolas, contratan certas tarefas, como a sementeira do millo ou o picado e transporte dos ensilados. Cando están apurados tamén contratan un reforzo para esparexer o purín. “O que tentamos é facer as tarefas o máis rápido posible”, xustifica Carlos.
Pero ademais da capacidade como fertilizante do xurro, nesta explotación participaron nun ensaio pioneiro auspiciado por AGACA e a Universidade de Vigo para estudar as posibilidades de aproveitamento do purín para xerar biogás. A investigación, financiada con fondos europeos, consistiu en medir durante un ano, mediante un sinxelo sistema dunha balsa inchable (unha lancha de praia das que usan os cativos dada a volta e conectada a un tubo), as emisións producidas pola fermentación do xurro para estudar as posibilidades de aproveitamento dese gas unha vez extraído, almacenado e filtrado (as emisións conteñen ademáis dun 50% de metano outros compoñentes como dióxido de carbono).
Máis alá das posibilidades de utilización deste biogás como fonte de enerxía nas explotacións, a extracción do metano en si das fosas de purín suporía reducir de xeito importante as emisións contaminantes das ganderías, unha esixencia cada vez maior por parte de Bruxelas. Nesa aposta pola economía circular e o aproveitamento dos residuos, ao usar carbonato nas camas, “hai 20 anos que non encalamos as terras, así que o que gastas na cama volve á granxa por esa vía de aforro”, din nesta SAT.
Eficiencia enerxética
Dentro da minimización de custos nas explotacións, a redución da factura da luz mediante a introdución de medidas de eficiencia enerxética é un aspecto moi importante. Sábeno ben en SAT San Miguel, que levan moitos anos traballando neste campo. “Se podemos arañar algo niso sempre tentamos miralo”, asegura Carlos.
Fai 15 anos xa que colocaron un sistema para neutralizar a enerxía reactiva que xera o sistema eléctrico da granxa e que lles supuña un custo engadido na factura da luz de 70 euros ao mes. “O aparato de condensadores que instalamos custounos 1.200 euros hai 15 anos, xa o desquitamos con creces”, evidencia.
O 70% da auga quente que gastamos sáenos gratis
Dispoñen tamén de iluminación led e dun sistema de preenfriado do leite que vai ao tanque, que reduce a temperatura coa que sae do muxido, o que ten efectos beneficiosos xa non só desde o punto de vista do aforro económico, senón tamén na calidade do leite, xa que a velocidade de enfriado do leite no tanque condiciona o desenvolvemento de microorganismos.
“Instalamos condensadores, variadores de frecuencia e placas para rebaixar a temperatura do leite e aproveitar a enerxía que se xera no proceso de enfriado. Grazas a iso hoxe aforramos o 70% do gasóleo da caldeira que usamos para a auga quente e co dobre de cabezas estamos gastando en luz o mesmo que antes”, resume Carlos.